Henrique o León
Henrique o León (en alemán: Heinrich der Löwe), nado en Ravensburg en 1129,[1] e finado en Brunswick o 6 de agosto de 1195,[1] foi un nobre alemán de orixe franca, membro da familia dos Welf (güelfos).
Duque de Saxonia (como Henrique III) desde 1142 e duque de Baviera (como Henrique XII) desde 1156, foi o máis poderoso dos príncipes alemáns da súa época, até que foi privado de ambos os Ducados pola a dinastía rival dos Hohenstaufen durante o reinado do seu primo Frederico I Barbarroxa e o fillo e sucesor deste, Henrique VI.
Traxectoria
editarHerdanza
editarNa cúspide dos seus reinados, Henrique gobernou sobre un vasto territorio, que se estendía desde as costas dos mares do Norte e Báltico até os Alpes, e desde Westfalia até Pomerania. Henrique logrou tanto poder, en parte, polas súas aptitudes políticas e militares, pero, sobre todo, grazas aos legados dos seus catro avós.
Era fillo de Henrique o Soberbio,[1] duque de Saxonia e de Baviera, que á súa vez era fillo do duque Güelfo I de Baviera (cuxa primeira esposa foi a herdeira dos Billung (en alemán Billunger), anteriores duques de Saxonia), e de Xudith de Flandres, a súa segunda muller. A nai de Henrique era Xertrude, filla única do emperador do Sacro Imperio Lotario II e da súa esposa Richenza de Northeim,[1] filla e herdeira de Xertrude, que á súa vez era a herdeira dos territorios saxóns de Northeim e das propiedades dos Brunóns, condes de Brunswick.[1]
Comezo das loitas entre güelfos e xibelinos
editarEn Alemaña, tras a morte sen descendencia do emperador Henrique V en 1125, os príncipes electores, a instancias do chanceler imperial Adalberto, arcebispado de Maguncia, elixiron o duque de Saxonia como Lotario II o mesmo ano de 1125.
Porén, estalou unha guerra civil, posto que os sobriños e herdeiros de Henrique V, que eran Frederico II, duque de Suabia e Conrado, dos Hohenstaufen, exixiron ademais das terras patrimoniais dos salios na Franconia renana, as terras que a coroa fora adquirindo. Nesta situación, Conrado III foi elixido rei rival de romanos en 1127, e en 1128 foi coroado rei de Italia (Rei de romanos) co apoio de Milán, aínda que non conseguiu asegurar alí unha posición, xa que o papa Honorio II (1124–1130) se negou a recoñecelo, así como tampouco as cidades inimigas de Milán como Novara, Pavia, Cremona, Piacenza ou Brescia;[2] en cambio, o rei Lotario II tivo o apoio de Henrique o Soberbio, da dinastía Welf (os güelfos), que era duque de Baviera e tamén marqués de Toscana e de Verona, ao que fixo seu xenro en 1127.
Aínda que a guerra terminou en 1135 coa submisión de Conrado III, as tornas viraron en 1137 ao morrer o emperador Lotario II, e Conrado III foi elixido Rei de romanos fronte a Henrique o Soberbio, herdeiro de Lotario. A guerra reiniciouse entre Conrado III e Henrique o Soberbio, e falecido este en 1139, continuouna o seu irmán Güelfo VI.
Foi no asedio de Weinsberg en 1140 cando os nomes de ambas as faccións foron establecidos polos gritos de guerra, güelfo (contrarios aos Hohenstaufen) e Waiblingen (o nome dun castelo dos Hohenstaufen, que daría lugar ao termo xibelino). A pesar de asinar un acordo de paz en 1142, tras o fracaso da Segunda Cruzada, Güelfo VI proseguiu a revolta, que de todas formas entrou na súa fase final co falecemento en 1150 de Henrique Berenguer, Rei de romanos e fillo de Conrado III.
En 1151, Güelfo VI pactou co seu sobriño Frederico III, duque de Suabia (tamén sobriño de Conrado III) a sucesión no Imperio a cambio de terras. Así, á morte de Conrado en 1152, foi elixido emperador Frederico (Frederico I Barbarroxa), co que o güelfo obtivo terras italianas, sendo designado como marqués de Toscana e duque de Spoleto.
O pai de Henrique morreu en 1139 á idade de 32 ahos, sendo este aínda un neno. O Rei de romanos Conrado III desposuíra dos seus ducados a Henrique o Soberbio, que fora o seu rival pola coroa en 1138, outorgando o de Saxonia a Alberte o Oso e o de Baviera a Leopoldo I, arquiduque de Austria. Aínda que Henrique non reclamou a súa herdanza, porén Conrado devolveulle Saxonia en 1142 e, en 1156, Henrique volveu adquirir Baviera por decisión do novo emperador do Sacro Imperio, Frederico Barbarroxa (que era primo seu).
Accións de goberno e matrimonios
editarHenrique foi o fundador de Múnic en 1157-1158, de Lübeck en 1159 e de Schwerin en 1160; tamén fundou e desenvolveu as cidades de Stade, Luneburgo e Brunswick. Nesta última, a súa capital, fixo erixir un león de bronce, o seu animal heráldico, no patio do castelo Dankwarderode en 1166. Esta foi a primeira estatua de bronce ao norte dos Alpes. Posteriormente fixo construír a catedral de Brunswick cerca da estatua.
En 1147 Henrique casou con Clemencia de Zähringer, anexionando deste modo os seus territorios hereditarios en Suabia. Divorciouse dela en 1162, aparentemente debido á presión exercida polo emperador Frederico Barbarroxa, que non desexaba posesións güelfas no seu territorio particular, ofrecendo a Henrique a cambio diversas fortalezas en Saxonia.
En 1168 Enrique contraeu novo matrimonio con Matilde (1156–1189), filla de Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania e irmá de Ricardo Corazón de León.
Desencontro co emperador
editarEnrique apoiou con constancia e fidelidade o seu primo o emperador Barbarroxa nos seus posteriores intentos de consolidar a súa posesión da coroa Imperial e nas súas repetidas guerras coas cidades da Lombardía cos papas, cambiando o rumbo das batallas a favor de Frederico en diversas ocasións cos seus feros cabaleiros saxóns. Pero en 1174 Henrique non quixo axudar a Frederico na nova invasión da Lombardía, debido a que estaba preocupado por asegurar as súas propias fronteiras no leste e non consideraba que a aventura italiana merecese o esforzo, aínda cando Frederico lle ofreceu a rica cidade imperial de Goslar, no sur de Saxonia, como recompensa, un trofeo que Henrique ambicionaba desde había moito tempo.
A expedición de Frederico acabou nun resoante fracaso. Frederico Barbarroxa foi derrotado na famosa batalla de Legnano. Debido á súa deserción, Henrique foi xulgado tanto polo Lendrecht (dereito señorial) como polo Landrecht (dereito territorial). Aproveitando a hostilidade doutros príncipes alemáns cara a Henrique, que establera un estado poderoso e duradeiro que comprendía Saxonia, Baviera e substanciais territorios no norte e o leste de Alemaña, Frederico xulgou en 1180 a Henrique in absentia por insubordinación, nun tribunal formado por bispos e príncipes. Declarando que a lei Imperial invalidaba a lei alemá tradicional, despoxou a Henrique das súas terras e declarouno proscrito. Acto seguido Frederico invadiu Saxonia co seu exército Imperial. Os aliados de Henrique desertaron, e el, finalmente, tivo de someterse en novembro de 1181 ao Reichstag (Dieta) do Sacro Imperio de Erfurt. Henrique foi condenado tamén a exiliarse de Alemaña en 1182 durante un período de tres anos, durante os que permaneceu co seu sogro Henrique II de Inglaterra en Normandía, até que lle foi permitido regresar a Alemaña en 1185. Foi exiliado de novo en 1189, e a súa esposa Matilde faleceu naquel mesmo ano.
Últimos días
editarCando Frederico Barbarroxa acudiu á Cruzada de 1189, Henrique regresou a Saxonia, onde mobilizou un exército dos seus fieis e conquistou e saqueou a cidade de Bardowick en represalia pola súa deslealdade. Só as igrexas foron respectadas e deixadas en pé.
O fillo de Barbarroxa, Henrique VI, derrotou o duque de novo, pero en 1194, co seu fin xa próximo, Henrique o León fixo as paces co emperador, volvendo ás súas grandemente diminuídas terras nas proximidades de Brunswick, onde finalizou os seus días pacificamente como duque de Brunswick, patrocinando as artes e a arquitectura. Faleceu o 6 de agosto de 1195. Está enterrado na catedral de Brunswick.
Descendencia
editarHenrique o León tivo os seguintes fillos:
- Da súa primeira esposa, Clemencia de Zähringen:
- Xertrude (1155–1197), casada primeiro con Frederico IV de Suabia, fillo do emperador Conrado III, e posteriormente co rei Canuto VI de Dinamarca.
- Henrique, falecido neno a causa dunha caída dunha mesa.
- Richenza, falecida moza en 1168.
- Da súa segunda esposa, Matilde de Inglaterra:
- Richenza (1172–1209), casada primeiro con Godofredo II, Conde de Perche e despois con Enguerrad III, Señor de Coucy.
- Henrique V do Palatinado (1173–1227).
- Lotario (1174–1190), falecido sendo refén do emperador Frederico Barbarroxa.
- Odón IV, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e duque de Suabia (1177–1218).
- Guillerme, duque de Luneburgo (1184–1213).
- Tivo, ademais, unha filla ilexítima con Ida de Blieskastel:
- Matilde (1164–1219), casada con Henrique Borwin I de Mecklemburgo.
Devanceiros
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Emmerson 2013, p. 320.
- ↑ Cantù, Cesare (1855). Historia universal 6. Imp. de Gaspar y Roig. p. 758.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henrique o León |
Bibliografía
editar- Arnold, Benjamin (1966): "Henry the Lion and His Time", Journal of Medieval History, vol. 22, pp. 379–393.
- Calmette, Joseph (1951): Le Reich allemand au Moyen-Age. París: Payot.
- Emmerson, Richard K. (2013). Key Figures in Medieval Europe: An Encyclopedia. Routledge. ISBN 978-1136775185.
- Hampe, Karl (1973): Germany under the Salian and Hohenstaufen Emperors. Oxford (UK): Basil Blackwell Publishers. ISBN 0-631-14180-4.
- Jordan, Karl (1987):Henry the Lion. A Biography. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-821969-9.
- Werthschulte, Leila (2007): Heinrich der Löwe in Geschichte und Sage. Heidelberg: Universitätsverlag. ISBN 978-3-8253-5387-2.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Arnoldo de Lübeck (ca. 1150 - 1211 ou 1214): Crónica dos eslavos.
- Extracto bilingüe latín - francés no sitio de Philippe Remacle (1944-2011): ed. de 1788, en París.
- Outro extracto, tamén bilingüe latín - francés, no mesmo sitio: da obra de Joseph-François Michaud (1767-1839) Biblioteca das Cruzadas (Bibliothèque des Croisades, en 4 volumes, París, 1829), tomo III.