Heraclio

Emperador bizantino (610-641)

Caesar Flavius Heraclius Augustus (Capadocia, c. 575 - Constantinopla, 11 de febreiro de 641) foi emperador bizantino desde o 5 de outubro de 610 ata a súa morte.

Modelo:BiografíaHeraclio

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Φλάβιος Ἡράκλειος
(la) Flavius Heraclius Augustus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 575 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Capadocia, Turquía Editar o valor en Wikidata
Morte11 de febreiro de 641 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (65/66 anos)
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Emperador bizantino
5 de outubro de 610 – 11 de febreiro de 641
← FocasConstantino III Heraclio → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Período de tempoImperio Bizantino Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaDinastía heracliana Editar o valor en Wikidata
CónxuxeEudóxia
Martina Editar o valor en Wikidata
FillosEudóxia Epifânia
 () Eudóxia
Constantino III Heraclio
 () Eudóxia
João Atalarico
 ()
Konstantinos Heteros
 () Martina
valor descoñecido
Teodósio
Heracleonas
 () Martina
Davi
 () Martina
Marino (filho de Heráclio)
 () Martina
Augustina
 () Martina
valor descoñecido
Martina
valor descoñecido Editar o valor en Wikidata
PaisHeráclio, o Velho Editar o valor en Wikidata  e Epifânia Editar o valor en Wikidata
IrmánsTeodoro Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Heraclius
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1645687 WikiTree: Augustus-78 Find a Grave: 40371788 Editar o valor en Wikidata
Nomisma (sólido bizantino) que representa a Heraclio e os seus fillos Constantino III Heraclio e Heraclonas.

Traxectoria

editar

Era fillo do poderoso exarca de Cartago, chamado tamén Heraclio, de orixe armenia, que fora un dos xenerais clave na guerra do ano 590 contra Persia, baixo o goberno do emperador Mauricio. Descoñécese o lugar exacto de nacemento do emperador Heraclio, aínda que é seguro que pasou a súa mocidade no norte de África.

A conquista do trono

editar

En 608, o seu pai, Heraclio o Vello, exarca de Cartago, e o irmán deste, Gregorio, o seu segundo no mando, rebeláronse contra o emperador Focas, que depuxera a Mauricio seis anos atrás. Os rebeldes acuñaron moeda na que aparecían os dous Heraclios cos atributos consulares, aínda que ningún dos dous reclamou entón o título imperial. Reuniron un exército e unha frota. Nicetas, fillo de Gregorio e primo de Heraclio o Mozo, invadiu por terra Exipto, e en 609 derrotou a Bonoso, xeneral de Focas, e fíxose co control da provincia. Ao mesmo tempo, o xove Heraclio embarcouse coa frota cara a Oriente, pasando por Sicilia e Chipre. Nas proximidades de Constantinopla contactou con destacados aristócratas da cidade, quen lle aseguraron que sería ben recibido. Ao chegar á cidade, os Excubitores (garda imperial de elite que estaba dirixida polo xenro de Focas, Prisco) pasáronse a Heraclio, e este puido entrar na cidade sen atopar resistencia. Focas foi executado persoalmente por Heraclio.

O 5 de outubro de 610 Heraclio foi coroado na capela de Santo Estevo do palacio imperial, pouco despois de contraer matrimonio coa súa prometida, Fabia, que tomou o nome de Eudocia. A emperatriz, moi querida en Constantinopla, morrería en 612. Heraclio contraeu un segundo matrimonio coa súa sobriña Martina.

A guerra con Persia

editar

Cando Heraclio se fixo co poder o Imperio atopábase nunha situación desesperada. A revolta de Focas contra Mauricio en 602 deixara o Danubio desguarnecido, permitindo o avance dos ávaros nos Balcáns. Na fronteira oriental, o rei Cosroes II de Persia, antigo aliado do emperador Mauricio, usou o seu asasinato como pretexto para declarar a guerra aos bizantinos. Na corte persa atopábase un home que afirmaba ser Teodosio, fillo de Mauricio, e Cosroes apoiaba as súas pretensións ao trono. Durante o reinado de Focas, a guerra favorecera aos persas, quen chegaran no seu avance ata Siria. O ano anterior a que Heraclio ascendese ao trono, o xeneral persa Shahrbaraz tomara Antioquía.

Aínda que Heraclio intentou establecer un tratado de paz, Cosroes refusou parlamentar con el, considerándoo un usurpador. Os primeiros movementos militares de Heraclio terminaron de forma desastrosa, e os persas avanzaron cara ao oeste. Conquistaron Damasco en 613, e en 614 Xerusalén, onde causaron graves danos á Igrexa do Santo Sepulcro e apoderáronse da Vera Cruz e outras reliquias, que foron levadas a Ctesifonte. Despois apoderáronse de Exipto, a principal fonte de aprovisionamento de gran para o Imperio Bizantino. Mesmo fixeron rápidas incursións en Anatolia, chegando ata Calcedonia, na beira asiática do Bósforo. Segundo se di, os habitantes de Constantinopla podían ver de noite os lumes de vixilancia dos persas e os seus reflexos na auga.

A situación chegou a ser tan grave que Heraclio considerou seriamente a posibilidade de trasladar a capital do Imperio a Cartago. Pero finalmente decidiu permanecer en Oriente, e dedicouse a reorganizar o exército bizantino. É posíbel que fose o creador dos thémata, circunscricións administrativas que eran ao mesmo tempo distritos militares, baixo o mandato dun strategos ou gobernador militar. Segundo outros autores, a organización do Imperio en thémata tivo lugar algúns decenios despois.

Trala súa reorganización do exército, Heraclio púxose á cabeza do mesmo na súa guerra contra os persas. Foi o primeiro emperador en dirixir persoalmente unha campaña contra un inimigo exterior desde os tempos de Teodosio I. Confiando en que Constantinopla se atopaba ben defendida, e rexeitando unha guerra de esgotamento para recuperar as provincias perdidas, na primavera de 622 viaxou por mar ata Iso, coa intención de invadir a propia Persia. Derrotou a Sharbaraz no outono dese mesmo ano, nalgún lugar de Capadocia. Mantívose en campaña avanzando cara ao leste durante varios anos. En 626, mentres se atopaba ausente, Constantinopla foi asediada polos ávaros, pero os intentos dos persas por axudar a estes últimos, con quen se aliaron, atravesando o Bósforo foron rexeitados pola armada bizantina. A poboación da cidade, dirixida polo patriarca Serxio, resistiu con firmeza o asedio, e os ávaros terminaron por levantaren o sitio. Namentres, Heraclio conseguiu a axuda dos kházaros e outros pobos turcos, e dedicouse a fomentar as divisións internas existentes entre os persas. Convenceu ao xeneral Shahrbaraz de que Cosroes estaba celoso dos seus éxitos e ordenara a súa execución, co que conseguiu que permanecese neutral. Na batalla de Nínive, en 627, as forzas bizantinas derrotaron ao exército persa dirixido por Razates. Con todo, Cosroes seguiu refusando asinar a paz, e Heraclio continuou avanzando ata Ctesifonte, capital do Imperio Persa. Antes de que chegase á cidade, a aristocracia persa depuxo a Cosroes. O seu sucesor asinou a paz con Heraclio devolvendo a Bizancio todos os territorios que conquistaran os persas. A dinastía sasánida nunca se recuperou desta derrota. O 14 de setembro de 628 Heraclio entrou en triunfo en Constantinopla.

Os últimos anos

editar

Heraclio tomou o título persa de "Rei de Reis", abandonado o antigo título imperial de "Augustus". Pouco despois foi chamado basileus (palabra grega que significa "rei" ou "emperador"), título que os gobernantes bizantinos levarían ata o final do Imperio. Tamén substituíu o latín polo grego como lingua administrativa. Logo do seu reinado, o Imperio Bizantino tivo un marcado carácter helénico.

En 630, Heraclio chegou ao cume do seu poder cando marchou triunfalmente ata Xerusalén, onde repuxo a Vera Cruz na Igrexa do Santo Sepulcro. Desafortunadamente, con todo, por entón o profeta Muhammad acababa de unificar ás tribos nómades da Península Arábiga e, poucos anos despois, o islam lanzouse contra o Imperio nunha implacábel ofensiva. Cando os musulmáns invadiron Siria e Palestina en 634, Heraclio, que caera doente, non puido combatelos persoalmente, e os seus xenerais fracasaron. Na batalla de Yarmuk, en 636, o exército bizantino, superior en número, foi derrotado polos árabes. Siria e Palestina perdéronse para sempre. No momento da morte de Heraclio, a maior parte de Exipto fora tamén conquistado polos árabes.

Malia a desastrosa etapa final do seu reinado, Heraclio foi un dos máis destacados emperadores bizantinos. Salvou o Imperio do que parecía unha destrución segura, e grazas ás súas reformas os árabes foron detidos en Asia Menor, e ata no Norte de África, a onde aínda tardarían 60 anos en chegar.

No seu intento por salvar a unidade relixiosa do Imperio, ameazada pola herexía monofisita, intentou chegar a unha fórmula de compromiso defendendo o monotelismo, doutrina propagada polo patriarca Serxio que foi considerada herética polo Papa Xoán IV. Cando as provincias monofisitas foron conquistadas polo islam, o monotelismo perdeu a súa razón de ser e foi rexeitado.

Sucedérono Constantino III Heraclio, o seu primoxénito, habido con Eudocia, e Heraclonas, fillo de Martina, a súa segunda esposa.

Ligazóns externas

editar
Imperio Bizantino

Segue a:
Focas, emperador
Heraclio
Precede a:
Constantino III Heraclio
Dinastía dos Heráclidas