Miliaresion
- Para a moeda romana con denominación latina, ver miliarense.
O miliaresion (en grego: μιλιαρήσιον; en latín: miliarensis), foi a denominación dada a diversas moedas bizantinas de prata. Nun sentido máis específico, o termo refírese á emitida entre os séculos VIII e XI, co valor da doceava parte do sólido de ouro.[1][2][3]
Historia
editarMiliaresion foi orixinariamente a denominación que nas áreas de influencia cultural grega se lle deu á moeda romana de prata coñecida como miliarense, emitida no século IV co valor de 1.000 nummi e o peso de 72 pezas en libra. Desde entón, os bizantinos non volveron utilizar moedas de prata ata o século VII, e nese momento o termo miliaresion pasou a apliocárselles ás moedas do tipo do hexagrama. Non foi ata arredor de 720 cando apareceu un novo tipo de moeda de prata, máis grande e máis delgada que o hexagrama, que foi introducido no sistema monetario bizantino por León III (717-741), co valor da doceava parte do sólido de ouro. Esta é a moeda á que actualmente, no ámbito numismático, se lle atribúe en exclusividade a denominación de miliaresion.[4][5]
O peso teórico co que se instituíu esta moeda era o de 144 pezas por libra (arredor de 2,27 gramos), e no período da dinastía Macedonia no Imperio Bizantino (séculos IX e X) aumentou ata os 3,03 gramos (108 moedas por libra). No primeiro século de cuñaxe desta moeda o seu uso debeuse limitar ao conmemorativo e cerimonial, con motivo do nomeamento o coemperador, e non foi ata o reinado de Teófilo (829-842) cando as súas emisións adquiriron a condición de regulares.[6]
O modelo no que se inspirou esta nova moeda foi o dírham do mundo árabe, desa mesma época e tamén de prata, co que compartía inicialmente a peculiaridade de carecer de representacións humanas, xa que se limitaba a exhibir a cruz no seu anverso, e lendas co nome e os títulos do emperador no reverso.[7] Xa no século X, o emperador Alexandre III (912-913) introduciu o busto de Cristo no anverso, ao que Romano I (920-944) lle engadiu un busto imperial no centro da cruz. Esta uniformidade concluíu no século XI, cando empezaron a proliferar nestas moedas as imaxes dos emperadores, de Cristo e da Virxe María.[8][9]
No século XI, a penosa situación financeira e militar provocou unha diminución da calidade do miliaresion (particularmente nas décadas de 1070 e de 1080) e emitíronse tamén francións de dous terzos e dun terzo.[10] Despois de 1092, a súa produción foi moi descontinua, aínda que se mantivo como unidade de conta co valor da doceava parte do nomisma, e baixo os Comneno substituíuse por unha moeda de billón con pouca proporción de prata, o aspron, inicialmente co valor dun terzo de miliaresion, aínda que axiña sufriu grandes desvalorizacións. Dalgunha maneira, pódese dicir que o miliaresion foi revivido en forma de basilikon, unha moeda do mesmo valor e similares características métricas que se emitiu a partir de 1300.[11]
O nome deu orixe nas linguas europeas occidentais á denominación de millarés, utilizada inicialmente para aplicar a diversos tipos de moedas de prata do mundo árabe e, posteriormente, ás súas imitacións en Occitania, Cataluña e Italia, entre os séculos XIII e XIV.[12]
Notas
editar- ↑ Alfaro Asins, C. et al. "Miliaresion". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- ↑ "Miliaresion". En Forum Ancient Coins.
- ↑ "Miliaresion". En Tipos de moneda bizantina. www.Tesorillo.com
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 1.373.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 13.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 14.
- ↑ Miles, G. C. "Byzantine miliaresion and arab dirhem: some notes on their relationship". En Museum Notes (American Numismatic Society). Vol. 9 (1960). pp 189-218
- ↑ Grierson (1999). Páxina 14-15.
- ↑ "Representations of the Virgin". En Coinage of the Byzantine Empire.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 15, 44.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 15-16.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Millarés".
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miliaresion |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Grierson, Philip. Byzantine coinage. Dumbarton Oaks. 1999. ISBN 978-0-88402-274-9
- Hendy, M. Studies in the Byzantine Monetary Economy c.300-1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2
- Hendy, M. The economy, fiscal administration and coinage of Byzantium. Londres, 1989. ISBN 0860782530
- Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6
- Lauritzen, F. (2009). "The Miliaresion Poet: The Dactylic Inscription on a Silver Coin of Romanos III Argyros". En Byzantion. 79: 231–240. ISSN 0378-2506
- Sabatier, Justin. Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. 2 vol. París, 1862
Ligazóns externas
editar- "Miliaresion". Catálogo con imaxes e descricións en Coin Archives
- "The Miliaresion". CoinWeek Ancient Coin Series – The Paradox of Byzantine Silver
- Moedas bizantinas catalogadas por orde cronolóxica de emperadores
- Moedas bizantinas catalogadas segundo a o bran de Sear: Byzantine Coins & Their Values
- Digital Library Numis Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (bibliografía en liña de numismática bizantina)