Héctor Castro

futbolista uruguaio

Héctor Castro, nado en Montevideo o 29 de novembro de 1904 e finado na mesma cidade o 15 de setembro de 1960, foi un futbolista e adestrador uruguaio, de orixe galega. Histórico dianteiro do Nacional de Montevideo, aos trece anos cortou accidentalmente o antebrazo dereito cunha serra eléctrica, polo que era coñecido como o Manco Castro e O divino manco. Foi un dos máximos goleadores da historia do club uruguaio, co que gañou tres veces o campionato de Primeira División.

Modelo:BiografíaHéctor Castro

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento29 de novembro de 1904 Editar o valor en Wikidata
Montevideo, Uruguai Editar o valor en Wikidata
Morte15 de setembro de 1960 Editar o valor en Wikidata (55 anos)
Montevideo, Uruguai Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1921 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaUruguai Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1923–1932   Club Nacional
1932–1933 Club Estudiantes de La Plata
1933–1936   Club Nacional 231(145)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1923–1935   Uruguai 25(18)
Participou en
xullo de 1930Mundial de Fútbol Uruguai 1930
1928Xogos Olímpicos de 1928 Editar o valor en Wikidata

FIFA: 47398 Editar o valor en Wikidata

Foi internacional coa selección uruguaia, coa que debutou na Copa América de 1926, saíndo campión. Gañou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1928 e en 1930 disputou a primeira edición da Copa do Mundo, sendo o primeiro uruguaio en marcar un gol. Anotou tamén un dos catro goles uruguaios na final contra a Arxentina, proclamándose campión do mundo.

Tivo unha destacada carreira como adestrador do Nacional, levándoo a gañar seis veces o campionato uruguaio, cinco delas de xeito consecutivo no chamado Quinquenio de Ouro entre 1939 e 1943. Durante esta época estableceu varias marcas que continúan vixentes, como as 32 vitorias consecutivas na Primeira División ou as 10 vitorias consecutivas no Clásico contra Peñarol.

Traxectoria

editar

Fillo de emigrantes galegos en Montevideo, comezou a traballar aos 10 anos de idade, e aos 13 cortou accidentalmente o antebrazo dereito cunha serra mecánica.[1][2]

Debutou na Primeira División en 1921, con 16 anos, no hoxe desaparecido Centro Atlético Lito.[3] As súas actuacións chamaron a atención do Nacional, que o fichou para a tempada 1924.[2] Alí compartiu dianteira con outros grandes atacantes da historia do club, como Pedro Petrone, Ángel Romano, ou os irmáns Carlos e Héctor Scarone, e conquistou a ese mesmo ano o seu primeiro campionato uruguaio.

Militou durante máis dunha década no club decano, cun breve paso en 1932 polo fútbol arxentino, xogando no Estudiantes de La Plata. No club platense compartiu equipo entre outros con Alejandro Scopelli, Manuel Ferreira e Enrique Guaita, e marcou 9 goles no campionato arxentino.

Regresou ao ano seguinte ao Nacional, onde formou na dianteira entre outros con Pedro Cea e Aníbal Ciocca. O equipo rematou o campionato empatado na primeira posición co seu máximo rival histórico, o Peñarol, polo que se disputou un partido de desempate. Dito encontro foi suspendido antes do final e retomado tres meses despois, pero acabou en empate a cero goles, despois de dúas prórrogas de media hora cada unha. Xogouse un novo encontro, que volveu acabar sen goles despois das dúas prórrogas. Finalmente, no terceiro partido de desempate, o Nacional fíxose co título cun triplete de Héctor Castro no Estadio Centenario (3-2).[4] Ao ano seguinte o club revalidou o título, sendo a terceiro e última coroa para Castro.

Retirouse no Nacional en 1936, como un dos máximos goleadores da historia do club, con 146 tantos. Ocupa na actualidade o décimo posto na táboa de máximos goleadores do Nacional e o noveno na Primeira División Uruguaia, con 109 goles.

Selección nacional

editar

Foi internacional coa selección do Uruguai entre 1926 e 1935, xogando un total de 23 encontros e marcando 15 goles. O seu debut produciuse na Copa América de 1926, disputada en Chile. Marcou no seu primeiro partido, contra a selección anfitrioa e tamén no segundo contra a Arxentina. No derradeiro partido contra Paraguai marcoulle catro goles ao gardameta Modesto Denis, compañeiro seu no Nacional, proclamándose campión do torneo. Quedou subcampión na seguinte Copa América, en 1927, e ao ano seguinte viaxou a Ámsterdam para disputar os Xogos Olímpicos, onde marcou un gol contra Alemaña e regresou coa medalla de ouro.[5]

 
Héctor Castro coa selección uruguaia nos Xogos Olímpicos de 1928 en Ámsterdam (agachado, sostendo o balón)

Foi o primeiro xogador uruguaio en marcar un gol nunha Copa do Mundo. Foi no primeiro partido do seu equipo no Mundial de 1930, disputado no Uruguai, encontro no que o seu equipo derrotou ao Perú por 1-0, cun gol seu dun potente disparo desde dezaseis metros que superou ao gardameta Jorge Padrón.[6][2] Ademais foi o primeiro gol anotado no histórico Estadio Centenario. Marcou tamén o último gol do Mundial, no minuto 89 da gran final que enfrontaba ao seu equipo co da Arxentina, cabeceando un centro do seu compañeiro Pablo Dorado e colocando o 4-2 definitivo que lle daba a vitoria á selección uruguaia.

En 1935 conquistou a súa segunda Copa América, marcando dous goles, e uns meses despois vestiu por derradeira vez a camiseta da selección uruguaia, nun partido da Copa Juan Mignaburu contra a Arxentina en Buenos Aires.

Como adestrador

editar

Despois da súa retirada, exerceu como adestrador no Nacional. Dirixiu o equipo durante o chamado Quinquenio de Ouro, gañando un total de cinco campionatos uruguaios consecutivos, feito inédito ata aquel momento e aínda non superado. No primeiro deles, o de 1939, comezou como axudante técnico do escocés William Reaside, que acabou o campionato empatado na primeira posición co Peñarol. Castro dirixiu o equipo no partido de desempate, no que o Nacional gañou 3-2, grazas a dous goles na prórroga de Tomaso Luis Volpi e Atilio García.

 
Selección uruguaia campioa do Mundial de 1930 (Castro abaixado, no centro)

A continuación gañou os campionatos de 1940, 1941, 1942 e 1943, case todos con gran superioridade. Destacaron o de 1940, que Nacional gañou con 10 puntos de vantaxe sobre o subcampión, Rampla Juniors,[7] e o de 1941, no que o equipo gañou todos os encontros e conquistou o título a falta de catro xornadas, meténdolle ademais un histórico 6-0 ao Peñarol na maior goleada da historia dos clásicos.[8][9] Neses anos o equipo de Castro estableceu outras dúas marcas que continúan vixentes: a de maior número de vitorias consecutivas no campionato uruguaio (32) e a de maior número de clásicos gañados no campionato uruguaio de xeito consecutivo (10). Estivo a piques de gañar un sexto campionato consecutivo en 1944, pero despois de acabar empatado a puntos na primeira posición con Peñarol, e de empatar no primeiro partido de desempate, perdeu na repetición deste por 3-2.[10]

Deixou o club en 1945, pero regresou en 1952, conquistando o seu sexto campionato. É o adestrador con máis títulos nacionais na historia do club e o adestrador con máis títulos da historia do Campionato Uruguaio, empatado con Hugo Bagnulo.

En 1959 a Asociación Uruguaia de Fútbol elixiuno para dirixir á selección nacional na Copa América, sendo esta a súa segunda etapa á fronte da selección, á que xa dirixira sen moito éxito nalgúns amigables entre 1943 e 1944. No primeiro encontro do torneo goleou por 7-0 á selección boliviana, pero só conseguiu unha vitoria máis, contra Paraguai, perdendo todos os demais partidos, contra o Perú, a Arxentina, Chile e o Brasil de Pelé, que se coroou campión.

Morreu en 1960 aos 55 anos, por mor dun infarto de miocardio.[2]

Participacións en Copas do Mundo

editar
Mundial Sede Resultado Partidos Goles
Copa do Mundo de 1930   Uruguai Campión 2 2

Participacións en Xogos Olímpicos

editar
Xogos Sede Resultado Partidos Goles
Xogos Olímpicos de 1928   Ámsterdam Campión 2 1

Participacións en Copas América

editar
Copa Sede Resultado Partidos Goles
Copa América 1926   Chile Campión 4 6
Copa América 1927   Perú Subcampión 3 2
Copa América de 1929   Arxentina Terceiro posto 3 0
Copa América de 1935   Perú Campión 3 2
  1. Casado, Edu (21 de febreiro de 2014). "Quién fue… Héctor Castro, 'El Divino Manco'" (en castelán). Consultado o 18 de xullo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ardila, Alberto. "La formidable audacia del ‘Divino Manco’" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  3. "El "˜Divino Manco', autor del primer gol uruguayo en un mundial" (en castelán). 4 de febreiro de 2018. Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  4. "Campionato uruguaio de 1933". RSSSF (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  5. "Xogos Olímpicos de 1928". FIFA (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  6. "Uruguai - Perú 1930". FIFA (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  7. "Campionato uruguaio de 1940". RSSSF (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  8. "Campionato uruguaio de 1941". RSSSF (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  9. Taborda, Juan Pablo (19 de decembro de 2018). "Diciembre de 1941: Nacional logró la mayor goleada en la historia de los clásicos" (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  10. "Campionato uruguaio de 1944". RSSSF (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2021. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar