Parque do Pasatempo

parque didáctico en Betanzos

Coordenadas: 43°16′38″N 8°13′11″O / 43.277245, -8.219611

O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado aproximadamente en 1914, a instancias dos benfeitores e emigrantes betanceiros na Arxentina os Irmáns García Naveira.

Vista xeral.

O Pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.[1]

Os impulsores

editar
Véxase tamén: Irmáns García Naveira.
 
Busto de Juan María García Naveira, impulsor do Pasatempo, no Museo das Mariñas.

Os impulsores do parque foron os irmáns Juan e Jesús García Naveira, nados en Betanzos a mediados do século XIX, no seo dunha familia labrega. Ambos emigrarían á Arxentina, onde residiron ata o seu retorno á súa vila natal en 1893. Logo do seu regreso, ambos irmáns comezaron a súa actividade filantrópica na vila, destinada principalmente nos colectivos máis desprotexidos na época: as nenas e nenos, as mulleres, e as persoas anciás.[2]

O nome orixinal do parque era "Pasatiempo", en castelán. Este nome posiblemente faga alusión ao teatro "El Pasatiempo", un teatro fundado na cidade de Buenos Aires en 1876 e situado na rúa Paraná, ao que posiblemente os irmáns García Naveira, como moitos outros españois da época, acudiran durante a súa estadía na Arxentina.[3][4]

O parque recibiu diversas denominacións que atenderon ás súas características ou ao seu uso. Coñeceuse como "xardín" polas súas decoracións vexetais, tamén como "granxa" por contar con diferentes tipos de animais. Debido ás s´úas características foi chamada "quinta" pola súa similitude coas ostentosas facendas rústicas, mais logo do abandono do parque na década de 1930, a veciñanza denominouno "horta de don Juan" en referencia ao seu principal impulsor, Juan María García Naveira, e ao uso que se lle comezou a dar a algunhas partes do parque, nas que se comezaron a cultivar hortalizas e lúpulo.[4]

Algunhas personalidades referíronse ao parque de distintos xeitos, como o fotógrafo Ksado, que en 1922 o definiu como "finca-museo",[5] ou Luis Seoane, que dende o exilio referiuse a el como "parque enciclopédico".[4]

Na actualidade o espazo recibe o nome de "Parque do Pasatempo", en galego.[6]

Historia

editar

Construción e inauguración

editar
 
Inscrición do Parque do Pasatempo sinalando o ano de inicio das obras.

Adoita situarse o inicio das obras do Parque do Pasatempo no ano 1893, o mesmo ano do regreso dos irmáns García Naveira a Galicia, sendo xa uns emigrantes ricos, uns indianos.[7][8] Coñecemos pola documentación existente que Juan comezou a mercar terreos para a construción dos xardíns que conformarían o parque na época na que tomou a decisión de regresar a Galicia, aínda que a adquisición das terra e a execución das obras foron tarefas longas e complexas que les dilataron ata a década de 1910.[8] Con todo, O Pasatempo foi concibido como un parque aberto a todo o mundo e non como xardín privado.[9]

Pénsase que o deseño do parque foi encargado a especialistas en pedagoxía,[10] se ben descoñécense os profesionais que estiveron dirixindo as obras de construción do xardín, polo que tamén e probable que foran os propios irmáns os que tomaban as decisións da súa construción. O que si se sabe é que [11]as obras para a súa construción deron traballo a 200 persoas. Un elemento novidoso da construción do parque foi o cemento Portland, que ata o momento nunca se empregara en Galicia.[10]

No momento da súa inauguración, o parque tivo unha gran repercusión e a revista viguesa Vida Gallega chegou citar o parque ata en cinco ocasións, o que significaba un grande éxito, xa que a revista era moi popular tanto en Galicia como entre as comunidades emigrantes da América, Madrid e Lisboa, feito que fixo que O Pasatempo traspasara fronteiras e chamase a atención de personalidades como o fotógrafo Ksado, que fixo unha reportaxe gráfica do parque, que describe como "finca-museo".[5] O parque contaba con numeroso elementos como fontes, estanques, gruta, paseos arborados, un labirinto, invernadoiros, pavillóns, relevos alegóricos e un zoo, polo que foi denominado por algúns como Luis Seoane "parque enciclopédico", un lugar no que os irmáns García Naveira amosaron os lugares e as cousas do mundo que eles coñeceran.[9][10]

Decadencia

editar

A morte do mecenas Juan García en 1933 deu comezo á decadencia do parque. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos. No ano 1955 construíuse unha estrada que atravesaba o parque[12], partindo en dous o recinto orixinal do Pasatempo. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.

 
Os leóns do Pasatempo na entrada da Santa Cova de Covadonga (Asturias).

En 1970 Juan Jesús García Iribarne, fillo de Juan García, vendeu polo equivalente a 3 000 euros dúas estatuas de leóns realizadas en mármore de Carrara, que foron trasladados ao Santuario de Covadonga. A pesar dos intentos levados a cabo polo Concello de Betanzos, que tentou negociar a recompra das estatuas, a oposición do arcebispado de Oviedo impediu o regreso dos leóns á súa localización orixinal.[13][14][15][16]

Non foi ata 1986 cando o Concello mercou o parque para intentar a súa reconstrución,[10] con dous proxectos diferentes, que remataron fracasando. Dende hai pouco iniciáronse as obras de restauración e rehabilitación con fondos europeos da superficie que aínda se conserva, co parque xa convertido en Ben de Interese Cultural

O resultado da rehabilitación vén sendo discutido dende fai anos, así como o feito de que o propio Concello de Betanzos non solicitara para el ningún tipo de catalogación.[17] En febreiro do ano 2017, coa caída dun dos muros que limitan coa estrada, a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, que realiza actividades de difusión, limpeza e potenciación do parque, así como a investigación do seu pasado a través da revista Casa dos Espellos, solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural para o xardín, algo que o Concello de Betanzos viña prometendo dende 1981[18].[19][Cómpre referencia] Finalmente, o 6 de febreiro de 2020 foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Xardín Histórico aínda que o parque está pechado ao público dende o derrubamento provocado nun dos estanques en outubro do 2018.[20]

O 27 de febreiro de 2019 o Concello de Betanzos decidiu pechar a área histórica do parque logo de producirse un desprendemento na área do templete do estanque, onde no momento se estaban a realizar traballos de vaciado da auga. Dada a súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC), dende o Concello notificouse a situación a Patrimonio co obxectivo de que os técnicos a avaliaran e sinalaran as medidas a adoptar.[21]

Recuperación

editar

No 2021 foi adxudicada a redacción do Plan Director ao arquitecto Mario Crecente, ao tempo que comezaba a restauración do Estanque do Retiro, dirixida polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Vieites, executada pola empresa Parteluz. A restauración do estanque corresponde á primeira fase dun proceso de restauracións que demorarán varios anos.

Se ben o parque non fora concibido como xardín senón como parque enciclopédico, durante as restauracións dos anos noventa se plantaran árbores que chegaron a supoñer unha ameaza para algúns dos seus elementos, como as grutas. Ademais estas árbores impedían a visualización de varios relevos dun dos muros, no que Juan García Naveira quixera representar catro grandes obras da enxeñaría: a canle de Panamá, a mesquita de Muhammad Alí, a pirámide de Queops e a Gran Muralla Chinesa. En febreiro de 2023 retirouse parte duesta vexetación, o que fixo posible ver de novo este relevos, protexer as grutas, e que o león colosal fora visible dende o exterior do parque, [22]

En marzo de 2024 o Concello de Betanzos solicitou unha axuda de tres millóns de euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cos que se mellorarían os accesos, suprimiríanse barreiras arquitectónicas, melloraríase a rede de servizos, restauraríanse elementos artísticos, e se crearía un centro de recepción de visitantes. Este proxecto incluía a posible recuperación, restauración e reubicación de pezas que se encontraban no parque e que foron cedidas a particulares, e valoraríase a posibilidade de incluír elementos que se perderon pero dos que se conservan imaxes cunha calidade suficiente como para poder realizar reproducións fieis dos orixinais.[23]

Características

editar

Foi unha iniciativa novidosa e única no seu xénero, precursora dos actuais parques temáticos, aínda que conta tamén cunha importante simboloxía masónica[24][9] e pedagóxica, estando considerado coma un parque iniciático.[25] Sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas,[a] combinaba na parte chá do terreo un amplo xardín de recreo, con variada vexetación, estanques e paseos, xunto á zona do Pasatempo propiamente dito, constituído por socalcos sucesivos que ascendían pola aba do monte, con estatuas, relevos e construcións que buscaban reflectir lugares e feitos de todo o mundo, conformando o que se denominou como un auténtico parque enciclopédico ao servizo da ilustración do pobo de Betanzos e os seus visitantes, e que figuraba nas guías de viaxe da súa época. Empregáronse na construción materiais novidosos e unha estética entre modernista e romántica mediante a distribución dos espazos con numerosos elementos relativos á cultura universal, inspirados na visión que lle proporcionara a Juan García as distintas viaxes que realizou.[26]

 
Imaxe do Estanque do Retiro na revista Vida Gallega o 25 de xaneiro de 1918.

A porta da parte baixa estaba custodiada por dous grandes leóns (dende os anos 60 na entrada do Santuario de Covadonga), como boa parte dos elementos ornamentais desta zona, e comunicaba coa avenida dos Emperadores Romanos, con bustos en mármore, e coa avenida dos Álamos, con estatuas de afamados escritores[27] Na actualidade o espazo que ocupaban a avenida dos Emperadores Romanos e o Estanque dos papas o ocupa o Estadio Municipal García Hermanos, onde o Betanzos Club de Fútbol disputa os seus partidos como local.[9][28][29] Nestes xardíns, cun labirinto vexetal e un invernadoiro, e numerosas fontes, estanques e estatuas, erixíase unha estatua dos propios irmáns, hoxe na praza principal de Betanzos.

Na parte alta as estruturas distribuíanse en cinco niveis aos que se chegaba a través de escalinatas e pasos subterráneos imitando grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros, e con grandes explanadas e miradoiros á cidade. No nivel inferior construíuse o estanque do Retiro, cunha insua central na que había dúas estatuas imitando figuras romanas, bordeadas por un coidadoso mosaico con motivos de peixes. Nas paredes do estanque, completamente decoradas con cunchas de distintos moluscos, hai relevos representando un globo aerostático e un funicular. Nun dos muros que separan un nivel doutro esculpíronse relevos de gran tamaño representando unha viaxe a Exipto, coa pirámide de Queops, a muralla chinesa e o canal de Panamá. No centro desta parede abríase a boca dun complexo entrecruzado de grutas pola que se ascendía ó nivel superior, cunha ampla terraza-miradoiro no que cómpre destacar un enorme león. Desde aquí accedíase a un parque zoolóxico, hoxe desaparecido, e á zona máis alta do parque, convertido en miradoiro.

Significado

editar

Descoñécese o significado do Parque do Pasatempo, debido en boa parte á destrución de moitos dos seus elementos. Con todo, poden apreciarse nuemerosos elementos masóns, comezando pola críptica inscrición da súa entrada, na que se pode ler en letras maiúsculas:[30][31]

VD. QUE LLE GUSTA VIAXAR E QUE TEN COÑECEMENTOS E UNHA EDUCACIÓN QUE SE SEPARA ELEVÁNDOSE DA DAS CLASES ELEVADAS DE ESPAÑA SACARÍA GRAN PROVEITO E GUSTO VISITANDO TODO ESTE PAIS DE ORIENTE...

Galería

editar
  1. Isto supón unha extensión catro veces maior que a que se conserva na actualidade.[9]
Referencias
  1. Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago (Xunta de Galicia)
  2. "Juan María García Naveira" (en castelán). Real Academia de la Historia . Consultado o 29 de xuño de 2024. 
  3. "Corrientes, la calle de los teatros" (en castelán). revisionistas.com.ar. Consultado o 15 de xullo de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Teijeiro Mosquera 2019, p. 371.
  5. 5,0 5,1 Teijeiro Mosquera 2019, p. 370.
  6. "Os imprescindibles". Turismo de Betanzos. Consultado o 15 de xullo de 2024. 
  7. Cabano Vázquez, Pato Iglesias & Sousa Jiménez 1992, p. 19.
  8. 8,0 8,1 Crespí Rodríguez 2006, p. 443.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Pérez Ventana, Alfonso (2 de maio de 2024). "110 años de misterio: el admirado jardín público de Betanzos que sobrevive cerrado al abandono". El País (en castelán). Consultado o 12 de xullo de 2024. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Nebreda, Marcos (13 de decembro de 2011). "'El Pasatiempo', un sueño indiano que se resiste a morir". El Mundo (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2024. 
  11. Arcay Barral, Ángel (2020). El parque del Pasatiempo de Betanzos. Autoedición. ISBN 978-84-09-26081-2. 
  12. Pérez, Antares (2019-06-29). "O Pasatempo que intentó salvar Isaac". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-10-29. 
  13. Corte, Cristina (8 de outubro de 2016). "Así viajaron los leones a Covadonga". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024. 
  14. Casabella, Xosé Manuel (27 de outubro de 2019). "El viaje de los leones del Pasatiempo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024. 
  15. Pérez, Antonio (12 de febreiro de 2017). "Los leones se quedan en Covadonga". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024. 
  16. Gea, Juan Carlos (5 de outubro de 2016). "Betanzos quiere «rescatar» los leones de Covadonga". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024. 
  17. "La Xunta insta a Betanzos a solicitar la declaración de BIC para el Pasatempo". Cadena SER. 17/02/2017. Arquivado dende o orixinal o 27/01/2018. Consultado o 06/06/2017. 
  18. "Decreto del DOG nº 35 de 2020/2/20 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2022-10-29. 
  19. "El expediente para que El Pasatiempo sea BIC lleva ya 35 años “en trámite”". El Ideal Gallego (en castelán). 29/09/2015. Consultado o 06/06/2017. 
  20. O Parque do Pasatempo, declarado BIC como un dos máximos exemplos do eclecticismo
  21. Devesa, Caterina (27 de febreiro de 2019). "Betanzos cierra la zona histórica de O Pasatempo tras desprenderse una parte del templete del estanque". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2024. 
  22. Vázquez, Dolores (17 de febreiro de 2023). "El león de O Pasatempo de Betanzos, más visible al retirar vegetación que comprometía las grutas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2024. 
  23. "Betanzos tramita una inversión de 3 millones para continuar con las obras de O Pasatempo". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 2024. Consultado o 16 de xullo de 2024. 
  24. Arcay Barral, Ángel (2019). "Que é o Parque do Pasatempo?: Arte, capricho e iniciación". Anuario brigantino (42): 319–368. ISSN 1130-7625. 
  25. Arcay Barral, Ángel (2017). "O Parque do Pasatempo de Betanzos: Narrativas para comprender un patrimonio profano". Atas do V Congresso Internacional Casa Nobre: Um património para o futuro (Arcos de Valdevez). 
  26. El primer turista gallego, El País (en castelán).
  27. O portal Turgalicia escribe, erroneamente en presente, que hai "256 esculturas de papas, emperadores romanos".
  28. "HISTORIA DO CLUB". betanzoscf.org. Consultado o 13 de xullo de 2024. 
  29. "El Pasatiempo de Betanzos: Imágenes de un desatino (III)" (en castelán). cronistadebetanzos.com. 16 de abril de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2024. 
  30. Martín López 2023, p. 98.
  31. Cabano, Pato & Sousa 1986, p. 97.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar