Hexagrama (moeda)

O hexagrama (en grego: ἑξάγραμμα, hexagramma) foi unha moeda bizantina de prata creada por Heraclio en 615, co valor dun doceavo de sólido, que circulou no século VII no Imperio Bizantino.[1][2][3]

HistoriaEditar

Bardante algunhas emisións cerimoniais do século VI, o sistema monetario das últimas épocas do Imperio Romano e dos inicios da época bizantina carecía de moedas de prata, principalmente por mor da gran flutuación do seu prezo en relación ao ouro.[4]

Non foi ata 615, baixo o emperador Heraclio (610-641), cando se retomou a cuñaxe de moeda de prata, para cubrir as necesidades da guerra contra os persas. A materia prima para estas emisións viña principalmente da confiscación de obxectos de prata da Igrexa. Polo seu peso, estas novas moedas foron bautizadas como hexagrama, xa que pesaban seis grammata (6,84 gramos), en tanto que o seu valor era equivalente á doceava parte do sólido de ouro.[5][6]

A única lenda que caracterizaba o hexagramma era Deus adiuta Romanis ("Deus axude aos romanos"), o que se entende como unha manifestación da desesperación do imperio neste tempo.[7]

A moeda mantivo o seu uso regular baixo o sucesor de Heraclio, Constante II (641-668) e continuou máis esporadicamente en tempos de Constantino IV (668-685). A partir de aí, só se cuñou ocasionalmente con carácter cerimonial ata Teodosio III (715-717).[8] En 720, o emperador León III (717-741) substituíu esta moeda de prata por outra nova, denominada miliaresion.[9]

NotasEditar

  1. Alfaro Asins, C. et al. "Exagrama". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  2. "Hexagram". En Forum Ancient Coins.
  3. "Hexagramma". En Tipos de moneda bizantina. www.Tesorillo.com
  4. Grierson (1999). Páxinas 12-13.
  5. Grierson (1999). Páxina 13.
  6. Kazhdan (1991). Páxina 927.
  7. Kaegi, W. E. Heraclius, Emperor of Byzantium. Cambridge University Press. 2003. Páxina 90. ISBN 0-521-81459-6
  8. Sear, D. R. Byzantine Coins and Their Values. 1987. Nº 1.491.
  9. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Miliaresion".

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar