Ocelote

especie da familia Felidae
(Redirección desde «Felis pardalis»)

O ocelote[2][3] (do náhuatl océlotl) (Leopardus pardalis, noutrora Felis pardalis) é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos (Felidae), de tamaño mediano, corpo esvelto, rabo longo e pelame amarelado con tacas escuras (utilizada en peletaría), que vive en que vive nas zonas boscosas de México e América Central e do Sur.[4] Caza á noite. Diferénciase en numerosas subespecies.[5]

Ocelote
Leopardus pardalis
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Xénero: Leopardus
Especie: L. pardalis
Linné, 1758
Distribución do ocelote nas Américas
Distribución do ocelote nas Américas

Distribución do ocelote nas Américas
Subespecies
Véxase no texto

Nome común editar

 
Figura mochica desta especie 200 a. C. Museo Larco, Lima, Perú.

O ocelote coñécese nas súas zonas de orixe con variedade de nomes como:jaguarcito (Chaco), manigordo (Costa Rica e Panamá), cunaguaro (en Venezuela), tigrillo (en Colombia, México, Ecuador, O Salvador e o Perú), tigrecillo ou gato montés (en Bolivia e México), jaguatirica (en tupí jaguara (jaguar) + tyryk (agocharse)) (no Brasil), jaguarete´i ou mbarakaja (en guaraní "pequeno jaguarete" ou "gato" respectivamente) (no Paraguai), e gato onza (na Arxentina). Cómpre salientar que os nomes de ocelote e de tigre son compartidos, segundo as zonas, co distinto e moito maior félido chamado usualmente xaguar (Panthera onca).

Descrición editar

 
Ocelote

O ocelote é unha especie de felino de mediano tamaño, cunha lonxitude de testa e corpo de 70 – 90 cm, cola relativamente curta (30–40 cm, un 45% da lonxitude de testa e corpo) e un peso na contorna dos 11 kg. Posúen grandes orellas e gran sentido do ouvido, cuns ollos grandes e expresivos. As extremidades anteriores teñen cinco dedas e as posteriores catro; as poutas están provistas de almofadas, que permiten ao animal camiñar sen facer ruído, e con unllas longas, afiadas e completamente retráctiles, isto resúltalle moi útil cando non é necesario utilizalas como, por exemplo, ao correr, e evitar, deste xeito, a súa deterioración. Os seus ollos están moi ben adaptados aos cambios de luminosidade: as meniñas contráense até formar unha fina e negra liña vertical durante os días de moita luz, mais ábrense e redondéanse en situacións de escuridade.

A súa fórmula dentaria é a seguinte: 3/3, 1/1, 2-3/2, 1/1 = 28-30.[6]

Distribución editar

 
Ocelote en Bolivia

O ocelote está presente dende o sur dos Estados Unidos cara ao sur, en todos os países das Américas continentais, o norte da Arxentina e do Uruguai.

Hábitat editar

Presenta unha gran versatilidade no uso do hábitat podendo morar en selvas húmidas, zonas montañosas e até semidesérticas, o seu hábitat esténdese desde Texas á Arxentina. Son de hábitos nocturnos, pasando a maior parte do día a durmir nas pólas das árbores ou agochados entre a vexetación. É de hábitos solitarios. Tende a emboscar ás súas presas.

Comportamento editar

Reprodución editar

Acadan a madureza sexual a partir dos 2 anos.[6] Tras un período de xestación que oscila entre os 72 e 82 días, as femias paren dunha a dúas crías, excepcionalmente tres ou catro.[6] Ao naceren pesan uns 250 g e non abren os seus ollos até 15 ou 18 días máis tarde.[7] En catividade estímaselle unha lonxevidade duns 20 anos; é posíbel que sexa moito máis curta na natureza.

Alimentación editar

Aliméntase de mamíferos medianos e miúdos; coma sarigüés, macacos, morcegos, coellos e mesmo cervos adultos e outros. Tamén comen réptiles (caimáns novos, lagartos e serpes) e os ovos das tartarugas. Cazan aves e algúns son bos pescadores. Ademais, rexistráronse casos de canibalismo.[6] Cazan en solitario ou en grupos familiares, e o éxito da captura dependerá especialmente da vista e do ouvido; o olfacto tamén está moi desenvolvido, pero este adóitano empregar no exame da presa e no recoñecemento do territorio marcado con ouriños por outros machos da especie. As técnicas empregadas para cazar son variadas: nuns casos axexan á presa e, noutros, agardan agochados para se lanzaren despois por sorpresa sobre as súas vítimas.

Subespecies editar

Coñécense 10 subespecies de ocelote:[5]

Conservación editar

A destrución do seu hábitat é a principal ameaza para a súa sobrevivencia. Ademais, este animal procúrase por cazadores furtivos co obxectivo de comercializar a súa pel, en razón dos valores estéticos que a mesma posúe.

Notas editar

  1. Caso, A., López-González, C., Payan, E., Eizirik, E., de Oliveira, T., Leite-Pitman, R., Kelly, M. & Valderrama, C. (2008). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ocelote.
  3. Nome galego en Portal das Palabras da RAG.
  4. Fonte: Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Ed. do Cumio, 1999
  5. 5,0 5,1 Groves, Colin (2005).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Murray, J. L. e Gardner, G. L. (1997). "Leopardus pardalis". Mammalian Species (American Society of Mammalogists) (548): 1–10. 
  7. Sunquist, M. e Sunquist, F. (2002). Wild Cats of the World (en inglés). Chicago, EE. UU.: University of Chicago Press. p. 452. ISBN 9780226779997. 

Ligazóns externas editar