Pasífae

esposa de Minos, nai de Minotauro

Pasífae foi a muller de Minos e a nai de Minotauro. Foi filla de Helios e de Perseis [1], e irmá de Circe (a bruxa da Odisea) e de Eetes (o rei da Cólquide).

Pasífae introdúcese na vaca que lle fixera Dédalo, para ser cuberta polo touro de Creta e enxendrar a Minotauro (Giulio Romano, Palacio Te, Mantua, 1526-1528)

Con Minos tivo oito fillos: Catreo, Deucalión [2], Glauco [3], Androxeo (ou Eurixies), Acacálide (ou Ácale), Xenódice, Ariadna [4] e Fedra. Pseudo-Apolodoro, citando a Asclepíades, di que Minos casou con Creta (filla de Asterión) e con ela tivo a Catreo, Deucalión, Glauco e Androxeo.

O Touro de Creta e Minotauro

editar

O episodio máis característico da vida de Pasífae foi a súa unión co Touro de Creta, "a lenda máis coñecida da cultura minoica" [5].

Cando morreu Asterión, rei de Creta, Minos quixo todo o poder para si e expulsou ós seus irmáns, Radamantis e Sarpedón [6], aducindo que foran os deuses os que lle concedían o reino. Para demostralo, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro, e prometeu que o sacrificaría no seu honor. Poseidón enviou un touro espléndido, tan fermoso que Minos decidiu conservalo como semental nos seus rabaños e sacrificar outro no seu lugar. Pero Poseidón, ó verse enganado, vingouse, e fixo que o touro enfurecese e que na muller de Minos, Pasífae, se espertara un amor apaixonado polo animal. Este foi o Touro de Creta que, posteriormente, tivo que matar Heracles nun dos seus doce traballos.

Para satisfacer os seus desexos, Pasífae pediulle a Dédalo que buscara unha solución [7]. Dédalo construíu unha vaca oca de madeira e cubriuna cunha pel de vaca real, para que Pasífae puidese introducirse dentro e que o touro puidese montar nela. E o resultado desa unión foi o Minotauro [8].

 
Pasífae e Minotauro (kilix grego, 340-320 a.C., procedente de Vulci)
[Dédalo] "construíu unha vaca de madeira con rodas, baleirouna por dentro, recubriuna coa pel dunha vaca que esfolara e, colocándoa no prado onde o touro adoitaba pastar, introduciu dentro dela a Pasífae. Cando o touro chegou xaceu con ela tomándoa por unha vaca de verdade. Pasífae pariu a Asterio, denominado Minotauro, que tiña o rostro de touro e o resto humano".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 1, 4)
"Para que Creta enxendrase toda sorte de monstros, a filla do Sol amou un touro (con todo, unha femia a un macho)... Ela perseguiu un amor con esperanza; ela, canto menos, con tretas e disfrace de vaca, foi cuberta polo touro e, aínda que con engano, tivo un galán".
(Ovidio: Metamorfosis IX, 735-741)

Unha variante do mito di que foi Afrodita a que enlouqueceu a Pasífae como castigo por non rendirlle o culto debido [9], ou ben como vinganza contra Helios porque lle fora a Hefesto (o marido de Afrodita) co conto dos amores que mantiña a deusa con Ares.

Minos, avergoñado de que a muller parira semellante monstro, terminou mandando a Dédalo construír un labirinto xigante para encerralo dentro e contelo de xeito seguro para todos. Outras fontes din que, anoxado con Dédalo, encerrouno a el pero que Pasífae puido liberalo.

Pasífae e Circe

editar

Pasífae tamén controlaba as artes da feiticeiría, como a súa irmá Circe e a súa sobriña Medea (filla de Eetes).

A lenda conta que eran tantas as amantes de Minos que Pasífae o maldixo de tal forma que quen se deitara con el morría devorada por escorpións, serpes e milpés que botaba cando exaculaba. Procris, unha das súas amantes, rompeu o feitizo utilizando unha herba que lle dera Circe, a cambio dun can ó que nunca se lle escapaba unha presa e unha xavelina que nunca erraba no albo, dúas pezas que tiña Minos.

"Procris... refuxiouse xunto a Minos, que se namorou dela e intentou seducila. Pero se unha muller facía o amor con Minos era imposible que conservara a vida, pois Pasífae ... feitizárao e cada vez que se acostaba con algunha, lanzaba contra o seu membro feras salvaxes e deste xeito aquelas perecían. Minos posuía un can veloz e unha xavelina certeira e a cambio delas Procris deitouse con el, dándolle a beber a raíz de Circe para que nada lle fixera dano".
(Pseudo-Apolodoro III, 15, 1)

Iconografía

editar

A figura de Dédalo entregando a falsa vaca a Pasífae aparece nas pinturas de Pompeia. Tamén se representa no Renacemento (por exemplo, por Filarete ou Rubens). No Palazzo Te, Giulio Romano representa a Pasífae no momento de introducirse nesa falsa vaca, axudada por Dédalo.

  1. Outras fontes fana filla de Helios e a ninfa Creta (filla de Asterión) que, para Robert Graves, era outro nome co que se coñecía a Perseis (Graves, 322).
  2. Non confundir con Deucalión, fillo de Prometeo. Este Deucalión fillo de Minos foi un dos Argonautas.
  3. Que morreu sendo neno pero foi resucitado por Poliído.
  4. Que axudará a Teseo a acabar co Minotauro.
  5. Elvira Barba, 409.
  6. Os tres eran realmente fillos de Zeus e Europa, pero Minos acolleu a Europa e criou os seus fillos como se foran propios, nomeándonos herdeiros do reino de Creta.
  7. Dédalo vivía refuxiado neste momento na corte de Minos, por cousa dun asasinato cometido na súa cidade.
  8. A tradición evemerista non admite esta unión carnal de Pasífae e un touro, senón cun soldado de Minos chamado Tauro (Grimal, s.v. Tauro; Graves, px. 326).
  9. "Pasífae non fixera sacrificios en honor da deusa Venus durante uns cantos anos" (Hixino, 40.1).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 410.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 322, 328.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 40.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Ligazóns externas

editar