Abrir o menú principal

Coordenadas: 41°49′58.61″N 7°23′2.05″O / 41.8329472, -7.3839028

Lamadarcos
ConcelloVerín
Área5,25 km²
Poboación88 hab. (1857)
Densidade16,76 hab./km²
Entidades de poboación1

Santa María de Lamadarcos, tamén coñecida coma Lama de Arcos, foi unha parroquia galega de 5,25 km²[1] que se localizaba no sur do concello de Verín, na Raia con Portugal. Eclesiasticamente pertencía á diocese de Ourense.

Estaba formada por un único lugar homónimo, que era considerado ―canda Cambedo e Souteliño― un dos tres pobos promiscuos, por estar situado na propia fronteira, entre Galiza e Portugal, pertencendo a parte portuguesa á freguesía tamén homónima. Foi anexada a Portugal en 1868 coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864 e absorbida pola freguesía homónima portuguesa.

Lamadarcos era a única parroquia constituída en Galiza a partir dun dos pobos promiscuos. En Portugal, ademais da outra Lamadarcos, formaba freguesía de seu Souteliño da Raia, mentres Cambedo só era un lugar ós dous lados da fronteira.

HistoriaEditar

A parroquia de Lamadarcos, co seu lugar do mesmo nome, era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[3][4] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[5]

En 1864, España e Portugal, após anos de negociacións, asinaron o Tratado de Límites de Lisboa, polo cal Lamadarcos, xuntamente con Cambedo e Souteliño, sería anexado a Portugal. A troco dos denominados pobos promiscuos, o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal,[6] sería incorporado a España ―e por tanto a Galiza―. Este tratado xustificado pra dificultar o contrabando tiña como albo a «anomalía» do Couto Mixto, un territorio soberano desligado da autoridade de ámbolos estados e cuxa desaparición era de interese común pra eles.[4] Ademais, as desprezábeis hectáreas de boa calidade atribuídas ó lugar de Lamadarcos (7 de 805), tamén a Cambedo e Souteliño, puido ser unha maneira de xustificar en España a perda dos pobos promiscuos.[7]

Deste xeito, o 28 de xuño de 1868 realizouse en Lamadarcos o acto oficial de entrega a Portugal. Igualmente se fixo en Cambedo e, xa o día anterior, en Souteliño. Algunhas autoridades aínda se mantiveron algún tempo, polo que tras dunha queixa do goberno portugués, o 9 de abril do ano seguinte, o Gobernador de Ourense tivo que ordenar ás «autoridades españolas» que ficaban alí que abandonasen os lugares.[8]

Por outra banda, a parroquia eclesiástica pertencía á Dignidade de Baroncelle da diocese de Ourense.[9] A mudanza dos límites administrativos en 1868 non modificou os eclesiásticos, polo que seguiu a pertencer ó bispado ourensán até 1882. Ese ano, co obxectivo de facer coincidir os límites civís cos relixiosos, executouse unha bula do ano anterior pola cal foi incorporada á arquidiocese de Braga.[10] En 1922, Lamadarcos pasou a formar parte da nova diocese de Vila Real, igual cás demais freguesías do distrito homónimo.[11]

DemografíaEditar

No Censo dos Bispos de 1587, a parroquia figura con 30 veciños,[12] mentres no Censo do Sal de 1631 aparece con 8.[13]

1752[14] 1787[15] 1826[16] 1844[17] 1847[2] 1857[18]
Veciños 22 48 53 50 28
Habitantes 103 212 169 200 88

Lugares e parroquiasEditar

NotasEditar

  1. García Mañá, Luís Manuel (2000). Couto Mixto. Unha república esquecida (1.ª ed.). Universidade de Vigo. p. 178. ISBN 84-8158-155-0. 
  2. 2,0 2,1 Madoz, Pascual (1847). Lama de Arcos (Sta. Maria de). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) X (Madrid). p. 48. 
  3. Fulgosio, Fernando (1868). Crónica de la provincia de Orense (en castelán). Madrid. p. 9. O estado dos pobos promíscuos non era menos singular: postos cabalmente na raia de ámbalas nacións, parte dunha casa adoitaba pertencer a España e outra a Portugal. Dese xeito, o veciño perseguido polas autoridades españolas, por exemplo, sen saír da súa morada e con só se presentar na porta, que todas ou case tódalas casas tiñan polas costas, achábase en Portugal e a salvo de todo castigo. Grandes folgos ó crime e á impunidade! 
  4. 4,0 4,1 Cadenas, Delfim (17.6.2014). "A Aldeia do Cambedo e o Couto Mixto". Jornal Mapa. 
  5. Hernández Figueiredo 2014, p. 233.
  6. Alonso, Antón (4.7.2014). "El Couto Mixto (Ourense) Caso único en Europa" (PDF). Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera (ACPE) (en castelán). 
  7. Salinas Valencia, Máximo (2002). O Couto Mixto: o seu contorno arraiano e os Pobos Promiscuos. Descrición socioeconómica. Asociación de Amigos do Couto Mixto. p. 21. ISBN 84-7680-388-5. 
  8. García Mañá, Luís Manuel (xullo/decembro 2001). "Couto Mixto, unha república esquecida". IGADI. Consultado o 4-6-2016. 
  9. Hernández Figueiredo 2014, p. 225.
  10. Hernández Figueiredo 2014, pp. 227-229.
  11. "A diocese". Diocese de Vila Real. Consultado o 30.12.2018. 
  12. Censo de Aranda (PDF) (en castelán). VII: Diócesis de Orense, Oviedo, Palencia y Pamplona. Madrid: INE. 2013 [2004]. p. 16. ISBN 978-84-260-3659-9. 
  13. Censo de la Sal de 1631 (PDF) (en castelán) I. Madrid: INE. 2015. p. 290. 
  14. Censo de Población de la Corona de Castilla. Marqués de la Ensenada 1752 (PDF) (en castelán). II: Nomenclatores. Madrid: INE. 2016 [1993]. p. 149. ISBN 978-84-260-2716-0. 
  15. Censo de 1787 “Floridablanca” (PDF) (en castelán). IV: Comunidades autónomas del Norte Atlántico. Madrid: INE. 2016 [1990]. p. 4344. ISBN 978-84-260-1970-7. 
  16. Miñano, Sebastián (1826). Lama de Arcos (Santa Maria de). Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal (en castelán) V (Madrid). p. 136. 
  17. Hernández Figueiredo 2014, p. 225. Estatística elaborada polo gobernador eclesiástico Bedoya.
  18. Nomenclátor de los pueblos de España (en castelán). Madrid. 1858. p. 633. 

Véxase taménEditar