Pleuronectiformes

(Redirección desde «Peixes planos»)
Pleuronectiformes
Peixes planos

Rango fósil: paleoceno - actualidade[1]

Rodaballo (Scophthalmus maximus)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Subordes e Familias
  • Véxae o texto

A dos pleuronectiformes (Pleuronectiformes), coñecidos popularmente como peixes planos, é unha orde de peixes teleósteos, caracteriasos por ter o corpo comprimido lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).[2]

Detalle da cabeza do curuxo americano (Scophthalmus aquosus), cos dous ollos sobre o lado esquerdo.

Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical.

Segundo as familias, o lado pigmentado pode ser o dereito, coma no linguado ou a acedía, ou o esquerdo, coma no rodaballo ou a solla.

Para sabermos cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara a arriba e de forma que vexamos os ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.

O nome procede dos termos do grego antigo πλευρά pleurá, "costado", "lado", "flanco" e νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar", pola forma característica de nadar de lado, aos que se lle engade o sufixo latino -iformes, "en forma de", propio nos nomes das ordes de peixes (e das de aves).

Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no paleoceno, hai uns 65 millóns de anos, durante o paleóxeno ou terciario temperán.[1]

A orde comprende moitas especies de grande interese pesqueiro, amplamente consumidos como alimento, entre outros os linguados, o rodaballo, as sollas, os rapantes e os fletáns.

Características

editar
 
Linguado (Solea solea).
 
Rapante común (Lepidorhombus whiffiagonis).
 
Solla (Pleuronectes platessa).
 
Curuxo (Scophthalmus rhombus).

A cara superior é pigmentada, con cores máis ou menos escuras, que adoitan corrresponderse ás características do fondo no que viven, para camuflarse no medio. Hainos cunha coloración uniforme e outros presentan manchas irregulares ou ben definidas, que serven para a identificación da especie.

A cara inferior é branca ou de cor cremosa, habendo especies, coma o rapante, nas que é case traslúcida.

A forma adoita ser romboidal ou linguiforme, aínda que os hai practicamente circulares (coma o rodaballo).

As aletas dorsal e anal son únicas pero esténdense a todo o longo dos bordos superior e inferior, respectivamente, cunha base de implantación ampla.

Case sempre carecen de vexiga natatoria, canda adultos. As escamas son ctenoides ou cicloides,[3] e hai especies, coma o rodaballo, que carece de escamas e presenta sobre a pel uns dentículos óseos característicos.

Hábitat e distribución

editar
 
Curuxo camuflado na area.

Os pleuronectiformes están presentes en todas as latitudes do mundo, e viven sempre sobre fondos areosos ou de limo. Pasan case todo o tempo semisoterrados no fondo, ao axexo das súas presas, realizando cada pouco pequenos desprazamentos. Os ollos poden sobresaír sobre a superficie da pel, o que lles permite ver cando están baixo a area.

Son carnívoros e predan sobre invertebrados e sobre outros peixes.

Practicamente todas as especies son mariñas, aínda que as hai algunha de auga doce e outras que penetran ocasionalmente en rías e ríos.

Clasificación

editar

A orde divídese en dúas subordes moi desiguais que comprenden once familias, cunhas 600 especies:[4]

  1. 1,0 1,1 Chapleau, François & Amaoka, Kunio (1998), en Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. Encyclopedia of Fishes. San Diego: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
  2. Debe diferenciarse esta forma da doutros peixes planos, como as raias, que se describen como deprimidos dorsoventralmente.
  3. As escamas cicloides teñen os bordos lisos, mentres que ctenoides teñen diminutos dentes, chamados ctenii, no bordo posterior, o que dá una textura áspera, en forma de peite.
  4. Pleuronectiformes no SIIT.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Eschmeyer, William N., ed. (1998): Catalog of Fishes. Special Publication of the Center for Biodiversity Research and Information, núm. 1, vol. 1-3. San Francisco (California, Estados Unidos): California Academy of Sciences. ISBN 0-940228-47-5.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar