Da terra asoballada

obra literaria de Ramón Cabanillas

Da terra asoballada é un libro de poemas de Ramón Cabanillas publicado por primeira vez como volume independente en 1917. O mesmo título adianta a intención da obra, un conxunto de textos líricos contra a colonización de Galicia que reivindican o substrato humilde da poboación campesiña —no contexto redencionista[1] do agrarismo— a carón das grandes figuras da Historia nacional, cantadas ás veces desde un ton elexíaco.

Da terra asoballada
Edición dentro da Biblioteca Galega 120
Autor/aRamón Cabanillas
OrixeGalicia
LinguaGalego
Xénero(s)Poesía
Data de pub.1917 e 1926
editar datos en Wikidata ]

Descrición e temática

editar
 
Ramón Cabanillas. Retrato en Vida Gallega, 1919.

Formalmente a obra caracterízase pola asimilación da tradición poética do Rexurdimento e a versatilidade[2] métrica e rítmica, con versos alexandrinos e achados métricos e estilísticos do modernismo (na acepción hispanoamericana do termo), influencia discutida por algún especialista[3]. O tema xeral da obra é o compromiso agrarista e patriótico. Proclama a hostilidade ao caciquismo e aos restos feudais na sociedade rural galega, abalando entre as circias consignas e a actitude didáctica, sempre baixo a ética do chamamento á nación.

En Da terra asoballada, Cabanillas traslada ao formato lírico os sinais historicistas que se constituirán, desde Murguía ata o grupo Nós, en alicerce do imaxinario do galeguismo: celtismo, lusitanismo, resistencia do reino medieval fronte á asimilación por parte de Castela. É Cabanillas cando escribe esta obra, coma os seus futuros compañeiros da xeración Nós, un poeta para o que a idea de redención, o catolicismo rural e a identidade galega conforman unha rede significativa que fundamenta a rebelión presente e futura; a oposición labrego-fidalgo dos primeiros textos agraristas transfórmase agora[2] en dialéctica entre Galicia (suxeito colectivo natural/aldea traballadora) e a opresora Castela/España (administración artificial/vila burocrática[1]).

Foi esta obra a que elevou ao clímax a consideración de Cabanillas[1] como poeta bandeira das Irmandades da Fala, do agrarismo e, por extensión, o grande portavoz cívico do pobo galego —«Poeta da Raza»—, herdeiro de Pondal e de Curros.

Edicións

editar

Apareceu por primeira vez en 1915 como unha das seccións nas que estaba dividido Vento mareiro, publicado na Habana. Despois editouse por separado en 1917 en Vilagarcía de Arousa, na imprenta de Galicia Nueva. Esta nova publicación contén dezanove poemas, dos cales cinco xa se recolleran en Vento mareiro. A obra editada pola editorial Lar en 1926 é a segunda edición deste libro. Contén en total 25 composicións[4], das que —ademais do poema «Camiño adiante», editado xa dúas veces anteriormente— dezaoito son novas, tres proceden da primeira edición de No desterro e outras tres da primeira edición publicada en Vilagarcía.

O libro foi incluído na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia e na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

  1. 1,0 1,1 1,2 Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea (2ª ed.). Galaxia. p. 581. ISBN 84-7154-227-7. 
  2. 2,0 2,1 González Avión, Isabel; Insua López, Emilio Xosé; Rocamonde, Ramón (2013). Lingua e literatura, 2 Bacharelato. Baía Edicións. ISBN 978-84-9995-054-9. 
  3. Méndez Ferrín, Xosé Luís (1990). De Pondal a Novoneyra (2ª ed.). Xerais. pp. 31–34. ISBN 84-7507-460-X. O que contemple a literatura galega desde os esquemas histórico-literarios da española, ó chegar á xeración de que tratamos coidará necesaria a aparición do "modernismo". Cómpre, non obstante, afincar ben que na literatura galega non hai modernismo: esa pranta latinoamericana non arraíza na nación galega. Outro cantar sería o do influxo modernista na poesía galega: este si existe, é apalpable, pero aparece canda outras inducións paralelas ao modernismo (...): prerrafaelismo, saudosismo, simbolismo. Os modernistas de Galicia escriben en castelán, agás algunha ocasional escapada ao galego de ANTONIO REY SOTO (...) Sobre o debatido "modernismo" de CABANILLAS cómpre decir que o arrecadamento, desde o inicio da súa obra, de tics estilísticos de raizame modernista non pasa dun circunstanciado culto á moda (...) CABANILLAS non tiña por que beber no modernismo... o seu coñecemento das escolas idealistas de Europa. 
  4. Cabanillas, Ramón (1979). Alonso Montero, X., ed. Ramón Cabanillas. Obras Completas, I. Akal. ISBN 84-7339-434-8. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar