Neotragus moschatus

Neotragus moschatus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos,[2][3] cuxa clasificación é discutida na actualidade.

Neotragus moschatus
Suni, antílope almiscrado

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Neotragini
Xénero: Neotragus
Especie: N. moschatus
Nome binomial
Neotragus moschatus
(Von Dueben, 1846)
Área de distribución
Área de distribución

Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Nesotragus moschatus
Von Dueben, 1846
Lámina dunha parella de sunis na obra The Book of Antelopes, de Philip Sclater (1894).

Características editar

Aparencia xeral editar

É un antílope moi pequeno, moi semellante aos seus conxéneres, o antílope real ou antílope anano (Neotragus pygmaeus) e o antílope anano de Bates (Neotragus batesi), pero só un pouco máis grande ca eles. De corpo delicado e compacto, esvelto, co lombo arredondado. Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos, e rematados en punta. As orellas son máis ben curtas. O fociño está espido. Os pezuños interiores son estreitos e apuntados. Presenta glándulas preorbitais e nos pezuños, e carece de glándulas inguinais. As diferenzas, ademais do tamaño, consisten, á parte dalgún pequenos detalles anatómicos, en pequenas difernzas na coloración da pelaxe. Tamén se pode confundir con outros "antílopes ananos", como os duiqueros, que son algo máis grandes, a forma xeral do corpo é diferente, non presentan un perfil recto na cabeza, e si en cambio cristas entre os pequenos cornos.[4] As súas medidas craniais son moi semellantes ás do antílope anano de Bates.[5]

Os cornos, só presentes nos machos, son grosos e miden de 6,5 a 13,3 cm (comparativamente longos para o tamaño do animal), rectos, anelados desde a base até os 3/4 da súa lonxitude, lisos no extremo superior, que remata en punta, e están lixeiramente curvados cara a atrás, no mesmo plano que a cara, como no antílope real.[6][7]

Coloración editar

A coloración da pelaxe varía entre a parda avermellada á parda agrisada escura, máis escura no dorso, os flancos e nas patas. As meixelas, o mento, a garganta e a parte interna das patas son de cor branca; o pescozo é de cor parda clara, sen chegar a formar un colar diferenciado. As partes inferiores son abrancazadas. A cola é de cor parda escura, coa punta branca.[6][7]

Variacións interespecíficas editar

O representante máis meridional da especie, a subespecie Neotragus moschatus livigstonianus, considerda por algúna autores como especie separada, Neotragus livigstonianus,[5] é de tamaño un pouco maior e está coloreado máis intensamente, co dorso pardo escuro e os flancos e a parte exterior das patas de cor parda avermellada.[6][7]

A subespecie Neotragus moschatus zuluensis ten o lombo e cor parda avermellada clara e os pés de cor parda escura.[6]

Dimensións editar

Mide entre 57 e 62 cm de lonxitude da cabeza e tronco, aos que hai que engadir de 8 a 13 cm da cola; a súa alzada (altura na cruz) oscila entre os 30 e os 41 cm. O peso varía entre os 4 e os 6 kg.[6][7]

Hábitat e distribución editar

Hábitat editar

Neotragus moschatus habita en bosques densos e matogueiras de zonas costeiras, e en matogueiras secas caducifolias, bosques de montaña até os 2 700  m de altura e noutras zonas de mato mesto. Tamén en canvais nas beiras dos ríos.[6][7]

Nalgunhas zonas probabelmente aproveita a expansión do hábitat de matogueiras secundarias resultantes da actividade humana (por exemplo, en Zanzíbar), e coloniza facilmente os bosques degradados.[8][9]

Distribución editar

Antigamente, os suni ocupaban amplamente os bosques e matogueiras das rexións costeiras e do interior da África oriental e meridional, desde Kenya até KwaZulu-Natal en Suráfrica. En Kenya, encóntrase tan ao norte como o monte Kenya e os Aberdares e, ao longo da costa, tan ao norte como os bosques de Boni-Dodori.[10] O límite da súa área de dispersión polo oeste, é ao redor dos 35 ou 38º L,[6] e polo sur son os arredores do lago St. Lucia no nordeste de KwaZulu-Natal (ca. os 28° S).[9] Probabelmente tamén se encontre en Eswatini, aínda que a súa presenza alí non está confirmada.[11] Non hai rexistros confirmados en Zambia. Si está confirmada a súa presenza en Zanzíbar e nalgunhas illas adxacentes (Mafia e Chapani, e foi introducido na illa de Mnemba), pero non en Pemba.[9] Tamén foi introducido no Parque Nacional da illa Rubondo, no lago Victoria, na década de 1960.[12]

Bioloxía editar

Comportamento editar

Os Neotragus moschatus son tímidos, e máis activos pola noite, nas primeiras horas da mañá e no serán; dormen durante as horas centrais do día en zonas sombreadas e protexidas. Viven solitarios, e parellas e, ás veces, reúnense en pequenos grupos familiares. Son sociais pero os machos defenden o seu territorio, dunhas tres hectáreas, que marcan coas secrecións olorosas das súas glándulas preorbitais (o cheiro destas secrecións adoita percibirse nas matogueiras frecuentadas por esta especie. Cando se alarman, foxen correndo como lebres a gran velocidade, e poden emitir unha especie de ladrido débil e asubíos.[7]

Alimentación editar

Os sunis comen principalmente ramiñas das árbores e arbustos, alimentándose das follas, fores e abrochos tenros, pero tamén comen raíces, cogomelos e algunhas poucas especies de herbas; son case independentes da auga (que obteñen sobre otos dos alimentos verdes que consomen).[7]

Reprodución editar

Os machos usualmente son monónogamo, pero outras femias, distintas da coa que se aparea, poden compartir o seu territorio. Despois dunha xestación que dura por termo medio uns 183 días nace unha soa cría, que pesa ao nacer entre 800 g e 1 kg. O suni, en catividade, ten unha lonxevidade de 9 anos.[13][7]

Depredadores editar

Os principais depredadores dos sunis son os leóns, as aves de presa e as serpentes. Como medida de protección, camúflanse nos pasteiros secos permanecendo quietos. Cando un depredador está case sobre eles, saltan dirixiéndose cara á maleza.[Cómpre referencia]

Taxonomía editar

Descrición editar

 
Suni no Zoo Tygerberg, Cidade do Cabo.

A especie foi descrita en 1846 polo zoólogo sueco Von Dueben, baixo o nome de Nesotragus, nun traballo publicado na páxina 221 da revista Ofvers. K. VetenskAcad. Förh. Stockholm, 3 (7).[2][14][15]

Etimoloxía editar

Para a etimoloxía do xénero, véxase Neotragus.

O epíteto específico, moschatus, é o nominativo masculino singular do adxectivo do latín científico, derivado do latín medieval moschus, 'almiscre'.[16] Literalmente, 'almiscrado'.

Este nome provén do forte olor almiscrado que desprenden as súas secrecións das glándulas preorbitais dos machos.[7]

Nomes vulgares editar

Na maior parte dos idiomas europeos coñécese cos nomes de suni, tomado do inglés que, á súa vez, tomono do nome vernáculo deste antílope no sueste de África,[17] ou de antílope almiscrado.[7][13]

Subespecies editar

Na actualidade recoñécense nesta especie as seguintes catro subespecies:[2][3][5]

  • Neotragus moschatus kirchenpaueri (Pagenstecher, 1885)
  • Neotragus moschatus livingstonianus (Kirk, 1865)
  • Neotragus moschatus moschatus (Von Dueben, 1846)
  • NNeotragus moschatus zuluensis (Thomas, 1898)

Taxonomía controvertida editar

Segundo Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, a pesar de que as tres especies de antílopes ananos do xénero Neotragus se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de Neotragus moschatus e N. batesi. Porén, N. pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluíra nas análises filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus von Dueben, 1846 para Nesotragus moschatus e N. batesi, deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do seu xénero.[18]

Notas editar

  1. IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Neotragus moschatus na Lista vermella da IUCN.
  2. 2,0 2,1 2,2 Neotragus moschatus en MSW.
  3. 3,0 3,1 Neotragus moschatus (Von Dueben, 1846) no ITIS.
  4. Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, pp. 264-265.
  5. 5,0 5,1 5,2 Groves, Colin & Grubb, Peter 2011, pp. 148–150.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 48.
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 265.
  8. East, R. (1999): African antelope database 1998. IUCN/SSC Antelope Specialist Group. IUCN Species Survival Commission Occasional Paper Nº 21. IUCN: Gland, Switzerland and Cambridge, UK. ISBN 2-8317-0477-4.
  9. 9,0 9,1 9,2 Kingdon, J. and Hoffmann, M. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. Londres: Bloomsbury Publishing. Bloomsbury Natural History. ISBN 978-1-4081-2257-0.
  10. Andanje, S. A., Bowkett, A. E., Agwanda, B. R., Ngaruiya, G. W., Plowman, A. B., Wacher, T. and Amin, R. (2011): "A new population of the Critically Endangered Aders' duiker Cephalophus adersi confirmed from northern coastal Kenya". Oryx 45 (3): 444-447.
  11. Monadjem, A. (1998): Mammals of Swaziland. Malkerns: The Conservation Trust of Swaziland and Big Game Parks.
  12. Rodgers, W. A., Ludanga, R. I. and DeSuzo, H. P. (1977): "Biharamulo, Burigi and Rubondo Island Game Reserves". Tanzania Notes and Records 81/82: 99-124.
  13. 13,0 13,1 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 49.
  14. Nesotragus Von Dueben, 1846 en BGIF.
  15. Nesotragus von Düben, 1846 en Interim Register of Marine and Nonmarine Genera (IRMING).
  16. Moschus no Merriam Webster Dictionary.
  17. suni no Merriam Webster Dictionary.
  18. Eva V. Bärmann and Tim Schikora (2014): "The polyphyly of Neotragus – Results from genetic and morphometric analyses". Mammalian Biology 79 (4): 283-286.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar