Acedía
Dicologlossa cuneata Acedía | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Dicologlossa cuneata (Moreau, 1881) [1] |
A acedía[2][3] (Dicologlossa cuneata, Moreau 1881[1]) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos.
Trátase dun pequeno linguado, de até 30 cm de longura como máximo, que habita en fondos mariño areosos ou lamacentos entre os 10 e os 450 m de profundidade, nas costas do Atlántico oriental (desde o mar do Norte e as illas británicas até o cabo de Boa Esperanza) e no mar Mediterráneo.
Taxonomía
editarA especie foi descrita por primeira vez en 1881 polo ictiólogo francés Émil Moreau, baixo o nome de Solea cuneata.
Sinónimos
editarAo longo do tempo foi coñecida polos sinónimos:[1]
- Dicologoglossa cuneata (Moreau, 1881)
- Solea angulosa Kaup, 1858
- Solea cuneata Moreau, 1881 (nome orixinario)
- Solea senegalensis mbaoensis Pellegrin, 1907
Características
editarAs principais características morfolóxicas desta especie son:[4]
- Corpo oval, moi alongado, de até os 30 cm de lonxitude.
- Cabeza co fociño pouco saínte, de contorno arredondado ou subtruncado.
- Ollos bastante arredondados, o superior máis adiantado que o inferior.
- Narina anterior do lado pigmentado curta, e inserida ao nivel da marxe anterior do ollo dorsal, e a do lado cego, curta, cilíndrica e non dilatada distalmente.
- A aleta dorsal orixínase ao nivel da marxe anterior do ollo dorsal. A pectoral é asimétrica. E a caudal, arredondada.
- A aleta pectoral do lado pigmentado está bastante desenvolvida, e presenta unha mancha negra que non chega á súa extremidade posterior, a diferenza dos linguados. Esta aleta ten unha forma triangular aguda, xa que os seus dous primeiros raios son máis longos que os outros.
- As escamas son ctenoides en ambos os lados do corpo, co bordo libre anguloso e provisto de dentes.
- A coloración é agrisada nos individuos novos, e apardazada co manchas escuras nos adultos.
As principais características que a diferencian doutras especies de linguados, como, por exemplo o linguado común, son:
- A liña lateral está formada por entre 105 e 132 escamas tubulares, contra as entre 116 e 163 do linguado común. Ademais, esta liña mostra unha marcada curva cara á cabeza na área supratemporal, mentres que está máis suavemente curvada en Solea solea.[5]
- Outras diferenzas anatómicas entre ambas as especies son a posición do ollo migratorio,[6] e o número de vértebra: Dicologlossa cuneata ten de 43 a 45, mentres que Solea solea ten de 49 a 52.[5]
Hábitat e distribución
editar- Hábitat
Vive sobre fondos areosos e fangosos de entre os 10 e os 450 m de profundidade.
- Distribución xeográfica
Distribúese polas costas do Atlántico oriental, desde o mar do Norte e as illas británicas até o cabo de Boa Esperanza, e no mar Mediterráneo,[7]
Porén, a maior concentración das súas poboacións prodúcese desde o golfo de Biscaia até o Mediterráneo e o noroeste de África.[5][8]
Bioloxía
editar- Nutrición
Aliméntase principalmente de crustáceos, vermes poliquetos e moluscos bivalvos.[4]
- Reprodución
A desova prodúcese entre os meses de maio a setembro.[4]
Pesca e gastronomía
editarO tamaño mínimo legal para a súa captura en Galicia é de 15 cm.[9]
É nos meses máis fríos do ano cando se captura en abundancia.[10]
A súa carne é branca, fina e magra, e o consumidor non ten ningunha dificultade para eliminar os bordos espiñentos.
En Francia, este peixe é unha especialidade dos portos pesqueiros de La Cotinière, na illa de Oléron, e de Royan, en Charente Marítimo.[5]
É moi popular en Galicia, e moi consumido en Andalucía, onde se come en xeral frito. O que se consome en Andalucía procede en xeral de capturas procedentes sobre todo do Atlántico sur, xa que esta especie prefire un clima subtropical, aínda que tamén é abundante en Galicia e no Mediterráneo. A desembocadura do Guadalquivir é un importante hábitat desta especie, e o principal porto español a onde chega é Sanlúcar de Barrameda.[8]
Estado de conservación
editarA UICN avaliou o status da especie en 2014 como LC (pouco preocupante) en razón á súa ampla distribución; e a pesar de que se captura a escala comercial nas costas de España, a súa poboación vai en aumento na parte norte da súa área de distribución. Porén, o control das súas capturas, segundo esta organización, é necesario para asegurar que non se teña que considerar no futuro como ameazada.[11]
En Galicia
editarEn Galicia a presenza desta especie foi rexistrada en 1967 por F. Lozano Cabo en "Los peces planos (Pleuronectiformes) de interés para la industria española pesquera", Pub. Téc. Junt. Est. Pes. 6: 195-235.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Dicologlossa cuneata (Moreau, 1881) no WoRMS.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para acedía.
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), p. 85.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Rodríguez Villanueva et al. (1992), pp. 308-309.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Forest, A. (1975).
- ↑ O ollo que migra durante o desenvolvemento larvario para unirse ao outro ollo no mesmo lado da cabeza.
- ↑ AquaMaps for Dicologlossa cuneata (Year 2050 range) Arquivado 02 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. en Encyclopedia of Life.
- ↑ 8,0 8,1 García-Isarch et al. (2003).
- ↑ DOGA nº 226 de 27 de novembro de 2012, Orde de 27 de xullo de 2012 pola se que regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade autónoma de Galicia.
- ↑ "Acedia". mardamorosa.com (en castelán). 2020. Consultado o 27 de decembro de 2020.
- ↑ Dicologlossa cuneata na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Acedía |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acedía |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Acedía |
Bibliografía
editar- Forest, A. (1975): "Le ceteau Dicologoglossa cunetata (Moreau), sa biologie et sa peche dans le sud du golfe de Gasgogne". Resumo. En: Revue des Travaux de l'Institut des Pêches Maritimes. 39 (1): 5-62.
- García-Isarch, Eva; Luis Silva; Alberto García & Ignacio Sobrino (2003): "Distribución espacio-temporal de la acedía Dicologoglossa cuneata (Moreau, 1881) en la desembocadura del río Guadalquivir (golfo de Cádiz, suroeste de la península Ibérica)". Resumo En: Bol. Inst. Esp. Oceanogr. 19 (1-4): 493-503.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Dicologlossa cuneata na Encyclopedia of Life. Con abundante información, imaxes e mapas de distribución (en inglés).
- Dicologlossa cuneata (Moreau, 1881) en FishBase.
- Dicologlossa cuneata na ADW.
- Dicologlossa cuneata en uBio.