Depuración franquista do maxisterio

A depuración do maxisterio durante o franquismo foi un proceso de sanción a profesionais da docencia, por razóns ideolóxicas, que tivo lugar en España tras o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Trata das sancións levadas a termo polo bando sublevado, dirixido polo xeneral Franco. O proceso de depuración iniciouse practicamente o 18 de xullo, ao comezo da Guerra Civil, mais non foi legalmente estabelecido até a publicación do Decreto do 8 de novembro de 1936. Neste decreto o proceso de depuración toma corpo legal, e nel séntanse as bases e os principios da depuración.

Maruja Vázquez Suárez coas súas alumnas, posiblemente na Pobra do Caramiñal.

A depuración afectou a todo o profesorado, desde o ensino público ao privado, incluíndo tamén o relixioso, desde a primaria até a universidade, e por suposto ás escolas normais.[1] As bibliotecas públicas e privadas tamén sufriron o proceso de depuración, para o que se constituíron comisións depuradoras específicas. Tamén se produciu depuración cos libros de texto escolares, e periodicamente os distintos boletíns provinciais facían pública a relación de libros de texto autorizados polas autoridades educativas franquistas.

O proceso de depuración tivo pois lugar só nos primeiros anos do franquismo, e tivo como consecuencia a sanción a uns 20.000 docentes[Cómpre referencia], que representaba practicamente un terzo dos profesionais do maxisterio en España naquela altura.

Contexto e primeiros anos editar

 
Francisco Giner de los Ríos foi un pedagogo, filósofo e ensaísta español, creador e director da Institución Libre de Enseñanza (ILE), impulsou tamén o Museo Pedagóxico Nacional (1882-1941), a Junta para Ampliación de Estudios (1907-1938), a Residencia de Estudiantes (1910-1939), as Misións Pedagóxicas (1931-1937) ou as Colonias Escolares. Tras a guerra civil española, a obra de Giner en xeral, e a ILE en particular, foron condenadas polo réxime de Franco dentro do proceso de depuración do maxisterio español.

Os gobernos da Segunda República levaran a cabo un conxunto de reformas educativas como as que se estaban a poñer en funcionamento noutros países europeos naquela altura: introduciuse a coeducación e o ensino laico, puxéronse en marcha proxectos de modernización pedagóxica, creáronse as cantinas e os comedores escolares, dotáronse os centros de gran número de bibliotecas escolares e aumentou notabelmente o número de escolas[Cómpre referencia]. Isto fíxose en detrimento da Igrexa Católica que vía reducido o seu papel no sistema educativo. Na Constitución de 1931 estabelecíase que España era un país aconfesional e que a escola sería laica, co que se apartaba a Igrexa católica de parte do sistema educativo e limitábase en consecuencia a súa capacidade de influencia social. Suprimiuse a obrigatoriedade do ensino da relixión, baseándose na liberdade relixiosa e a liberdade de conciencia do neno e do mestre.

A rebelión militar e o golpe de estado de xullo de 1936, que provocaría a Guerra civil española, daría inmediatamente paso ás primeiras fases da depuración franquista, que de maneira progresiva (e a medida que o bando sublevado ía conquistando territorios fieis á República), non só se lle aplicou ao profesorado en exercicio, fose este funcionario con praza ou interino, senón tamén ao alumnado que cursaba os seus estudos nas escolas de formación do Maxisterio, ou escolas normais. Todo o alumnado destas escolas foi sometido á realización dun expediente depurador, incluído o alumnado en prácticas que xa terminara os seus estudos nas escolas normais.[2]

Como punto de partida deste proceso sancionador pode consultarse o Boletín Oficial do Estado número 27 de 11 de novembro de 1936, páxina 153, onde aparece o texto do Decreto 66 que regula a depuración do persoal docente. A partir do decreto, o proceso de depuración toma corpo legal, e séntanse as bases e os principios da depuración. A través deste decreto xustifícase que o maxisterio durante a Segunda República estivo en mans inapropiadas, polo cal era necesaria unha revisión da instrución pública, para poder extirpar as supostas falsas doutrinas arraigadas durante o período republicano (relativismo, laicismo etc...). Un proceso de «caza de bruxas», en palabras da escritora Beatriz Peyrot [3].

Anteriormente á publicación do decreto, a purga dirixírana as autoridades académicas de cada distrito universitario, seguindo as directrices da autoridade militar e civil de cada provincia, que eran as que redactaban as primeiras listas de profesorado sancionado e publicábanas en cada un dos boletíns provinciais. Esta primeira depuración pode considerarse unha purga militar, non soamente porque a decidiran os estamentos militares provinciais, senón porque estaba suxeita á lexislación castrense de urxencia. Posteriormente, cando se constitúe o Ministerio de Educación Nacional, a depuración entra nunha segunda fase. A partir dese momento a depuración regúlase por un corpo de leis e normas estabelecidas como desenvolvemento do Decreto 108, e o control da depuración pasa das mans militares a converterse nunha competencia do Ministerio de Educación, que paulatinamente vai estabelecendo unha serie de organismos estatais, creados especificamente para xestionar o enorme volume de traballo administrativo que a depuración estaba a crear. Entre os organismos estatais máis importantes estaban as distintas Comisións Depuradoras Provinciais, formadas por funcionariado leal ao ministerio franquista.

Depuración de docentes (1940-1945) editar

A depuración foi un proceso gobernamental, de profundas consecuencias sociais e culturais,[4] para desmantelar a obra educativa republicana, caracterizada polo laicismo, a coeducación e a introdución de novos métodos pedagóxicos.[5] A tarefa, a partir de 1939, foi encomendada a tribunais designados pola Comisión Superior Dictaminadora, e desenvolveuse entre 1940 e 1945.[6] Algúns estudos amplían a data de finalización do proceso depurador até 1956, ano no que aínda se tramitaban as solicitudes dalgúns expedientes de revisión de sancións.[7]

Xa no século xxi, un estudo de José Pedro Marín García de Robles e Álvaro Moreno Egido para o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, describe así o proceso de depuración:[8]

«O labor das revisións recaeu primeiro na Oficina Técnico-Administrativa e, desde 1939, na Comisión Superior Ditaminadora. Até 1942 en que se suprimiu, foi esta Comisión a que resolvía tanto os expedientes de depuración como os recursos de revisión. Desde 1942 o labor recaeu no Xulgado Superior de Revisións, creado expresamente para esta tarefa. Este permaneceu até 1961, aínda que as revisións se prolongaron, polo menos, até 1969. Morente Valero,[8] calculou que no ACME se custodian as tres cuartas partes do total de expedientes de revisión que se abriron. A cuantificación total é difícil debido á dilatación do proceso no tempo e á ausencia de publicación nos boletíns da maioría das resolucións sobre revisión. As revisións podían ser a instancia da parte afectada ou de oficio. As de oficio eran as menos habituais, e abríanse cando se posuían novos elementos de xuízo, denuncias de particulares e/ou autoridades, ou por influencia dos tribunais militares. As revisións a petición do interesado eran o máis habitual, aínda que non sempre se aceptaban estas demandas. Este proceso caracterizouse, en xeral, por unha atenuación das sancións iniciais, debido a unha maior valoración dos escritos de descargo e os avais presentados, así como por unha valoración máis obxectiva e crítica por parte da CSD e o JSR. Isto non significaba que o proceso se diluíse, senón que se limitou a extrema arbitrariedade coa que adoitaban actuar as comisións depuradoras».

En total, os especialistas calculan que se sancionou aproximadamente entre un 25% e un 30% dos docentes depurados.[a][9] Todo iso é unha indubidábel mostra da importancia que o maxisterio ía ter para o novo réxime como elemento fundamental para a súa consolidación». O novo goberno, a que se afirmará logo como ditadura de Francisco Franco, non necesitaba un corpo docente ‘preparado en pedagoxía aplicada’, senón unha división ao servizo do poder, posto que «as Escolas da Nova España han de ser continuación ideal das trincheiras de hoxe; han de recoller o seu espírito exaltado e xuvenil e han de prolongar no futuro desta Guerra de agora na que combaten máis que inimigos circunstanciais, poderes sempre vixiantes e permanentes como o Mal mesmo.»[10][11][8][12][13]

Loxicamente, o modelo previsto polo novo goberno tiña uns obxectivos, se non antagónicos, moi diferentes.[14]

A depuración alcanzou a docentes, alumnado, libros de texto e bibliotecas escolares, aínda que a intención fundamental das novas autoridades dirixiuse á depuración do persoal docente pertencente á II República.

As comisións depuradoras editar

 
Archivo General de la Administración. AGA. Alcalá de Henares.

Mediante o decreto mencionado anteriormente creáronse comisións con carácter temporal, encargadas de realizar a depuración nos distintos sectores de todo o persoal docente:

  • A Comisión A, referente ao persoal das Universidades,
  • a Comisión B, encargada do profesorado das Escolas de Arquitectura e Enxeñaría, e as Escolas de Comercio
  • a Comisión C, encargada do persoal dos Institutos de Segundo Ensino, Escolas Normais de Maxisterio, Escolas de Comercio, Escolas de Artes e Oficios, Escolas de Traballo, Inspeccións de Primeiro Ensino e todo aquel persoal do Ministerio de Instrución Pública non incluído en calquera das demais Comisións Depuradoras. O prazo fixado para finalizar as súas actuacións era dun mes.
  • a Comisión D, encargada de todo o persoal do Maxisterio, incluíndo profesorado interino e en fase de prácticas. Fixouse un prazo temporal de tres meses para que o expediente depurador se dese por concluído. Nas súas actuacións, este prazo estendeuse amplamente, chegando a alcanzar máis de tres anos nalgúns casos.

A Comisión D era de ámbito provincial, constituíase en cada capital de provincia, exceptuando a Madrid e Barcelona, ás que lles correspondían dúas comisións depuradoras. Inicialmente compúñana cinco membros: o Director do Instituto de Segundo Ensino, un Inspector de Primeiro Ensino, o Presidente da Asociación de Pais de Familia, e dúas persoas de máximo arraigamento e recoñecida solvencia moral e técnica, nomeados polo Gobernador Civil. Aínda que co tempo, a composición destas comisións cambiaría para dar paso a representantes da Falange e as J.O.N.S.

Ademais dos membros fixos, a comisión podía contar con outras persoas no papel de colaboradores.

Referente á cuestión das sancións estas quedan fixadas na Orde do Ministerio de Educación Nacional do 11 de marzo de 1938, na mesma Orde fíxanse as pautas de actuación das comisións de depuración e estabelécese o funcionamento dun complexo aparello administrativo que ten como obxectivo controlar e centralizar todo o proceso depurador, para así conseguir dotalo dun carácter máis homoxéneo. No primeiro artigo alúdese a que se crea unha Oficina Técnico-administrativa, co carácter de Sección, especialmente encargada da tramitación de expedientes incidencias e recursos a que dea lugar a depuración do persoal dependente deste Ministerio». Posteriormente por Orde ministerial do 19 de marzo de 1939 créase a Comisión Especial Ditaminadora, órgano que ten como función examinar e resolver os expedientes incoados polas comisións depuradoras provinciais, retirándoselle á oficina técnico administrativa a competencia para formular propostas de resolución que, desde ese momento, resulta potestade da Comisión especial ditaminadora. A Comisión especial permanece en activo até que é disolta o 30 de xaneiro de 1942 (BOE do 10 de febreiro), momento no que se considera que xa foron resoltos todos os expedientes de depuración. (A oficina técnico administrativa non será disolta até o 9 de febreiro de 1944, mediante unha resolución publicada no BOE do 2 de maio do mesmo ano).

O traballo que desempeñaban as comisións podería clasificarse, de maneira esquemática, da seguinte maneira: a todo o funcionariado público obrigábaselle a pedir a súa propia depuración, xa que, inicialmente, desde o triunfo da rebelión foi separado do servizo até que puidese ser considerado apto. O profesorado solicitaba a súa autodepuración pedindo o reingreso. Na solicitude, víase obrigado a explicitar con que entusiasmo recibira o alzamento, as súas actividades e afiliación política e sindical, aspectos relativos á súa vida privada e unha demostración de cal ía ser o seu grao de vinculación na construción do novo Estado ou, o que é o mesmo, cantas delacións estaba disposto a levar a cabo. A continuación púñase en marcha o procedemento de apertura de expediente depurador a instancias das Comisións Depuradoras Provinciais.

Ás Comisións outorgábaselles o dereito de reclamar ás distintas autoridades, ademais dos centros e as persoas necesarias, podían pedir informes sobre a conduta profesional, particular, social e actuacións políticas de calquera individuo obxecto de depuración. É dicir, que se lles outorgou o pleno dereito a investigar sobre as condutas, a ideoloxía, os pensamentos e crenzas de calquera individuo que lles interesase.

Segundo a normativa depuradora, as Comisións debían pedir polo menos catro informes diferentes: ao alcalde, cura párroco, xefe da Garda Civil e a un pai de familia ben considerado, que vivisen onde estivese situada a escola e individuo obxecto de investigación. Estes informes foron a base fundamental sobre a que asentaron as súas bases a depuración. Mais os membros das Comisións tamén podían solicitar informes a outras instancias: comandancias da policía, servizos de información militar, servizos técnicos e administrativos das inspeccións educativas, particulares. Foi frecuente o emprego da delación para redactar cargos dirixidos contra os docentes. Nalgunhas provincias, déixase constancia das chamadas públicas á delación, efectuadas a través dos distintos boletíns oficiais provinciais do mes de agosto de 1936, chamadas efectuadas desde os gobernos civís.

 
Prego de cargos contra Xosé María Álvarez Blázquez.
 
Goberno Civil da Provincia de Lugo. Cargos contra José Ramón Fernández. Primero: es galleguista…, 26/12/1936.
  • Pregos de cargo: No caso de que os membros da comisión obtivesen suficientes probas contra o acusado, procedíase a formular un prego de cargos, onde se recollían todas as acusacións recibidas, e pedíaselles información sobre a pertenza ou non á masonaría, se se fixeron responsábeis de altos cargos durante a República.

Doutra banda, aos propios acusados pedíaselles información respecto doutros compañeiros, o que aumentaba o mal estado no que se atopaban os docentes, e incrementábanse as inquietudes e desconfianzas entre o colectivo.

Unha vez recibidos os devanditos informes, a Comisión estudábaos e formulaba uns cargos que se lles comunicaban ao mestre/a en cuestión.

  • Escritos de descargo: Ao profesorado permitíaselle realizar un escrito de descargo. Estes escritos eran de grande importancia xa que a resolución destes condicionaría a súa vida e o seu futuro. Como a Comisión Depuradora non outorgaba ningunha credibilidade aos escritos nos que tan só se negaban as acusacións, tiñan que argumentar a súa defensa. Proclamaban a súa inocencia e indignación ante as acusacións presentadas, e facíanse alusións a que as acusacións podían ser debidas a antigas rifas, envexas, ou falsos testemuños emitidos contra o profesorado en cuestión. Doutra banda, exaltaban as referencias nacionais e o papel do Caudillo. Mais resultou moi difícil que as Comisións aceptasen os devanditos escritos, xa que mediante os pregos de cargo solicitaran moita información e sempre tiñan acusacións das que poder valerse para acusar un mestre/a, que tiña como máximo dez días para remitir o devandito escrito á Comisión Depuradora, e achegar datos concluíntes sobre a súa defensa, téndoo que entregar ao Presidente da Comisión Depuradora ou envialo por correo certificado. Os profesores, para poder defenderse, tiñan que acreditar a súa boa conduta, pedíndolles axuda aos veciños, a representantes de profesións prestixiosas, autoridades como o párroco, alcalde e Garda Civil, e tamén na escola. Iso resultaba moi contraditorio, xa que eran os mesmos que frecuentemente emitiran os informes desfavorábeis. Sucedíanse denuncias privadas, na maioría das ocasións emitidas por persoas anónimas, ás que as autoridades pedían a máxima colaboración para contribuír á chamada «causa nacional». Parece interesante este dato, xa que confirma as sospeitas ao pensar que o proceso da depuración se levou a cabo en diversas ocasións a modo de vinganza, por razóns persoais. Noutras ocasións, para que a praza vacante puidese ser ocupada por un familiar ou un adepto ao réxime franquista.

O que se pode deducir deste curto período de tempo é que estaba prefixado a conciencia para que o profesorado expedientado non tivese a mínima posibilidade de se defender: cando lles notificaban acerca do seu informe, no caso de que tivesen que presentar datos para alegar a súa defensa, atopábanse co que o prazo finalizara e xa non tiñan opción para a defensa.

De non ser localizada a persoa en cuestión, por medio do Boletín Provincial pedíaselle que se presentase fronte á Comisión Depuradora e, se neste caso tampouco se presentaba, procedíase o expediente sen ter en conta o/a profesor/a en cuestión. E a Comisión continuaba as súas actuacións coma se «fose ouvido».

  • Propostas de resolución: unha vez completado o expediente, e formuladas as respostas de resolución deste, a Comisión tiña que envialo á Comisión de Cultura e Ensino, que tería que informar a Presidencia da Xunta Técnica a confirmación no cargo, o traslado do mestre ou mestra en cuestión ou a separación definitiva do cargo. Tamén podía estabelecer a separación de emprego e soldo ao expediente dun funcionario, aínda que este non estivese en tramitación.

Unha vez que a Comisión Depuradora analizaba os escritos de descargo, a documentación acreditada polo profesorado para alegar a súa defensa, e toda a información recollida, estabelecía a resolución definitiva do expediente en cuestión. As distintas solucións ás que podería chegar o Ministerio de Educación eran moi diversas e de diferente índole e importancia:

  • Por unha banda, a resolución podía emitirse coa confirmación no cargo, a cal supuña cesamento do expediente. Este tipo de resolución aplicouse a aquel profesorado que se consideraba apto segundo os ideais e exixencias do novo réxime.
  • Outro tipo de solución era a habilitación para o ensino, tratábase dunha resolución sen sanción, na que se outorgaba o permiso para o desempeño das funcións do profesorado na escola.

Os castigos editar

 
Suspensión de emprego e soldo, inhabilitación e traslado.
 
"…sexa suspendido de emprego e soldo por seis meses, a partir da data de dita Orde, inhabilitado para cargos directivos e de confianza e trasladado de escola a outra da provincia de Zamora".

O 18 de marzo de 1937 fixáronse as causas dos castigos administrativos, cun carácter o suficientemente aberto para que cada comisión poida facer interpretacións particulares, nun principio serán susceptíbeis de ser sancionados: “non cooperar para producir o triunfo do alzamento Militar ou o Movemento. Accións ou omisións que implicasen, antipatriotismo conduta contraria ao Movemento nacional”. As causas de sanción fixábanse con “carácter enunciativo e non limitativo", o cal deixaba a porta aberta para que cada Comisión Depuradora Provincial puidese engadir as que considerase pertinentes.

Os castigos e sancións eran os seguintes:

  • O máis grave foron sen dúbida as execucións daqueles docentes que se mostraron hostís ao alzamento e fieis á República.
  • A separación definitiva do cargo, é dicir, separación do Corpo e baixa na escala. Esta foi a sanción máis dura e con maior repercusión no corpo do maxisterio, xa que supuña a prohibición de exercer, ou pola contra, unha diminución na categoría da profesión. Tanto unha sanción como a outra, eran graves e prexudiciais para o profesorado en cuestión, xa que alteraba e modificaba a súa vida.
  • O traslado forzoso, que foi tamén unha das sancións máis graves, xa que se trataba de afastar a determinados docentes do seu lugar de traballo. A prohibición de solicitar vacantes adoitaba ir unida á anterior solución, e impúñase entre un mes e cinco anos. Existían dous tipos de traslado forzoso, dentro e fóra da provincia, esta última variante era aplicada a docentes que militaran en partidos políticos autonomistas, sobre todo foi usada con docentes cataláns, vascos e, en menor medida, galegos.
  • Suspensión temporal, ou provisional, de emprego e soldo ou, nalgúns casos, a xubilación forzosa. Tamén perda de soldos deixados de percibir, é dicir, a perda dunha parte do soldo mentres se tramitaba o expediente correspondente. A suspensión de emprego e soldo abarcaba entre un mes e dous anos.
  • Inhabilitación para o desempeño de cargos directivos e de confianza, este tipo de sanción ía dirixida para o profesorado que era sospeitoso, aínda que non se puidera demostrar nada.
  • E, por último, a inhabilitación para exercer o Ensino, referíase a que non se podía exercer legalmente o ensino privado.

Os cargos editar

Os cargos que se lles imputaron ao profesorado sancionado foron moi variados, xa que cada unha das Comisións Depuradoras Provinciais os tipificaba de forma distinta, mais, fundamentalmente, pódense clasificar nos seguintes: cargos políticos e sindicais, cargos sociais, cargos particulares, cargos relixiosos e cargos profesionais.

  • No primeiro grupo, cargos políticos e sindicais, imputáronse condutas de participación e afiliación a partidos políticos da Fronte Popular e sindicatos de esquerda, mais tamén manifestacións de opinións políticas, votos emitidos nos sufraxios de febreiro de 1936, a participación na Revolución de outubro de 1934 ou a simple lectura de xornais non dereitistas. Algúns dos cargos formulados literalmente neste apartado foron os seguintes: militancia no Partido Comunista, pertencer a F.E.T.E, actuar en partidos políticos de esquerda traballando para o seu triunfo o 26 de febreiro de 1936, simpatizar cos partidos da Fronte Popular, votar sempre candidatura de esquerdas, amizade con persoas de esquerdas.
  • Os cargos de tipo social recollían tamén condutas políticas, mais de menor grao de compromiso e participación, foron aplicados sobre todo a profesorado ao que non se lle conseguiu probar filiación política esquerdista nin sindicalista, neste apartado figuraron acusacións da seguinte índole: «relacionarse moito cos obreiros», manifestar non importarlle nada a implantación do comunismo en España, ler prensa de esquerdas, non ter amor á patria.
  • Os cargos relixiosos non figuraban recollidos como tal en practicamente ningún protocolo de depuración provincial, mais o certo é que existiron como tales. Vixiáronse especialmente as opinións relixiosas do profesorado, a asistencia a oficios e misas, así como a proxección da súa conduta relixiosa na escola e sobre o resto da sociedade, estabelecéndose distintos graos de gravidade nas condutas, que ían desde o ateísmo ao laicismo pasando pola indiferenza relixiosa ou o cumprimento irregular do precepto de asistencia á misa dominical. Entre este tipo de cargos figuran os seguintes: observar conduta de verdadeiro ateo, facer alarde de irrelixiosidade, xactarse de non ser crente, facer pública ostentación de ser laico, incumprimento dos deberes relixiosos, non cumprir o precepto pascual. Vixiouse non só a conduta pública política e relixiosa do profesorado, senón tamén o desenvolvemento das súas actividades profesionais, nun intento por estabelecer en que medida os docentes se comprometeron co sistema de ensino público republicano, baseado fundamentalmente no laicismo e a coeducación. Entre os cargos que figuran neste apartado, temos os seguintes exemplos: inculcar nos nenos ideas extremistas, tirar o crucifixo da escola xunto co catecismo e o libro de historia sacra.

Tamén se depuraba o resto do profesorado que era considerado non contaminado, non republicano, e tiña que sufrir exames e seguir uns cursos de orientación profesional, xa que de estar contaminado carecería das competencias necesarias para inculcarlle ao seu alumnado o espírito relixioso, moral e católico oficial.

A revisión das sancións editar

Inicialmente os sancionados non podían solicitar unha revisión do castigo, mais a situación cambia a partir de 1938. O 11 de marzo de 1938 recoñécese a posibilidade de recurso, posibilidade que non existía até esa data. Se a persoa sancionada solicitaba revisión de expediente, o proceso depurativo alongábase. A solicitude de revisión unicamente resultaba eficaz de acompañarse de novas probas. Polo xeral, as revisións eran rexeitadas. A capacidade para solicitar a revisión estaba limitada, xa que non podían solicitala os docentes que fosen sancionados co castigo da separación definitiva.

Para encargarse da revisión creáronse unidades administrativas específicas: até o 19 de marzo de 1939, as revisións tramitábanse a través da mesma oficina técnica administrativa encargada dos expedientes de depuración. Nesa data, as competencias revisoras trasládanse á Comisión Superior Ditaminadora.

A partir de 1942 as revisións pasan a mans dun xulgado administrativo creado exclusivamente para este fin, o Xulgado Superior de Revisións. A solicitude de revisión non levaba aparellada a súa concesión. O profesorado que a solicitaba debía demostrar que había novos elementos de xuízo para poder reconsiderar as conclusións do expediente depurador. O número de revisións concedidas respecto das solicitadas foi escaso. Nalgúns casos acábase producindo anulación da sanción e alixeiramento desta. Moitas veces, estes alixeiramentos prodúcense cando xa non poden achegar ningún beneficio á persoa sancionada, xa que a maior parte da sanción, se non a súa totalidade, achábase plenamente cumprida.

Consecuencias editar

O maxisterio quedou moi minguado despois da depuración. A purga foi moi grande, e a maioría do profesorado dun modo ou outro sentiu o medo, a frustración e a incerteza ante este inesperado proceso, que alterou en todos os sentidos a educación.

Segundo algunhas estimacións, o número de profesorado sancionado aproximouse aos 20 000, tendo en conta de que en 1936 había en exercicio ao redor de 60 000 mestres nacionais, pódese concluír que a depuración implicou a imposición de sancións para un terzo do total do corpo. Mais as repercusións máis lesivas da depuración non só afectan aos docentes sancionados. A depuración supuxo unha notábel diminución da calidade educativa da escola española, sobre todo durante a década dos anos corenta e cincuenta, xa que unha parte moi importante das prazas deixadas vacantes polos docentes foron ocupadas por militares que participaran na Guerra Civil combatendo ao lado do bando sublevado, feridos e mutilados de guerra, as súas viúvas e os seus familiares máis directos. Ao longo do conflito e con posterioridade, leváronse a cabo oposicións e concursos con prazas reservadas para excombatentes, sen apenas preparación pedagóxica e profesional, que introduciron nas escolas españolas disciplinas e protocolos de inequívoca ideoloxía castrense.

En canto á dureza da depuración, as súas consecuencias son distintas e bastante heteroxéneas ao longo de todo o territorio nacional. En contra do que se podería afirmar a primeira vista, a maior cantidade do profesorado sancionado non exercía nas provincias que mostraron máis resistencia ao franquismo, senón que o maior número de sancionados atopábase nas chamadas «provincias de retagarda», aquelas que desde datas temperás quedaron sometidas ao control do exército franquista. Nelas, a purga levouse a cabo con máis tempo e con maior disposición de medios indagatorios e, o que é máis importante, iniciouse en data máis temperá, cando maior era a necesidade de aplicar unha dura represión.

Nos casos de persoas afectadas polas depuracións políticas, tanto no ámbito laboral como nas administracións públicas, estas víronse privadas do seu dereito a percibir unha xubilación, no mellor dos casos.

Fontes documentais editar

As principais fontes documentais que permiten reconstruír o proceso de depuración son variadas e diversas:

  1. Os Boletíns Oficiais do Estado e os Boletíns Oficiais Provinciais, onde se recollían os nomes e as sancións dos docentes castigados.
  2. As Actas que deixan constancia das actuacións de cada unha das comisións depuradoras provinciais, xeralmente desaparecidas, xa que foron obxecto de destrución,
  3. Os expedientes de depuración actualmente conservados no Arquivo Xeral da Administración (A.G.A), e os expedientes de revisión, custodiados no Arquivo Central do Ministerio de Educación (A.C.M.E).

Notas editar

  1. No estudo de Sanchidrián Blanco, Grana Gil e Martín Zúñiga explícase que «As acusacións máis reiteradas nos «Pregos de cargo» emitidos polas «Comisións de depuración» eran as de carácter político e, en especial, aquelas que relacionaban o profesorado con ideoloxías de esquerdas, non existindo diferenzas significativas neste aspecto entre profesoras e profesores. Analizados os 341 pregos de cargos atopados (306 profesores e 35 profesoras), o 52,49% das acusacións referíanse á pertenza a partidos políticos de esquerdas (socialistas, comunistas, esquerda republicana, etc.) mentres que as restantes (pertencer á Institución Libre de Enseñanza, ser masón, afiliado a partidos nacionalistas, ostentar cargos políticos durante a República, non profesar a relixión católica...) tiveron escasa incidencia, salvo a de non presentarse ao proceso de depuración (19,06% dos cargos) que directamente implicaba a separación definitiva do corpo con baixa na escala.»
Referencias
  1. Salomó Marquès "Ensenyament republicà vs ensenyament franquista: la repressió del magisteri" Associació per a la recuperació de la memòria històrica de Catalunya (en castelán).
  2. Blanco, Cruz (9 de decembro de 1997). "El franquismo depuró a 60.000 maestros, según un estudio". El País Digital. Consultado o 27 de febreiro de 2017. Asturias, Biscaia, Barcelona, Xirona, Madrid e Albacete foron as provincias máis castigadas. A lei depuradora afectaba a todo o profesorado, e ao alumnado das escolas normais (de formación de profesores). Aqueles que se atreveron a insinuar que non se podía aplicar unha sanción con carácter retroactivo a condutas exercidas legalmente no seu momento, eran separados directamente do servizo «porque a súa actitude era pouco adecuada e poñía en cuestión a lexitimidade das leis franquistas». 
  3. Peyrot Marcos , Beatriz (7 de marzo de 2013). "Maestras de la II República". maestrasrepublicanas. Consultado o 17 de marzo de 2017. 
  4. Cuño Bonito, Justo (2013). "Reforma y contrarreforma de la enseñanza primaria durante la II República Española y el ascenso del Fascismo (1932-1943)". Dialnet. Revista Historia de la Educación Latinoamericana. pp. 89–106. ISSN 0122-7238. Consultado o 27 de febreiro de 2017. 
  5. Pérez Galán. "La enseñanza en la Segunda República" (PDF) (extraordinario). Publicado en Cuadernos para el Diálogo en 1975 
  6. Morente Valero. La escuela y el Estado Nuevo. La depuración del magisterio nacional. (1936-1943). Valladolid: Ámbito. ISBN 9788481830187. 
  7. Elena Sánchez de Madariaga (ed.). Las maestras de la República. Consuelo Flecha García, María del Carmen Agulló Díaz, Carmen María Sánchez Morillas, Carmen García Colmenares, Herminio Lafoz Rabaza, Sara Ramos, Olegario Negrín Fajardo, Carmen de la Guardia Herrero e María del Mar del Pozo Andrés (2014 ed.). Madrid: Catarata. ISBN 978-84-8319-698-4. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Morente Valero 1997.
  9. Capel Martínez, Rosa María (1986). "El trabajo y la educación de la mujer en España (1900-1930)" (PDF). Instituto de la Mujer. Consultado o 15 de marzo de 2017. 
  10. Martí Ferrándiz 2002, p. 108.
  11. Marín García de Robles, José Pedro; Moreno Egido, Álvaro. "Los expedientes de revisión de depuración del Magisterio español en el Archivo Central de Educación (ACME)" (PDF). Archivo Central de la Secretaría de Estado de Educación (ACME). Consultado o 22 de febreiro de 2017. 
  12. Madariaga e outros 2012.
  13. Mayordomo, Joaquín (17 de abril de 2006). "Una maestra del 34". El Pais. Consultado o 21 de febreiro de 2017. La sevillana Lola Velasco recuerda cómo aplicó en la escuela franquista los métodos pedagógicos que aprendió en la República 
  14. Rabazas Romero . "Modelos sugeridos a las maestras en el franquismo" (PDF) 53 (3). Madrid. O principal obxectivo era relacionar o cambio político e social cos modelos educativos femininos ocasionados en España. Os resultados permiten concluír que existen dous modelos na formación das mestras: un modelo de ensino feminino para preservar a función predominante da muller, que a prepara para ser unha profesional do fogar e da familia, correspondente ao primeiro franquismo. Nun segundo momento, comeza a percibirse un lixeiro interese por demandar unha maior igualdade para ambos os sexos, e parece que existe unha apertura ás posibilidades profesionais das mulleres xa na década dos sesenta. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • ÁLVAREZ OBLANCA, Wenceslao (1986) La represión de postguerra en León. Depuración de la Enseñanza, 1936-1943, Santiago García editor, León.
  • BENITO SANTOS, Mª Sol (2006) La depuración del Magisterio en la provincia de Ciudad Real, Centro de Estudios de Castilla-La Mancha, Cidade Real.
  • BERZAL DE LA ROSA, Enrique; BLANCO RODRÍGUEZ, Juan A.; DELGADO CRUZ, Severiano; GUTIÉRREZ FLORES, Jesús; MARTÍN BARRIO, Adoración; MARTÍN GONZÁLEZ, Eduardo; MARTÍN JIMÉNEZ, Ignacio; PABLO LOBO, Carlos de; RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Javier; SÁNCHEZ, Rafael; SIERRA, Carlos de la; VEGA SOMBRÍA, Santiago, "Muerte y represión en el magisterio de Castilla y León". León: Fundación 27 de marzo, 2010. p. 533. ISBN 978-84-614-5323-8
  • CRESPO REDONDO, J.SAINZ CASADO, J e PÉREZ MANRIQUE, C (1987) Purga de maestros en la guerra civil. La depuración del magisterio nacional en la provincia de Burgos, Ámbito, 1987, Valladolid. ISBN 84 86770 02 5
  • DE DUEÑAS DIEZ, Carlos, GRIMAU MARTÍNEZ, Luis (2004) La represión franquista de la enseñanza en Segovia, Ámbito, Valladolid. ISBN 84 8183 102 6
  • DÍAZ-PLAJA, Fernando (1975) "La guerra de España en sus documentos", Plaza & Janes,S.A. Editores.Virgen de Guadalupe,21-33 Esplugas de Llobregat-Barcelona. ISBN 84 01 41015 0
  • FERNÁNDEZ SORIA, Juan Manuel, AGULLO DÍAZ, Mº Del Carmen (1999) Maestros valencianos bajo el franquismo: la depuración del magisterio, 1939-1944, Institució Alfons el Magnánim, Valencia. ISBN 84 7822 254 5
  • JIMÉNEZ DE LA CRUZ, Ángel I. (2003) La depuración de los maestros en el franquismo. El caso de Toledo, Ediciones Yelmo, Toledo. ISBN 84 933604 0 6
  • MARTÍNEZ PEREDA, Lucio (2008) La Depuración Franquista del Magisterio Nacional en el Norte de Zamora,1936-1943.C.E.B, Ledo del Pozo, Zamora. ISBN 978 84 935455 9 8
  • MARTÍNEZ PEREDA, Lucio (2015). Medo político e control social na retagarda franquista, Edicións Xerais de Galicia, Vigo. 2015. ISBN 978-84-9914-808-3.
  • MORENTE VALERO, Francisco (1996) Tradición y represión:la depuración del magisterio en Barcelona (1939-42) Promociones y Publicaciones Un, Barcelona.
  • MORENTE VALERO, Francisco (1997), La Depuración del Magisterio Nacional (1936-1943). La Escuela y el Estado Nuevo, Ámbito Ediciones, Valladolid. ISBN 84 8183 018 6
  • PABLO LOBO, Carlos de. «La depuración del magisterio primario en la provincia de Soria», Revista de Soria, 47 (2004) 113-122
  • PABLO LOBO, Carlos de. "La depuración de la educación española durante el franquismo (1936-1975). Institucionalización de una represión", en "Foro de Educación", 9 (2007) 203-228 [1]
  • PETTENGHI LACHAMBRE, Jose (2005) La Escuela derrotada: Depuración y represión del magisterio en la provincia de Cádiz (1936-1945) Editores, Cádiz. ISBN 84 88599 74 9
  • PORTO UCHA, Anxo (2008) Mestras e mestres pontevedreses depurados pólo franquismo. Alen Miño. Pontevedra. ISBN 978 84 930739 2 3
  • POZO FERNÁNDEZ, María del Campo (2001) Depuración del Magisterio Nacional en la ciudad de Málaga (1936-1942), Deputación Provincial de Málaga, Málaga. ISBN 84 7785 441 6
  • RAMOS ZAMORA Sara (2006) La represión del magisterio: Castilla-La Mancha, 1936-1945, Biblioteca Añil, Cidade Real.
  • REYES SANTANA, Manuel e PAZ SÁNCHEZ, José Juan de: "La represión del magisterio republicano en la provincia de Huelva". Deputación Provincial de Huelva, Servizo de Publicacións. Huelva, 2009.
  • VÁZQUEZ CALVO, Juan Carlos e GARCÍA JIMÉNEZ, Santiago: "La depuración de la enseñanza primaria en la provincia de Cáceres. 1936-1944. El personal docente, la administración educativa y la organización escolar " Cáceres, Institución Cultural El Brocense, 2008.

Outros artigos editar