A limanda,[1] é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[2] unha das seis que integran o xénero Limanda,[3]

É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, de grande importancia comercial, de até 40 cm de lonxitude, que habita sobre fondos areosos pouco profundos nas costas do norte de Europa, desde Islandia, o norte de Noruega e os mares de Barents e Branco, polo norte, até o golfo de Biscaia, polo sur, sendo particularmente abundante no mar do Norte.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné (Linneo), baixo o nome de Pleuronectes limanda, na 10ª edición do seu Systema Naturae, obra na que se inicia o moderno sistema de clasificación e nomenclatura dos animais.[2]

Sinónimos editar

Ademais de polo nome actualmente válido, e polo orixinario que lle deu Linneo, a especie coñécese tamén polos seguintes sinónimos:[2][4]

Etimoloxía editar

O nome limanda, que Linneo empregou como nome específico (e que despois adoptou Gottsche para o xénero por el creado, e no que actualmente se sitúa esta especie) é un termo do latín científico tirado do francés limande "limanda", que á súa vez deriva do francés antigo lumande, e este do latín lima, "lima" (utensilio dos carpinteiros), ao que lle engadiu o sufixo -ande; estes peixes serían así denominados a causa da rugosidade da súa pel, no sentido de que era 'boa para limar'.[5][6][7]

Características editar

A limanda ten unha aparencia similar á da solla (Platichthys flesus) e á doutros pleuronectinos e, así mesmo, ten ambos os ollos situados normalmente no lado dereito do corpo.[8]

A súa boca é pequena, e as escamas que recobren o lado pigmentado (superior) do seu corpo son moi rugosas (como nas demais especies do xénero).[9]

A superficie superior do corpo é xeralmente de cor parda pálida, con manchas escuras dispersas, pero no ten os puntos alaranxadoss típicos da aolla. As aletas pectorais poden ser alaranxadas.[8]

A liña lateral caracterízase por unha distintiva curva semicircular por encima da aleta pectoral. As aletas dorsal e anal forman unha curva lixeiramente arredondada ao redor do contorno do corpo.[8]

Pode alcanzar un tamaño duns 40 cm, e un peso de até 1 kg, pero os exemplares capturados raramente miden máis de 30 cm.[9]

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

 
Mapa de distribución da limanda.

Esta especie vive sobre fondos brandos, en xeral areosos, pouco profundos, desde os 5 aos 150 m, e distribúese polas costas do norte de Europa, entre os 72° N e os 43° N, e entre os 25° W e os 45° E, desde Islandia, o norte de Noruega e os mares de Barents e Branco, polo norte, até o golfo de Biscaia, polo sur, sendo particularmente abundante no mar do Norte, sendo o peixes planos máis abundante desta rexión, cunha poboación estimada de até os 15 millónms de toneladas.[8][9]

Alimentación editar

A limanda aliméntase de moluscos gasterópodos e bivalvos, vermes poliquetos, crustáceos, equinodermos (ofiúras e pequenos ourizos) e, en menor proporción, de pequenos peixes bentónicos (especielmente gobíidos e alepisáuridos).[9]

Competencia coa solla editar

Como a súa dieta e similar á da solla, en moitos lugares do mar do Norte os pescadores consideran que a limanda é un serio competidor das máis valiosas sollas, debido á súa abundancia. Pero a dieta da limanda é máis ampla que a da solla, e unha reprodución máis rápida, porque moitas limandas conseguen desovar antes de ser o suficientemente grandes como para caer nas redes de pesca. Por iso nalgúns lugares incrementouse o número de individuos, ao tempo que o da solla diminuíu seriamente (por exemplo, nos caladoiros daneses.[9]

Reprodución e desenvolvemento editar

Reprodución editar

Os machos da limanda alcanzan a madureza sexual, no mar do Norte, aos 2 ou 3 anos de idade, cando miden de 10 a 20 cm; as femias, cando teñen de 3 a 5 anos e miden entre os 20 a 25 cm.

A desova prodúcese entre xaneiro e agosto, máis cedo nas costas da Gran Bretaña, máis tarde no mar do Norte (entre abril e xuño) e no mar de Barents (entre xuño e xullo). A desova ten lugar en toda a súa área de distribución a de 20 a 40 m de profundidade (a máis profunda, no sur do mar Báltico).

Cada femia produce entre os 50 000 e os 150 000 ovos, peláxicos, que miden 1 mm de diámetro.[9]

Desenvolvemento editar

Os ovos eclosionan ao cabo de entre 3 e 12 días, segundo a temperatura da auga, dando lugar a larvas, así mesmo peláxicas, de 2,4 mm, que non se desprazan até os fondos de 6 a 70 m até que xa se metamorfosearon a peixes planos e miden uns 14 mm. A taxa de crecemento varía notabelmente segundo a localidade.[9]

Lonxevidade editar

A máxima idade rexistrada alcanza os 12 anos.[8]

Pesca editar

A pesar da súa abundancia, a limanda foi considrada até hai pouco tempo como unha especie non comercial, e a maioría dos espécimes capturados só se apañaban durante a pesca doutras especies.[10][11] Porén, a diminución das capturas doutros peixes moi apreciados, como o bacallau (Gadus morhua) e o fogueiro (Melanogrammus aeglefinus) fixeron que a limanda se convertera nunha especie comercial cada vez máis importante.[12]

A miúdo a limanda é unha captura accesoria da pesca doutras especies con artes de arrastre e de cerco. De difícil transporte, comercialízase conxelada ou en fresco, conservada en xeo, e consómese xeralmente en filetes.[9]

Notas editar

  1. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 82.
  2. 2,0 2,1 2,2 Limanda limanda (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  3. Limanda Gottsche, 1835 no WoRMS.
  4. Sinónimos de Limanda limanda (Linnaeus, 1758) en FishBase.
  5. "Limande". Trésor de la Langue Française informatisé. Consultado o 2021-03-16. 
  6. "Limande". Trésor de la Langue Frrançaise informatisé. Consultado o 2022-12-12. 
  7. Webster's New International English Dictionary. Webster. 2012.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Limanda limanda (Linnaeus, 1758) en FishBase.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 262-263.
  10. Burton, Maurice & Robert Burton (2002): "Dab". En The international wildlife encyclopedia, 10. Marshall Cavendish. ISBN 978-0-7614-7266-7, pp. 634–5.
  11. North Sea Task Force (1993): North Sea quality status report 1993. Fredensborg, Denmark: Olsen and Olsen. ISBN 978-1-872349-07-7, p. 70.
  12. Dab en British Sea Fishing.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar