Real Casa da Moeda de Dinamarca
- Para outros artigos con títulos relacionados, véxase a páxina de homónimos Real Casa da Moeda
A Real Casa da Moeda de Dinamarca (en dinamarqués: Den Kongelige Mønt) é unha fábrica de moeda de titularidade pública con sede en Copenhague que ata 2016 tivo a exclusividade da cuñaxe de moeda de curso legal en Dinamarca. A partir desa data, as moedas da coroa danesa prodúcense na Casa da Moeda de Finlandia, e a ceca danesa mantense só como distribuidora e comercializadora de emisións conmemorativas.
Real Casa da Moeda de Dinamarca Den Kongelige Mønt | |
---|---|
Edificio do Banco Nacional de Dinamarca sede da Real Casa da Moeda de Dinamarca | |
Tipo | Sociedade anónima privada. |
Fundación | - Século XVI - 1739 (como Real Casa da Moeda) |
Matriz | Banco Nacional de Dinamarca |
Localización | Havnegade 5,. Copenhague. Dinamarca. |
Fundador | Monarquía danesa |
Industria | Distribución numismática. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Na rede | |
https://kgl-moent.dk/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Foi estabelecida pola monarquía danesa a principios do século XVI e actualmente é propiedade do Estado danés, como entidade dependente do Banco Nacional de Dinamarca (Danmarks Nationalbank).
Historia
editarOrixes
editarO inicio da fabricación de moeda en Dinamarca remóntase a hai aproximadamente un milleiro de anos. Durante os primeiros cinco séculos, a cuñaxe de moeda mantívose dispersa en cecas establecidas en diferentes cidades do país. Xoán I (1481-1513) foi o primeiro monarca en emitir moeda en Copenhague, nunha ceca instalada nos sotos da súa residencia. Aínda se conserva o edificio, propiedade da cadea de grandes almacéns Magasin du Nord, no número 6 da rúa Vingårdstræde, e hoxe as instalacións da antiga ceca albergan o restaurante Kong Hans Kælder ("O Soto do Rei Xoán").[1]
A ceca no mosteiro de Santa Clara (1541-1575)
editarEn 1541 a ceca trasladouse ás ependencias do antigo mosteiro de Santa Clara (Sankt Clara Kloster), que fora confiscado en 1536 cando Dinamarca se converteu de xeito oficial nunha nación luterana. Unha das rúas xurdidas da urbanización dos antigos xardíns do mosteiro mantén aínda o nome de Gammel Mønt ("Ceca vella"), en memoria da antiga casa da moeda.[1]
A ceca no barrio de Bremerholm (1575-1671)
editarA ceca mantívose no antigo mosteiro ata 1575, cando unha congregación alemá comezou a utilizar o edificio como lugar de culto. Daquela, a Real Casa da Moeda foi trasladada a Bremerholm, nos estaleiros reais, moi probabelmente nas instalacións de forxa das áncoras, que máis tarde se reconverteron na Igrexa de Holmen. Nese momento, en 1593, a Real Casa da Moeda retornou ao antigo monasterio de Santa Clara.[1]
O gravador responsable da casa da moeda Heinrich Køhler, que traballou nela entre 1644 e 1662, trasladou a ceca ao castelo de Copenhague en 1661.[2] Iso non foi óbice para que tamén se utilizaran outras localizacións como ceca nese mesmo período.[1]
A ceca na rúa Borgergade (1671-1749)
editarGotfred Krüger, que foi o mestre da ceca real desde 1664 a 1680, adquiriu unha propiedade na rúa Borgergade en 1671 para establecer nela a Ceca Real, que ata entón estivera en actividade nun edificio próximo.[3] Na "casa do mestre de ceca" cuñáronse as moedas danesas ata 1749, cando o edificio foi vendido. En 1943 o edificio foi desmatelado e posteriormente foi reconstruído no Den Gamle By, un museo ao aire libre na cidade de Aarhus.[1]
Foi durante a súa permanencia en Borgergade cando se iniciou a tradición de estampar un corazón nas moedas danesas. Descoñécese se ese símbolo facía referencia ao mestre de ceca ou á localidade. En calquera caso, dáse a coincidencia de que un dos mestres de ceca dese período de actividade da ceca, Christian Wineke den Ældre (1640-1700), asociaba as súas iniciais CW a un corazón nas moedas que cuñaba, a modo de marca persoal.[1][4]
En 1739, a ceca danesa recibiu formalmente a condición de Real Casa da Moeda.[5]
A ceca no barrio de Gammelholm (1749-1923)
editarEn 1749 estableceuse unha nova ceca real en Nyhavn, nas cortes das cabalarías situadas na parte traseira do Palacio de Charlottenborg (Charlottenborg Slot). Eses edificios foron demolidos a principios da década de 1870 no marco da reurbanización da zona de Gammelholm.[1]
En 1873 inaugurouse unha nova localización da Real Casa da Moeda. O edificio, que estaba no cruzamento entre as rúas Holbergsgade e Herluf Trolles Gade, aínda se conserva actualmente e foi deseñado polo arquitecto Ferdinand Meldahl, que tamén foi o responsable de toda a reordenación do novo barrio de Gammelholm, en colaboración co arquitecto municipal Ludvig Fenger.[1][6]
En tanto que as moedas circulantes ordinarias se cuñaban na Real Casa da Moeda, houbo unha emisión con data 1894 destinada ao seu uso en Angmagssalik, en Groenlandia, que se levou a cabo na compañía privada Fritz Meyer, situada no número 14 da rúa Gothersgade, en Copenhague.[1]
A ceca na illa Amager (1923-1978)
editarEn 1923 a Ceca Real sufriu un novo traslado e instalouse nunhas novas dependencias no número 115 do bulevar Amager, na veciña illa Amager. O edificio, deseñado polo arquitecto Martin Borch, foi reconvertido e hoxe serve para o aloxamento xuvenil e como espazo comercial.[1][7]
Derradeira época e cesamento da cuñaxe
editarEn 1975 o Goberno danés acordou que a Real Casa da Moeda de Dinamarca pasase a depender organicamente do Banco Nacional de Dinamarca e en 1978 a ceca trasladouse a unhas novas instalacións en Brøndby, un municipio da área urbana de Copenhague.[1] En marzo de 2012 a Ceca Real retornou a Copenhague, compartindo sede no edificio do Banco Nacional de Dinamarca, na rúa Havnegade.[5][8]
En outubro de 2014, o Banco Nacional anunciou que tanto a Casa da Moeda como as instalacións de impresión de billetes do propio banco cesarían a súa produción de moedas e billetes a finais de 2016, aducindo altos custos de produción e a diminución de demanda de circulante. O 19 de maio dese mesmo ano asinouse un contrato por dous anos coa Casa da Moeda de Finlandia para que sexa esta a que continúe coa emisión de coroas danesas a partir de 2017. Desde entón, a Ceca Real danesa mantén a súa identidade dentro do Banco Nacional, aínda que a súa actividade se limita ao sostemento dunha tenda virtual en Internet para a distribución de moedas conmemorativas danesas.[8][9]
Na planta que anteriormente ocupaban os labores de impresión de billetes instalouse unha exposición permanente sobre a historia das moedas de Dinamarca.[10]
A emisión de papel moeda danés adxudicóuselle en 2018 á compañía francesa Oberthur Fiduciaire SAS.[11]
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Sømod, Jørgen . "Møntbygninger i København". http://www.danskmoent.dk/
- ↑ "Henrik Køhler". En Danskmoent.dk
- ↑ "Gotfred Krüger ( -1680)". En Danskmoent.dk
- ↑ "Wineke". En Danskmoent.dk
- ↑ 5,0 5,1 "The Royal Danish Mint then and now". Coins Weekly. 16 de outubro de 2012.
- ↑ "Holbergsgade 23 / Herluf Trolles Gade 11". Indenforvoldene.dk
- ↑ "150 nye ungdomsboliger og 23 erhvervslejemål midt i København". Building Supply
- ↑ 8,0 8,1 "The end of Danish Mint". En Coins Weekly. 1 de febreiro de 2017.
- ↑ "Mint of Finland has been chosen to produce danish coins starting in 2017". Danmarks Nationalbank. 19 de maio de 2016.
- ↑ "National Bank of Denmark Inaugurates New Permanent Coin Gallery Arquivado 31 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Coins Update. 5 de setembro de 2012.
- ↑ "The new supplier of danish banknotes has been chosen". Danmarks Nationalbank. 21 de febreiro de 2018.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Real Casa da Moeda de Dinamarca |