Club Básquet Coruña

equipo de baloncesto profesional da cidade da Coruña

O Club Básquet Coruña, coñecido por motivos de patrocinio como Leyma Coruña, é un equipo de baloncesto profesional da cidade da Coruña. Fundouse en 1996 logo da unión do Clube Baloncesto Arteixo e o Club Baloncesto Ventorrillo da cidade herculina. En 2024 acadou o ascenso da Liga LEB á Liga ACB. Disputa os seus encontros como local no Pazo dos Deportes de Riazor, que conta con capacidade para 4 425 persoas. O uniforme consiste nunha camiseta de cor laranxa e branca cun pantalón tamén de cor laranxa. Dende 2018 o seu presidente é Roberto Cibeira Moreiras.[1]

Leyma Coruña
Información xeral
Liga Liga LEB Ouro
Fundación 1996
Historia Club Básquet Coruña
(dende 1996)
Cores           Azul e laranxa
Presidente Roberto Cibeira
Adestrador Diego Epifanio
Patrocinador Leyma
Localización
Cidade Galicia A Coruña
Pavillón Pazo dos Deportes de Riazor
http://www.basquetcoruna.com

Historia editar

Antecedentes editar

As orixes do baloncesto na cidade da Coruña remontanse á primeira metade do século XX. Un dos primeiros clubs que comezou a práctica deste deporte na cidade foi o Real Club Deportivo da Coruña, que en 1942 creou unha sección de baloncesto coincidindo co inicio da súa actividade polideportiva. Na década de 1960, logo da desaparición do Imperio, un equipo integrado principalmente por adolescentes membros do Frente de Juventdes, algúns antigos alumnos dos Salesianos crearon o Bosco, que en 1968 ascendeu á máxima categoría do baloncesto español, a Primeira División, converténdose no primeiro equipo galego en conseguilo, aínda que logo dunha tempada o club descendeu, e en 1988 desapareceu. Ao Bosco seguíronlle o Basketmar e o Coruña CAB, que na tempada 1994-95 estivo a piques de ascender á Liga ACB. Con todo, tanto o Basketmar coma o CAB acabaron desaparecendo, deixando o seu lugar ao Club Básquet Coruña.[2][3]

Fundación editar

En xaneiro de 1995 o Clube Baloncesto Arteixo asinou un convenio de colaboración coa Agrupación Deportiva Ventorrillo, coincidindo coa inauguración da Polideportiva do Ventorrillo. O convenio especificaba que dito equipo pasaba a pertencer á Agrupación Deportiva e que conxuntamente se crearían as Escolas de Baloncesto do Ventorrillo. O equipo, que estaba na Liga Autonómica, acadaba posteriormente o ascenso á Liga Nacional.

En xuño de 1996, logo de descender da Liga EBA e disolverse por motivos económicos o CAB, a directiva do Clube Baloncesto Arteixo propúxolle á directiva da Agrupación Deportiva Ventorrillo a posibilidade de levar para a capital coruñesa o equipo de Arteixo, que tamén militaba na Liga EBA e que xogara os play-offs de ascenso á ACB contra o Bilbao.[4][3][5] Logo da fusión naceu o Club Básquet Coruña, cun equipo na Liga EBA e outro na Liga Nacional, un xoga os seus partidos na Polideportiva de Riazor e o outro na Polideportiva do Ventorrillo. A sede social estableceuse no local que a Asociación de Veciños do Ventorrillo lle cedeu á directiva conformada coa fusión dos dous clubs.

Inicios na Liga EBA editar

No ano da súa fundación, e co equipo na Liga EBA, conseguiu clasificarse para a final da Copa Galicia, que disputou contra o Xacobeo Ourense, que daquela militaba na Liga ACB, logo de derrotar ao Breogán. Finalmente os herculinos dirixidos por Javier Castroverde derrotaron aos ourensáns.[6][7] No seu debut na Liga EBA, o Básquet Coruña finalizou na primeira posición da Conferencia Norte cun rexistro de 22 vitorias e 4 derrotas, clasificándose deste xeito para os play-offs do oitavos, e finalmente para a fase final que se disputou na localidade andaluza de Chipiona. A pesar do bo rexistro na liga regular e a vitoria nos cuartos de final fronte o CB Archena (91-79), o equipo coruñés caeu en semifinais fronte ao CB Cornellà (78-89). Esa mesma tempada o equipo chegou á final da Copa EBA, caendo fronte ao Gandía.[8][9][10] O equipo, cun elenco de xogadores principalmente da área, estivo liderado por xogadores Gus Díaz, Manu Pereira e, especialmente, Lolo Castro.[7]

Na súa segunda tempada, a 1997-98, o equipo dirixido por Javier Castroverde repetiu resultado gañando a Conferencia Norte da Liga EBA logo de gañar 23 dos seus 26 partidos. Nos play-offs o equipo herculino derrotou ao Llobregat Centre Comercial de Cornellà de Llobregat (3-2), o que lle permitiu disputar a fase final na localidade cordobesa de Cabra. Nos cuartos de final o cadro galego derrotou aos madrileños do Canoe por un axustado 79-76, mais nas semifinais non puido superar ao Abeconsa Ferrol, que se impuxo por un claro 83-66. Con todo, a posterior renuncia ao ascenso do Enkartaciones vasco propiciou o ascenso do Básquet Coruña á Liga LEB.[9][11]

Debut na Liga LEB editar

O 18 de setembro de 1998 o Básquet Coruña debutou na segunda categoría do baloncesto español, a Liga LEB,[a] fronte o Breogán de Lugo. O debut do equipo coruñés foi moi malo, colleitando a que aínda en 2024 é maior derrota do equipo na segunda categoría do baloncesto español (47-96).[13] Na súa primeira experiencia na LEB o Básquet Coruña finalizou a liga regular cun rexistro de sete vitorias e 19 derrotas que o relegou á penúltima posición, só por diante do Ciutat d'Inca, o que obrigou ao equipo a disputar os play-offs pola permanencia fronte o equipo mallorquín que se acabaría decidindo a favor do equipo galego por 3-1, mantendo así a súa praza na segunda categoría.[b][14]

A tempada 1999-2000 tampouco viu ningún descenso ao crearse para a tempada seguinte unha nova categoría, a LEB-2. Ese ano, o aínda denominado Sondeos del Norte mellorou o seu rexistro ao sumar 12 vitorias e 18 derrotas, os mesmos números que o Badajoz Caja Rural, que finalizou na 12ª posición e disputou a primeira rolda dos play-offs de ascenso á Liga ACB.[15] Lixeiramente peor foi a súa terceira tempada na segunda categoría, cando conseguiu 10 vitorias e 20 derrotas, finalizando na 14ª posición e tendo que disputar os play-offs pola permanencia fronte o Abeconsa Ferrol, que finalizara un posto por debaixo con tan só unha vitoria menos que o equipo coruñés. Con todo, o Básquet Coruña gañou a serie en tres partidos (3-0) e conseguiu manterse un ano máis na LEB.[16]

Na tempada 2003-04 o equipo, dirixido por Javier Rodríguez, conseguiu o ascenso á liga LEB-2 logo de vencer ao UB Sabadell. Con todo, a causa de problemas administrativos o club perdeu a praza conseguida na pista, véndose relegado a disputar á Sénior zonal. Na tempada seguinte a entidade asinou un acordo de colaboración co Atlántico Coruña Baloncesto, que viña de ascender á 1ª División, conseguindo deste xeito saíir nesa categoría. Logo dunha tempada na categoría rexional o club conseguiu o ascenso de novo á Liga EBA da man de Nacho Rama logo de disputar a fase de ascenso en Carballo fronte a Club Baloncesto Noia, Toldos Gómez Arzúa e o local Calvo Xiria. Na fase de ascenso disputada na capital bergantiñá o Noia, que cehgou como campión de liga, conquistou o ascenso, se ben tivo que renunciar a rogar na categoría estatal, cedéndolle a súa praza ao equipo coruñés.[17][18][19]

Conversión en SAD editar

O 24 de outubro de 2018 a Asemblea Xeral do club aprobou por unanimidade a conversión do club en Sociedade Anónima Deportiva (SAD) logo de ter cumprido todos os requisitos marcados polo Consello Superior de Deportes (CSD).[20] Á Asemblea, celebrada no hotel Eurostars, asistiron un total de 65 dos 151 socios do club. O obxectivo desta conversión era cumprir co capital mínimo de 60 000 euros esixido polo CSD de cara a un posible futuro ascenso á Liga ACB e profesionalizar o club. Na Asemblea aprobaouse a emisión dun total de 1 200 accións cun valor de 50 euros para as persoas socias dende antes do 23 de outubro e cun máximo de sete por persoa.[21]

Ascenso á Liga ACB editar

O 10 de maio de 2024 o Club Basquet Coruña conseguiu por primeira vez ascender á Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto español, logo de gañar ao Melilla Ciudad del Deporte na cidade autónoma por 74-80. Deste xeito, o equipo dirixido por Diego Epifanio se proclamaba campión da Liga LEB Ouro logo dunha gran tempada do equipo herculino.[22]

Pavillón editar

 
Pazo dos Deportes de Riazor, onde o club xoga como local.

O Basquet Coruña xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, un pavillón con capacidade para 4 425 espectadores e unha pista de xogo de parquet cunhas dimensións de 20 × 40 metros. O recinto é tamén o fogar do Hockey Club Liceo, o principal equipo de hóckey a patíns da cidade e o club deportivo máis laureado de Galiza.[23] A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, precisamente cun partido de hóckey a patíns entre a selección española e un combinado de xogadores do resto do mundo, sobre unha superficie de 5.840 , baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira[24] e foi remodelado en 2011 cun investimento de 2,4 millóns de euros.[25]

Logo de que o equipo conseguise o ascenso á Liga ACB o 10 de maio de 2024 plantexouse a problemática do recinto no que o equipo xogaría os seus partidos como local na máxima categoría do baloncesto español, xa que Riazor non cumpría con algúns dos requisitos para acoller partidos da ACB, como a capacidade mínima para 5 000 persoas, o tamaño dos vestiarios, ou a climatización do recinto. Ante as dificultades para acondicionar o recinto, que esta protexido arquitectonicamente, comezou a barallarse a opción de que o equipo disputara os seus partidos como local no Coliseum, co que o equipo disporía dun espazo con capacidade próxima ás 11 000 persoas. A resposta do público á campaña de reserva de abonos para a tempada 2024-25 tamén fixo inclinarse a balanza cara ao Coliseum, xa que en catro días solicitáranse máis de 5 000, o que supuña máis da capacidade de Riazor, mais o Coliseum contaba co problema do calendario debido á organización doutros eventos como concertos. Finalmente, o 21 de maio anunciouse que o club e o concello da Coruña chegaran a un acordo para que o Básquet Coruña dispute os seus partidos como local no Coliseum coa instalación dunha pista que permite a súa montaxe e desmontaxe.[26][27][28]

Cores editar

O Basquet Coruña que debutou na Liga EBA en 1996 baixo a denominación de Sondeos del Norte vestía completamente de amarelo.[10][7] A cor amarela mantívose entre 2002 e 2004, durante a etapa na que o equipo estivo baixo o patrocinio de Deportes Cimans, se ben era un amarelo alaranxado, que era a cor corporativa da empresa. Con todo, as cores do equipo mudaron totalmente na tempada 2004-05, cando se produciu a fusión co Atlántico Coruña Baloncesto, adoptando as cores do Atlántico: azul para a primeira equipación e branco para a segunda. Nas seguintes dúas tempadas a cor da segunda equipación mudou ao laranxa en homenaxe ás antigas cores do Atlántico e que facían referencia ás orixes humildes do club, que levaran a escoller esa cor pouco frecuente para evitar ter unha segunda equipación. Finalmente a cor laranxa impúxose, xa que o deseño gustaba máis á directiva e dáballe maior identidade ao club ao non haber outros equipos que xogaran de laranxa, polo que na tempada 2007-08, co equipo na Liga LEB Bronce, a equipación laranxa pasou a ser a títular, mentres que a azul pasou a empregarse como secundaria.[29]

Nome editar

 
A empresa láctea Leyma é o patrocinador do Básquet Coruña dende 2008.

Ao longo da súa historia o Club Básquet Coruña tivo numerosas denominacións debido aos acordos de patrocinio ou ás fusións con outros clubs. A continuación todas as denominacións baixo as que competiu o club dende a sma fundación en 1996:[30]

  • Sondeos del Norte (1996-2002)
  • Deportes Cimans Basquet Coruña (2002-2004)
  • Basquet Coruña Atlántico (2004-2006)
  • Ferroplast Basquet Coruña (2006-2008)
  • Leyma Basquet Coruña (2008-)

Equipo 2022-23 editar

Leyma Coruña 2022–2023 (LEB Ouro)
Xogadores Adestradores
Pos. # Nac. Nome Altura Peso
B 7   Jakovičs, Ingus 1.85 m (6 ft 1 in) 77 kg (170 lb)
B 8   Filipović, Goran 1.83 m (6 ft 0 in) 75 kg (165 lb)
B 9   Lundqvist, Olle 2.01 m (6 ft 7 in) 90 kg (198 lb)
AP 10   Vega, Javi 2.06 m (6 ft 9 in) 100 kg (220 lb)
P 12   Diagne, Atoumane 2.16 m (7 ft 1 in) 100 kg (220 lb)
E 22   Font, Aleix 1.93 m (6 ft 4 in) 85 kg (187 lb)
A 23     Barrueta, Yunio 1.98 m (6 ft 6 in) 102 kg (224 lb)
AP/P 24     Nwogbo, Lotanna 2.03 m (6 ft 8 in) 116 kg (255 lb)
B 30   Hernández, Álex 1.88 m (6 ft 2 in) 71 kg (156 lb)
E/A 33   Simeunović, Đorđe 2.01 m (6 ft 7 in) 101 kg (223 lb)
AP 57   Galán, Alejandro 2.07 m (6 ft 9.5 in) 100 kg (220 lb)
Adestrador

Lenda
  • (C) Capitán
  •   Lesionado

Cadro
Actualizado: 05-10-2022

Adestradores editar

Véxase tamén: Adestradores do Club Basquet Coruña

O Club Basquet Coruña tivo nove adestradores ao longo da súa historia. O primeiro adestrador do equipo foi Javier Castroverde, que antes de incorporarse ao club dirixiu o Club Baloncesto Arteixo, do que xurdiría o actual Básquet Coruña. O adestrador máis tempo estivo vinculado ao banco herculino foi Antonio Pérez Caínzos, que chegou en 2005 procedente do Celso Míguez Pontevedra e exerceu de adestrador durante sete tempadas entre 2005 e 2012, nas que conseguiu o ascenso da Liga EBA á Liga LEB Prata. Pérez Caínzos converteuse no primeiro adestrador da entidade en superar os 100 partidos e enpermanecer máis de tres tampadas no club herculino.[17][31] Os seguintes son todos os adestradores que dirixiron ao Básquet Coruña ao longo de toda a súa historia:[31]

Presidentes editar

O primeiro presidente da entidade foi Enrique Vázquez Caruncho, que estivo á fronte do club durante nove anos, entre 1996 e 2005. Os seguintes son todos os presidentes que dirixiron ao Basquet Coruña ao longo de toda a súa historia:[32]

  • Enrique Vázquez Caruncho (1996-2005)
  • Julio Flores Pérez (2005-2011)
  • Carlos Lamora (2011-2014)
  • Manuel García Fandiño (2014)
  • Juan Carlos Fernández Herrero (2014-2018)
  • Roberto Cibeira Moreiras (2018-presente)

Traxectoria editar

Tempada División Pos. Postempada Copa
1996–97 Liga EBA 1 Semifinalista Subcampión Copa EBA
1997–98 Liga EBA 1 Semifinalista Semifinalista Copa EBA
1998–99 Liga LEB 13 Playoffs de descenso
1999–00 Liga LEB 13
2000–01 Liga LEB 14 Playoffs de descenso
2001–02 Liga LEB 14 Playoffs de descenso
2002–03 Liga EBA 4
2003–04 Liga EBA 3 Semifinalista
2004–05 1ª División 2 Finalista
2005–06 1ª División 2 Finalista
2006–07 Liga EBA 2 Semifinalista
2007–08 LEB Bronce 3 Ascenso
2008–09 LEB Prata 15 Descenso
2009–10 LEB Prata 10
2010–11 LEB Prata 11
2011–12 LEB Prata 7 Cuartos de final
2012–13 LEB Ouro 9 Cuartos de final
2013–14 LEB Ouro 5 Cuartos de final
2014–15 LEB Ouro 10
2015–16 LEB Ouro 5 Semifinalista
2016–17 LEB Ouro 6 Cuartos de final
2017–18 LEB Ouro 8 Cuartos de final
2018–19 LEB Ouro 12
2019–20 LEB Ouro 3 Suspendida
2020–21 LEB Ouro 5 Semifinalista
2021-22 LEB Ouro 7 Cuartos de final


Indícanse con fondo de cor verde as tempadas nas que houbo ascenso de categoría.

Palmarés editar

  • Copa Galicia (1): 1996
    • Subcampión: 2015, 2016
  • Subcampión da Copa EBA: 1996-97

Notas editar

  1. Dende 2007 denominada Liga LEB Ouro.[12]
  2. Finalmente ningún equipo descendeu esa tempada ao producirse un aumento no número de equipos dende os 14 ata os 16 que participaron na 1999-2000.[14]
Referencias
  1. "Nueva Junta Directiva del Básquet Coruña". Básquet Coruña (en castelán). 22 de maio de 2018. 
  2. Abelenda Lado, Daniel (11 de maio de 2024). "A Coruña, ciudad de pelota naranja". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 25 de maio de 2024. 
  3. 3,0 3,1 Loureiro, Josema (10 de maio de 2024). "El Leyma, de la polideportiva de Riazor a la Liga Endesa". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de maio de 2024. 
  4. "Liga EBA 1995/96" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 28 de maio de 2024. 
  5. "Historia". Básquet Coruña. Consultado o 28 de maio de 2024. 
  6. Gómez, Pablo (24 de setembro de 2016). "Final histórica para el Leyma Coruña en la Copa Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Varela, María (10 de maio de 2024). "El ascenso del Leyma Coruña hasta la ACB: vísteme despacio, que tengo prisa". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2024. 
  8. "Liga EBA (1996-1997)" (en castelán). algo-se-mueve.blogspot.com. Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  9. 9,0 9,1 "Liga EBA" (PDF) (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  10. 10,0 10,1 "Liga EBA 1996/97" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 22 de maio de 2024. 
  11. "Liga EBA 1997/98" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 22 de maio de 2024. 
  12. Juan, Ramón (6 de xullo de 2019). "LEB Bronce, cuando la burbuja también explotó en el baloncesto español" (en castelán). solobasket.com. 
  13. Novo, Chaly (18 de maio de 2024). "Leyma: 7 entrenadores, 153 jugadores, 267 victorias y 5.561 días después". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 24 de maio de 2024. 
  14. 14,0 14,1 "LEB 1998/99" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 23 de maio de 2024. 
  15. "LEB 1999/00" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 23 de maio de 2024. 
  16. "LEB 2000/01" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 23 de maio de 2024. 
  17. 17,0 17,1 Rodríguez, Manolo (23 de janeiro de 2007). "Entrenador para rato". La Opinión (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  18. "TRINTA ANOS DE HISTORIA". Club Baloncesto Noia. Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  19. "HISTORIA". Club Basquet Coruña. Consultado o 1 de setembro de 2019. 
  20. "BASQUET CORUÑA INICIA O PERÍODO DE SUBSCRICIÓN DE ACCIÓNS PARA OS SEUS SOCIOS". Club Basquet Coruña. Consultado o 3 de marzo de 2019. 
  21. "Unanimidad para un Básquet Coruña SAD". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de outubro de 2018. Consultado o 3 de marzo de 2019. 
  22. Martínez, José Luis (10 de maio de 2024). "El Leyma Coruña certifica el primer ascenso de su historia a la ACB". Marca. Consultado o 20 de maio de 2024. 
  23. "A Coruña, sede del Campeonato de Europa" (en castelán). Real Federación Española de Patinaje. 27 de febreiro de 2018. Consultado o 20 de xullo de 2018. 
  24. "Franco inauguró un Palacio de los Deportes en La Coruña". ABC (en castelán). 2 de agosto de 1970. p. 66. 
  25. "El Ayuntamiento ultima las obras del Palacio de Deportes de Riazor". La Opinión de A Coruña (en castelán). 16 de marzo de 2011. Consultado o 27 de xullo de 2018. 
  26. Varela, María (21 de maio de 2024). "El Leyma jugará en el Coliseum". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 22 de maio d 2024. 
  27. "El Concello y el Leyma trabajan para adaptar el Coliseum". DxT Campeón (en castelán). 21 de maio de 2024. Consultado o 22 de maio d 2024. 
  28. Gómez Cundíns, Pablo (21 de maio d2 2024). "El Leyma Básquet Coruña jugará la ACB en el Coliseum". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 22 de maio d 2024. 
  29. Rama, Nacho (15 de maio de 2024). "¿Por qué el Leyma Básquet Coruña viste de naranja?". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 24 de maio de 2024. 
  30. "Cronologia del Basquet Coruña" (en castelán). nordesnaranja. Consultado o 23 de maio de 2024. 
  31. 31,0 31,1 "ENTRENADORES". Club Basquet Coruña. Consultado o 3 de marzo de 2019. 
  32. "PRESIDENTES". Club Basquet Coruña. Consultado o 3 de marzo de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar