Francisco Giner de los Ríos
Francisco Giner de los Ríos, nado en Ronda (provincia de Málaga) o 10 de outubro de 1839[1] e finado en Madrid o 17 de febreiro de 1915, foi un filósofo, pedagogo e ensaísta español. Foi discípulo de Julián Sanz del Río e fundador e director da Institución Libre de Enseñanza.
Traxectoria
editarNaceu nunha familia acomodada, seu pai foi funcionario de Facenda,[1] o que lle permitiu ter formación universitaria. Estudou Filosofía en Barcelona e Granada, onde se licencia en Dereito Civil e Canónico o 27 de xuño de 1856. Consegue o doutoramento o 9 de xuño de 1857 na Universidade de Madrid e solicita, de contado, opositar á cátedra de Filosofía de Dereito desta mesma universidade.
Volta de novo a Madrid en 1863, onde entrou en contacto e recibiu a influencia do profesor Julián Sanz del Río, introdutor en España do ideario de Karl Christian Friedrich Krause. As ideas e influencia do krausismo marcaron para sempre tanto o pensamento como a obra de Giner de los Ríos. O 10 de agosto de 1867, obtivo a cátedra de Filosofía do Dereito e de Dereito Internacional na Universidade de Madrid. O seu carácter profundamente crítico, os seus modos de ensinar e a súa ilimitada ilusión docente convertérono nunha das figuras obrigadas do Madrid universitario. Non dubidou en enfrontarse abertamente a certas ordenanzas atentatorias á liberdade de cátedra que foran adoptadas polo ministro de Fomento, Marqués de Orovio, polo que unha Real Orde (14 de maio de 1868) suspéndeo do desempeño da cátedra na que se reintegrou pouco despois o 19 de outubro. Porén, como consecuencia das súas opinións contrarias ás disposicións do goberno, unha nova Orde asinada por Orovio o 17 de xullo de 1875, afástao definitivamente da súa cátedra,[2] xunto con amigos e discípulos, boa parte dos cales compartiron desde ese instante os soños transformadores de Giner de los Ríos. A raíz dos acontecementos anteriores, puxo en marcha unha das iniciativas que máis marcou a educación de España.
Malia que tamén destacou como xurisconsulto e como pensador, foi coa fundación da Institución Libre de Enseñanza cando saíu a relucir o xenial pedagogo que Giner levaba dentro. Desde ese instante e ata o fin dos seus días, dedicouse en corpo e alma a pór en práctica as liñas pedagóxicas que definen a Institución: formación de homes útiles á sociedade, pero sobre todo homes capaces de concibir un ideal; coeducación e recoñecemento explícito da muller en pé de igualdade co home; racionalismo, liberdade de cátedra e de investigación, liberdade de textos, e supresión dos exames memorísticos. Unha escola activa, neutra e non dogmática, baseada no método científico, que abarca toda a vida do home e que pretende a formación de homes completos, abertos a tódolos ámbitos do saber humano. Giner opuxo a liberdade á autoridade.
En 1881 foi restituído na súa cátedra (Real Orde do 30 de marzo, asinada polo ministro de Fomento José Luis Albareda).[3] A Institución Libre de Enseñanza, baixo a dirección de Giner, continuou a súa andaina como modelo de calidade de ensinanza, non tardando en adquirir renome nacional e internacional. Fundacións da ILE foron o Museo Pedagóxico Nacional, as Colonias Escolares, a Xunta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas (xermolo do CSIC), a Residencia de Estudiantes, a Dirección Xeral de Primeira Ensinanza, as Misións Pedagóxicas...
Eses eran os soños de Giner e a súa contribución á consecución dun país de persoas libres dirixidas por persoas libres e con preparación adecuada. A lista de personalidades, alumnos e profesores nalgún momento relacionados coa ILE ou formados directamente nela é moi longa, sendo transcendental a iniciativa na historia de España. Destacan nomes como Manuel Azaña, Julián Besteiro, José Ortega y Gasset, Federico García Lorca, Salvador Dalí, Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, Luis Buñuel, Unamuno, Bosch Gimpera, ou Antonio Machado, que lle dedicou un panexírico.
É un personaxe clave pola súa influencia sobre os ideais ilustrados liberais, no sentido francés (radical-laico), que serviron á minoría intelectual republicana e, máis tarde, á esquerda revisionista.
Foi o continuador do krausismo no último terzo do século XIX e os primeiros anos do XX. Exerceu un influxo enorme sobre os seus discípulos, e renovou a vida intelectual española, a educación e mesmo a sensibilidade do país. Tamén está visto como un precursor da socioloxía xurídica.
En 1887 creou a Fundación Sierra-Pambley en Villablino.
Influencia
editarO propósito de Giner de los Ríos foi rexenerar o país a través das conciencias, a revolución das conciencias. Quería crear homes íntegros, cultos, capaces, en base á idea de que os cambios os producen os homes, non as rebelións nin as guerras.
Trala guerra civil española todo o relativo a Giner, xa que era sinónimo de liberdade, foi prohibido polo réxime franquista, o que provocou a perda de boa parte da súa obra. Durante a ditadura a ensinanza pasou a estar controlada pola igrexa, facendo que a maioría dos seguidores de Giner desaparecesen. Porén, existen algúns colexios en España que están retomando os principios pedagóxicos de Giner adaptados ós novos tempos.
Principios pedagóxicos
editarA pedagoxía de Giner é comparada en ocasións coa escola socrática, na que o profesor inflúe nos seus alumnos non pola súa autoridade, senón polo seu coñecemento, a súa sabedoría. A relación entre os alumnos e o profesor era íntima, próxima, familiar, para así poder influír mellor na súa conciencia. Era unha escola eminentemente práctica, na que cada alumno tiña un caderno (e non un libro académico) co que traballaba. Os exames memorísticos non existían. As excursións eran frecuentes, a museos de todo tipo, a fábricas, ó campo etc. Estas excursións duraban varios días, e moitos antigos alumnos recordábanas con gratitude. Unha das máis recordadas foi cando levou ós alumnos andando desde Madrid ata Lisboa.
Obras
editar- Lecciones sumarias de psicología (1874)
- Principios de derecho natural (1875)
- Estudios jurídicos y políticos (1875)
- Estudios de literatura y arte (1876)
- Estudios filosóficos y religiosos (1876)[4]
- Estudios sobre educación (1886)
- Estética (1887) en Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano
- Educación y Enseñanza (1889)
- Resumen de filosofía del derecho (1898)
- La persona social (1899)
- Estudios de filosofía y sociología (1904)
- Pedagogía universitaria (1905)
Epónimos de centros educativos
editarVarios centros educativos levan o seu nome:
- CEIP Giner de los Ríos de Albacete
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Mérida (Estremadura)
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de La Algaba (Sevilla)
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Mairena del Aljarafe (Sevilla)
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Elx
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Barbate (Cádiz)
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Villarrobledo (Albacete)
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Valladolid
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Murcia
- CEIP Francisco Giner de los Ríos de Valencia
- CEIP Giner de los Ríos Fuenlabrada (Madrid)
- CEIP Giner de los Ríos Torrejón de Ardoz (Madrid)
- CFPA Francisco Giner de los Ríos de Alacant
- IES Francisco Giner de los Ríos de Alcobendas (Madrid)
- IES Francisco Giner de los Ríos de Motril (Granada)
- Instituto Español Giner de los Ríos Lisboa (Portugal)
- CEIP Giner de los Ríos de Dos Hermanas (Sevilla)
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Giner de los Ríos |
Bibliografía
editar- Abellán, José Luis. «Francisco Giner de los Ríos: su ideario filosófico y pedagógico», en Historia crítica del pensamiento español, tomo V, La crisis contemporánea. Madrid: Espasa-Calpe, 1989, pp. 156–165.
- Altamira, Rafael. Giner de los Ríos, Educador. Valencia: Prometeo, Sociedad Editorial, 1915.** Botrel, Jean-François. «'Clarín' y Giner: El 'eterno discípulo' y el 'maestro', en 1892», en Ínsula: Revista de Letras y Ciencias Humanas 659 (Nov 2001), pp. 12–13.
- Ferrer Canales, José. «Hostos y Giner», en Asomante 21.4 (1965), pp. 7–28
- Jiménez-Landi, Antonio (1959). «Don Francisco Giner de los Ríos y la Institución Libre de Enseñanza», en Revista Hispánica Moderna 25.1-2 (Jan-Apr 1959), pp. 1–52.
- Jiménez-Landi, Antonio (1996). La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente. Vol. II (Período parauniversitario). Madrid: Editorial Complutense. ISBN 84-89365-97-0.
- Landa, Rubén. Sobre Don Francisco Giner. México: Cuadernos Americanos, 1966.
- Landa, Rubén. Giner visto por Galdós, Unamuno, A. Machado. J. Ramón Jiménez, Alfonso Reyes etc.. México: Instituo Luis Vives/Colegio de México, 1969.
- Lipp, Solomon. Francisco Giner de los Ríos. A Spanish Socrates. Waterloo, Ontario: Wilfrid Laurier University Press, 1985.
- López-Morillas, Juan. «Las ideas literarias de Francisco Giner de los Ríos», en Revista de Occidente 12 (1966), pp. 32–57.
- López-Morillas, Juan. Hacia el 98, literatura, sociedad, ideología. Barcelona: Ediciones Ariel, 1972, pp. 183–221.
- Marco, José María, Francisco Giner de los Ríos. Pedagogía y poder. Barcelona: Península, 2002. ISBN 978-84-8307-474-9
- Menéndez Pelayo, Marcelino. Historia de los heterodoxos españoles. 3 vols. México: Editorial Porrúa, 1982–1983.
- Trend, J.B. The Origins of Modern Spain. Nova York: The Macmillan Company, 1934.
- Ward, Thomas. «Literatura y sociedad española en Larra, Giner y Alas», en La teoría literaria: el romanticismo, el krausismo y el modernismo ante la 'globalización' industrial. University, MS: Romance Monogrphs, Nº 61, 2004, pp. 15–52.
Ligazóns externas
editar- Francisco Giner de los Ríos Arquivado 10 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
- Colectivo Giner
- "Giner de los Ríos y la supervivencia del radicalismo progresista", artigo de José María Marco.
- Panexírico de Antonio Machado