Leyma
Leyma (Leche y Mantequilla) é unha empresa galega do sector lácteo. Ten as súas instalacións en Arteixo, e actualmente pertence ao grupo Leite Río.
Leyma | |
---|---|
Leyma Central Leiteira Sabón, Arteixo. | |
Fundación | 1918 |
Localización | Polígono de Sabón parcela 136, 15142, Arteixo, A Coruña, Galicia |
Industria | Leiteira |
Produtos | Leite envasado e nata |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA orixe de Leyma data de 1918, pero non é ata 1952 cando sae á luz UTECO (Unión Territorial de Cooperativas del Campo) da Coruña, que desde 1962 utiliza como marca o nome de Leyma para comercializar leite pasteurizado, tras facerse en 1957 coa concesión para o abastecemento da cidade da Coruña.
En 1979 trasládase ao polígono industrial de Sabón (Arteixo), deixando as instalacións que hoxe ocupa o Club Financiero Atlántico á entrada da Coruña. En 1980 a UTECO transfórmase en Cooperativa Agraria Provincial, que en 1989 constitúe coa Central Lechera Asturiana a sociedade anónima Leyma S.A., con sede social na Coruña.
En 1993 créase o Grupo Lácteo Gallego, que adquire os activos de Leite Xallas, que era a terceira cooperativa láctea de industrialización en importancia en Galiza, e acádase un acordo con Cooperativas Lácteas de Galicia (COLAGA), en virtude do cal COLAGA pasa a ser propietaria do 50 % do grupo.
En 1994, a Corporación Agroalimentaria Gallega acada un acordo con Central Lechera Asturiana (CLAS), de xeito que esta recompra o 20% das accións de Leyma. En 1995, o Grupo Lácteo Gallego adquírelle a Tabacalera o 100% de Lactaria Española (LESA), comercializadora da marca RAM, comezando os problemas, ao adquirir débedas superiores aos 12.000 millóns de pesetas.
En abril de 1999, o grupo granadino PULEVA conmocionou o sector lácteo galego ao anunciar a compra de Leyma-RAM. Esta compra rompía as expectativas para crear o chamado gran grupo lácteo galego, que contaba co visto e prace do presidente da Xunta, Manuel Fraga, e que consistía en que Caixa Galicia e Leite Celta se aliaran para facerse con Leyma-RAM e logo ofrecer participacións a Leite Río e a Feiraco.
A finais do ano 2000, PULEVA fusionouse con Azucarera Ebro Agrícola, sendo o principal accionista da resultante Ebro Puleva o francés Saint Louis, que posúe o 13,5 % dos títulos, polo que a francesa era tamén a principal accionista da láctea galega.
En 2005 Leite Río merca as instalacións de Arteixo e a marca Leyma.
En 2012 Jesús Lence (propietario da empresa) presentou concurso de acredores no Xulgado Mercantil de Lugo para Gensabon SAU, empresa que xestionaba a planta de coxeración enerxética da fábrica de Sabón cunha débeda de catro millóns de euros[1].