Colección Real de Moedas e Medallas de Dinamarca

colección numismática pública dinamarquesa

A Colección real de Moedas e Medallas de Dinamarca (en dinamarqués: Den Kongelige Mønt- og Medaillesamling), tamén coñecido como Gabinete Real de Moedas e Medallas (Det Kongelige Mønt- og Medaille-Kabinet) é a principal colección numismática de titularidade pública de Dinamarca, constituída en entidade independente en 1781 máis coas súas raíces na cámara Real de Arte do século XVII.

Colección real de Moedas e Medallas de Dinamarca
Den Kongelige Mønt- og Medaillesamling
Nationalmuseet moentsamlingen plakat (3594232247).jpg
Cartel da Colección Real
de Moedas e Medallas de Dinamarca
Coordenadas55°40′29″N 12°34′29″L / 55.67472, -12.57472
PaísDinamarca Dinamarca
CidadeGreater coat of arms of Copenhagen.svg Copenhague
DirectorMichael Andersen
Inauguración1781
Sitio WebSitio web oficial
editar datos en Wikidata ]

A colección componse de arredor de medio millón de pezas, entre moedas, medallas, billetes e outros medios de pagamento de países de todo o mundo, e entre os seus fondos conta con exemplares de todas as moedas cuñadas pola Real Casa da Moeda de Dinamarca desde o século XVIII.[1]

HistoriaEditar

 
O Gabinete Real de Moedas e Medallas no Palacio de Rosenborg. Gravado de finais do S. XVIII

Dos rexistros existentes da antiga Real Cámara de Arte despréndese que as moedas e medallas supuñan ata tres cuartas partes do seu espazo. En 1780 constituíuse unha comisión para organizar e clasificar todas as moedas da colección real e tres anos máis tarde, en 1784, esa colección instalouse no castelo de Rosenborg, coa denominación de Gabinete Real de Moedas e Medallas. Para albergar as moedas e as medallas fabricáronse uns mobles monetarios de madeira de carballo ao estilo Luís XVI. O cortesán e numismático dinamarqués Christian Frederik Numsen converteuse no primeiro director do gabinete formalmente constituído.[2][3]

O acceso público á colección non se produciu ata 1832, que pasou a ser de titularidade pública a partir da Constitución de 1849. En 1867 trasladouse á coñecida como Mansión do Príncipe e en 1892, coa creación do Museo Nacional de Dinamarca, en Copenhague, a colección numismática pasou a depender del.[2][3]

Ao longo da súa historia, as doazóns privadas xogaron un papel importante, entre elas as de coleccionistas como Ole Worm, Otto Sperling (moedas romanas), Niels Foss (moedas dinamarquesas e norueguesas) ou C. G. Warmholtz (moedas e medallas suecas). Ademais, unha boa parte da colección única de moedas medievais danesas e europeas de Christian Jürgensen Thomsens se incorporou á Colección Real logo do seu falecemento en 1865.[2][3]

Os fondosEditar

A Colección Real de Moedas e Medallas de Dinamarca divide os seus fondos en cinco seccións:

 
Un dos expositores da sección de medallas

MedallasEditar

Amósanse medallas dinamarquesas e estranxeiras desde o século XV ata a actualidade, con abundantes mostras do período de esplendor da medalla renacentista europea. Préstaselle unha especial atención ás medallas relacionadas coa historia de Dinamarca.[4]

Moedas antigasEditar

Na colección hai exemplares das primeiras moedas coñecidas pola humanidade, emitidas na Asia Menor no século VII a. de C., así como moedas da Grecia clásica e das cidades-estado gregas.[5][6]

Tamén hai unha representación das moedas da Antiga Roma, desde as primeiras emisións de bronce fundido do sistema libral ata as emisións imperiais, con exemplares da diversidade de moedas cuñadas no baixo Imperio, provocadas polas sucesivas reformas monetarias.[6]

As primeiras moedas dinamarquesasEditar

Nesta nutrida sección organízanse cronoloxicamente as emisións medievais dinamarquesas, desde as cuñadas no asentamento comercial viquingo de Hedeby no século IX ata o nacemento da coroa dinamarquesa, introducida en 1618 por Cristián IV (1588-1648).[7]

Destacan as primeiras emisións dinamarquesas de ouro, correspondentes á baixa Idade Media, e exemplos de achados monetarios deste período depositados no Nationalmuseet, nos que con frecuencia se atopan moedas de orixe francesa, inglesa, alemá ou árabe, que estiveron tamén en circulación en Dinamarca nesa época.[7]

Moedas da coroa dinamarquesaEditar

Nesta sección atópanse as moedas da época da coroa dinamarquesa, desde o reinado de Frederico III (1648-1670) ata os nosos días. Conta cunha boa representación de emisións de posesións dinamarquesas como Groenlandia, as Illas Feroe, as Indias Occidentais dinamarquesas ou Trankebar, na India, e tamén de territorios antigamente pertencentes a Dinamarca, como Schleswig-Holstein, hoxe integrado en Alemaña.[8]

Na parte central da sala hai unha exposición cronolóxica de billetes dinamarqueses emitidos a partir de 1713 e tamén unha mostra de falsificacións de moeda e dos instrumentos dos que se valían os falsificadores.[8]

Moedas do mundoEditar

Nesta sección expóñense moedas moi diversas que reflicten trazos culturais dos seus territorios emisores e en diversas épocas, tan diferentes como o Xapón, o Imperio Bizantino ou o México colonial, ademais de diferentes países europeos.[9]

Inclúense tamén exposicións de carácter temático, como a de moedas mencionadas na Biblia ou a de moedas utilizadas como amuletos. De particular interese resultan os exemplares de moedas pouco habituais, como as grandes moedas-placa suecas de cobre dos séculos XVII e XVIII, ou moedas primitivas como as enormes moedas de pedra da Illa de Yap, na Micronesia.[9]

Directores da Colección Real de Moedas e MedallasEditar

 
Christian Frederik Numsen, primeiro director do Gabinete Real de Moedas e Medallas

Ata 1849, o mariscal da Corte Suprema era quen dirixía a colección:[10]

  • 1780-1784: Joachim Godske Moltke.
  • 1784-1791: Christian Numsen.
  • 1791-1792: Wilhelm Theodor Wegener.
  • 1792-1793: Ferdinand Anton Christian Ahlenfeldt.
  • 1793-1803: Cay Reventlow.
  • 1803-1838: Adam Wilhelm Hauch.
  • 1822-1832: Christian Ramus.
  • 1832-1842: P.O. Brøndsted.
  • 1838-1842: Christian Ove Haxthausen.
  • 1842-1849: Joachim Godske Levetzau.
  • 1842-1865: Christian Jürgensen Thomsen.
  • 1865-1891: Carl Ludvig Müller.
  • 1892-1898: Christian Frederik Herbst.
  • 1898-1920: Peter Christian Hauberg.
  • 1920-1959: Georg Galster.
  • 1960-1983: Otto Mørkholm.
  • 1983-2007: Jørgen Steen Jensen.
  • Desde 2007: Michael Andersen.

NotasEditar

  1. "The Royal Collection of Coins and Medals". Nationalmuseet.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Møntsamlingens historie". Nationalmuseet.
  3. 3,0 3,1 3,2 [https://pure.kb.dk/ws/portalfiles/portal/7816944/mm14nna.pdf Märcher, M . (2008)].
  4. "Medaljer". Nationalmuseet.
  5. Zahle, J. (1992). Græske mønter. Den kgl. Mont-og Medaillesamling. Nationalmuseet, Copenhague. ISBN 8798408607
  6. 6,0 6,1 "Den antikke samling". Nationalmuseet.
  7. 7,0 7,1 "De ældste danske mønter". Nationalmuseet.
  8. 8,0 8,1 "Møntvæsen fra Frd. III til Margrethe II". Nationalmuseet.
  9. 9,0 9,1 "Verdens mønter". Nationalmuseet.
  10. Mørkholm, O. (1981) (red.). Páxinas 209-210.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar