Escrita chinesa

unidade da escritura logográfica chinesa
(Redirección desde «Escritura chinesa»)

A escrita chinesa é un sistema de escrita de case 4000 anos de antigüidade. É un sistema logográfico que emprega un número de signos moi grande, chamados caracteres, que representan palabras ou morfemas individuais. Este sistema serviu como forza unificadora durante a historia da China pois é independente das realizacións orais. Desde a época da dinastía Quin en diante utilizouse unha lingua escrita padrón (nun principio chinés clásico e logo chinés vernáculo) como intermediario entre os diferentes dialectos chineses.

Diversos estilos de caligrafía chinesa.

O número de caracteres chineses contidos no dicionario Kangxi é de aproximadamente 47.035, aínda que un gran número deles sexa usado moi raramente, moitos produto da acumulación ao longo da historia. Os estudos emprendidos na China mostran que para unha completa alfabetización se require un coñecemento de entre 3.000 e 4.000 caracteres.[1]

Padróns escritos

editar

A escrita chinesa pódese clasificar dentro destes tipos básicos:

A relación entre a lingua chinesa falada e a escrita é complexa. Esta complexidade viuse agravada polo feito de que as numerosas variedades de chinés falado teñen experimentado séculos de evolución desde, cando menos, finais da dinastía Han; porén, o chinés escrito mudou moito menos.

Até o século XX, a maior parte dos escritos redixíanse en wenyan, que é o que denominamos chinés clásico ou literario. A diferenza coas variedades faladas é como a que existe entre o latín clásico e as linguas romances. Os caracteres máis próximos da lingua oral utilizábanse en obras informais, tales como novelas dialogadas.

Desde o Movemento do catro de maio de 1919, o padrón formal do chinés escrito mudouse para baihua ou chinés vernáculo que, aínda que non se corresponde exactamente coa gramática e vocabulario do mandarín falado moderno, baseábase moito nel. O termo "chinés escrito padrón" refírese actualmente a chinés vernáculo. Aínda que non se escriba apenas en chinés clásico, aínda se ensina en secundaria na China e haise que examinar del para o acceso á universidade. Ás veces inclúense formas en chinés clásico en obras escritas para lles dar un ton formal ou arcaizante.

Os caracteres chineses enténdense como morfemas independentes da mudanza fonética. Así, aínda que o número un se lea "yi" en mandarín, "yat" en cantonés e "tsit" en hokkien, estas formas derivan dunha mesma palabra en chinés antigo e aínda comparten o mesmo carácter: 一. Porén, as ortografías destes dialectos chineses non son idénticas. Os vocabularios empregados son tamén diferentes. Ademais, aínda que o vocabulario literario se comparta entre todos os dialectos (cando menos na ortografía, lido é diferente), os vocabularios coloquiais difiren con frecuencia. O chinés escrito coloquial implica normalmente a utilización de "caracteres dialectais" que poden non ser comprendidos noutros dialectos ou caracteres que se consideran arcaicos en baihua.

O cantonés pode ilustrar a complexa interacción entre a lingua chinesa escrita e falada. Os falantes de cantonés aprenden chinés escrito padrón na escola, aínda que a gramática e vocabulario deste estean baseados nos do mandarín. Na maioría das súas comunicacións escritas, os falantes de cantonés escriben en chinés escrito padrón, de maneira que os falantes de mandarín normalmente poden ler sen máis problema. Ademais, cada carácter de chinés escrito padrón ten unha pronuncia cantonesa correspondente, de maneira que todo o escrito pode ser lido en voz alta en cantonés. E porén isto non é o mesmo que cantonés falado. O cantonés falado coloquialmente mostra unha gramática e vocabulario lixeiramente diferentes que, se se transcriben, resultaralle difícil de ler a un mandarín. O chinés escrito padrón funciona basicamente como un rexistro diferente para os falantes de cantonés porque normalmente non escriben tal e como falan. O chinés escrito padrón lido en voz alta utilizando a pronuncia cantonesa (normalmente coa substitución de palabras coloquiais) serve como un acrolecto que se utiliza nas noticias e outros contextos formais.

Existe, porén, un cantonés coloquial escrito. O cantonés goza, entre outras linguas rexionais non mandarinas, dun padrón coloquial escrito amplamente utilizado. Isto débese en parte a que Hong Kong, unha cidade moi grande de fala cantonesa, estivo fóra do control chinés durante máis de cen anos, antes de que o Reino Unido a devolvese á República Popular da China en 1997. Pola contra, as demais linguas rexionais non gozan da existencia de padróns escritos alternativos aceptados por unha maioría. O cantonés coloquial escrito fíxose moi popular na prensa, e nos chats e mensaxería instantánea de Internet. Mesmo así, os falantes de cantonés utilizan chinés escrito padrón na maior parte das súas comunicacións escritas.

Como noutros aspectos da lingua chinesa, o contraste entre os diferentes padróns escritos non é estrito e existe un continuum aceptábel socialmente de padróns escritos. Por exemplo, ao escribir unha carta de amor informal, pódese utilizar baihua informal. Ao escribir un artigo de prensa, a lingua utilizada é diferente e comeza a incluír aspectos de wenyan. Ao escribir un documento cerimonial, utilizarase aínda máis wenyan. A lingua utilizada no documento cerimonial pode ser completamente diferente da da carta de amor, mais hai un contínuum entre os dous. O wenyan puro, porén, apenas se usa.

Caracteres chineses

editar

Artigo principal: Carácter chinés

 
Á dereita os dous ideogramas que representan o hanzi na escrita simplificada chinesa; á esquerda o mesmo pero na forma común da escrita tradicional chinesa), dos kanji, e tamén dos hanja e hán tự

O sistema de escrita chinés é fundamentalmente logográfico, isto é, cada carácter (grafema) expresa unha parte monosilábica dunha palabra ou morfema. A isto contribúe o feito de que máis do 90% dos morfemas chineses son monosibálicos. A maioría das palabras modernas, porén, son multisilábicas e multigráficas. As palabras multisilábicas teñen un logogramo diferente para cada sílaba.

A lingua chinesa escrita emprega os caracteres han (漢字/汉字 pinyin hànzì), que levan o nome da cultura á que se lle atribúen. Considérase que os caracteres chineses apareceron durante a dinastía Shang como pictogramas que mostraban obxectos concretos. Os exemplos máis antigos aparecen nos ósos de oráculo, empregados para a adiviñación. Durante as dinastías Zhou e Han, os caracteres fóronse estilizando. Comezáronse a utilizar signos abstractos, como os que indican arriba e abaixo, así como caracteres combinados. Por exemplo, a palabra "rén" (in pinyin), que significa "persoa", é o pictograma dun home; "confianza" é a combinación de "home" e "fala/palabra". Tamén se engadiron compoñentes adicionais, de maneira que moitos caracteres conteñen un elemento que fornece (daquela, polo menos), unha indicación da pronuncia, e outro compoñente (o chamado "radical") que indica a categoría xeral do significado ao que pertence o carácter. Nas linguas chinesas actuais, a maioría dos caracteres teñen unha base fonética máis do que logográfica. Un exemplo sería o carácter para a palabra 按 àn, que significa "premer". Contén 安 ān (paz), que é o seu compoñente fonético e 手 shǒu (man), que indica que a acción é normalmente unha que se realiza utilizando a man. Estes caracteres que teñen ambos os dous compoñentes constitúen a maior parte do vocabulario chinés.

Moitos caracteres chineses derivan doutros; como resultado, algúns dicionarios clásicos conteñen referencias circulares a palabras con radicais e significados idénticos. Porén, o uso popular introduciu novos significados nestas palabras redundantes. Hai tamén palabras "emprestadas" (isto é, con significados adicionais) porque son semellantes foneticamente a outro concepto sen un carácter escrito asignado.

Téñense desenvolvido moitos estilos de caligrafía chinesa ao longo da historia, tal como o zhuanshu (篆書, escrita dos selos), caoshu (草書, escrita da erba), lishu (隸書, escrita oficial) e kaishu (楷書, escrita padrón).

No Xapón e Corea adoptáronse os caracteres Han e integráronse nas linguas respectivas, co que naceron as escritas Kanji e Hanja. No Xapón o kanji aínda fai parte integral do seu sistema de escrita; porén, en Corea diminíu, e non se utiliza en absoluto en Corea do Norte.

No campo da internacionalización do software e das comunicacións, o termo CJK inclúe o chinés, o xaponés e o coreano e CJKV, máis raro, tamén ao vietnamita. Todas son linguas de dobre byte, xa que teñen máis de 256 caracteres no seu "alfabeto". O procesamento informático dos caracteres chineses implica problemas específicos tanto na forma de introducir os caracteres no ordenador como na súa codificación, xa que os teclados normais de pouco máis de cen teclas non permiten introducir tantos caracteres premendo nunha única tecla.

Formas dos caracteres

editar

Existen actualmente dous padróns para os caracteres chineses impresos. Un é o dos caracteres chineses tradicionais, empregada en Taiwán, Hong Kong e Macau. Outra é a dos caracteres chineses simplificados, empregada na China e Singapur e desenvolta polo goberno da República Popular da China a mediados do século XX. Tamén se crearon moitas versións simplificadas derivadas de simplificacións con certa tradición histórica, aínda que escuras. En Taiwán, empréganse algunhas simplificacións ao escribir a man mais os caracteres tradicionais son a norma ao imprimir. Ademais, todos os chineses utilizan simplificacións propias.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar