Frederico Henrique de Orange-Nassau

(Redirección desde «Federico Henrique de Nassau»)

Frederico Henrique de Orange-Nassau,[1] nado o 29 de xaneiro de 1584 na cidade surholandesa de Delft e finado na Haia o 14 de marzo de 1647, foi un capitán e almirante xeral das Provincias Unidas, Príncipe de Orange, Conde de Nassau e estatúder de Zelandia, de Güeldres, de Utrecht, de Overijssel e de Drenthe.[2]

Frederico Henrique de Orange-Nassau
Frederik Hendrik van Oranje-Nassau
Príncipe de Orange
Estatúder de Zelandia, Güeldres, Utrecht, Overijssel e Drenthe
PredecesorMauricio de Nassau
SucesorGuillerme II de Orange-Nassau

ReinadoFilipe II de España
Nacemento29 de xaneiro de 1584
Delft, Provincias Unidas dos Países Baixos
Falecemento14 de marzo de 1647 (63 anos)
A Haia, Provincias Unidas dos Países Baixos
Casa realCasa de Orange-Nassau
ProxenitoresGuillerme I de Orange-Nassau
Luísa de Coligni

Escudo de Frederico Henrique de Orange-Nassau
Na rede
WikiTree: Oranje-Nassau-17

Traxectoria editar

 
Frederico Henrique nun gravado de 1602

Foi o seu irmán máis vello, Mauricio de Nassau, quen garantiu a educación de Frederico Henrique de Orange-Nassau[3]. A súa vida xuvenil estivo moi marcada pola rigorosa formación como militar dentro das forzas armadas neerlandesas, que se estendeu ata pasada a idade de corenta anos.[4] A súa nai, no entanto, contratou como titor do seu fillo a Van der Does de Zoon, quen permaneceu con el durante dous anos. Aos 41 anos casou coa condesa Amalia von Solms-Braundels, en 1625.

Tras a morte do seu irmán, que ocorreu no mesmo ano do seu casamento, Frederico Henrique herdou os cargos de estatúder en cinco das sete provincias (Holanda, Zelandia, Utrecht, Overijssel e Güeldres) e sucedeuno tamén como capitán e almirante das Provincias Unidas.

Frederico Henrique de Orange-Nassau amosou grandes habilidades como militar e tamén como político e home de estado. Durante os vinte e dous anos queestivo ao servizo dos Estados Xerais das Provincvias Unidas, levou ao máximo apoxeo os territorios que gobernaba. Este período, que se estendeu ata os inicios do século XVIII, foi descrito polos historiadores neerlandeses como a "idade de ouro das Provincias Unidas", marcada por grandes vitorias militares, pola expansión marítima e do comercio internacional, e por grande desenvolvemento da cultura nacional.

As súas fazañas militares foron numerosas, comezando polo asedio de Groenlo en 1627 e o de 's-Hertogenbosch en 1629, seguidos polo fracaso en Dunkerque en 1631. O asedio de Maastricht en 1632), a vitoria en Schenkenschanz en 1636, e os asedios de Breda en 1637 e de Hulst en 1645 completan a serie de vitorias militares do estatúder.

En todo o período do seu goberno, a súa alianza con Francia foi a base da súa política exterior pero, ao final da súa vida, escolleu sacrificar esta alianza para asinar por separado un acordo de paz con España, que en 1648 recoñeceu a independencia das Provincias Unidas.[5]

Frederico Henrique de Orange-Nassau morreu, aos 63 anos, o 14 de marzo de 1647. Foi soterrado na súa vila natal de Delft, logo duns funerais moi suntuosos, de cuxa procesión quedou testemuño nun cadro de Pieter Post, Pieter Nolpe e Nicolaes van Ravesteyn, pintado en 1651, onde se nomean 115 asistentes aos actos fúnebres.

Frederico Henrique de Orange-Nassau pertenceu á segunda rama da Casa de Nassau, da que tamén procede Guillerme III de Orange-Nassau, Príncipe de Orange e Rei de Inglaterra e de Escocia.[6]

Títulos editar

Familia editar

Fillo de Guillerme I de Orange-Nassau, naceu seis meses antes do asasinato deste na súa residencia nesa cidade, que hoxe se coñece como Prisenhof. A súa nai, Louise de Coligny (a cuarta muller de Guillerme I), era a filla dun almirante hugonote.

Do seu matrimonio con Amalia von Solms-Braundels naceron nove fillos, dos que catro non chegaron á maioría de idade:


 

Gravado coa escena das honras fúnebres de Frederico Henrique de Orange-Nassau


Notas editar

  1. "Frederico na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  2. "Frederick Henry, prince of Orange, count of Nassau". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
  3. A súa nai, no entanto, contratou como titor do seu fillo a Van der Does de Zoon, quen permaneceu con el durante dous anos.
  4. Herbert H. Rowen (1988). Páxina 59.
  5. Israel (1998). Páxinas 506-545.
  6. "Frederick Henry, Prince of Orange Arquivado 13 de xuño de 2010 en Wayback Machine.". En The Cambridge Modern History. Cambrudge University Press. Cambridge. 1907 (en inglés)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Herbert H. Rowen. The Princes of Orange: The Stadholders in the Dutch Republic. Cambridge, Cambridge University Press, 1988. [ISBN 978-0-52134-525-5] (en inglés)
  • Israel, Jonathan I. The Dutch Republic: Its Rise, Greatness, and Fall 1477-1806, 1998. [ISBN 978-0-19820-734-4] (en inglés)