Jere L. Bacharach
Jere Lehman Bacharach, nado en Nova York o 18 de novembro de 1938 e finado en Seattle, Washington, o 9 de abril de 2023, foi un historiador e numismático estadounidense especializado no mundo oriental.
Nome orixinal | Jere Lehman Bacharach |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de novembro de 1938 |
Morte | 9 de abril de 2023 (84 anos). Seattle, Washington. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Educación | Universidade Harvard. Universidade de Míchigan |
Q89547790 | Estudos sobre Oriente Medio. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e historia. |
Lugar de traballo | Seattle |
Ocupación | Islamólogo, historiador, académico, profesor universitario, numismático |
Empregador | Universidade de Washington |
Familia | |
Cónxuxe | Ruth Balka (1962). |
Premios | |
2004: J. L. Bacharach (MESANA). 2007: S. Shamma (RNS). 2015: Mentoring (MESANA). | |
Páxina web | history.washington.edu… |
Traxectoria
editarJere L. Bacharach naceu en Nova York en 1938, fillo de Adele Alice Lehman e de Justin L. Bacharach.[1] Cursou os seus estudos universitarios no Trinity College de Connecticut, onde se graduou en 1960. Posteriormente acadou un mestrado na Universidade Harvard en 1962 e doutorouse na Universidade de Míchigan en 1967.[2][3][4]
O seu interese polos estudos de Oriente Medio e a historia islámica comezou no outono de 1958, cando pasou unha estadía formativa dun ano no estranxeiro, na Universidade de Edimburgo, e alí asistiu ao seu primeiro curso de historia islámica.[5]
A súa carreira académica transcorreu na Universidade de Washington, na que ingresou como profesor adxunto no curso 1967-1968, e onde exerceu a docencia ata a súa xubilación formal en 2004, aínda que seguiu a impartir clases ata 2007, como catedrático emérito de Historia. Ao longo desta traxectoria académica na Universidade de Washington, Bacharach ocupou varios cargos, entre eles o de director do Departamento de Historia (1987-1992), director da Escola de Estudos Internacionais Henry M. Jackson (1995-2000),[6] e director interino do Departamento de Linguas e Civilizacións do Oriente Próximo (2005-2006).[2][3] Nesta universidade foi tamén o fundador do programa de doutoramento interdisciplinario en Estudos sobre Oriente Próximo e Oriente Medio (1991-2000).[4][5][6]
A traxectoria acedémica de Bacharach transcorreu entre Seattle e O Cairo. Ademais da súa dedicación á docencia no estado de Washington, dirixiu con carácter interino o Centro Americano de Investigación en Exipto entre 2002 e 2003 e participou en diversos proxectos co Instituto de Investigación Americano en Siria, coa Sociedade Internacional de Estudos Iranianos e con Historiadores da Arte Islámica. Entre outras entidades de carácter asociativo, Bacharach foi tamén presidente da Asociación de Estudos de Oriente Medio de América do Norte (1999-2000) e editor do boletín informativo desa entidade; tamén presidu Medievalistas de Oriente Medio (1997-2000 e 2003-2006) e a Asociación de Escolas Profesionais de Asuntos Internacionais, e pertenceu ao consello directivo da American Numismatic Society desde 1993 ata o seu falecemento.[2][3][4][5]
As súas investigacións abranguen desde a arquitectura do poder no mundo islámico ata o uso de escravos africanos nos exércitos musulmáns. Mais o seu principal foco de traballo foi a numismática islámica, un eido no que publicou numerosos artigos, sinaladamente acerca da evolución monetaria circasiana do século XV e as cuñaxes da dinastía Iquíxida do século X.[7] O seu libro Islamic History Through Coins, publicado no Cairo en 2006, foi recoñecido pola Royal Numismatic Society de Londres co premio Samir Shamma, como o mellor libro do ano sobre a numismática islámica do século XIX.[5][8]
Vida persoal
editarJere L. Bacharach casou con Ruth Balka o 23 de decembro de 1962,[9][10] con quen tivo dúas fillas, chamadas Deborah e Julia.[1]
Morreu en Seattle, no estado de Washington, o 9 de abril de 2023, aos 84 anos,[1][6][11][12] como consecuencia dunha grave doenza.[5]
Recoñecementos
editar- 2004: Jere L. Bacharach, da Middle East Studies Association of North America (MESANA).[4][13]
- 2007: Premio Samir Shamma, da Royal Numismatic Society, de Londres.[8]
- 2008: Mellon Foundation Emeritus Fellowship.[14]
- 2009: Premio á traxectoria de Middle East Medievalists.[4]
- 2015: Premio Mentoring, da Middle East Studies Association of North America.[2][3][4]
Premio Jere L. Bacharach
editarEn recoñecemento á súa figura, a Middle East Studies Association of North America decidiu en 2004 darlle o nome de Jere L. Bacharach ao seu premio ao servizo, que xa viña outorgando desde que se establecera en 1996. Esta é a listaxe de galardoados co premio:[13]
- 1997: I. William Zartman e Ellen-Fairbanks D. Bodman.
- 1998: Richard L. Chambers.
- 1999: George N. Atiyeh.
- 2000: Louisa Moffitt.
- 2001: Elizabeth W. Fernea.
- 2002: Jeanne Jeffers Mrad.
- 2004: Jere L. Bacharach.
- 2005: Ernest N. McCarus.
- 2006: Howard A. Reed.
- 2008: Fred M. Donner.
- 2009: Mary Ellen Lane.
- 2010: McGuire Gibson.
- 2011: Bruce Craig e Michael C. Hudson.
- 2012: Erika H. Gilson.
- 2014: Günter Meyer.
- 2015: Virginia H. Aksan.
- 2016: Ann Mosely Lesch.
- 2017: Bassam Haddad.
- 2018: James A. Miller.
- 2019: Suad Joseph.
- 2020: James F. Goode e Dale F. Eickelman.
- 2022: Marlis J. Saleh e Rabab Abdulhadi
- 2023: Anne H. Betteridge.
Publicacións
editarJere L. Bacharach é autor de decenas de artigos e colaboracións en materia de historia e numismática islámicas, publicados en diversas revistas especializadas e volumes conxuntos, ademais dalgúns traballos monográficos, dos que a seguir se citan algúns dos máis significativos.[4][7]
Escolma de monografías
editar- (1974). A Near East Studies Handbook, 570-1974. University of Washington Press. ISBN 9780295953618
- (1978). The Warp and Weft of Islam (con I. A. Bierman, eds.). Henry Art Gallery, Seattle.
- (1982). Catalog of the Islamic Coins, Glass Weights, Dies, and Medals in the Egyptian National Library, Cairo (con N. D. Nicol et al). Undena Pub., Malibu. ISBN 9780890031155
- (1984). A Middle East Studies Handbook. University of Washington Press. ISBN 9780295706443
- (1995). The Restoration and Conservation of Islamic Monuments in Egypt. American University in Cairo Press. ISBN 9789774243561
- (2002). Fustat Findss: Beads, Coins, Medical Instruments, Textiles and Other Artifacts from the Awad Collection. American University in Cairo Press. ISBN 9781617972331
- (2006). Islamic History through Coins. American University in Cairo Press. ISBN 977424 99305
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Obituaries: Jere Lehman Bacharach". En The Seattle Times. 23 de abril de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "The ANS Mourns the Loss of Jere L. Bacharach". American Numismatic Society. 19 de abril de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 ANS (2023).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Jere L. Bacharach: Curriculum Vitae". Department of History. University of Washington.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "In Memoriam: Jere Bacharach". Department of History. University of Washington.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "In Memoriam: Jere L. Bacharach (1938-2023)". Henry M. Jackson School of International Studies. University of Washington.
- ↑ 7,0 7,1 "Jere L Bacharach". Academia.edu
- ↑ 8,0 8,1 "The Samir Shamma Prize for Islamic Numismatics". The Royal Numismatic Society.
- ↑ "Jere L. Bacharach To Wed Ruth Balka". En The New York Times. 20 de setembro de 1962.
- ↑ Trinity College Alumni Magazine. Vol. IV. Nº 4. Marzo de 1963. Páxina 39.
- ↑ O'Kane, B.; Heidemann, S. (2023). Páxina 335.
- ↑ "In Memorium, Jere L. Bacharach (1938-2023)". Middle East Studies Association of North America. 19 de abril de 2023.
- ↑ 13,0 13,1 "Jere L. Bacharach Service Award". Middle East Studies Association of North America (MESANA.org).
- ↑ "Emeritus Fellowships [Bacharach]". Mellon Foundation (Mellon.org).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- ANS (2023). "Jere L. Bacharach (1938-2023)". En Coins Weekly (Coinsweekly.com). 27 de abril .
- O'Kane, B.; Heidemann, S. (2023). "Jere Bacharach (1938-2023)". En Der Islam. 100(2): 335-339.