Historia de Groenlandia

Este artigo é da serie:
Historia de Norteamérica.

Historia de América
América precolombiana
Colonización de América
Historia de Groenlandia
Historia do Canadá
Historia dos Estados Unidos
Historia de México

A historia de Groenlandia, a maior illa do mundo, é a historia da subsistencia baixo as estremas condicións de vida no clima ártico: unha capa de xeo cobre o 84 % da superficie da illa, restrinxindo a actividade humana ás costas. Groenlandia era descoñecida en Europa até o século X, cando foi descuberta por viquingos de orixe noruegués recentemente asentados en Islandia.

Cacería e pesca teñen sido sempre actividades moi importantes en Groenlandia. O oso polar é unha das especies exóticas que habitan nesta illa.

Antes dese descubrimento, Groenlandia xa estivera habitada por pobos árticos, aínda que estaba deshabitada antes da chegada viquinga; os devanceiros directos dos modernos inuit non chegaron á illa ata o ano 1200. Os inuit foron o único pobo que habitou a illa durante séculos, pero, en lembranza da colonización viquinga, Dinamarca reclamou o territorio e colonizouno a partir do século XVIII, obtendo así varios privilexios, como o monopolio comercial.

Durante a segunda guerra mundial, Groenlandia separouse de feito, tanto social como economicamente, de Dinamarca, achegándose máis aos Estados Unidos e ao Canadá. Trala guerra, o control da illa volveu a Dinamarca, levantándose o seu status colonial, e aínda que Groenlandia segue a ser parte do Reino de Dinamarca, é autónoma dende 1979. A illa é o único territorio que se ten separado da Unión Europea, se ben ten o status de estado asociado. A finais de 2008 votouse en referendo a ampliación da autodeterminación con vistas a unha futura independencia de Dinamarca.

Inmigracións inuit editar

 

A prehistoria de Groenlandia é a historia repetida de inmigracións inuit dende as terras de América do Norte. Unha das constantes destas culturas foi a de levar a vida ao límite da habitabilidade humana, con culturas que chegaron e marcharon da illa durante séculos. Trala exploración escandinava de Groenlandia, a arqueoloxía só pode dar datas aproximadas destas inmigracións:

Tralo colapso da Cultura Dorset, a illa permaneceu deshabitada durante séculos.

Asentamento nórdico editar

Segundo as sagas nórdicas, Groenlandia foi descuberta arredor do ano 900 polo navegante noruegués Gunnbjörn. Durante a década de 980, os viquingos asentados en Islandia foran os primeiros visitantes europeos de Groenlandia, explorando a deshabitada costa suroccidental da illa.

A exploración definitiva anterior á súa colonización produciuse cando Erik o Vermello foi exiliado de Islandia logo de asasinar a un veciño, navegando até Groenlandia, onde pasou tres anos explorando a súa liña costeira. Ao finalizar o período da súa condena, regresou a Islandia para atraer persoas para a illa. O nome actual, Groenlandia (Grønland), ten a súa orixe, segundo algúns, neste interese por colonizala (os inuit chaman á illa Kalaallit Nunaat, “A Nosa Terra”). Hai quen argumenta, por outro lado, que as costas en cuestión eran literalmente verdes (“grøn” significa verde) nesa época, debido ao óptimo clima predominante no período medieval.

A data do establecemento da colonia (segundo as sagas) foi en 985, cando 25 barcos partiron con Erik o Vermello, dende Islandia, dos cales só 14 chegarían sen problemas a Groenlandia. Esta data foi confirmada aproximadamente polas probas de carbono 14 efectuadas nos restos arqueolóxicos achados no primeiro asentamento en Brattahlid (a actual Qassiarsuk), que deron unha data arredor do ano 1000[1]. Segundo a lenda, foi neste ano 1000 cando o fillo de Erik, Leif Eriksson, partiu do asentamento para descubrir a Vinland (xeralmente acéptase que se trataba de Terra Nova).

A colonia nórdica chegou a alcanzar entre 3.000 e 5.000 habitantes, inicialmente en dous asentamentos: o maior era o Asentamento Oriental (Eystribyggd), onde se localizaba Brattahlid, a residencia de Erik); o outro era o Asentamento Occidental (Vestribyggd), cunha poboación máxima dunhas 1.000 persoas). A ocupación do territorio efectuouse por medio de granxas, das cales había unhas 400 aproximadamente. Era unha colonia importante (a poboación de Groenlandia na actualidade é de soamente 56.000 persoas), que comerciaba con Europa con almafí das queixadas das morsas, así como exportando cordas, ovellas e coiro de gando e de foca. A colonia dependía de Europa no abastecemento de ferro e de madeiras para a construción. Barcos comerciais viaxaban cada ano a Groenlandia dende Islandia, e ocasionalmente dende Noruega.

 
Os mais recentes rexistros escritos sobre os viquingos en Groenlandia corresponden a un casamento en 1408 na igrexa de Hvalsey, que son as ruínas actualmente mellor preservadas desa época.

En 1126, fundouse unha diocese en Gardar (Garðar, na actualidade Igaliku). Foi obra da arquidiocese norueguesa de Trondheim; polo menos cinco igrexas viquingas foron atopadas en Groenlandia grazas aos traballos arqueolóxicos. En 1261, a poboación aceptou a soberanía norueguesa, aínda que tiñan mantido as súas propias leis. En 1380, o reino de Noruega uniuse ao reino de Dinamarca.

Entre tanto, a colonia escandinava non prosperaba. O Asentamento Occidental foi abandonado arredor de 1350, polo agravamento paulatino das condicións climáticas, e tamén pola presión territorial que os inuit Thule comezaran a exercer. En 1378, xa non había bispo en Garðar. É probábel que o Asentamento Oriental desaparecese no século XV, aínda que non se coñece a data exacta. As probas de carbono radioactivo deron a data de 1430 ± 15 anos. Probablemente unha mudanza climática (denominada Pequena Idade de Xeo) ocasionou a desaparición da colonia. Outra teoría é que o chan foi explotado até o punto de que deixou de ser fértil. Outra causa que se suxire, e que pode ter contribuído, foi que o comercio de almafí procedente do Sáhara eliminou o mercado de almafí de morsa. A falta de adaptación dos nórdicos ás novas condicións foi en parte refutada por novas investigacións que demostran que mudaron a súa dieta, baseada nun 80% por alimentos de granxa, por outra composta nun 80% por alimentos mariños. Outras teorías relacionaron a redución de poboación coa Peste Negra ou con piratas vascos ou ingleses.

Culturas Dorset tardía e Thule editar

 
Os Thule eran cazadores de baleas, tal e como os describiu o misioneiro noruegués Hans Egede no século XVIII.

Probablemente os nórdicos non eran o único pobo da illa no momento da súa chegada. O pobo Dorset probablemente se estableceu antes que eles. Porén, este pobo estableceuse no extremo noroeste de Groenlandia, lonxe dos asentamentos viquingos que estaban localizados nas costas do oeste. A evidencia arqueolóxica apuntaría para a presenza desta cultura pouco tempo antes dos asentamentos islandeses. Esta cultura desapareceu arredor de comezos do século XIII, case ao mesmo tempo que a presenza nórdica no oeste. Estímase a presenza de entre catro e trinta familias dorset que se reunían periodicamente ao rematar os seus ciclos de desprazamento.

Arredor de 1200 estableceuse outra cultura ártica, os Thule, que chegaran do oeste e que entraran en América 200 anos antes por Alasca. Asentáronse ao sur da cultura Dorset, ocupando amplas áreas na costa leste e oeste de Groenlandia. Estes son os devanceiros dos inuit actuais, tiñan unha gran capacidade de adaptación e cazaban calquera presa á súa disposición, fose en terra ou mar. Acostumaban almacenar grandes cantidades de alimentos para evitar a fame durante o inverno. Os primeiros Thule evitaron as altas latitudes, as cales só foron poboadas coa chegada de novas migracións dende o Canadá no século XIX.

Non está claro que tipo de contacto tiveron os asentamentos Thule, Dorset e nórdicos, mais seguramente incluíron intercambios de bens. Das tres culturas que habitaban Groenlandia nesa época, só a Thule sobreviviu até os nosos días. O nivel de contacto é tema de debate na actualidade, posiblemente incluíse o comercio con pobos Thule ou Dorset no Canadá. Non se atoparon artigos viquingos nos sitios arqueolóxicos dorset. Algunhas historias falan de conflitos armados, os cales poden ter contribuído á desaparición dos nórdicos e dos Dorset de Groenlandia, mais esta hipótese non ten consenso.

Colonización danesa editar

 
Hans Egede, misioneiro noruegués en Groenlandia.

En 1536, Dinamarca e Noruega uníranse oficialmente e Groenlandia pasou a ser considerada unha dependencia dinamarquesa. Aínda cando non había case ningún contacto, o rei dinamarqués seguía a reivindicar o seu dominio sobre a illa. Na década de 1660 incluíuse un oso polar no escudo dinamarqués. Durante o século XVII, a caza da baleas conduciu aos barcos ingleses, holandeses e alemáns até Groenlandia, onde procesaban as baleas amarrados á costa, mais non se estableceu ningunha poboación permanente. En 1721, unha expedición mercantil e relixiosa organizada polo misioneiro noruegués Hans Egede foi enviada a Groenlandia, preocupada por non saber se aínda restaban poboadores europeos na illa e se estes, chegados antes da reforma, aínda eran católicos. A expedición formou parte da colonización dinamarquesa das Américas. Pouco a pouco, Groenlandia abriuse ao comercio para as empresas dinamarquesas e pechouse para as doutros países. Esta nova colonia tivo por centro Godthåb ("Boa Esperanza") na costa suroeste. Os habitantes Inuit das proximidades da colonia foran convertidos á fe cristiá.

Ao separarse Noruega de Dinamarca en 1814, despois das guerras napoleónicas, as colonias, entre elas Groenlandia, ficaron baixo o control danés. Durante o século XIX Groenlandia foi un punto de interese para os exploradores e científicos polares, tales como William Scoresby e Knud Rasmussen. Na mesma época, afirmouse a colonización dinamarquesa e as misións tiveron bastante éxito. En 1861, publicouse o primeiro xornal en lingua inuktitut. No entanto, a xustiza dinamarquesa só se aplicaba aos colonos.

Até comezos do século XIX, Groenlandia ficou despoboada por enriba da latitude 81° N; a única presenza nesa zona era a de cazadores, que construían refuxios para protexerense, mentres realizaban a súa actividade. Isto mudou a mediados do século coa inmigración a partir do Canadá de familias Inuit que se estableceron nesa zona. Os últimos grupos chegaron a Groenlandia en 1864. Durante o mesmo período, o comercio e as condicións económicas decaeran, por iso o leste da illa comezou a despoboarse.

Entre 1862 e 1863 realizáronse por primeira vez en Groenlandia eleccións democráticas para elixir representantes de distrito e en 1911 creáronse dous Landstings (consellos), un para o norte e outro para o sur, que se uniron a partir de 1951. Mentres, as decisión importantes para a illa tomábanse en Copenhaguen, onde os habitantes de Groenlandia non tiñan representación.

Importancia estratéxica editar

Despois de que Noruega obtivese a independencia en 1905, negouse a aceptar a soberanía dinamarquesa sobre a Groenlandia, a cal moitos noruegueses consideraban unha antiga posesión do seu país. En 1931, o baleeiro noruegués Hallvard Devold ocupou a parte leste (deshabitada) de Groenlandia, por iniciativa propia. Logo diso, a ocupación foi apoiada polo goberno noruegués. Dous anos despois, a Corte Internacional de Xustiza votou a favor da pretensión dinamarquesa, que foi entón aceptada por Noruega.

 
A base aérea de Thule, establecida durante a segunda guerra mundial, é a base aérea mais ao norte pertencente á forza aérea dos Estados Unidos.

Durante a segunda guerra mundial, cando Alemaña estendeu as súas operacións de guerra a Groenlandia, Henrik Kauffmann, o embaixador dinamarqués nos Estados Unidos -que se negaba a recoñecer a ocupación alemá de Dinamarca- , asinou o 9 de abril de 1941 un tratado cos Estados Unidos, permitindo ás súas forzas armadas o establecemento de bases en Groenlandia. Por mor dos problemas que tiña Dinamarca para gobernar a illa durante a guerra, e debido á exitosa exportación que esta conseguía (sobre todo de criolita), Groenlandia comezou a gozar dun status de maior independencia. As súas subministracións estaban garantidas polos Estados Unidos e o Canadá.

Durante a guerra fría, Groenlandia cobrou unha destacada importancia estratéxica, ao controlar parte dos accesos entre os portos árticos soviéticos e o océano Atlántico, así como ao ser unha boa base para a observación dos posíbeis usos de mísiles balísticos intercontinentais, que se planeaba que debían sobrevoar o Ártico. Ao noroeste creouse unha base aérea permanente, a base de Thule (agora Qaanaaq). En 1953, algunhas familias inuit foron obrigadas por Dinamarca a desaloxar as súas casas para deixar espazo ás ampliacións da base. Por esta razón, a base ten sido unha fonte de friccións entre o goberno danés e os groenlandeses. Estes problemas medraron o 21 de xaneiro de 1968, cando se produciu un accidente nuclear: un bombardeiro B-52 que levaba catro bombas de hidróxeno estrelouse preto da base, deixando escapar grandes cantidades de plutonio sobre o xeo. Aínda que case todo o plutonio se retirou, os nativos aínda falan de deformidades en animais como consecuencia deste desastre.

Goberno local editar

Rematouse co status colonial de Groenlandia en 1953, cando se converteu en parte integral do reino danés, con representación no Folketing. Dinamarca iniciou tamén un programa para prover de servizos médicos e de educación para os groenlandeses. Isto conduciu a unha maior concentración da poboación nas cidades. Como a maioría dos habitantes eran pescadores, o desemprego aumentou, así como outros problemas sociais.

Ao participar Dinamarca na cooperación europea que máis tarde se converteu na Unión Europea, producíronse novas friccións coa antiga colonia. Groenlandia sentía que as restricións aduaneiras da Unión Europea serían prexudiciais para o seu comercio, maioritariamente dirixido cara aos países de América. Logo da adhesión de Dinamarca, incluída Groenlandia, á Unión en 1973 (malia que no referendo o 74% dos groenlandeses votaron NON), moitos habitantes consideraron que a súa representación en Copenhaguen non era suficiente e os partidos locais meteron presión pola autoxestión. O Folketing accedeu en 1978 á creación dun goberno local a partir de 1979. O 23 de febreiro de 1982, por unha maioría do 53%, os groenlandeses votaron por separarse da Unión Europea, o que se fixo efectivo en 1985. Até a data, este é o único territorio que se separou da Unión dende a súa creación.

O goberno local groenlandés preséntase como unha nación inuit. Os nomes de lugares en danés foron sendo substituídos por nomes locais. Godthåb, o centro da civilización danesa na illa, agora chámase Nuuk, a capital dun goberno case soberano. En 1985 estableceuse a bandeira de Groenlandia, a partir das cores da bandeira de Dinamarca. Porén, o movemento en busca dunha soberanía total aínda non é maioritario.

As relacións internacionais, antes manexadas por Dinamarca, son actualmente na súa maior parte manexadas localmente. Tras separarse da Unión Europea, Groenlandia asinou tratados especiais coa Unión e uniuse tamén a varias organizacións con Islandia, as Illas Faroe, así como coa poboación inuit do Canadá e de Rusia. Tamén é membro fundador da organización ambiental Consello do Ártico (1996). Está pendente a renegociación do tratado de 1951 entre Dinamarca e os Estados Unidos, esta vez coa participación do goberno local de Groenlandia. Tamén agárdase que a base aérea de Thule se converta nunha estación de seguimento de satélites adscrita ás Nacións Unidas[2].

A tecnoloxía moderna fai que Groenlandia sexa máis accesíbel, non só debido á súa base aérea. Porén, Nuuk non ten aínda un aeroporto internacional. As primeiras emisoras de televisión de Groenlandia foron creadas en 1982.

Autodeterminación editar

O 25 de novembro de 2008 realizouse un votación consultiva para ampliar o estatuto, exercer o dereito de autodeterminación e ter o groenlandés (inuktitut) como única lingua oficial, cuxo resultado acordaron implicitamente respectar os gobernos de Nuuk e Copenhaguen, e que levaría a convocar outro referendo entre 2016 e 2020 sobre a independencia total do territorio en 2021. Coa aprobación do "si" por un 75%, o goberno groenlandés (socialdemócratas e liberais, presidido por Hans Enoksen) conseguiu a competencia sobre os recursos naturais (petróleo, gas, ouro, uranio, chumbo e zinc) e a certos aspectos políticos (policía, xustiza, penitenciaría e fronteiras), mentres Copenhaguen conservaría o control sobre a Constitución, nacionalidade, Tribunal Supremo, defensa, seguridade, política monetaria, divisas e política exterior[3]. O proceso seguinte será a aprobación no Inutsisartut (parlamento groenlandés) e a posterior proposta de lei no parlamento danés por parte do primeiro ministro (Anders Fogh Rasmussen), coa intención de que se promulgue o 21 de xuño de 2009 (coincidindo cos 30 anos da autonomía da illa).

Notas editar

  1. Arenborg & al. "C-14 dating and the disappearance of Norsemen from Greenland", Europhysics News 33:3 (2002)
  2. "Relacións internacionais (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2008. Consultado o 26 de novembro de 2008. 
  3. Noticias no xornal El País sobre o referendo e sobre o resultado, ampliadas co texto do propio xornal (Internacional, páxina 5 do 26/11/2008 de El País e páxina 24 do 27/11/2008 por Anxo Lamela de El Mundo)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar