Lúa real
Lampris guttatus

Lampris guttatus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Orde: Lampriformes
Familia: Lampridae
Xénero: Lampris
Especie: L. guttatus
Nome binomial
Lampris guttatus
Brünnich, 1788
Sinonimia
  • Véxase o texto

Lampris guttatus, coñecido vulgarmente en galego como lúa real,[2][3] é unha especie de peixe osteíctio da clase dos actinopterixios, subclase dos neopterixios, infraclase dos teleósteos, orde dos lampriformes, e familia dos lámpridos, unha das dúas que comprende na actualidade (2020) o xénero Lampris.[4]

Imaxe na que se pode ver o gran tamaño que pode acadar a lúa real.
Espécime montado no Museu Nacional de História Natural e da Ciência de Lisboa.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1788 polo zoólogo danés Morten Thrane Brünnich, baixo o nome de Zeus guttatus, [4] na súa obra "Om en ny fiskart, den draabeplettede pladefish, fanget ved Helsingör i Nordsöen 1786". K. Danske Selsk. Skrift. N. Saml. 3: 398-407,

Etimoloxía editar

Para a do xénero, ver Lampris.

O epíteto específico, guttatus, é o nominativo singular do adxectivo do latín científico guttatus, -a, -um, derivado do termo do latín clásico gutta, -ae, "gota", "mancha", en alusión ao seu corpo salferido de manchas deste peixe.

Sinónimos editar

Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]

  • Lampris lauta Lowe, 1838
  • Lampris luna (Gmelin, 1789)
  • Lampris regius (Bonnaterre, 1788)
  • Scomber gunneri Bloch & Schneider, 1801
  • Scomber pelagicus Gunnerus, 1768
  • Zeus guttatus Brünnich, 1788 (protónimo)
  • Zeus imperialis Shaw, 1793
  • Zeus luna Gmelin, 1789
  • Zeus regius Bonnaterre, 1788
  • Zeus stroemii Walbaum, 1792

Características editar

As principais características da lúa real son:[2][5][6][7]

  • Peixe grande, ovalado, alto e comprimido, de até un máximo de 200 cm de lonxitude (comunmente de 60 a 120 cm), cuberto de pequenas escamas cicloides, de forma que, ao capturalo, despréndense facilmente.
  • Boca pequena, prominente, con mandíbulas protráctiles, e sen dentes.
  • Aletas dorsal e anal longas, a dorsal cun lóbulo falciforme anterior; a aleta pectoral longa e aliforme, de implantación alta nos flancos, e base horizontal; altas pelvianas grandes, en forma de fouciño e inseridas moi cerca do perfil ventral, detrás da orixe das pectorais; aleta caudal moderadamente bifurcada, co pedúnculo caudal estreito, de sección circular.
  • Liña lateral, moi marcada, fortemente arqueada sobre a base das aletas pectorais.
  • A coloración da cabeza é verde dourada, a da rexión dorsal vai do gris a azul aceiro, a dos flancos é prateada, con numerosas manchas brancas redondas; a da rexión ventral é prateada con reflexos que van de rosados ​​a mourados. Todas as aletas son de cor vermella escarlata.

Distribución e hábitat editar

Lampris guttatus é unha especie cosmopolita que vive en augas tropicais e temperadas. oceánico, epipeláxico e mesopeláxico.[8][9] É relativamente pouco común, e encóntrase até profundidades de 0 a 500 m,[10] frecuentemente entre os 100,[7][11] e os 400 m.[12]

En Europa encótrase no Atlántico, até o mar do Norte, e no Mediterráneo.[6] No verán é un hóspede reguular no mar do Norte, e das augas occidentais norueguesas.[7]

Bioloxía editar

A súa bioloxía é pouco coñecida.[7] Aparentemente é un animal solitario.[13] Aliméntase principalmente de cefalópodos, peixes peláxicos e crustáceos.[2][7]

Relación cos humanos editar

Péscase ocasionalmente con redes de arrastre de fondo e palangres.[7] Rara vez presente nos mercados europeos, véndese en fresco. A súa carne, comestíbel, de cor avermellada, é excelente, tenra e de sabor delicado, parecida ao do salmón, e moi rica en graxa.[7] É moi prezada nos países do Extremo Oriente e do Pacífico, especialmente en Hawai.

Adoita capturarse en pescarías comerciais menores, como captura incidental, xomo, por exeplo, nas pescarías de palangre no golfo de México en cantidades reducidas, e como captura secundaria nas pescarías de atún. En 1994, as capturas mundiais alcanzaron as 77 t, e alcanzaron un máximo de 1 107 t en 2009.[9]

Tamén pode ser capturado ocasionalmente con redes de cerco en pescarías de peixe espada no golfo da Guinea e nas costas de Namibia. Ocasionalmente foi citado polos barcos pesqueiros que operan fronte a Nova Inglaterra. Captúrase en cantidades relativamente grandes e con frecuencia se desbota nas pescarías de lirio do sur de Nova Zelandia. Tamén aparece comunmente de maneira incidental nas pescarías de palangre peláxico de atún en barcos con base en Hawai, e nas de palangre de atún e marlíns nas costas de Australia.[1]

En Galicia editar

A presenza da lúa real é rara nas augas galegas. Porén, na lonxa de Ribeira, a máis importante de Europa na descarga de peixes e mariscos de baixura, é tamén un dos recintos que reciben maior variedade de especies. Cada día pasan por ela cerca de 150 variedades distintas e, de cando en vez, aparecen algunhas raras, que adoitan seren habituais noutros mares. Hai poucos días chegou ao porto da capital da Barbanza unha peza de 75 kg dunha lúa real (Lampris guttatus), nada habitual en augas galegas, pero que ten unha carne moi prezada, capturada por un arrastreiro da cidade. Vendeuse con facilidade, dado que se trata dunha especie cuxa carne é moi demandada na restauración.[14]

Hai pouco máis dun ano[cando?], na lonxa da Coruña subastouse unha lúa real, moi difícil de capturar nestas augas. O exemplar, comprado por unha casa exportadora coruñesa, foi capturado por un arrastreiro do día con base no porto da Coruña, e acadou un extraordinario prezo en primeira venda. Foi enviado para un cliente de Vigo que, á súa vez, o exportará ao estranxeiro. «O seu destino será os fogóns», sinalou o responsábel da empresa. Aínda que a súa carne é algo dura de cortar e fibrosa, e que só se aproveita un 35 %, «porque ten moita merma, sobre todo polas espiñas que ten na zona vental». As industrias que traballan o atún vermello buscan este peixe para comercializalo. En Hawai é moi prezado, polo que é un dos pratos máis pedidos nos restaurantes. Adoita presentarse como sashimi, pero tamén se consome asado e afumado.[15]

Desde o centro do Centro Oceanográfico da Coruña, do Instituto Español de Oceanografía, sinalaron que, a falta de estudar a presenza desta especie nas augas galegas, «non se pode sinalar que a súa aparición poida deberse ao cambio climático». Os expertos manifestaron que para facer este tipo de aseveración, «hai que analizar cantas aparicións da lúa real se contabilizaron nn período amplo». O experto Rafael Bañón Díaz, colaborar do IEO, manifestou que o peixe lúa real é unha especie peláxica «de distribución global» en latitudes temperadas e cálidas. Subliñou que nestas especies «é más difícil falar da súa presenza polo cambio climático, porque o medio peláxico é pouco coñecido, e algunhas especies que podemos considerar raras, en realidade poden ser máis frecuentes do que coñecemos». Para Bañón, sería interesante obter unha mostra de tecido para facer un estudo en profundidade.[15]

Ameazas editar

A presenza desta especie nas pescarías non representa unha ameaza importante para a súa poboación mundial.[1]

Estado de conservación editar

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), Lampris guttatus é unha especie que está amplamente distribuída e é común, pero non abundante. Considérase que a súa presenza nalgunhas pescarías peláxicas, con todo, non se considera unha ameaza para a súa poboación global. Polo tanto, cualifícase o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Smith-Vaniz, W. F.; Collette, B.; Moore, J.; Polanco Fernández, A.; Russell, B. & McEachran, J. D. (2015): Lampris guttatus na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 30 de setembro de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Rodríguez Solórzano, et al. 1983, p. 92.
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 109.
  4. 4,0 4,1 4,2 Lampris guttatus (Brünnich, 1788) no WoRMS. Consultado o 30 de setembro de 2020.
  5. Bauchot, M.-L. 1987, p. 1155.
  6. 6,0 6,1 Bauchot, M. L. & Pras, A. 1982, p. 220.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Muus, B. J. & P. Dahlström 1971, p. 120.
  8. Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Bonn, Alemaña: Federal Agency for Nature Conservation. ISBN 3-7843-3845-3.
  9. 9,0 9,1 Collette, B. B. (2003): "Lampridae". En: Carpenter, K. E. (ed.), The Living Marine Resources of the Western Cetral Atlantic. Volume 1. FAO Species Identification Guide for Fishery Purposes and American Society of Ichthyologists and Herpetologists. Special Publication nº 5. ISBN 9-2510-4825-8, pp. 952. Roma: FAO.
  10. McMillan, P. J. et al. (2011): New Zealand fishes. Volume 1: A field guide to common species caught by bottom and midwater fishing. New Zealand Aquatic Environment and Biodiversity Report nº 68
  11. Scott, W. B. & M. G. Scott (1988): "Atlantic fishes of Canada". Can. Bull. Fish. Aquat. Sci. 219: 731.
  12. Mundy, B. C. (2005): "Checklist of the fishes of the Hawaiian Archipelago". Bishop Mus. Bull. Zool. 6: 1-704.
  13. Palmer, G. 1986, pp. 725-726.
  14. Jamardo, J. M. (03-10-2020). "La lonja de Ribeira, paraíso de las especies más raras y disparatadas". La Voz de Galicia. Consultado o 06-10-2020. 
  15. 15,0 15,1 Mouzo, Emiliano (04-07-2019). "¿Qué hace un pez como tú en un puerto como este?". La Voz de Galicia. Consultado o 06-10-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bauchot, M.-L. (1987): "Poissons osseux", pp. 891-1421. En A. W. Fischer, M. L. Bauchot e M. Schneider, eds. Fiches FAO d'identification pour les besoins de la pêche. (rev. 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de pêche 37. Vol. II. Commission des Communautés Européennes e FAO, Roma: Italia.
  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. St. Louis, Missouri, USA: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Campbell, A. C.(1979): Guía de campo de la flora y fauna de las costas de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0543-4, páx. 288.
  • Froese, R. & D. Pauly. Editors. (2020): Lampris guttatus (Brünnich, 1788), en FishBase. Consultada o 1 de outubro de 2020.
  • Helfman, G.; B. Collette e D. Facey (1997): The diversity of fishes. Malden, Massachusetts, USA: Blackwell Science Inc. ISBN 978-0-8654-2256-8.
  • Muus, B. J. e P. Dahlström (1971): Guía de los peces de mar del Atlántico y el Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega.
  • Nelson, J. S. et al. (2016): Fishes of the world. Quinta edición. Nova York, NY, EUA: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 978-1-1183-4233-6.
  • Palmer, G. (1986): "Lamprididae". pp. 725-726. En P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese (eds.) Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol. 2. París: UNESCO. ISBN 9-2300-2308-6.
  • Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. (1988): Encyclopedia of Fishes. San Diego, California, USA: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Devesa Regueiro, Sergio e Soutullo Garrido, Lidia (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar