Estruga maior

especie botánica

A estruga maior ou ortiga maior[1] (Urtica dioica L.),  é a planta máis común do xénero Urtica da familia das Urticaceae. Acada entre 50 e 150 cm. e a característica máis coñecida desta planta é a presenza de pelos urticantes cuxo líquido cáustico (acetilcolina) produce unha irritación con proído intenso na pel cando se toca ou roza. Ten o talo de sección cadrada, follas ovais, co bordo aserrado, as súas flores son miúdas, unisexuais, inconspicuas e agrupadas en glomérulos.

É común en Galiza.

Taxonomía editar

A taxonomía da estruga maior no xénero Urtica foi confusa, e as fontes antigas eran dadas a usar unha gran variedade de nomes sistemáticos para estas plantas. Anteriormente, eran recoñecidas máis especies das que son actualmente aceptadas. Con todo hai finalmente cinco claras subespecies, algunhas clasificadas anteriormente como especies:

  • Urtica dioica subsp. dioica (estruga maior europea): Europa, Asia, África do Norte
  • Urtica dioica subsp. afghanica: Suroeste e Asia central.
  • Urtica dioica subsp. gansuensis (C.J.Chen): Leste de Asia (China)
  • Urtica dioica subsp. gracilis (Aiton) Selander (estruga maior americana): América do Norte
  • Urtica dioica subsp. holosericea (Nutt.) Thorne (estruga pilosa): América do Norte.
 
Un exemplar novo da estruga maior europea, a que atopamos en Galiza.

Descrición  editar

A estruga é gamallo perenne, dioico, de aspecto basto e que pode alcanzar até 1,5 m de altura.

É característico desta planta posuír uns pelos urticantes que teñen a forma de pequenas bochas cheas dun líquido irritante que ao contacto coa pel producen unha lesión e verten o seu contido (ácido fórmico, resina, histamina e unha substancia proteínica descoñecida) sobre ela, provocando broullas, coceira e proído. Este proído débese á acción do ácido fórmico, composto do que contén unha gran cantidade. Estes pelos son moi duros e febles na punta, polo que é de abondo o rozamento para provocar a súa rotura.

A raíz, é moi rica en taninos, que lle confiren unha acción adstrinxente.

Posúe un talo avermellado ou amarelado, ergueito, cuadrangular, ramificado e baleirado nos entrenós. Está dotado en todos os nós de parellas de follas, e está recuberto de pelos urticantes.

As follas son de figura ovalada, rugosas, aserradas, rematadas en punta, e de até 15 cm. Son cor verde escura. Atópanse opostas e tamén están provistas, do mesmo xeito que o talo, dos pelos que a caracterizan.

Florea do mes de xullo en diante. As flores son verde amareladas con estames amarelos, reunidas en panículas pendulares, asilares e terminais. Normalmente son unisexuais, pequenas e dispostas en acios pénsiles de até 10 cm; e as femininas atópanse en longos amentos pénsiles e as masculinas en inflorencencias máis curtas.

Os seus froitos son aquenios (cápsulas) e secos.

 
Detalle do talo e pelos urticantes da estruga maior europea.

Historia editar

A estruga é unha especie cuxas follas eran xa citadas nos tratados medievais coma menciña nos estados asociados a un déficit na diurese. Con todo, desde hai vinte anos as súas partes subterráneas (raíces e rizomas) son obxecto de interese no tratamento da hiperplasia benigna de próstata (HBP), tal e como puxeron de manifesto os numerosos traballos de investigación realizados sobre elas. Ditas pescudas permitiron acceder ao coñecemento dos seus máis importantes principios activos e á súa actuación sobre algúns dos factores implicados na aparición da HBP. Por outra banda, os máis recentes ensaios clínicos realizados con extractos normalizados de estruga indican un efecto positivo sobre os síntomas urinarios asociados á HBP. A iso engádese a gran tolerancia cara aos preparados elaborados coas partes subterráneas, xa que en ensaios a seis meses só un 0,7 por cento dos pacientes amosou efectos secundarios, de escasa gravidade en todos os casos.

 
Detalle dos amentos florais da Urtica dioica.

Principios activos editar

Composición editar

Composición química: contén flavonoides (de acción antioxidante e antinflamatoria), sales minerais, ácidos orgánicos, pro vitamina A e C, mucilaxe, ácido fórmico, clorofila, taninos, resina, silicio, acetilcolina, potasio, glucoquininas e unha gran cantidade de clorofila (de aí a súa cor verde escura e intensa), histamina e serotonina.

A planta tamén posúe unha substancia chamada secretina, que é un dos mellores estimulantes das secreciones estomacais, do páncreas e da bile, así como dos movementos peristálticos do intestino.

 
Ilustración da Urtica dioica.

Tamén contén clorofila e ácidos orgánicos, aos que se debe o seu marcado efecto diurético e uricosúrico.[2] Propiedades da estruga comprobadas cientificamente: os extractos son li­xeiramente hipoglucemiantes. Ten pro­piedades bactericidas e efectos favorábeis nos tratamentos das afeccións da pel (Príhoda, 1990; Wren, 1994).

Uso medicinal aprobado pola Co­misión Revisora de Produtos Farmacéuticos: rubefaciente

Distribución e hábitat editar

A estruga maior é cosmopolita, medra en rexións altas, e vai desde o Xapón até os Andes. Na Península Ibérica é moi abundante na Cordilleira cantábrica. É abundante en Galiza.

Podémola atopar en calquera lugar onde moren persoas ou gando (disque vai tras del). Medra en solo húmidos e ricos en azote, en currais, en hortas, ao longo dos beirís dos camiños e corredoiras, de muros de pedra, nas leiras ou na montaña etc.

Recolleita editar

Apáñase a planta enteira, dependendo do uso que se lle vaia a destinar. Pode utilizarse seca ou recentemente apañada. En fitoterapia, os naturistas aconsellan colleitar as unidades floridas (herba urticae), ou simplemente as follas (folium urticae) dos talos novos. Para levar a colla a bo fin, procédese antes da floración, e o enxugado debe de realizarse o máis axiña posíbel.

 
Exemplares adultos de Urtica dioica.

Con fins medicinais colleitarase nos meses de maio, xuño, xullo e agosto aínda que pode colleitarse ao longo de todo o ano. Con fins alimenticios, apáñase en calquera período. Polo seu poder urticante débese colleitar con luvas e córtanse só os talos novos e sans. As raíces colléitanse na primavera (marzo) e no outono (novembro). Antes da aparición das flores, a planta é máis tenra. As follas vellas non se deben usar debido a que son moi irritantes e tóxicas para o ril.

Conservación editar

Enxúgase á sombra, ventilada e ben estendida. Unha vez seca, deixa de ser urticante, gárdanse só as follas e pódense esmagar ou esmiúzar para a súa conservación. Deste xeito continúase gozando dos seus beneficios no inverno, momento no que é imposíbel atopalas frescas.

Partes utilizadas editar

  • Utilízase a raíz e a planta enteira. Tamén se usa a planta fresca.
  • Principalmente as follas (Urticae folium/herba), aínda que tamén se poden utilizar as raíces (Urticae radix)
  • As raíces, ademais das da Urtica dioica L., son tamén beneficiosas as da estruga menor (Urtica urens L.), ou especies híbridas de ambas as dúas, obtidas durante o período de floración.
  • Popularmente tamén se empregan os froitos (Urticae fructus)

Propiedades editar

Malia ter esta planta má fama, as súas virtudes son moitas e moi beneficiosas para a saúde.

Propiedades nutritivas editar

Nutricionalmente é de grande importancia pola súa riqueza en sales minerais e vitaminas. As estrugas conteñen vitamina A e C, ferro, ácido salicílico e proteínas.

Propiedades medicinais editar

Á parte de nutritiva, ten gran cantidade de propiedades medicinais:

  • Analxésica
  • Antialérxica
  • Antianémica
  • Antigotosa
  • Antihistamínica
  • Antiinflamatoria
  • Antirreumática
  • Adstrinxente
  • Colagoga
  • Depurativa
  • Diurética
  • Galactogoga
  • Hemostática
  • Hipoglicemiante
  • Rem
  • Uricosúrico

Propiedades téxtiles editar

A súa fibra é utilizada de xeito semellante ao liño.

Contraindicacións editar

• Evitar en caso de edemas orixinados por insuficiencia renal ou cardíaca.

• Non usar como tintura alcólica en nenos menores de dous anos e en persoas en proceso de desintoxicación alcólica.

• Como remedio diurético debe ser evitado por persoas con problemas de hipertensión arterial, cardiopatías ou insuficiencia renal, agás por descrición e baixo control médico.

• A inxesta de 20 ou 30 sementes produce un efecto purgante drástico.

Uso gastronómico editar

As follas desta planta son un dos ingredientes do preboggion, mestura de herbas típica da cociña da Liguria.

Efectos secundarios editar

  • As follas frescas teñen unha acción fortemente irritante sobre a pel (urticante), con produción dunha pápula e sensación de coceira, proído e queimadura.
  • A raíz, ocasionalmente pode producir molestias gástricas e reaccións alérxicas cutáneas.
  • A cocedura das raíces pode irritar a mucosa gástrica.

Os preparados de Urtica dioica están exentos de toxicidade tanto aguda como crónica.

Citoloxía editar

Números cromosomáticos de Urtica dioica (Fam. Urticaceae) e táxones infraespecíficos: 2n=52.[3]

Sinonimia editar

  • Urtica dioica var. hispida (DC.) Gren. in Gren. & Godr., Fl. France 3: 108 (1855)
  • Urtica hispida DC. in Lam. & DC., Fl. Franç. ed. 3 5: 355 (1815)
  • Urtica javalambrensis Pau in ??? , nom. nud[4].

Nome común editar

  • Galego: estruga maior, ortiga maior, ortigón, herba do cego, entruga, ortega, urtiga maior, estrúa[5].

Notas editar

  1. Nomes vulagres galegos: E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
  2. Vanaclocha, Bernat (2003). Fitoterapia (en castelán) (4ª ed.). Elsevier. p. 844. ISBN 8445812203. 
  3. Löve & Kjellqvist (1974), p. 5
  4. "Sinónimos de Urtica dioica L.". floraiberica.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29-05-2020. Consultado o 23-12-2019. 
  5. Nomes vulgares galegos:  E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar