Movemento antinuclear

movemento social

O movemento antinuclear é a resposta organizativa que reúne persoas, organizacións ou partidos políticos cun compromiso expreso antinuclear e ecoloxista. O movemento xorde en resposta ao suposto perigo do uso, desenvolvemento e expansión tanto civil como militar da tecnoloxía nuclear.

"Enerxía nuclear? Non, grazas", slogan do movemento antinuclear

Xustificación do movemento

editar

A maioría das persoas que se opoñen á enerxía nuclear considera que os principais problemas son o perigo de accidentes ou ataques militares ou terroristas.[1][2] Tamén sinalan a cuestión dos residuos radioactivos, un perigo que se estende a decenas e mesmo centenares de miles de anos.[2] Outros argumentos en contra son o seu elevado custo e o feito de tratarse de enerxía non sustentábel.[2]

Actividades

editar

A actividade do movemento céntrase en dúas áreas fundamentais:

  • a oposición ás armas nucleares, ás bombas sucias e ás armas que usan uranio empobrecido
  • o apoio ao desarmamento nuclear
  • a oposición á enerxía nuclear civil

Historia

editar

A partir da década dos setenta, conforme diversos gobernos adoptaban a enerxía nuclear como unha das súas opcións para combateren a crise enerxética, o movemento nuclear foi adquirindo forza con rapidez. As primeiras centrais nucleares, construídas a partir dos anos 50, prometeran cantidades enormes de enerxía a un prezo «demasiado baixo para ser medido».[3]

Porén, axiña se desvelaron tamén algúns dos problemas fundamentais desta tecnoloxía. Entre eles atopábanse os residuos radioactivos, que manteñen o seu perigo durante decenas e mesmo centenares de miles de anos, e as enormes cantidades de plutonio producidas, que podían contribuír á proliferación nuclear. Posteriormente fixéronse patentes outros problemas tamén graves, entre eles o perigo de accidentes como o de Chernóbil.

Inicios

editar

Pódese determinar o inicio do movemento coas acción dos matrimonios Bohlen e Stowe, quen se opuñan aos ensaios nucleares dos EUA no Refuxio de Fauna Nacional de Amchitka, unha illa volcánica ao suroeste de Alasca. Fundaron o comité Don't Make A Wave (Non Fagades Unha Onda), que o 15 de setembro de 1971 fretou unha viaxe en barco á zona de ensaios nucleares. A expedición, bautizada como Greenpeace I, deu orixe á organización ecoloxista Greenpeace. O 12 de abril de 1971 unha manifestación de varios centos de persoas fronte ás obras da central nuclear de Fessenheim (Alsacia) dá inicio ao movemento antinuclear en Francia.

Década dos setenta

editar

O 18 de febreiro de 1975 varios centenares de activistas ocuparon os terreos onde se proxectaba a construción da central nuclear de Wyhl, no estado de Baden-Württemberg, que entón formaba parte da República Federal de Alemaña.[4] Malia o brutal desaloxo inicial, retomouse a ocupación cinco días despois, e prolongouse durante oito meses. O inicio das obras foi paralizado o 21 de marzo por orde xudicial[5] e o 14 de marzo de 1977 descartouse definitivamente a súa construción. A zona foi declarada reserva natural en 1995.[6] A ocupación de Wyhl supuxo o nacemento do movemento antinuclear en Alemaña.

O 22 de marzo de 1975 produciuse o primeiro accidente grave coñecido nunha central nuclear, en Browns Ferry (Alabama, Estados Unidos. Dende ese ano o movemento ecoloxista adquiriu un crecente carácter antinuclear. Logrou a paralización dos programas nucleares da maioría dos países industrializados, fundamentalmente tras os accidentes de Harrisburg (Estados Unidos) en 1979[7] e Chernóbil (URSS) en 1986. Na primavera de 1975 continuou a mobilización social contra a nuclearización do Rin tanto dende Alemaña como dende Francia, o que referendou o carácter internacional do movemento.

O 30 de outubro de 1976 varios miles de persoas repiten a ocupación de terreos destinados á construción dunha central nuclear na RFA, desta vez en Brokdorf, no estado de Schleswig-Holstein. A «batalla de Brokdorf» prolongouse durante varios meses, con continuos desaloxos policiais e reocupacións, e a participación de miles de persoas.[8][9][10]

O 30 de xullo de 1977 arredor de 60.000 persoas manifestáronse en Creys-Malville (Francia) contra o reactor reprodutor rápido (FBR, do inglés Fast Breeder Reactor) Superphénix. Esta marcha, en que participou o grupo Fédération Anarchiste, rematou con miles de persoas feridas e unha vítima mortal, o anarquista Vital Michalon.[11][12] O reactor permaneceu activo até 1997, cando pechou polo seu alto custo de mantemento.[13] Este acontecemento supuxo o cénit do movemento antinuclear no país galo.

O 24 de setembro tivo lugar na RFA unha multitudinaria manifestación contra o FBR de Kalkar, no estado de Renania do Norte-Westfalia.[14] A construción deste rematou en 1985, mais nunca chegou a entrar en funcionamento por mor da presión política e social.

O 5 de novembro de 1978 o movemento antinuclear austríaco logrou a paralización do programa nuclear nun referendo.[15][16]

O 28 de marzo de 1979 produciuse un accidente na central nuclear de Three Mile Island en Harrisburg, (Pensilvania, Estados Unidos).[7] A súa gravidade e repercusión paralizaron o programa nuclear estadounidense. Tres días máis tarde, o 31 de marzo, decenas de miles de persoas manifestáronse na RFA, na cidade de Hannover, en contra da planta de reprocesamiento nuclear de Gorleben, no estado de Baixa Saxonia.[17][18]

O 9 de decembro de 1979 celebrouse en Bruxelas unha manifestación contra a instalación dos euromísiles (mísiles nucleares de alcance medio) en Europa.[19] Este foi o inicio dun novo movemento pacifista europeo que cristalizou coa formación en 1980 da Campaña Europea polo Desarmamento Nuclear (END). Nela evidenciáronse as estreitas relacións entre o movemento antinuclear e o movemento pola paz dos anos oitenta.

Década dos oitenta

editar

O 23 de marzo de 1980 o pobo sueco, mediante un referendo non vinculante, instaba ao seu goberno a programar o abandono da enerxía nuclear para 2010 no país. Porén, en xuño dese ano o parlamento aprobou a reversión de dita política.[20]

O 26 de abril de 1986 produciuse o accidente nuclear máis grave da Historia até entón. O reactor número 4 da central nuclear de Chernóbil (RSS de Ucraína) estoupou e fundiuse o núcleo do reactor. En 1990 640.000 persoas atopábanse baixo control médico debido ás emisións radioactivas. Segundo datos de decembro de 2000, 492.099 persoas foron desprazadas.[21] Calculouse que uns 150.000 km² de territorio de Belarús, Rusia e Ucraína permanecerán contaminados durante varias xeracións. A nube radioactiva estendeuse polo occidente da URSS e mesmo alcanzou a Europa Occidental.

Os custos económicos calculáronse en centenares de miles de millóns de dólares e as vítimas mortais estimáronse entre 4.000 e centenares de miles.[22] En xuño dese ano 4.000 mulleres finlandesas iniciaron unha folga pola que renunciaban a quedaren embarazadas até que o Goberno abandonase o programa nuclear.[23] Chernóbil supuxo a extensión das moratorias nucleares por toda Europa.

En 1987 tentouse levar a cabo en España o proxecto IPES (Instalación Piloto Experimental Subterránea), un experimento para estudar a resposta dos granitos a fontes de radioactividade. O obxectivo era coñecer a súa viabilidade como enclave de futuros cemiterios nucleares. Estaba previsto desenvolver o laboratorio experimental de residuos radioactivos na caverna granítica da central hidroeléctrica de Aldeadávila de la Ribera (Salamanca). Porén, o rexeitamento social foi unánime, e mesmo levou ao secuestro popular na casa consistorial do vicepresidente segundo da Deputación Provincial o 3 de abril.[24] En setembro mesmo se chegaron a utilizar explosivos roubados para derrubar unha torre do tendido eléctrico.[25] A situación rematou co abandono definitivo do proxecto antes deste poñerse en marcha.[25][26]

En Galiza

editar

En 1973 sóubose que Fenosa tiña intención de instalar unha central nuclear en Regodela (Xove). A noticia foi ben acollida nun principio pola veciñanza do concello, e tamén pola de Cervo e Viveiro.[27] Daquela, a poboación galega non coñecía en xeral os riscos da enerxía nuclear. Nun contexto de elevado crecimiento industrial, a central ofrecía posibilidades de crecemento nun concello en que a agricultura era a base da economía.

Posteriormente a veciñanza foi informada do impacto ambiental na ría, así como dos notábeis recortes na cifra estimada de empregos xerados. A finais de 1976 e principios de 1977 destacou a figura de Pencha Santasmarinas, quen iniciou no ámbito rural unha campaña contra a central. Celebrouse en Viveiro un debate entre partidarios e detractores da enerxía nuclear, na sala de festas Os Verxeles.[28] Unhas 2.000 persoas escoitaron a representantes de Fenosa e tamén a técnicos e enxeñeiros da Universidade de Santiago de Compostela. Estes últimos expuxeron os perigos da enerxía nuclear, o que fixo que moitas veciñas e veciños cambiasen a súa opinión sobre o proxecto. O debate, xa que logo, inclinou o sentir popular contra a central. O descubrimento dunha falla baixo o terreo onde se ía instalar a central, xunto co risco de terremoto, determinaron que, de producirse un incidente nuclear, a contaminación podería estenderse nunha área de 100 km á redonda. Estes datos foron clave para o posicionamento da maioría da poboación contra o proxecto.[27]

A primeira gran mobilización tivo lugar o domingo 10 de abril de 1977. Máis de 8.000 persoas, segundo a organización, percorreron os 11 km que separaban Viveiro e Regodela, desafiando a prohibición do goberno civil de Lugo.[28] Nas súas pancartas podíase ler «Galicia é nosa e non de Fenosa» ou «Non Xove nuclear». O 20 de maio de 1979 produciuse unha nova gran marcha entre as dúas localidades. Participaron entre 7.000 e 10.000 persoas, entre elas unha delegación da Comisión de Defensa de una Costa Vasca No Nuclear,[29] así como organizacións ecoloxistas de recente creación, como o Comité Antinuclear Galego e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). De feito, en xuño dese ano ADEGA celebrou o Día Mundial do Ambiente cunha xornada antinuclear a nivel galego centrada na oposición popular á central de Xove. Este acontecemento foi a culminación de todas as mobilizacións precedentes.[29]

A inicios da década de 1980, demostrouse que as previsións de consumo eléctrico incluídas no I Plan Enerxético Nacional (PEN) de 1975 e reforzadas co II PEN en 1979 foran disparatadas. Trala denegación da licenza de obra por parte do concello de Xove, en 1984 cancelouse de xeito definitivo o proxecto de instalación da central na Mariña lucense.[27][29]

  1. "Imagine a world without nuclear power...". wiseinternational.org. Consultado o 2023-12-10. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Greenpeace España (2008). Una energía sin futuro: Desmontando las mentiras de la industria nuclear (PDF) (en castelán). 
  3. "6 reasons why nuclear energy is not the way to a green and peaceful world". Greenpeace (en inglés). 18 de marzo de 2022. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  4. Rüdig, Wolfgang (1990). Anti-nuclear Movements: A World Survey of Opposition to Nuclear Energy (en inglés). Longman. p. 135. ISBN 9780582902695. 
  5. Mills, Stephen; Williams, Roger (1986). Public Acceptance of New Technologies: An International Review (en inglés) (1ª ed.). Croom Helm Ltd. pp. 375-376. ISBN 9780709943198. 
  6. Isenson, Nancy (9 de outubro de 2009). "Atomic dermany". dw.com (en inglés). Consultado o 29 de xaneiro de 2023. 
  7. 7,0 7,1 "Three Mile Island: cómo fue el mayor accidente nuclear en la historia de EE.UU. y por qué se cerró 40 años después la planta donde ocurrió". BBC News Mundo (en castelán). 21 de setembro de 2019. Consultado o 29 de xaneiro de 2023. 
  8. Geuther, Gudula (19 de xullo de 2017). "Polizei und Protest in Brokdorf - Die Demo, die die politische Kultur veränderte". Deutschlandfunk Kultur (en alemán) (Deutschlandradio). Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  9. "AKW Brokdorf: Chronik der Bau- und Protestgeschichte". Norddeutscher Rundfunk (en alemán). 25 de xaneiro de 2023. Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  10. Glaser, Alexander (1 de novembro de 2012). "From Brokdorf to Fukushima: The long journey to nuclear phase-out". Bulletin of the Atomic Scientists (en inglés) 68 (6): 10–21. ISSN 0096-3402. doi:10.1177/0096340212464357. 
  11. "CHRONOLOGIE". sebastien.schifres.free.fr (en francés). Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  12. "30 ans après, hommage au manifestant tué". L'Obs (en francés). 31 de xullo de 2007. Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  13. Le Renard, Claire (xaneiro de 2018). "The Superphénix Fast Breeder Nuclear Reactor: Cross-border Cooperation and Controversies". Journal for the History of Environment and Society 3: 107–144. ISSN 2506-6730. doi:10.1484/J.JHES.5.116796. 
  14. Breuer, Helmut; Josing, Wolfgang (26 de setembro de 1977). "Scharfe Kontrollen verhinderten Chaos". Rheinische Post (en alemán) (Kalkar). Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  15. "Zwentendorf und die erste Volksabstimmung". Politiklexikon für junge Leute (en alemán). Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  16. "Volksabstimmungen". Bundesministerium Inneres (en alemán). Consultado o 30 de xaneiro de 2023. 
  17. "Demonstration gegen Atommüll-Deponie Gorleben - 1979 - Zeitstrahl". Zeitklicks (en alemán). Consultado o 5 de febreiro de 2023. 
  18. Meier, Bettina (17 de setembro de 2021). ""Albrecht, wir kommen!" - Gorleben-Protest in Hannover". Norddeutscher Rundfunk (en alemán). Consultado o 5 de febreiro de 2023. 
  19. Béni, Jos (1984). "The peace movement in Belgium". Journal of Area Studies (en inglés) (Londres) 5 (9): 13–18. ISSN 1478-2790. doi:10.1080/02613530.1984.9673629. 
  20. "New Swedish government seeks expansion of nuclear energy". World Nuclear News (en inglés). 17 de outubro de 2022. Consultado o 6 de febreiro de 2023. 
  21. The Human Consequences of the Chernobyl Nuclear Accident: A Strategy for Recovery - A Report Commissioned by UNDP and UNICEF with the support of UN-OCHA and WHO (PDF) (en inglés). 22 de xaneiro de 2002. p. 32. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 1 de febreiro de 2017. 
  22. Gray, Richard (12 de setembro de 2019). "Chernóbil: ¿cuál fue el número total de víctimas del desastre nuclear?". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2023. 
  23. Rytömaa, Tapio; Auvinen, Anssi; Vahteristo, Mikko; Arvela, Hannu; Suomela, Matti; Rahola, Tua; Hakama, Matti (febreiro de 2001). "Chernobyl Fallout and Outcome of Pregnancy in Finland" (PDF). Environmental Health Perspectives (en inglés) 109 (2): 179–185. ISSN 1552-9924. PMID 11266330. doi:10.1289/ehp.01109179. 
  24. Galán, Lola (4 de abril de 1987). "La Policía libera de su retencion al vicepresidente de la Diputación de Salamanca". El País (en castelán) (Aldeadávila: Prisa). Consultado o 6 de febreiro de 2023. 
  25. 25,0 25,1 Hernández Barreña, Daniel (2019). Ipes (en castelán). MaLuma, S.L. ISBN 9788494965845. 
  26. Hernández Barreña, Daniel (24 de febreiro de 2017). "IPES, cuando un pueblo decidió decir «No» a sus gobernantes". Daniel Hernández Barreña - Web Oficial (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2023. 
  27. 27,0 27,1 27,2 Casal, Iago (18 de marzo de 2011). "El día en que Xove venció a la energía nuclear". El Progreso (en castelán). Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  28. 28,0 28,1 Lombao, David (29 de abril de 2017). "O BNG reivindica a loita contra a central nuclear de Xove 40 anos despois das mobilizacións". Praza. Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  29. 29,0 29,1 29,2 Lanero Táboas, Daniel; López Romo, Raúl (xaneiro de 2011). "Antinucleares y nacionalistas. Conflictividad socioambiental en el País Vasco y la Galicia rurales de la Transición". Historia Contemporánea (en castelán) (43): 749–777. ISSN 1130-2402. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar