Miloš Milutinović

futbolista iugoslavo

Miloš Milutinović (en serbio: Милош Милутиновић), nado en Bajina Bašta o 5 de febreiro de 1933 e finado en Belgrado o 28 de xaneiro de 2003, foi un futbolista e adestrador iugoslavo, de orixe serbia.

Milutinović
Milutinovic.jpg
Información persoal
Nome Miloš Milutinović
Nacemento 5 de febreiro de 1933
Lugar de nacemento Bajina Bašta
Falecemento 28 de xaneiro de 2003
Lugar de falecemento Belgrado
Altura 1,81 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1948–1951 Bor
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1952–1958 Partizan 87 (53)
1958–1960 OFK Beograd 8 (9)
1960–1961 Bayern de Múnic 20 (5)
1961–1963 Racing de París 66 (28)
1963–1965 Stade Français 44 (7)
1968–1969 OFK Beograd 20 (5)
Total 245 (107)
Selección nacional
1953–1958 Iugoslavia 33 (16)
Adestrador
1966–1967 OFK Beograd
Dubočica
Proleter Zrenjanin
1975–1976 Atlas de Guadalajara
1977–1978 Beşiktaş
1980–1982 Velež Mostar
1982–1984 Partizan
1984–1985 Iugoslavia
1986–1987 Beşiktaş
1987–1988 Altay
1990–1991 Partizan
Na rede
FIFA: 174770 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Considerado un dos xogadores máis talentosos da historia do seu país, comezou a destacar dende novo no FK Bor, e trala disputa do Torneo Xuvenil Internacional da FIFA de 1951, onde foi o máximo goleador e o mellor xogador do torneo, varios equipos tentaron a súa fichaxe, que finalmente conseguiu o Partizan. Militou neste club ata 1958, marcando 231 goles en 213 partidos, e gañou fama coas súas destacadas actuacións na Copa de Europa.

Con todo, a súa carreira viuse marcada pola tuberculose que padecía e que cortou a súa progresión en varias ocasións. Internacional coa selección iugoslava en 33 ocasións, marcou 16 goles coa súa camiseta e disputou dúas Copas do Mundo, ata que disputou o seu último partido coa selección con só 25 anos. Trala súa retirada foi adestrador, tendo como maior éxito a conquista da liga iugoslava co Partizan na tempada 1982/83. Dirixiu tamén á selección de Iugoslavia entre 1984 e 1986.

Formaba parte dunha familia de futbolistas, sendo o irmán maior de Bora e Milorad Milutinović, nun dos poucos casos en que tres irmáns tiveron destacadas carreiras no fútbol.[1] Tamén o seu fillo Uroš foi futbolista.

TraxectoriaEditar

ComezosEditar

Nado en Bajina Bašta, quedou orfo na súa infancia, ao morrer seu pai na Segunda guerra mundial e súa nai por tuberculose pouco despois.[1] Tanto el como os seus irmáns Bora, Milorad e Milena foron criados por unha tía no pobo mineiro de Bor, onde os tres irmáns varóns comezaron a xogar ao fútbol nas rúas.[2]

Como futbolistaEditar

Torneo Xuvenil da FIFAEditar

Aos 15 anos ingresou na canteira do FK Bor e aos 18 foi seleccionado para formar parte do equipo iugoslavo no Torneo Xuvenil Internacional da FIFA de 1951 en Cannes. A súa destacada actuación, marcando dous goles contra Francia e outros dous na final ante Austria, contribuíron a que o combinado se proclamase campión. Rematou como o máximo goleador do torneo e foi elixido mellor xogador.[2] Ao día seguinte da final, o xornalista francés de L'Equipe Gabriel Hanot chamouno nun artigo "Tigre Azul", alcume que o acompañaría o resto da súa vida.[2]

PartizanEditar

Tralo seu regreso de Cannes, comezou unha batalla pola súa fichaxe entre varios clubs iugoslavos, saíndo vencedor o Partizan de Belgrado, que lle ofreceu un contrato tamén ao seu irmán Milorad. Xogou no club branco e negro entre 1952 e 1958, disputando un total de 213 partidos e marcando 231 goles.[3] Gañou co club serbio dúas Copas de Iugoslavia, en 1954 e 1957, pero non conseguiu conquistar ningunha liga, a pesar de acabar varias veces subcampión.

Na tempada 1955/56, marcou dous goles no primeiro partido da historia da Copa de Europa, un empate 3–3 entre o Partizan e o Sporting de Portugal. No partido de volta marcou catro goles, sendo o primeiro futbolista en logralo na competición europea. Nos cuartos de final o Partizan quedou encadrado co Real Madrid e no partido de ida no estadio Santiago Bernabéu Milutinović marcou dous goles que foron anulados polo árbitro por motivos pouco claros.[1] O partido acabou cunha derrota por 4-0, pero o dianteiro recibiu os eloxios do propio Santiago Bernabéu.[1] No partido de volta no estadio JNA, anotou dous goles que xunto a un terceiro de Prvoslav Mihajlović fixeron soñar aos iugoslavos cunha remontada que finalmente non chegou. Con todo, Milutinović rematou como máximo goleador do torneo, con 8 goles.

OFK BeogradEditar

A súa carreira estivo marcada pola tuberculose que sufría, a mesma enfermidade que matou a súa nai, e que lle foi diagnosticada en 1954, precisando tratamento en varias ocasións. En 1958 fichou polo OFK Beograd, xunto aos seus dous irmáns, e ao ano seguinte, na disputa dun partido, un forte golpe contra un poste da portería deixouno inconsciente e preto da morte. Os médicos aconselláronlle un longo descanso, polo que se afastou dos terreos de xogo, nun período no que se sentiu abandonado polo seu contorno.[2]

Bayern de MúnicEditar

Durante esa época recibiu o apoio dun millonario alemán que era admirador do futbolista. Tratábase de Ronald Endler, presidente do Bayern de Múnic, que lle ofreceu sufragar unha operación cirúrxica en Zürich a cambio de que o futbolista vestise logo a camisola do equipo bávaro. Milutinović aceptou e trala súa recuperación converteuse en xogador do Bayern ata 1961.[2]

Últimos anosEditar

 
Miloš Milutinović entre os seus irmáns Milorad e Bora.

Posteriormente trasladouse a Francia, onde xogou no Racing de París e no Stade Français. En 1965 deixou o fútbol e regresou a Iugoslavia, pero tres anos máis tarde volveu vestir a camiseta do OFK Beograd para a tempada 1968/69, converténdose na estrela do equipo xunto ao tamén veterano Dragoslav Šekularac.[2]

Selección iugoslavaEditar

Foi 33 veces internacional coa selección de Iugoslavia, coa que debutou o 21 de maio de 1953, nun partido amigable contra Gales no estadio JNA de Belgrado, no que os iugoslavos venceron por 5-2.[4] Marcou o seu primeiro gol no seu cuarto partido, ese mesmo ano, contra Israel no Gradski Stadion de Berane, en Montenegro.

Convocado por Aleksandar Tirnanić para o Mundial de 1954 en Suíza, foi o autor do primeiro gol do torneo, na vitoria por 1-0 sobre Francia. Foi titular en tódolos partidos de Iugoslavia, que caeu nos cuartos de final ante Alemaña Occidental.

O 17 de novembro de 1957, a selección iugoslava xogábase en Belgrado ante Romanía a clasificación para o Mundial de 1958. Milutinović levou un golpe na cabeza contra un contrario, polo que tivo que xogar a meirande parte do encontro coa cabeza vendada. Aínda así, foi quen de marcar dous goles e concretar o pase dos iugoslavos a unha nova Copa do Mundo.[2][5] Xa en Suecia, disputou tres partidos do Mundial, pero quedou eliminado de novo nos cuartos de final e outra vez contra a RFA.

Foi o seu último encontro como internacional, etapa que pechou con 33 partidos e 16 goles.

Como adestradorEditar

Trala súa primeira retirada como futbolista iniciou unha carreira nos bancos como adestrador. Comezou dirixindo o OFK Beograd en 1966 e máis tarde pasou polo Dubočica e o Proleter Zrenjanin. Entre 1975 e 1976 adestrou o Atlas de Guadalajara en México e tras un paso polo Beşiktaş turco volveu a Iugoslavia, onde adestrou o FK Velež Mostar. Co equipo bosníaco, no que destacaban Vahid Halilhodžić e Blaž Slišković, proclamouse campión da Copa de Iugoslavia en 1981, despois de derrotar na final ao Željezničar de Ivica Osim.[6][2] Ademais gañou a Copa dos Balcáns vencendo na final ao Trakia Plovdiv búlgaro, cun dúas vitorias por 5-6 na ida e 6-2 na volta.

En 1982 volveu ao Partizan, no que debutara 30 anos antes como futbolista, e en 1983 logrou o que nunca conseguira como xogador: gañar a liga iugoslava. O seu éxito no club branco e negro abriulle as portas da selección iugoslava, á que dirixiu entre 1984 e 1986. Con todo, non puido clasificar o equipo para o Mundial de 1986, ao perder na derradeira xornada da fase de clasificación ante Francia, sendo os propios franceses e a selección búlgara os dous equipos do grupo que lograron as dúas prazas para a Copa do Mundo.

Posteriormente dirixiu de novo o Beşiktaş, logo o Altay, e pechou a súa carreira como técnico en 1991 no Partizan.

Vida persoalEditar

Miloš era irmán dos tamén futbolistas Bora e Milorad Milutinović.[1] Os tres irmáns coincidiron no OFK Beograd entre 1958 e 1960. Con Milorad compartiu equipo tamén no Partizan e na selección iugoslava. O seu fillo Uroš foi tamén futbolista e militou no Partizan e no FC La Chaux-de-Fonds suízo.

Miloš Milutinović morreu o 23 de xaneiro de 2003 en Belgrado, aos 69 anos.

PalmarésEditar

Como xogadorEditar

Partizan

Como adestradorEditar

Velež Mostar
Partizan


NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "The Milutinović Brothers – The Brilliance Of Humble" (en inglés). 8 de xaneiro de 2020. Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Milutinović Miloš". Selección de fútbol de Serbia (en rs). 22 de marzo de 2020. Consultado o 26 de xuño de 2022. 
  3. "All Partizan Players 1945. – 2012.". partizan.rs (en serbio). Arquivado dende o orixinal o 1 de agosto de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  4. "(1953) Jugoslavija – Vels 5:2". Selección de fútbol de Serbia (en serbio). Consultado o 26 de xuño de 2022. 
  5. "Yugoslavia v Romania, 17 November 1957". 11v11.com (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  6. "Yugoslavia - Cup Final Details 1947-2001". rsssf.com (en inglés). Consultado o 26 de xuño de 2022. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar