Centro Oceanográfico da Coruña

instituto de investigación oceanográfica na Coruña

O Centro Oceanográfico da Coruña, fundado en 1968, é un dos nove Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Está dotado con moderno material oceanográfico, e situado no paseo do Alcalde Francisco Vázquez, número 10. Nel ten a súa base o buque B/O Lura, dedicado a traballos costeiros.[1]

Centro Oceanográfico da Coruña
Fachada do Centro Oceanogáfico da Coruña
Tipoinstituto de investigación e instalación
Data de fundación1968
EnA Coruña
PaísGalicia
43°22′12″N 8°23′19″O / 43.369994674548, -8.3886473441496
Na rede
https://www.ieo.es/en/web/coruna/
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
O Centro Oceanográfico da Coruña diante da Torre de control marítimo.

Aínda que as actuais instalacións datan de 1974, a dedicación do Instituto Español de Oceanografía aos problemas oceanográficos e biolóxicos da rexión do Noroeste español, ou aos que a dita rexión interesan, aínda que afecten a mares máis ou menos distantes da mesma, é incluso anterior a creación do Laboratorio Oceanográfico de Vigo (hoxe Centro Oceanográfico de Vigo) e se manifestou na realización de diversas campañas oceanográficas, entre as que merecen ser citadas as dos buques da Armada Española Hernán Cortés (1916 e 1918), Río de la Plata (1919), Marques de la Victoria (1925), Proserpina (1926), Dato (1927 e 1928), Laya (1929), Xauen (entre 1929 ye1955), V-12 (1941) e Thalassa (1967).

Entre os primeiros traballos realizados con base en terra cómpre citar o estudo da posíbel industrialización das marismas de Baldaio (Carballo), e os estudos sobre posibilidades de repoboación osterícola da ría de Ares na zona de Pontedeume, e sobre os bancos de moluscos comestíbeis da ría de Muros e Noia. Cando, nos últimos anos da Ditadura de Primo de Rivera, a Dirección General de Pesca creou a súa Asesoría Biológica, á fronte da cal foi nomeado o profesor Luis Lozano Rey, este, de acordo coas ideas do Instituto Español de Oceanografía, propuxo a creación dunha delegación biolóxica na Coruña e dun parque de experiencias de moluscocultura na ría do Burgo, todo iso baixo a dirección do biólogo Manuel Sánchez y Sánchez. Baseándose nestes antecedentes, e vencendo non poucas dificultades derivadas dunha evidente carencia de suficientes medios económicos, de material e de persoal, o Instituto decidiu a instalación dun Laboratorio na Coruña. Estando en marcha a preparación do segundo Plan de Desenvolvemento Económico-Social, o Instituto formulou ante o ministro Laureano López Rodó en 1968, un anteproxecto de instalación na Coruña dun Laboratorio Oceanográfico e diversas instalacións anexas. Na primeira xestión o Concello da Coruña ofreceu o Castelo de Santo Antón, ofrecemento que foi rexeitado por non reunir aqueles locais as condicións necesarias. Xurdiu entón outra proposta concreta, á que o concello deu inmediatamente o seu beneplácito, consistente nunha oferta de cesión de terreos por parte da Xunta de Obras do Porto da Coruña nas proximidades do antigo peirao das Ánimas e do dique de abrigo Barrié de la Maza. En ditos terreos, e a suxestión da Xunta de Obras do Porto, realizaríase a edificación conxunta do Laboratorio, do acuario e de determinadas dependencias da propia Xunta de Obras do Porto. Posteriormente, e para non ter que esperar á culminación destes proxectos e xestións, o Instituto instalou na Coruña un Laboratorio provisional nun reducido local do peirao de Linares Rivas.[2]

Construción editar

 

O edificio construíuse entre os anos 1970 e 1978 preto do antigo peirao das Ánimas, cun proxecto do aquitecto Vicente Roig Forné.[3]

Segundo as palabras do seu deseñador:[3]

Consta de dúas plantas e semisótano, nas que se desenvolven as dúas actividades ás que se destina o Centro:
  • a) Investigación, con: laboratorios, talleres, despachos etc.
  • b) Zonas de público, con: exposicións, mostras de expedicións científicas, sala de conferencias etc.
Procurei que ambas as zonas teñan a debida independencia e a adecuada relación. Os criterios estéticos dominantes son: o "cubo", volume tradicional, o "patio" e a "auga", motivo fundamental das actividades que se desenvolven no edificio. A construción é a base de formigón armado, formigón visto e carpintaría exterior de aluminio. Non se pretendeu facer un edificio pretencioso, con torres ou pantallas, senón algo a escala humana; a súa altura, no punto máis alto, non supera os 10,20  m. É un edificio de traballo, traballo intenso de laboratorio e investigación das cousas do mar, do cal está rodeado. Tívose moi en conta que este edificio non fose só para uso exclusivo dos científicos que nel traballan, senón un edificio no que o pobo poida ir a aprender e a tomar contacto directo e científico co que tene tan cerca: o mar e as súas inmensas fontes de enerxía e beleza
Vicente Roig

Actividades editar

Na actualidade (2020), o Laboratorio Oceanográfico ds Coruña intervén na execución dos proxectos seguintes:[4]

  • Avaliación das poboacións pesqueiras máis importantes para a frota española nas augas da Comunidade Económica Europea e da plataforma española do Cantábrico e Galicia.
  • Investigacións biolóxico-pesqueiras sobre túnidos e especies afíns, comezadas en 1972 cando empezou os seus traballos o Comité Permanente de Investigacións e Estatísticas (SCRS) da Comisión Internacional para a Conservación dos Atúns do Atlántico (ICCAT), e como consecuencia das necesidades de investigación que implica o ser España o primeiro país en capturas de túnidos e especies afíns do Atlántico.
  • A "vixilancia do mexillón", cuxa finalidade é detectar a presenza de dinoflaxelados produtores de toxinas que, a través dos moluscos poidan afectar á saúde humana. Os fenómenos coñecidos como mareas vermellas (pola coloración que comunican á auga os dinoflagelados) son moi daniños para a industria mexilloeira, de tanta importancia en Galicia, e os avances conseguidos no coñecemento do efecto dos tóxicos e a súa detección, na ordenación das áreas costeiras segundo a súa perigosidade potencial e na capacidade de predición dos gromos de dinoflaxelados, tradúcense inmediatamente nunha maior seguridade para a saúde pública, así como para os cultivos de organismos mariños.
  • Programa xeral de investigación oceanográfica, co fin de aumentar o coñecemento dos procesos dinámicos mariños para poder prever posíbeis cambios producidos pola gran presión de uso á que se encontra sometido o mar, que poderían ter graves consecuencias para a súa explotación.
  • Investigación sobre o cultivo de moluscos, levada a cabo desde 1975. Estudouse a bioloxía da maior parte das especies de interese comercial, tales como o mexillón (Mytilus galloprovincialis), a ameixa babosa (Venerupis pullastra), a vieira (Pecten maximus), o berberecho (Cerastoderma edule) e outras, xunto coas técnicas de cultivo a flote tradicionais bateas, a explotación de praias, a captación natural de sementes e o desenvolvemento larvario e xuvenil en catividade.
  • Estudo da contaminación mariña, que ten como obxectivo a avaliación e control dos efectos dos contaminantes, xa que a capacidade de usos múltiples da zona litoral (desenvolvemento da acuicultura, turismo etc.) está comprometida pola gran cantidade de contaminantes liberados ao medio mariño; incluso a pesca de baixura pode ser afectada, dado que algunhas especies teñen as súas zonas de crecemento das crías en lugares abrigados do litoral.

Aínda que non tiveron carácter de proxectos regulares, cómpre non deixar de citar os estudos sobre os accidentes e verteduras de produtos tóxicos do buque Erkowit en 1970, do petroleiro Urquiola en 1976, do Cason en 1987, e do Prestige en 2002, así como os traballos acerca da contaminación da ría de Pontevedra, e dalgunhas zonas da costa de Lugo.

Notas editar

  1. IEO. Centro Oceanográfico de A Coruña. Consultado o 13 de maio de 2020
  2. IEO. Centro Oceanográfico de A Coruña. Historia. Consltado o 13 de maio de 2020.
  3. 3,0 3,1 Centro Oceanográfico da Coruña en Arquitectura de Galicia. Consltada o 13 de maio de 2020.
  4. IEO. Centro Oceanográfico de A Coruña. Historia. Consultado o 14 de maio de 2020.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar