Walter Bache

Pianista e compositor británico

Walter Bache, nado en Birmingham o 19 de xuño de 1842 e finado en Londres o 26 de marzo de 1888 foi un pianista e director de orquestra británico, destacado pola súa defensa da música de Franz Liszt e outros membros da Nova Escola Alemá en Inglaterra. Estudou de xeito privado con Liszt en Italia entre 1863 e 1865, sendo un dos poucos alumnos aos que llo permitiu, e continuou asistindo regularmente a clases maxistrais con el en Weimar (Alemaña) ata 1885, mesmo despois de iniciar a súa carreira como solista. Este período de estudo non foi igualado por ningún outro alumno de Liszt e deu lugar a un vínculo particularmente estreito entre ambos. Logo das dúbidas iniciais por parte dos críticos ingleses debido a que era alumno de Liszt, Bache foi aclamado publicamente pola súa destreza ao teclado,[1] mesmo cando partes do seu repertorio foran cuestionadas.[2]

Infotaula de personaWalter Bache

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento19 de xuño de 1842 Editar o valor em Wikidata
Birmingham Editar o valor em Wikidata
Morte26 de marzo de 1888 Editar o valor em Wikidata (45 anos)
Londres Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
EducaciónEscola Superior de música e arte dramática Felix Mendelssohn Bartholdy (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndirector de orquestra , profesor de música , pianista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorRoyal Academy of Music Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoMúsica clásica Editar o valor em Wikidata
ProfesoresMoritz Hauptmann (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
InstrumentoPiano Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiSamuel Bache (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsFrancis Edward Bache (pt) Traducir e Constance Bache (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 9667591b-4cb5-455b-9238-722ab0ca49e7 IMSLP: Category:Bache,_Walter WikiTree: Bache-168 Editar o valor em Wikidata

O seu principal logro foi o establecemento da música de Liszt en Inglaterra, ao que se adicou desinteresadamente entre 1865 e a súa morte en 1888.[3] Isto sucedeu cando a Guerra dos románticos estaba no seu apoxeo, cando as faccións musicais conservadoras e liberais discutían abertamente sobre o futuro da música clásica e os méritos das composicións escritas nas súas respectivas escolas. Bache programou varias das obras orquestrais e corais a través dunha serie anual de concertos, que financiou, organizou e promoveu en solitario. Do mesmo xeito, deu unha serie anual de recitais que incorporaba música para piano de Liszt.[4]

A estratexia de Bache para a presentación destas obras foi a de familiarizar o público con elas.[5][6] Interpretou os arranxos para piano de dúas das obras orquestrais de Liszt antes da estrea da versión orixinal e programou algúns dos poemas sinfónicos do compositor húngaro pouco despois de que foran estreados en The Crystal Palace. Tamén proporcionou notas de programa informativas e expertas, escritas polos principais analistas musicais e amigos íntimos no círculo de Liszt. A prensa musical inglesa, aínda que era en xeral hostil á música que presentou, sinalou e agradeceu os esforzos de Bache. Liszt mostrouse agradecido, xa que sen Bache, segundo recoñeceu, a súa música non podería ter acadado o punto de apoio que logrou.[7]

Traxectoria editar

Infancia e adolescencia editar

 
Walter Bache como estudante da Universidade de Leipzig.

Walter Bache naceu o 19 de xuño de 1842 en Birmingham (Reino Unido). Foi o segundo fillo do coñecido ministro unitario Samuel Bache, que dirixía unha escola privada xunto coa súa muller, Emily Higginson.[8] O seu irmán máis vello, Francis Edward Bache, foi compositor e organista, mentres que a súa irmá, Constance Bache, foi compositora, pianista e profesora e, posteriormente, escribiu a biografía conxunta de ambos os irmáns co título Brother Musicians (Irmáns músicos). Recibiu certa educación musical rudimentaria na escola de seu pai, mais seguiu sendo un rapaz despreocupado, mediocre e festeiro ata que seguiu os pasos de seu irán Edward.[9] Como Edward, estudou co organista de Birmingham James Stimpson e, en agosto de 1858, cando tiña dezaseis anos, ingresou no Conservatorio de Leipzig. Supúñase que seu pai o acompañaría á universidade, mais non puido facelo porque tivo que coidar a Edward, que estaba morrendo de tuberculose. Con determinación, fixo a viaxe pola súa conta, un dos primeiros indicios da súa independencia.[8]

En Leipzig, Bache estudou piano con Ignaz Moscheles e composición con Carl Reinecke. Tamén estableceu amizade co seu compañeiro Arthur Sullivan, de quen escribiu «non pode tocar ben, pero [...] ten escrito algunhas cousas que creo mostran o seu gran talento».[10] Outro compañeiro de estudos de Bache que o coñecía ben, aínda que non tiveron unha relación especialmente próxima, foi Edvard Grieg.[11] Aínda que na cidade pasaran os días de gloria que experimentara baixo a influencia de Felix Mendelssohn,[12] resultou útil para Bache a exposición a artistas como Pauline Viardot-García, Giulia Grisi, Joseph Joachim e Henri Vieuxtemps e á música de Ludwig van Beethoven, Vincenzo Bellini, Frédéric Chopin, Moritz Hauptmann e Mendelssohn.[13] Adicouse aos seus estudos de piano, mais dende o seu punto de vista perdeu moito tempo en Leipzig e careceu de rumbo.[10][8] En Brother Musicians, Constance cita a «un músico de grande importancia», un integrante do seu círculo de amigos (posiblemente Sullivan ou o pianista Franklin Taylor)[13] quen explicou: «Vostede non viu que en Leipzig ninguén fora obrigado a traballar, alí non había unha particular supervisión; e sempre había moito que facer, no ámbito do entretemento, para os menos enérxicos. No que se refire ao meu recordo de Bache, nesa época adoitaba traballar aos tombos, facendo con frecuencia resolucións excelentes, cuxo efecto non duraba moitos días».[14]

Ao finalizar os seus estudos de piano en decembro de 1861, cando tiña dezanove anos, viaxou a Italia e estableceuse en Milán e Florencia, coa intención de somerxerse na cultura italiana antes de volver a Inglaterra.[15] En Florencia coñeceu a Jessie Laussot, «que fundara unha florecente sociedade musical na cidade [...] e estaba intimamente familiarizada con Liszt, Wagner, Hans von Bülow e outros músicos destacados».[8] Se ben Laussot permaneceu amablemente disposta cara a Bache, tamén se decatou rapidamente do seu carácter despreocupado e decidiu axudarlle. Animouno a ensinar harmonía, ademais de piano e, a continuación, concertou unha clase de harmonía para a que se reunía pola mañá cedo nalgún lugar lonxe da cidade, o que o obrigaba a non permanecer moito tempo durmido.[16] Facilitou o seu camiño cara á alta sociedade[13] e tamén suxeriulle, logo de oílo interpretar en varios concertos locais, que viaxara a Roma para coñecer a Liszt.[8] Con todo, insistiu en que Bache debía viaxar sen ningunha carta de recomendación súa, porque quería que o compositor húngaro o xulgara unicamente polos seus propios méritos.[17]

Estudos con Liszt editar

 
Walter Bache converteuse en alumno de Franz Liszt en Roma en 1863.

Bache chegou a Roma en xuño de 1862. Despois de certa confusión inicial (Liszt creu erroneamente que Bache, que estaba nervioso e coa lingua trabada, era alguén que quería pedirlle cartos),[15][18] o compositor húngaro deulle a benvida ao inglés. Recibiu dúas ou tres leccións improvisadas; entre elas, algunhas actuacións de música de cámara, grazas á recomendación de Liszt. Finalmente, o húngaro suxeriu que se Bache estaba disposto a trasladarse a Roma o ano seguinte, aceptaríao como alumno.[18] Tendo en conta «a maior vantaxe posible que podía ter»,[19] Walter escribiu a Constance:

I hope I have not exaggerated in talking about Liszt; he won't make me anything wonderful, so that I can come home and set the Thames on fire—not at all, so don't expect it; but—his readings or interpretations are greater and higher than anyone else's; if I can spend some time with him and go through a good deal of music with him, I shall pick up at least a great deal of his ideas;[...] The two or three lessons I had of him this summer showed me what an immensity I might learn.[20]
Espero non ter exaxerado ao falar sobre Liszt; non vai facerme nada marabilloso, de xeito que poida volver a casa e triunfar —en absoluto, así que non o esperes; pero— as súas lecturas ou interpretacións son mellores e de maior calidade que as de calquera outro; se puidera pasar algún tempo con el e analizara gran cantidade de música con el, podería captar canto menos gran parte das súas ideas; [...] As dúas ou tres leccións que me impartiu este verán mostráronme que inmensidade podería aprender.

Logo dunha visita a Birmingham, Bache trasladouse a Roma en 1863, cidade na que viviu durante os seguintes dous anos. Alí recibiu leccións privadas de Liszt, sendo un dos poucos privilexiados que puido facelo; a maioría dos alumnos do compositor húngaro só asistiron ás súas clases maxistrais. Tamén escoitou a Liszt interpretar a súa propia música en numerosas ocasións en salóns privados, incluíndo unha daquela estraña interpretación da Sonata para piano en si menor. Liszt axudouno a prepararse para varios concertos en Roma e animouno a aprender algunhas pezas difíciles que Bache inicialmente cría incapaz de interpretar; esas pezas incluían unha transcrición do propio Liszt do vals de Faust de Charles Gounod e o vals «Patineurs» da ópera Le prophète de Giacomo Meyerbeer.[21] Estas leccións, a amabilidade coa que Liszt mostrábase continuamente e, en xeral, a exposición de Bache cara ao compositor húngaro, convertérona nunha experiencia decisiva na súa vida.[22][23] Liszt esperaba que Bache traballara duro e este aplicou todo o seu empeño nos seus estudos de teclado.[18] O mesmo «músico de grande importancia» que citaba Constance sobre os anos de Walter en Leipzig tamén afirmou que «non podía haber dúbidas de que foi a súa amizade con Liszt o que facilitoulle o entusiasmo e poder manter o seu duro traballo o que distinguiuno durante a súa carreira en Londres, e que foi frecuente o asombro destes a quen coñecera nos seus primeiros anos».[14]

Bache gañouse a vida como organista da igrexa anglicana da cidade, onde o pastor coñecera previamente a seu irmán Edward.[20] Como a súa reputación como intérprete medrou, tamén recibiu encargos como profesor. Estas dúas actividades garantíronlle seguridade financeira.[24] Tamén coñeceu a varios novos músicos talentosos, incluíndo o seu discípulo Giovanni Sgambati e ao violinista Ettore Pinelli.[24] Durante esa época, Bache comezou a explorar o repertorio para dous pianos, especialmente os arranxos do poema sinfónico Les préludes do seu profesor e a Wanderer-Fantasie de Franz Schubert, que interpretou con Sgambati en concerto.[25] Os arranxos para dous pianos dos poemas sinfónicos de Liszt converteríanse nunha parte importante da serie de concertos de Bache, unha vez que este regresou a Inglaterra.[26] Tamén estivo activo en música de cámara; as obras que interpretou durante esa época incluían a sonata para violonchelo de Chopin, as variacións para violín de David-Pinelli, o trío para piano en re menor de Mendelssohn, un trío para piano de Anton Rubinstein e unha sonata para violín arranxada para viola, obra de Robert Schumann.[13]

Os estudos de Bache con Liszt non concluíron cando abandonou Italia. Asistiu a clases maxistrais regularmente co compositor húngaro en Weimar ata 1885.[26] Este período de estudo non foi igualado por calquera outro alumno de Liszt e deu lugar a unha relación particularmente próxima con el.[3] Tamén buscou o seu condiscípulo Hans von Bülow para recibir clases en 1871; os dous pasaron moito tempo xuntos, o que resultou nunha amizade para toda a vida.[27][28] O feito de que Bache tivera en grande estima o asesoramento de Büllow demóstrao a súa advertencia a Jessie Laussot de «nunca máis intento 'marcar, aprender e dixerir internamente' [a Fantasía e fuga cromática] sen ter a edición de Bülow [...] é espléndida, moi equivalente a ter tido unha lección sobre elo con Liszt».[29]

Liszt compuxo para Bache o seu arranxo de concerto da Sarabande e ciaccona da ópera da ópera Almira Händel (S.181) en 1879.[30]

Promoción da música de Liszt editar

 
Hans von Bülow dirixiu dous dos «Walter Bache Annual Concerts».

Despois de trasladarse a Roma, en xuño de 1863, Bache volveu á súa cidade natal, Birmingham, para conseguir fondos para a construción dunha fiestra conmemorativa en memoria do seu irmán Edward. Entre eses esforzos realizou unha representación do oratorio Paulus de Mendelssohn, no que foi destacada a súa interpretación ao órgano, e un recital para piano solista que ofreceu algunhas obras de Liszt.[31] Os críticos mostráronse pouco receptivos á música do compositor húngaro e aconsellaron a Bache que programara obras menos aventuradas se quería que a súa carreira tivera éxito.[32] As cousas non melloraron cando se trasladou a Londres en 1865. A Guerra dos románticos entre as faccións musicais conservadoras e liberais estaba no seu apoxeo e encontrouse a si mesmo marcado como «perigoso» por ter estudado con Liszt.[33][34] Isto quedou ben claro cando Bache realizou unha visita a J.W. Davison, daquela o crítico musical máis poderoso de Londres. Dita visita estaba xustificada: Davison coñecía a Edward e compartía o mesmo punto de vista conservador que o seu irmán. Bache relata que foi visitar a Davison e entregou a súa tarxeta, a criada regresou e díxolle: «Perdoe, señor, mais o Sr. Davison di que non está na casa».[33][34]

Perigoso ou non, Bache pronto comezou unha cruzada permanente para popularizar as obras do seu mestre en Inglaterra. En 1865, comezou unha serie de concertos anuais xunto co barítono Gustave García.[26] Comezaron modestamente en Collard's Rooms, en Grosvenor Street. Cando a súa popularidade aumentou, reubicáronse na máis espazosa Beethoven Rooms en Cavendish Square, logo en Queen's Concert Rooms en Hanover Square e, finalmente, en St. James's Hall en Regents Square.[34] O primeiro destes concertos foi de obras instrumentais e de cámara e arranxos para piano. En 1868, creceran para incluír obras corais, que lles permitiron programar pezas como Soldatenlied de Liszt e coros de Tannhäuser e Lohengrin de Wagner.[35] Contra 1871, mudaron os concertos por un formato orquestral.[22][26]

Os concertos, que tiveron lugar en febreiro ou marzo e continuaron ata 1886, foron coñecidos como os «Walter Bache Annual Concerts» («Concertos anuais de Walter Bache»).[35][36] Convertéronse en parte integrante da escena musical londiniense, atraendo a atención da prensa[36] e doutros músicos eminentes.[6] Aínda que parte da cobertura de prensa que recibiron foi positiva, en xeral Bache tivo que facer fronte a constantes mostras de desprezo e oposición por parte dos críticos e compañeiros músicos cara á música que presentaba. A noticia impresa en Athenaeum logo do seu primeiro concerto foi típica: «O martes, o Sr. Gustave García, un dos mellores barítonos, e o Sr. Walter Bache deron un concerto xuntos. Non podemos pensar que 'Les préludes', un dueto moi difícil do abbé Liszt para dous pianos, valera o esforzo realizado por unha parella de intérpretes tan talentosos como el mesmo e o Sr. Dannreuther. Con todo, foi ben recibida».[37] En gran parte grazas á perseveranza de Bache, canto menos parte do público foi convencéndose gradualmente do valor da música de Liszt.[38]

 
August Manns dirixiu catro dos concertos anuais organizados por Bache.

Nestes concertos, Bache aparecía con frecuencia como solista, como acompañante ou como director, mais tamén acompañado por outros artistas nun intento por mostrar que non estaba dando os concertos para o seu propio engrandecemento. Bülow dirixiu dous deles, ao igual que Edward Dannreuther. August Manns, o director dunha serie de concertos orquestrais celebrada en The Crystal Palace e un admirador das obras de Liszt, dirixiu catro.[39] A maioría de instrumentistas que actuaron eran tamén membros da orquestra de The Crystal Palace para asegurar que o nivel da actuación fora o máis alto posible.[5] Entre os solistas invitados destacou o violinista August Wilhelmj, que interpretou a Ciaccona en re menor de Johann Sebastian Bach nun concerto.[36]

Para estes concertos, Bache programou cinco dos poemas sinfónicos de Liszt, as sinfonías Faust e Dante, o Salmo décimo terceiro e a Die Legende von der Heiligen Elisabeth.[38] Tamén se interpretaron obras de Berlioz, Schumann e Wagner, mais predominaron as composicións do seu mestre.[40] Mentres que as interpretacións das sinfonías Faust e Dante foron as estreas británicas, os poemas sinfónicos foran previamente introducidos en The Crystal Palace; con todo, Bache cría que ofrecer repetidas interpretacións dos poemas sinfónicos era importante para familiarizar o público con eles.[5] Interpretaron en tres ocasións Les préludes nos concertos Bache, Mazeppa, Festklänge e Orpheus cada un dúas veces, e Tasso nunha única ocasión.[5] Parte desta estratexia de familiaridade foi a inclusión dos arranxos para dous pianos dos poemas sinfónicos como vía para preparar o público para as versións orquestrais.[6] Bache comezara esta práctica co seu primeiro concerto en 1865, cando, xunto con Dannreuther, presentou o arranxo para dous pianos de Les préludes.[22] Outra parte desta estratexia foi subministrar ensaios eruditos, ben pensados e meticulosamente detallados como notas de programa. Algunhas veces, era o propio Bache quen os escribía; outras veces, baseouse en teóricos destacados como Carl Weitman e Frederick Niecks. Segundo o musicólogo Alan Walker, «están cheos de ideas que eran tanto novas como orixinais para esa época e están profusamente ilustrados con exemplos musicais, un signo claro de que estaban dirixidos a un público sofisticado e estaban destinados a ter unha potencial vida unha vez que o concerto tivera rematado».[41] Segundo Walker, aínda son estudos valiosos para os expertos en Liszt, como moitas das súas ideas, que se transmitiron a través dos membros do círculo próximo do compositor húngaro, probablemente tendo como orixe o propio compositor.[41] Estas notas, xunto coa inclusión dos arranxos para dous pianos e o que o musicólogo Michael Allis denomina «un enfoque reflexivo da programación [...] todo contribúe a unha mercadotecnia agresiva da nova situación de Liszt como compositor».[6]

Os concertos supuxeron un considerable desembolso financeiro para Bache, quen non tivo un salario regular ata 1881 e tivo que gañarse o seu sustento como profesor. Contra 1873, escribiu que tiña que «decidir se me vou adicar por completo á produción de obras orquestrais e corais de Liszt (que despois de todo non pode ser inmortal como Bach, Beethoven e Wagner: aquí creo que Büllow ten razón). Ou debo mellorar o obxecto da miña vida e non gastar o terzo dos meus ingresos nunha noite».[34] Bülow estaba tan preocupado pola situación de Bache como para renunciar os seus honorarios despois dun concerto que dirixiu e contribuíu á economía de Bache con cincuenta libras do seu propio peto.[36] Liszt tamén se preocupou, e escribiu «durante anos [Bache] sacrificou cartos para representar as miñas obras en Londres. Varias veces advertino en contra disto, mais respondeu imperturbablemente 'Iso é asunto meu!'».[42] Sempre que se lle preguntaba a Bache sobre os recursos financeiros para os concertos, contestaba que o custo era «unha xusta recompensa» e engadía que mesmo se Liszt tivéralle cobrado polas súas leccións na mesma proporción que un profesor de piano medio, aínda seguiría profundamente en débeda con el.[42]

 
Varios dos concertos de Bache para promover as obras de Franz Liszt tiveron lugar en The Crystal Palace.

Ademais dos concertos orquestrais, Bache deu unha serie anual de recitais como solista o día do aniversario de Liszt, o 22 de outubro, entre 1872 e 1887.[4] En outubro de 1879, deu o seu primeiro recital completamente sobre Liszt.[43] Nalgún destes recitais, interpretáronse os arranxos para dous pianos das obras orquestrais do seu mestre. Presentouse a versión para dous pianos de Mazzepa en outubro de 1876, dous meses antes da estrea da súa versión orquestral en The Crystal Palace e catro meses antes de que Bache presentara o seu propio concerto orquestral. Monthly Musical Record cría que «Había [...] unha boa razón para introducilo como un dueto, co fin de familiarizar os oíntes con iso de antemán»[44] e Musical Standard considerou que presentar o arranxo para dous pianos era «unha inmensa axuda para aqueles que desexaban formarse un xuízo correcto sobre elo na súa primeira interpretación orquestral [...] xa que é imposible, mesmo coas mellores intencións, estimar correctamente as mellores obras de Liszt logo dunha única audición».[45] Liszt permaneceu agradecido a Bache e demostroullo en varias ocasións, escribíndolle «Sen Walter Bache e os seus largos anos de abnegado esforzo na propaganda das miñas obras, a miña visita a Londres tivera sido impensable».[7]

Celebracións polo 75º aniversario de Liszt editar

Bache desexara moito poder levar a Liszt a Londres, cidade que o compositor húngaro visitara en 1841 cando aínda era un virtuoso de xira, e Liszt sabía que todo o que sustentaba a súa música nesa cidade era en gran parte debido aos esforzos do seu alumno.[46] Canto menos en parte para saldar a débeda que sentía que tiña con Bache, Liszt aceptou a súa invitación para asistir ás celebracións para conmemorar o seu 75º aniversario en abril de 1886. Estas celebracións incluían a fundación dunha bolsa de estudos para piano na Royal Academy of Music, unha representación do seu oratorio Die Legende von der Heiligen Elisabeth dirixido por Alexander Mackenzie en St. James's Hall, unha audiencia coa raíña Vitoria e unha recepción pública en honor a Liszt na Grosvenor Gallery.[47] Bache estivo involucrado nestes catro eventos, que tiveron un grande éxito; por demanda popular Die Legende von der Heiligen Elisabeth tivo que ser repetida en The Crystal Palace.[48]

The Working Men's Society editar

 
Fotografía de The Working Men's Society en Londres, ca. 1868. De esquerda a dereita: Edward Dannreuther, A. J. Hipkins, Walter Bache, Karl Klindworth, Fritz Hartvigson e W. Kumpel.

No verán de 1867, Bache e Dannreuther formaron The Working Men's Society (‘Sociedade dos homes traballadores’), unha pequena asociación para promover a música de Wagner, Liszt e Schumann en Inglaterra, con Karl Klindworth como membro de máis idade. A sociedade reuníase regularmente na casa dalgún deles para o estudo e discusión da música. A primeira sesión de estudo tivo lugar en decembro e consistiu no «Spinnerlied» da ópera de Wagner Der Fliegende Holländer, interpretada por Dannreuther a partir dunha transcrición para piano de Liszt. Na reunión do mes seguinte, o grupo abordou as dúas primeiras escenas de Das Rheingold. Na reunión seguinte representaron unha lectura de Die Walküre. Ningunha das dúas obras fora representada en ningún sitio; as súas estreas mundiais no Königliches Hof-und Nationaltheater de Múnic foron dous anos máis tarde. A especial relación de Klindworth con Wagner asegurou que o grupo tivera acceso ás partituras. Na reunión de xullo de 1869, a alumna de Liszt Anna Mehlig interpretou o Primeiro concerto para piano do seu mestre para o grupo.[49] Wagner e Liszt non foron os únicos compositores obxecto de discusión: Bach, Beethoven, Chopin, Henselt, Raff e Schumann tamén estiveron entre os músicos cuxas obras foron interpretadas. Con todo, a principal atención do grupo permaneceu centrada na música de Wagner.[50]

Últimos anos editar

Bache converteuse en profesor de piano da Royal Academy of Music en 1881; a fundación da Bolsa Liszt na institución en 1886 debeuse principalmente aos seus esforzos.[51] Bache faleceu en Londres o 26 de marzo de 1888, aos 45 anos de idade, logo dunha breve enfermidade. A causa da súa morte foi un arrefriado, que provocoulle unha ulceración da gorxa, que «foi demasiado para o seu exceso de traballo e a súa natureza altamente excitable»;[52] á parte diso, tivera unha boa saúde e dera clases a uns alumnos un par de días antes do seu falecemento.[53] Logo da súa morte, o nome da bolsa da Royal Academy cambiou a Bolsa Liszt-Bache.[54]

Bache como pianista editar

Técnica e repertorio editar

Dende os seus primeiros concertos, Bache foi destacado por mostrar seriedade nas súas interpretacións e unha excelente técnica pianística.[55][56][57] Foi especialmente destacado pola uniformidade e claridade das súas escalas e a «gran delicadeza e refinamento de sentimento» no seu xeito de interpretar.[58][59] Como Hans von Bülow, era considerado un pianista «intelectual» que realizou interpretacións ben executadas;[60] tamén considerábase que fora mellorando co tempo, converténdose nun intérprete menos voluble e «inquedo» e que a pesar de esaxeracións ocasionais nas súas interpretacións, a calidade da súa arte estivo fóra de toda dúbida.[61]

Aínda que non foi o único pianista en Inglaterra que interpretou as obras de Liszt, Bache destacou na interpretación de obras en concerto para piano solista, dous pianos, e orquestra deste compositor.[1] Ademais dos arranxos para dous pianos dos poemas sinfónicos, os primeiros dous concertos para piano, a Sonata para piano en si menor e a Sonata Dante, Bache interpretou varias transcricións, cinco das Ungarische Rhapsodien, e varias obras virtuosísticas de menor entidade e miniaturas que frecuentemente destacaron «a natureza melódica da escritura de Liszt».[1] Bache tamén interpretou unha serie de obras doutros compositores nos seus recitais, moitos dos cales son pouco coñecidos hoxe en día. Agradecido pola asistencia de Büllow como director de dous dos seus concertos anuais, Bache programou varias das súas obras para piano nos seus recitais.[62] Tamén interpretou obras de Mackenzie, Mendelssohn, Mozart, Raff, Silas, Chaikovskii e Volkmann, e pezas máis familiares de Bach, Beethoven e Chopin.[63]

Do mesmo xeito que Bülow, Bache interpretou obras de memoria en lugar de seguir a partitura, nunha época na que facelo era obxecto de debate.[64] Tamén como Bülow, comezou a dar recitais adicados por completo á obra dun único compositor; así, en 1879, comezou exclusivamente con Liszt e en 1883 experimentou con concertos sobre obras de Beethoven unicamente.[43]

Recepción editar

Bache foi considerado unha autoridade na música de Liszt. Sobre a súa interpretación da Sonata para piano en si menor, Musical Standard escribiu que Bache fixera propia a obra, dando a impresión de que a interpretación de Liszt da peza e a de Bache eran en esencia iguais.[65] Con todo, aínda que as interpretacións de Bache eran universalmente aclamadas, as obras que elixiu para interpretar tiveron unha recepción dispar. Musical Standard escribiu, logo dunha interpretación do Primeiro concerto para piano en 1871, que, aínda que a forma de tocar do pianista era excelente, non había nada que fixera interesante o «estrafalario» concerto de Liszt.[2] Athenaeum escribiu sobre a mesma interpretación que, aínda que o concerto era complicado, non houbo dificultade no seguimento da obra interpretada por Bache.[66]

Tamén eloxiaron a Bache pola súa interpretación de obras doutros compositores. Musical Standard escribiu que parecía familiarizado con calquera que fora o estilo musical das pezas que interpretara.[67] Musical World destacou que as súas interpretacións de Chopin, Raff, Schumann e Weber mostraban «verdadeiro espírito e gusto artístico».[68] Destacou a súa interpretación de obras de Bach, como a da Fantasía e fuga cromática que foi «limpa e altamente terminada».[69] Bache tamén afirmou ter dado unha interpretación «maxistral» do Concerto para teclado en re menor do compositor alemán.[70]

Malia ter recibido críticas positivas polo seu estilo pianístico, os problemas de Bache cos críticos pola música de Liszt tiveron unha repercusión negativa na súa carreira interpretativa. Nunca foi convidado á Philharmonic Society, mesmo despois de que Liszt o recomendara persoalmente como solista.[71] Despois de consultas por escrito de Musical Standard, que preguntáronlle abertamente por que a carreira de Bache non avanzara a pesar do seu obvio talento, foi convidado en 1874 para tocar en The Crystal Palace.[72] Aínda que alabaron o seu xeito de tocar, a súa elección da música (os arranxos de Liszt da Polonaise brillante para piano e orquestra de Weber) foi ridiculizada como incriblemente descarada.[1] Tamén apareceu en concertos dirixidos por Hans Richter, como organista no poema sinfónico de Liszt Hunnenschlacht e como pianista na interpretación da Fantasía coral de Beethoven e o Concerto para piano nº 2 de Chopin.[72]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Allis 2007, p. 197.
  2. 2,0 2,1 Musical Standard, (3 de xuño de 1871): p. 54. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 197)
  3. 3,0 3,1 Walker 2005, p. 106.
  4. 4,0 4,1 Walker 2005, p. 114.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Allis 2006, p. 58.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Allis 2007, p. 196.
  7. 7,0 7,1 Liszt 2009, p. 2:478.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Walker 2005, p. 107.
  9. Bache 1901, p. 130.
  10. 10,0 10,1 Bache 1901, p. 132.
  11. Carley 2006, p. 14.
  12. Bache 1901, p. 131.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Allis 2007, p. 194.
  14. 14,0 14,1 Bache 1901, p. 145.
  15. 15,0 15,1 Walker 1996, p. 38.
  16. Bache 1901, pp. 152–153.
  17. Bache 1901, p. 153.
  18. 18,0 18,1 18,2 Walker 2005, p. 108.
  19. Bache 1901, p. 156.
  20. 20,0 20,1 Bache 1901, p. 157.
  21. Walker 1996, p. 39.
  22. 22,0 22,1 22,2 Temperley 1980, p. 1:879.
  23. Bache 1901, p. 161.
  24. 24,0 24,1 Walker 2005, p. 109.
  25. Bache 1901, pp. 162, 174.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Allis 2007, p. 195.
  27. Bache 1901, p. 206.
  28. Walker 2010, pp. 184-185.
  29. Bache 1901, p. 163.
  30. Baker 2005, p. 103.
  31. Walker, 2005 & p0108.
  32. Walker 2005, pp. 108–109.
  33. 33,0 33,1 Bache 1901, p. 185.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 Walker 2005, p. 111.
  35. 35,0 35,1 Allis 2006, p. 56.
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 Walker 2005, p. 112.
  37. Athenaeum, 8 de xullo de 1865. Segundo se cita en (Bache 1901, p. 189)
  38. 38,0 38,1 Temperley 1980, p. 1:879–880.
  39. Bache 1901, pp. 322–324.
  40. Brown & Stratton 1897, p. 21.
  41. 41,0 41,1 Walker 2005, p. 115.
  42. 42,0 42,1 Walker 2005, p. 116.
  43. 43,0 43,1 Allis 2007, p. 212.
  44. Monthly Musical Record, 6 (decembro de 1876): 194. Segundo se cita en (Allis 2006, pp. 63–64)
  45. Musical Standard, 10 de novembro de 1877, p. 291. Segundo se cita en (Allis 2006, p. 64)
  46. Walker 1996, p. 477.
  47. Walker 2005, p. 119.
  48. Walker 2005, pp. 121, 123.
  49. Walker 2005, pp. 115–116.
  50. Bache 1901, p. 199.
  51. Walker 2005, p. 122.
  52. Bache 1901, p. 317-318.
  53. Walker 2005, p. 126.
  54. Bache 1901, p. 320.
  55. Musical Times, 12 (1865): p. 117. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  56. Monthly Musical Record, 7 (1877): p. 196. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  57. Musical Times, 23 (1882): p. 664. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  58. Musical World, 53 (1875): p. 749. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  59. Musical Standard, (10 de novembro de 1877): p. 291. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  60. Allis 2006, p. 64.
  61. Athenaeum (2 de novembro de 1878): p. 571. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 196)
  62. Allis 2007, p. 205.
  63. Allis 2007, p. 206.
  64. Allis 2007, p. 214.
  65. Wyatt-Smith, B.F., Musical Standard (27 de outubro de 1883): p. 256. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 197)
  66. Athenaeum, (3 de xuño de 1871): p. 695. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 197)
  67. Musical Standard, (6 de novembro de 1875): p. 306. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 205)
  68. Musical World, p. 51 (1873): 817. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 205)
  69. Musical Times, 22 (1881): p. 186. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 212)
  70. Musical Standard, (31 de outubro de 1874): p. 273. Segundo se cita en (Allis 2007, p. 212)
  71. Walker 2005, pp. 118, 124.
  72. 72,0 72,1 Allis 2007, p. 215.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar