Conferencia de Nyon

A conferencia de Nyon foi unha conferencia diplomática que tivo lugar en Nyon, Suíza, en setembro de 1937 para debater os ataques no transporte marítimo internacional de mercancías no mar Mediterráneo durante a guerra civil española. A conferencia convocouse debido en parte ás accións de guerra submarina sen restricións levadas a cabo por Italia, malia que o acordo final da conferencia non acusou a Italia directamente, referíndose a estes ataques como "pirataría" por parte dun organismo non identificado. Italia non estaba oficialmente en guerra, e non se identificara ningún dos submarinos. A conferencia deseñouse para reforzar a non intervención na guerra civil española. O Reino Unido e Francia lideraron a conferencia, á que tamén asistiron Bulgaria, Exipto, Grecia, Romanía, Turquía, a Unión Soviética e Iugoslavia.

Mapa do Mediterráneo cos nomes de varios dos estados e mares involucrados na conferencia.

O primeiro acordo, asinado o 14 de setembro de 1937, incluía plans para contraatacar a calquera submarino agresivo. Establecéronse patrullas navais, co Reino Unido e Francia patrullando gran parte do Mediterráneo occidental e partes do leste, e o resto de asinantes patrullando as súas propias augas. Decidiuse permitirlle a Italia unirse ó acordo e patrullar o mar Tirreno se así o desexaba. Tres días despois asinouse un segundo acordo, aplicando disposicións semellantes para os navíos de superficie. Italia e Alemaña non asistiron á conferencia, malia que Italia si realizou patrullas navais a partir de novembro de 1937. En contraste coa maioría de accións e disposicións do Comité de Non Intervención e da Liga das Nacións, a conferencia de Nyon tivo éxito na aplicación das disposicións acordadas.

Contexto e organización editar

O Comité de Non Intervención, un grupo de 24 nacións establecido en 1936 e con sede en Londres, tentara restrinxir o fluxo de armamento cara ós dous bandos da guerra civil española.[1] Para o Reino Unido este comité formaba parte das políticas de pacificación de cara a Alemaña e Italia e procuraba previr que unha guerra subsidiaria – con Italia e Alemaña apoiando a coalición nacionalista de Franco por un lado e a Unión Soviética apoiando á facción republicana polo outro – escalase ata chegar a converterse nun conflito maior en Europa.[2][3] O 2 de xaneiro de 1937 o Reino Unido e Italia asinaran un "Acordo de Cabaleiros" no que cada un deles acordaba respectar os dereitos do outro no Mediterráneo procurando mellorar as relacións anglo-italianas.[3] En maio de 1937 Neville Chamberlain sucedeu a Stanley Baldwin como primeiro ministro do Reino Unido e adoptou unha nova política de tratar directamente con Alemaña e Italia.[4] Os británicos consideraban que poderían convencer a Italia de que abandonase a Alemaña por medio dunha política de pacificación.[5]

Seguindo o plan do Comité de Non Intervención, apostáronse observadores neutrais en portos e fronteiras españolas.[6] Este plan tamén asignaba zonas de patrulla para o Reino Unido, Francia, Alemaña e ITalia, coas patrullas comezando en abril de 1937.[7] Tralos ataques sobre o cruceiro alemán Leipzig o 15 e o 18 de xuño de 1937, Alemaña e Italia retiráronse destas patrullas.[8][9] O Reino Unido e Francia ofrecéronse a substituílos nas patrullas das súas seccións, pero estes consideraron que esas patrullas serían demasiado parciais.[10] O almirantado británico propuxo catro plans en resposta ós ataques a transportes británicos, favorecendo o envío de recursos significativos ó Mediterráneo como a mellor solución,[11] xa que as medidas de control establecidas previamente non deran bos resultados.[1] Como sospeitaban os outros países, Italia estivera detrás de varios destes ataques.[12] Malia que oficialmente non estaban en guerra,[12] o liderado italiano ordenara comezar ataques submarinos sen restricións, ós que tódalas referencias nos debates denominaban como unha campaña de "pirataría" sen mencionar explicitamente a implicación italiana.[11] Estes plans serían a base para unha futura reunión sobre o Mediterráneo, proposta polo ministro francés de exteriores Yvon Delbos.[11] Mentres tanto, na noite do 30 de agosto de 1937 o submarino italiano Iride atacou sen éxito ó destrutor británico Havock con torpedos entre o golfo de Valencia e as Illas Baleares,[13] reforzando a postura escéptica do secretario británico de exteriores Anthony Eden de cara a Italia.[14] Tras este ataque o representante británico en Roma presentoulle unha protesta ó ministro italiano de asuntos exteriores, mais non obtivo ningunha resposta.[11]

Ata uns 60 000 voluntarios italianos estaban operando en España por aquel entón,[15] e o Comité de Non Intervención debateu a retirada de voluntarios estranxeiros do país.[16] Italia realizara unha declaración afirmando que detería a chegada de voluntarios italianos a España o 7 de xaneiro de 1937,[17] estableceu unha moratoria para os voluntarios o 20 de xaneiro e acordou apoiar as limitacións no número de voluntarios o 25 dese mesmo mes.[18] Italia continuou solicitando que se lle outorgasen dereitos de belixerancia ós nacionalistas e ós republicanos, para que ámbolos dous puidesen apresar navíos na procura de contrabando, eliminando desta forma a necesidade de establecer patrullas navais.[8] A esta última petición opuxéronse o Reino Unido, Francia e a Unión Soviética.[19] O recoñecemento por parte do Reino Unido da soberanía italiana sobre Abisinia trala segunda guerra italo-abisinia foi unha cuestión importante durante as discusións anglo-italianas de agosto de 1937. Tralo desacordo neste asunto por parte de Eden con Chamberlain e Lord Halifax, o líder da Cámara dos lords, pospúxose calquera tipo de acordo que recoñecese a soberanía italiana ata que tivera lugar a conferencia planeada sobre o transporte.[20]

Entre o 5 e o 6 de setembro os británicos dispuxeron unha conferencia con tódolos estados que tiñan parte da liña de costa do Mediterráneo, xunto con Alemaña.[21][22] A conferencia tería lugar en Nyon, Suíza, evitando Xenebra pola asociación italiana coas accións da Liga das Nacións sobre a crise Abisinia.[22] O Reino Unido aceptou a petición de Francia de estenderlle unha invitación á Unión Soviética, pero bloqueou o intento francés de invitar a un representante da República Española.[21] Portugal pola súa banda expresou publicamente a súa sorpresa por non recibir unha invitación para a conferencia.[23] Camille Chautemps, o novo primeiro ministro de Francia, opúxose á intervención directa na cuestión española.[24] A Unión Soviética aceptou a invitación, indicando que utilizaría esta oportunidade para culpar a Italia dos ataques ós transportes.[25] O goberno soviético acusou formalmente a Italia de afundir dous navíos mercantes soviéticos, o Timiryazev e o Blagoev,[26] acusación que os italianos tacharon de "agresiva e ofensiva".[27] Segundo o historiador Hugh Thomas, isto podería interpretarse como un intento por parte da Unión Soviética de influír a Italia e Alemaña para que non asistisen á conferencia.[26] Alemaña rexeitou a invitación, afirmando que a pirataría e outras cuestións a tratar na conferencia deberían manexarse unicamente nas reunións normais do Comité de Non Intervención, e non nunha conferencia como a que se preparaba para Nyon.[28] O Reino Unido e Francia rexeitaron a suxestión alemá, continuando cos preparativos da conferencia.[26][28] Pouco tempo despois Italia rexeitou a invitación tamén, aludindo motivos semellantes a Alemaña, e indicando que o Comité de Non Intervención presentaba tamén a vantaxe de incluír a outras potencias europeas, principalmente Polonia e Portugal.[29]

Disposicións editar

O persoal naval británico e francés rexeitou a idea de establecer un sistema de convois nos bosquexos das propostas para a conferencia. Os británicos desexaban centrarse na limitación da actividade submarina, teorizando que o enfoque sobre os ataques submarinos encubertos axudaría a evitar unha confrontación, mentres que os franceses consideraban os navíos de superficie e as aeronaves igual de importantes. Os franceses tamén rexeitaron un posible plan para crear escuadróns multinacionais, descontentos coa posibilidade de que navíos franceses puidesen estar baixo mando estranxeiro.[21] O 8 de setembro o Gabinete do Reino Unido debateu os posibles plans, incluíndo o establecemento de oito grupos de tres destrutores para o Mediterráneo occidental. Mantiveron conversas preliminares cos franceses o día 9 de setembro,[30] e a conferencia deu comezo o 10 de setembro. Os actos da conferencia leváronse a cabo de dúas formas: con debates entre os británicos e os franceses, e con reunións formais de tódalas partes asistentes. Gran parte das outras nacións asistentes opuxéronse á participación da Armada soviética no Mediterráneo,[30] polo que o Reino Unido e Francia acordaron encargarse das patrullas no mar Exeo, proposta que a Unión Soviética aceptou.[31]

A conferencia rematou o 14 de setembro coa sinatura do "Acordo do Mediterráneo". Os signatarios do acordo foron Bulgaria, Exipto, Francia, Grecia, Romanía, Turquía, o Reino Unido, a Unión Soviética e Iugoslavia. O acordo recoñecía a existencia de ataques por parte de submarinos a navíos de transporte neutrais, contravindo o Tratado Naval de Londres asinado en 1930 e o Protocolo de Submarinos, parte do Segundo Tratado Naval de Londres asinado en 1936.[32]

O acordo ditaminaba que calquera submarino que atacase a transportes neutrais sería afundido de ser posible, incluíndo aqueles submarinos que se atopasen nas proximidades dun ataque recente ós que se determinase como responsables de devandito ataque.[32] As frotas británica e francesa patrullarían os mares ó oeste de Malta e atacarían a calquera submarino sospeitoso,[26] coa división das patrullas entre os dous países pendente de decisión por parte dos seus gobernos. Ámbolos dous países patrullarían tamén as augas internacionais e as augas territoriais dos países signatarios no Mediterráneo.[32] Os británicos fornecerían algo máis da metade dos 60 destrutores requiridos para as patrullas, mentres que os franceses fornecerían o resto de navíos e as aeronaves acompañantes.[33] Tamén se acordou que Italia podería participar nas patrullas do mar Tirreno se así o desexaba.[31] No Mediterráneo oriental, os navíos británicos e franceses realizarían patrullas ata o estreito de Dardanelos, mais non no mar Adriático. Nesta zona os países signatarios serían os encargados de patrullar as súas propias augas territoriais, e subministrarían calquera tipo de asistencia razoable ás patrullas británicas e francesas. O acordo permitía explicitamente unha futura revisión destas disposicións, incluíndo a división en zonas do territorio a patrullar.[32] A actividade submarina quedaba prohibida, con dúas excepcións: os desprazamentos por superficie en compañía doutro navío de superficie, e a actividade nunhas zonas determinadas para exercicios de adestramento. Os gobernos só permitirían a entrada de submarinos estranxeiros nas súas augas territoriais en situacións extremas ou de perigo inminente. Os transportes mercantes tamén recibirían a suxestión de cinguirse a unhas rutas de transporte determinadas.[32] O acordo repería de forma explícita a suxestión de que Italia se unise a estas propostas.[34] Os británicos e os franceses sabían que as operacións submarinas segredas dos italianos xa se suspenderan,[30] pero comezaron a realizar accións para enforzar a vixencia das disposicións do acordo na medianoite do 19 ó 20 de setembro.[31] Segundo o xornal The Times, os delegados dos distintos países enviados á conferencia quedaron satisfeitos co resultado do acordo.[31][35]

As negociacións trasladáronse entón ata Xenebra, onde se asinou un segundo acordo o 17 de setembro de 1937.[36] Neste acordo estendéronse as normas sobre a guerra submarina aplicándoas tamén ós barcos de superficie, e tivo os mesmos signatarios.[37] As versións oficiais de ámbolos dous acordos publicáronse en francés e inglés.[38] Varias das propostas non foron aplicadas finalmente. Por exemplo, o almirante británico Ernle Chatfield propuxo que os bandos españois puidesen verificar que a bandeira amosada polos navíos fose correcta, previndo desta forma ataques a transportes británicos se os navíos republicanos continuaban a utilizar a bandeira británica como medio de escape. Isto houbese beneficiado ós nacionalistas, e os franceses insistiron en que non se aprobase. Por outra banda, Grecia e Turquía desexaban que se excluíse ós navíos cunha clara marca identificativa, para evitar verse forzados a abrir fogo contra navíos de guerra alemás ou italianos. Isto tamén se rexeitou, pero engadíuse unha emenda na que se permitía ás nacións a dar as súas ordes de preferencia dentro das súas propias augas territoriais.[36]

Repercusións editar

Italia recibira unha invitación para unirse ó acordo o 13 de setembro,[39] mais rexeitouna de forma inequívoca, rexeitando patrullar o mar Tirreno e demandando unha "paridade absoluta" co Reino Unido e con Francia, é dicir, os mesmos dereitos a patrullar en todo o Mediterráneo,[40][41] indicando posteriormente que retiraría o seu rexeitamento en caso de que se lle outorgase esa paridade.[42] A Unión Soviética rexeitou utilizar rutas patrulladas polos italianos, e os turcos, gregos e iugoslavos rexeitaron permitirlle a Italia o uso dos seus portos.[40] Finalmente asinouse un compromiso o 30 de setembro,[43] e as patrullas italianas comezaron o 10 de novembro.[44] O goberno británico, en particular Neville Chamberlain, desecaba mellorar as súas relacións con Italia, algo que acadarían finalmente coa asinación dos acordos anglo-italianos de 1938.[37]

As patrullas supoñían un grande esforzo para a Royal Navy e as disposicións suavizáronse en xaneiro de 1938 tras un acordo con Francia. A actividade submarina non tardou en retormarse, polo que as patrullas volveron ó seu nivel máis activo a comezos de febreiro.[45] As patrullas suavizáronse de novo en maio, e o acordo quedou suspendido en agosto.[46] En contraste coa maioría de accións e disposicións do Comité de Non Intervención, a conferencia de Nyon tivo éxito na aplicación das disposicións acordadas.[47]

Notas editar

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.

  1. 1,0 1,1 Gretton 1975, p. 103.
  2. Stone, Glyn (1997). "Sir Robert Vansittart and Spain, 1931–1941". En Otte, Thomas G.; Pagedas, Constantine A. Personalities, war and diplomacy: essays in international history. Londres: Routledge. p. 134. ISBN 978-0-7146-4818-7. 
  3. 3,0 3,1 Frank 1987, pp. 390–391.
  4. Mills 1993, p. 1.
  5. Thomas 1961, pp. 475–476.
  6. Thomas 1961, p. 394.
  7. Thomas 1961, p. 395.
  8. 8,0 8,1 Thomas 1961, p. 457.
  9. BIN 1937a, pp. 4–5.
  10. BIN 1937a, p. 7.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Gretton 1975, p. 105.
  12. 12,0 12,1 Gretton 1975, p. 104.
  13. Greene, Jack (2004). The Black Prince And The Sea Devils: The Story Of Valerio Borghese And The Elite Units Of The Decima Mas (1ª ed.). Da Capo Press. pp. 16-18. ISBN 0306813114. 
  14. Mills 1993, p. 12.
  15. Alpert 1998, p. 115.
  16. BIN 1937a, pp. 11–12.
  17. Thomas 1961, p. 340.
  18. Alpert 1998, p. 104.
  19. BIN 1937a, pp. 7–8.
  20. Mills 1993, pp. 10–13.
  21. 21,0 21,1 21,2 Gretton 1975, p. 106.
  22. 22,0 22,1 Thomas 1961, p. 475.
  23. "Portugal's Claim To A Place At Nyon". The Times (Londres). 13 de setembro de 1937. p. 11. 
  24. Mills 1993, p. 13.
  25. "Soviet Acceptance: Accusation of Italy Demanded". The Times (Londres). 8 de setembro de 1937. p. 12. 
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Thomas 1961, p. 476.
  27. "The Meeting at Nyon". The Times (Londres). 8 de setembro de 1937. p. 12. 
  28. 28,0 28,1 "Nyon Plan Declined". The Times (Londres). 9 de setembro de 1937. p. 12. 
  29. "Italy and Nyon". The Times (Londres). 10 de setembro de 1937. p. 11. 
  30. 30,0 30,1 30,2 Gretton 1975, p. 107.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Gretton 1975, p. 108.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 BIN 1937b, p. 12.
  33. "Success at Nyon". The Times (Londres). 13 de setembro de 1937. p. 13. 
  34. BIN 1937b, p. 13.
  35. "Last touches at Nyon". The Times (Londres). 14 de setembro de 1937. p. 12. 
  36. 36,0 36,1 Gretton 1975, p. 109.
  37. 37,0 37,1 Thomas 1961, pp. 476–477.
  38. Schindler, Dietrich; Toman, Jiří (1988). The Laws of Armed Conflicts: a Collection of Conventions, Resolutions, and Other Documents. Scientific collection of the Henry Dunant Institute (3ª ed.). Dordrecht: Martinus Nijhoff. pp. 887, 890. ISBN 90-247-3306-5. 
  39. "Invitation Handed To Italy". The Times (Londres). 14 de setembro de 1937. p. 12. 
  40. 40,0 40,1 Gretton 1975, p. 110.
  41. BIN 1937b, p. 14.
  42. "A Conditional Refusal: 'Absolute Parity' Needed". The Times (Londres). 15 de setembro de 1937. p. 12. 
  43. "Mediterranean Patrol: Experts' Agreement Signed". The Times (Londres). 1 de outubro de 1937. p. 16. 
  44. Gretton 1975, p. 111.
  45. Gretton 1975, pp. 111-112.
  46. Buchanan, Tom (1997). Britain and the Spanish Civil War. Cambridge University Press. pp. 59–60. ISBN 0-521-45569-3. 
  47. Gretton 1975, p. 112.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar