Dinastía Guidoni

A dinastía, tamén coñecida por Widonides en francés, Guideschi, Guidoni ou Vitone en italiano e Guidonen ou Widonen en alemán, comprende os membros dunha familia nobiliaria de orixe franca, que foron figuras destacadas na Italia do século IX.

Mapa do Imperio de Carlomagno, onde pode verse a situación da Marca Bretoa, orixe da familia.

O nome da dinastía débese a Guido de Nantes (falecido entre 802 e 814), conde e marqués de Nantes (na Marca Bretoa), cuxas orixes francas poden rastrexarse até o reino de Austrasia a finais do século VIII e principios do IX. A abundancia deste nome (Guy, Wido, Guido) entre os seus descendentes explica a designación de Guidoni para os membros da dinastía.

Foi unha dinastía agresiva que expandiu a súa base de poder en Italia, no Ducado de Spoleto, enfrontado cos Estados Pontificios, algunhas veces leal ao Sacro Imperio carolinxio e case sempre contra o papado. Durante todo o século IX competiron con outra familia dinástica italiana de orixe franca, os Supónidas, á que disputaban o Ducado de Spoleto e a preeminencia sobre Italia. Emparentaron cos emperadores carolinxios (ou de Occidente) por vía matrimonial, o que os fixo chegar a seren reis de Italia e emperadores do Sacro Imperio, así como a aspirar á sucesión do trono de Francia, empeño no que foron derrotados polos Robertinos.

Inicio da dinastía editar

 
Os ducados longobardos de Spoleto e Benevento contra o século IX.
 
O Ducado de Speoleto e o Principado de Benevento contra o ano 1000.

O primeiro membro da familia que destacou na escena política europea foi o neto de Guido de Nantes, Guido I coñecido polo seu nome italiano Vito di Spoleto, segundo fillo de Lamberto I de Spoleto e da súa segunda esposa, Adelaida da Lombardía, que era filla de Pipino de Italia, rei de Italia e fillo máis vello de Carlomagno (co que conecta a súa dinastía coa carolinxia). Guido foi investido en 842 como duque de Spoleto polo emperador Lotario I, como oito anos antes (834) o fora seu pai Lamberto. Guido I foi moi activo en Lotarinxia e Italia, casando cunha nobre lombarda, Ita de Benevento, filla do príncipe de Benevento Sico I e cimentando así o seu poder nos territorios lombardos do sur de Italia, na chamada Lombardía menor (Longobardía Minor). Os descendentes de Guido I e Ita gobernaron o Ducado de Spoleto até o ano 897, cando un dos últimos representantes da dinastía, Guido IV de Spoleto, morreu asasinado polo seu sucesor no Ducado. Este Guido IV foi tamén o príncipe de Benevento, que logrou expulsar os bizantinos do seu principado no ano 895.

Lista de membros da dinastía editar

Na Marca da Bretaña editar

Duques de Spoleto editar

Como se pode ver, os Guidoni máis notábeis foron Guido III de Spoleto e o seu fillo Lamberto II, pois ambos os dous chegaron a ser reis de Italia e emperadores carolinxios, o primeiro en febreiro do ano 889 en Pavia como rei de Italia e o 28 de febreiro de 891 como emperador do Sacro Imperio, e o segundo, á morte de seu pai en decembro de 894 (aínda que asociado a ambos os tronos, como correi de Italia en maio de 891 e como coemperador, probabelmente, o 23 de febreiro de 892).

Antes de ser rei de Italia, Guido de Spoleto, o terceiro do seu nome no Ducado de Spoleto, intentou converterse en rei da Francia Occidentalis coa axuda de seu primo o arcebispo de Reims Fulquerio o Venerábel, e aproveitando que os nobres francos da Francia Occidentalis depuxeran a Carlos III o Gordo como o seu rei (e como emperador do Sacro Imperio). Chegou a ser coroado en xaneiro de 888 como rei dos francos polo arcebispo de Langres, pero a coroación do conde de París, Eudes (da casa dos Robertinos), un mes despois en Compiègne e o apoio da nobreza francesa á súa causa, obrigárono a resignar o título e regresar a Italia, onde, coa axuda papal, conseguiu suceder a Carlos III o Gordo como rei de Italia e emperador carolinxio.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Christopher Wickham, Early Medieval Italy: Central Power and Local Society 400-1000, MacMillan Press, 1981.
  • Mario Caravale (ed.), Dizionario Biografico degli Italiani: Vol. LXI Guglielmo Gonzaga – Jacobini, Roma, 2003.
  • Mario Caravale (ed.), Dizionario Biografico degli Italiani: Vol. LXIII Labroca – Laterza, Roma, 2004.
  • Régine Le Jan, Famille et pouvoir dans le monde franc (VIIe-Xe siècle) p. 441, Tableau généalogique "Les Widonides". Publication de la Sorbonne (1995). ISBN 2859442685.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar