Joseph Hilarius Eckhel

numismático austríaco, xesuíta

Joseph Hilarius Eckhel, nado en Enzesfeld, o 13 de xaneiro de 1737 e finado en Viena o 16 de maio de 1798, foi un xesuíta e numismático austríaco, considerado o pai da numismática como ciencia autónoma.[1][2][3][4][5]

Infotaula de personaJoseph Hilarius Eckhel

Joseph Hilarius Eckhel
Biografía
Nacemento(de) Johann Joseph Hilarius von Eckhel Editar o valor em Wikidata
13 de xaneiro de 1737
Enzersfeld im Weinviertel (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte16 de maio de 1798
Flag of Austria-Hungary Viena
Austria Austria
Datos persoais
País de nacionalidadeAustríaca
RelixiónCristianismo
Coñecido porFundador da numismática como ciencia.
Actividade
Campo de traballoNumismática
Ocupaciónnumismático , profesor universitario Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Viena Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaCompañía de Xesús Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Eckhel naceu na vila de Enzersfeld, distrito de Korneuburg, na Baixa Austria, fillo de Johann Anton Eckhel, administrador do Príncipe de Montecuccoli.[2][6][7][8]

Formación e docencia editar

En 1745 marchou a estudar a Viena, e tamén estudou Humanidades en Leoben, e Filosofía, Matemáticas, Grego e Hebreo en Graz. En 1751 ingresou na Compañía de Xesús e en 1764 ordenouse sacerdote.[6][7][8]

Logo da súa ordenación continuou a súa formación en Humanidades e Filosofía e despois foi profesor nalgunhas escolas xesuítas, como as de Leoben e de Steyr, e no Colexio de Viena ensinou poesía e retórica, e tomou un amplo coñecemento do latín, ata que unha doenza o obrigou a abandonar a docencia.[6][7][8]

Desta etapa de xuventude, aos seus 21 anos, data a súa primeira publicación, Exercitium grammaticum in prophetiam Obadiæ, aparecida como apéndice de Institutiones linguæ sacræ, de P. J. Engstler.[6][7]

Eckhel numismático editar

 
Primeiro número de The Numismatic Journal (1837), da RNS, cun gravado de Joseph Hilarius Eckhel obra de Samuel Williams.

Arredado, xa que logo, definitivamente da docencia, Eckhel comezou a interesarse pola actividade do Gabinete Numismático de Viena, que daquela estaba dirixido por outro xesuíta coñecido del, Joseph Khell (1714-1772). Inicialmente comezou a clasificar moedas gregas da colección do gabinete non catalogadas ata entón, e a documentarse sobre a numismática e a arqueoloxía. En concreto, dedicouse ás moedas das coleccións do Conde Michael Viczay (1756-1831) e de Pal Festetics (1725-1782).[6][8][9]

En 1772 pediu permiso aos seus superiores para continuar a súa formación en Boloña, en Roma e en Florencia, onde visitou os máis importantes gabinetes numismáticos e, nalgúns casos, participou na súa organización.[2][6][8][9]

Logo da supresión da Compañía de Xesús en 1773 por parte de Clemente XIV, Eckhel secularizouse, e o ano seguinte tornou a Viena, acompañado dunha boa reputación como numismático, o que o levou a ser nomeado director da colección de moedas antigas do gabinete, baixo a supervisión xeral de Valentin Jamerai Duval, e despois do falecemento deste en 1775 accedeu á dirección do Gabinete Numismático de Viena.[6][9]

No gabinete comezou impartindo conferencias periódicas sobre numismática e no propio 1775 ofrecéuselle na Universidade de Viena a cátedra de Arqueoloxía e Ciencias Históricas Auxiliares, posto que ocupou ata a súa morte.[2][8] Ese mesmo ano saíu á luz a súa primeira publicación sobre numismática, titulada Numi veteres anecdoti.[2][6][9]

O "método Eckhel" e a numismática científica editar

No gabinete vienés, Eckhel estableceu un sistema de ordenación propio que superaba o tradicional da ordenación alfabética. Deste xeito, dividiu a numismática antiga en dous departamentos: nun deles agrupou as moedas correspondentes a emisións non romanas, ordenadas consonte a súa situación xeográfica, e o outro dedicouno ás cuñaxes imperiais romanas, en orde cronolóxica.[2][6][10]

Aplicando este anovador sistema para a época, Eckhel preparou e publicou en dous grandes volumes un novo catálogo xeral da moeda imperial romana, titulado Catalogus Musei Cæsariensis (Viena, 1779), co que logrou arranxar os numerosos erros cometidos por Francesco Mezzabarba na que ata a data era obra de referencia nese ámbito, Imperatorum Romanorum numismata (Milán, 1683).[11] En 1786 publicou dúas novas catalogacións seguindo este método: Sylloge II, numorum veterum anecdotorum Thesauri Cæsarei e Descriptio numorum Antiochiæ.[6][10]

Finalmente, o compendio da súa concepción da clasificación da moeda antiga foi publicado entre 1792 e 1798 nunha obra de oito volumes titulada Doctrina numorum veterum.[2] Con esta nova metodoloxía, Eckhel converteuse no fundador da numismática clásica con perspectiva científica.[6][8]

Friedrich von Kenner resúmeo así no seu opúsculo de 1871 sobre a figura de Joseph Hilarius Eckhel:[12]

(...) O seu sistema baséase nun motivo tomado da esencia máis íntima da moeda. Dese xeito gaña apoio interior. Con isto, o fundador independizou a nosa ciencia, liberouna da subordinación doutras materias afíns e das mans do diletantismo. (...)

Eckhel finou en Viena o 16 de maio de 1798,[2] pouco despois da finalización da súa Doctrina numorum veterum.[6][8]

Homenaxes póstumas editar

Entre as homenaxes realizadas á súa figura cabe salientar a medalla emitida co gallo do primeiro centenario do seu nacemento, en 1837, deseñada por Luigi Manfredini (1771-1840), que amosa a lenda SYSTEMATIS. REI. NVMARIÆ. ANTIQVÆ. CONDITORI.[13][14]

Ese mesmo ano saíu á luz o primeiro número da publicación periódica The Numismatic Journal, publicada pola Royal Numismatic Society, de Londres, que reservou a súa parte central para un gravado co busto de Eckhel.[15]

Pola súa banda, a Sociedade Numismática Austríaca estableceu na súa honra en 1958 a Medalla Eckhel, outorgada a persoas que prestaran servizos destacados á ciencia numismática.[16]

Publicacións editar

 
Debuxo dun denario dos Idos de marzo, de Bruto (85-42 a. C) extraído de Lezioni elementari di numismatica antica (1808), a tradución a italiano da obra de Eckhel Kurzgefasste Anfangsgründe zur alten Numismatik (1787).

Estes son os traballos monográficos máis representativos da traxectoria académica de Joseph Hilarius Eckhel:[17]

Notas editar

  1. "Eckhel, Joseph Hilarius". De Agostini (Sapere.it)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Joseph Hilarius Eckhel". Encyclopaedia Britannica (11ª ed.).
  3. "Eckhel, Joseph Hilary". En The Encyclopedia Americana (1920).
  4. Franke, P. R. (1959).
  5. "Eckhel, Joseph Hilarius". In: Meyers Konversations-Lexikon. 4ª. ed. Vol. 5. Bibliographischen Instituts, Leipzig/Viena. 1885-1892. Páxina 297.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 Domanig, K. (1909).
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "2. Bilhete de identidade de um mestre". En Ferreira, J. M. M. (2012).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 Kenner, F. (1877).
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "3. Estadia em Itália e passagem em França". En Ferreira, J. M. M. (2012).
  10. 10,0 10,1 "4. A nova e moderna Numismática". En Ferreira, J. M. M. (2012).
  11. Mediobarbi Biragi, Francisci. (1683). Imperatorum Romanorum numismata a Pompeo Magno ad Heraclium [...]. Milán.
  12. Kenner, F. (1871). Páxina 18.
  13. "Medal of Eckhel". En The Numismatic Journal. Vol II. 1837-1838. Páxina 55.
  14. "5. Numismática pós'Eckhel". En Ferreira, J. M. M. (2012).
  15. The Numismatic Journal. Vol. 1. Nº 1. Xuño de 1936 a abril de 1837.
  16. "Die Eckhel Medaille". Sitio web da Österreichische Numismatische Gesellschaft.
  17. "Eckhel, Joseph Hilarius von 1737-1798 Arquivado 08 de outubro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Obras citadas
Bibliografía complementaria