Santa Cova de Covadonga

A Santa Cova de Covadonga.
A Virxe de Covadonga na súa gruta.

A Santa Cova de Covadonga (Cuadonga en asturiano) é un santuario católico situado no Principado de Asturias (España). Trátase dunha gruta nas estribacións do Monte Auseva, que dá nome á parroquia de Covadonga, no concello de Cangues d'Onís.

EtimoloxíaEditar

O significado de «Covadonga», procede de «Cova de onnica» e significa a fonte da cova. O sufixo onnika (fonte) deriva do céltico onna (río). A versión tradicional que fai vir o nome do latín «Cova Dominica», ou «Cova da Señora» (por estar o lugar dedicado ao culto da Virxe de Covadonga) é imposible, e daría en asturiano «Covadominga».

HistoriaEditar

A orixe da Cova como lugar de culto é controvertido. A tradición afirma que Paio, perseguindo a un malfeitor que se refuxiou nesta gruta, atópase cun ermitán que daba culto á Virxe María. O ermitán roga a Paio que perdoe ao malfeitor, posto que se acolleu á protección da Virxe, e dille que chegaría o día en que el tamén tería necesidade de buscar amparo na Cova. Algúns historiadores din que o máis verosímil é que Paio e os cristiáns, refuxiados na Cova dos musulmáns, levasen consigo algunha imaxe da Virxe e deixásena alí logo da súa vitoria na Batalla de Covadonga.

As crónicas musulmás sobre a Batalla de Covadonga din que nesta Cova refuxiáronse as forzas de Paio, alimentándose do mel deixado polas abellas nos buratos da rocha. As crónicas cristiás afirman que a intervención milagrosa da Virxe María foi decisiva na vitoria, ao repeler os ataques contra a Cova.

A primeira construción na Santa Cova data de tempos de Afonso I o Católico quen, para conmemorar a vitoria de Paio ante os musulmáns, manda construír unha capela dedicada á Virxe María, que daría orixe á advocación da Virxe de Covadonga (coñecida popularmente como a Santina). Ademais do altar á Virxe construíronse outros dous para San Xoán Bautista e Santo André. Afonso I fai entrega desta igrexa aos monxes beneditinos.

A Cova estaba cuberta de madeira pero en 1777 un incendio destrúe a talla orixinal da Santina. A actual talla data do século XVI e foi doada ao Santuario pola Catedral de Oviedo en 1778. A talla da Virxe é de madeira policromada, de doces faccións, sostén ao Neno e unha rosa de ouro.

Durante a guerra civil a imaxe da Virxe desaparece, e é atopada na embaixada de España en París en 1939. A capela actual, de estilo neorrománico, é obra de Luis Menéndez-Pidal y Álvarez.

Panteón real de CovadongaEditar

 
Tumba de Paio, primeiro rei de Asturias, na Santa Cova de Covadonga.

Os personaxes reais que recibiron sepultura en Covadonga, segundo afirman diversos historiadores, foron os seguintes:[1]

O rei Paio faleceu en Cangues d'Onís, onde tiña a súa corte, no ano 737. Logo da súa defunción, o seu cadáver recibiu sepultura na igrexa de Santa Uxía de Abamia, situada na localidade asturiana de Abamia, na que previamente fora sepultada a súa esposa, a raíña Gaudiosa. No lado do Evanxeo de devandita igrexa, consérvase na actualidade o sepulcro, baleiro, que contivo os restos do rei, e en fronte, colocado no lado da Epístola, atópase o que contivo os restos da súa esposa. O cronista Ambrosio de Morales deixou constancia na súa obra de que Afonso X o Sabio, rei de Castela e León, ordenou trasladar os restos do rei Paio e os da súa muller á Santa Cova de Covadonga, aínda que, non obstante o anterior, numerosos historiadores cuestionaron a autenticidade do traslado destes restos a Covadonga.[1]

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Del Arco y Garay, Ricardo (1954). "X". En Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid. pp. 128–130. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar