O Couto, Goián, Tomiño
O Couto é un lugar da parroquia de Goián, no concello pontevedrés de Tomiño, na comarca do Baixo Miño.[1] Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 105 habitantes (55 homes e 50 mulleres).
O Couto | |
---|---|
Casa no barrio do Couto | |
Parroquia | Goián |
Concello | Tomiño |
Coordenadas | 41°56′45″N 8°45′39″O / 41.945886717316, -8.7608566372926 |
Poboación | 105 hab. (2022) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Toponimia
editarA orixe do topónimo é o latín cautum, que é un "(lugar) cercado", para poder defendelo mellor.[3]
Patrimonio
editarNel existen restos do forte, chamado de Nosa Señora da Concepción, do século XVII. No sitio do patio de armas existe a capela de San Roque (1674). O seu torreiro ten unha vintena de sobreiras de máis de trescentos anos de idade (algunhas delas con máis dun metro de diámetro no cano e vinte de altura). Era un dos lugares preferidos dos pintores Antonio Fernández e Xavier Pousa.
No barrio do Pazo estaba a igrexa de Goián, no lugar chamado A Igrexa Vella. Esta no ano 1770 estaba moi deteriorada ameazando ruína. Nunha leira do dito lugar o arado levantou restos de enterramentos. As caveiras aparecían sobre un pedazo de lousa, polo que seguramente sería o cemiterio dos veciños do couto. No camiño que vai dende o pazo dos Correas á igrexa, no lugar da Lamela hai un cruceiro do ano 1598. Nel inda hoxe en día se fan rituais de bruxería, non sendo difícil atoparse de noite con grupos de persoas cruzando o lugar cara ao río na Atalaia e na súa beira faceren rituais de maxia.[Cómpre referencia] Os vellos do lugar contaban que nunha das súas casas moraba unha muller que era bruxa, e tiña consulta o público que facía por unha pequena fiestra que tiña na parede da casa que daba o camiño, cobrando por anticipado en moedas de prata.
No lugar chamado O Pombal, un arado levantou un mosaico de cores. Nas sondaxes feitas por patrimonio con motivo da construción da ponte internacional entre Goián e Vilanova de Cerveira, apareceron restos de cerámica e outros achados. Tamén o pintor Antonio Fernández atopou algún muíño de man e instrumentos tallados do paleolítico, e existe a hipótese de que puido ser noutrora un castro.[4] Sobre el situouse un asentamento romano de bastante importancia; quizais no lugar do Pividal, lindante co río houbese un porto de amarre resgardado dos temporais do sur, pola cantidade de restos de cerámica, e pedra rota a man (non canto rodado).
Casa-pazo dos Correa
editarA casa-pazo dos Correa, coñecida como casa da torre de Goián, está situada dentro do barrio. É unha construción señorial do século XVII[5] que nos últimos anos sufriu varios cambios arquitectónicos na súa estrutura.[cando?]
Ten unha extensión de 13 hectáreas cerradas en muro de pedra. O pazo ten capela, coa entrada principal ao exterior e outra no seu interior. Dentro da propiedade rústica hai unha fonte para o abastecemento de auga. Linda polo sur e polo leste co lugar chamado a "Barca", no cal existiu unha capela dedicada a Nosa Señora da Barca no ano 1556.[6]
Lugares
editarNo barrio hai un lugar chamado O Baldío da Moura, do que existe unha fermosa lenda. Hoxe en día este baldío esta todo plantado de árbores, e baixo a súa sombra atópanse varios churrasqueiras, mesas e bancos en cantería, así como unha fonte de auga potable, todo iso feito pola comunidade de montes de man-común e dedicado a parque público.
O lugar coñecido como A Atalaia linda co río onde fai unha garganta duns douscentos metros, e ata hai poucos anos pertencía ao barrio do Pazo (o cal o concello fixo desaparecer do mapa de Goián, e para maior escarnio colocou un sinal de pedra labrada que di: "O Pazo Barrio do Couto"). Con anterioridade ao ano 1936 o barrio tiña 20 casas. Desde hai uns catro anos non vive ningunha persoa no barrio, e a última en abandonalo foi a "Sinda do Pazo".
A Atalaia, tamén coñecida pola Torreta, é un outeiro en forma de cono, case todo en pedra de granito. Na súa parte máis alta, chamada Rilleira, había unha torreta de pedra chamada De los Ratones, propiedade da familia Correa, e da que existen fotografías das súas ruínas. Aqueles restos foron derrubados por un veciño de Goián nos anos 30, en busca dun tesouro do que fala unha das varias lendas sobre o lugar. Na ladeira que da cara ao leste existe un penedo chamado a Pedra dos Sacrificios duns oitenta por oitenta centímetros cunhas canles que dan a unha coviña, e os veciños dicían que era onde recollían o sangue.
Lugares e parroquias
editarLugares de Goián
editarLugares da parroquia de Goián no concello de Tomiño (Pontevedra) | |
---|---|
A Avenida de Ordóñez | A Avenida do Brasil | O Barrio de Triana | O Barrio Novo | A Calle | A Centinela | O Couto | Fontela | A Gándara | O Pazo | San Lourenzo | Soutelo | Tollo |
Parroquias de Tomiño
editarNotas
editar- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa (ed.). "Lugares da parroquia de Goián, Tomiño". Consultado o 18 de maio de 2023.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.
- ↑ Moralejo Laso, A. (1977): Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela: Editorial Pico Sacro, páx. 41 ISBN 84-85170-20-2
- ↑ Desta opinión é M. Fernández Rodrígez.
- ↑ Ponce Couce, Leandro; Sánchez García, Jesús A. (1988). Galicia. Guía do Património Arquitectónico. Vía Lactea Editorial. p. 161. ISBN 84-89444-50-1.
- ↑ Iglesias Almeida, E. Notas Históricas del Bajo Miño (en castelán).
Esta capilla era la habitual que solía encontrarse en cada lugar antiguo de pasaje, tal como correspondía al viejo camino que desde Portugal se dirigía a la Ramallosa y Bayona por el alto de San Antoniño