Neorrománico
O neorrománico é un estilo arquitectónico, encadrado na corrente do historicismo, que xurdiu no século XIX e que foi empregado ata as primeiras décadas do XX. Baséase nunha libre reinterpretación do estilo románico vixente durante a Idade Media europea, entre os séculos XI e XIII.[2] Estendeuse primeiro por toda Europa, desde onde pasou logo a América. Utilizouse sobre todo en igrexas (e ocasionalmente en sinagogas como a Nova Sinagoga de Estrasburgo construída en 1898 e a sinagoga Emanu-El de Nova York, de 1929) e tamén na restauración de edificios civís medievais de toda Europa, como na fachada da catedral de Speyer (Alemaña), reconstruída na metade do século XIX. Foi común en edificios civís como concellos e xulgados e bastante popular nos campus universitarios de finais do século XIX e principios do XX, especialmente nos Estados Unidos e no Canadá. Pódense atopar exemplos coñecidos na Universidade de California nos Ánxeles, a Universidade do Sur de California, a Universidade de Tulane, a Universidade de Denver, a Universidade de Toronto e a Universidade Estatal de Wayne.
Unha primeira variante do estilo neorrománico coñecida como Rundbogenstil (en alemán, «estilo de arco redondeado») foi bastante popular en Alemaña,[3] así como entre a diáspora alemá que comezou na década de 1830. O neorrománico alemán chegou a ter o status de estilo nacional por excelencia, sendo moi empregado durante a segunda metade do século XIX. En Portugal, foron re-romanizados moitos vellos castelos e igrexas na primeira metade do século XX.
Como outros estilos historicistas, o neorrománico con frecuencia reduciuse á decoración xeral dos edificios sen afectar as plantas nin a estrutura. Tamén foi común mesturar no mesmo edificio o neorrománico e o neogótico, os dous estilos medievales por antonomasia. Debido ás similitudes estilísticas, tamén era apto para combinar co estilo bizantino, como na basílica do Sagrado Corazón de Montmartre en París de Paul Abadie.
Son características da arquitectura de estilo neorrománico as edificacións de ladrillo ou pedra monocromática, a abundancia de arcos de medio punto sobre os vans (portas e xanelas) e tamén con fins decorativos, a disposición de torres poligonais nos lados das fachadas, as cubertas de formas diversas e o uso das bóvedas de canón nos interiores.[4] En xeral usáronse elementos máis simplificados que os orixinais históricos.
O estilo neorrománico tamén é chamado ás veces estilo normando ou estilo lombardo, particularmente en traballos publicados durante o século XIX polas variantes que foron desenvolvidas baseándose na arquitectura dos normandos e dos lombardos, respectivamente.
Galería de imaxes
editar-
Fachada occidental da catedral de Speyer, de Heinrich Hübsch (esquerda)
-
Museo de Historia Natural de Londres (1873-1880), de Alfred Waterhouse
-
Catedral de Marsella (1852-1893)
-
Igrexa da Gornición Saint-Martin, Dresden (1893-1900)
-
Edificio do goberno prusiano (Koblenz) (1902-1905), obra de Paul Kieschke
-
Duomo de Reggio Calabria (1917-1928)
Notas
editar- ↑ PEPRI
- ↑ Whiffen, Marcus. American Architecture Since 1780: A guide to the styles. Cambridge, MA: The MIT Press, 1969, 61.
- ↑ Fleming, John, Hugh Honour y Nikolaus Pevsner. The Penguin Dictionary of Architecture. Middlesex, England: Penguin Books, 1983.
- ↑ Ernest Burden, Dicionário Ilustrado de Arquitetura, verbete Estilo Revivescimento Românico.
- ↑ Paul Abadie tamén renovou as catedrais de Périgueux e de Angoulême
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Neorrománico |