Campo de concentración

instalación destinada ao confinamento de persoas, sen xuízo previo
(Redirección desde «Campo de exterminio»)

Un campo de concentración é unha instalación destinada a recluír persoas pola súa oposición a un réxime político, pola súa etnia ou relixión ou pola súa orientación sexual.

Campo de concentración utilizado para albergar canadenses de orixe xaponesa durante a segunda guerra mundial na Columbia Británica.
Lizzie van Zyl, bóer morta no campo de concentración inglés de Bloemfontein na Segunda Guerra Bóer.
 
Campo de concentración de Mauthausen en Austria, 2002.
 
Campo de concentración de Mauthausen en Austria, 2002.
 
Campo de concentración de Mauthausen en Austria, 2002.
 
Campo de concentración de Mauthausen en Austria, 2002.
Artigo principal: Campos de concentración nazis.

(algúns deles reconvertidos en campo de exterminio)

En Galicia durante a Guerra civil

editar

O estado de guerra declárase en Galicia o 20 de xullo de 1936, abarcando a maioría do territorio en poucos días (agás Ferrol, Tui e os arrabaldes obreiros de Vigo e A Coruña). A rápida toma de poder e organización en terras galegas, constituíndose na despensa e retagarda da fronte nacional, implica unha enorme dificultade dos partidarios republicanos para escapar: imposible por mar, coa fronteira portuguesa pechada e con Asturias moi lonxe, só queda ter sorte, esconderse ou saltar ao monte coma "fuxido".

Prisións

editar

A enorme cantidade de detidos e denunciados por parte de militares, párrocos, gardas civís e cidadáns en xeral obriga ao Comandante Militar de Ourense a certificar o 25 de xullo de 1936 a calidade do Mosteiro de San Salvador de Celanova coma primeira prisión. Os primeiros reclusos chegan ao día seguinte. Ao mesmo tempo comeza a usarse o soto do concello de Bande coma cárcere feminino. No verán seguinte, as novas prisións habilitadas serán o Mosteiro de Oseira en San Cristovo de Cea e o Hospital Vello da capital ourensá, xunto coas dez prisións do Partido da Falanxe. Entre novembro de 1937 e setembro de 1938 usouse o futuro cuartel militar do Cumial ourensán coma campo de traballo e reclusión (un decreto de maio de 1937 recoñecíalles o dereito ao traballo).

Canto ás novas creacións, a directiva cambia de rumbo coa centralización penitenciaria no Servizo Nacional de Prisións en 1938 e ao desvío á nova Prisión Central de Celanova do incremento de reclusos debido á toma de Asturias. As antigas prisións provisionais quedarían para os presos preventivos ou con menos dun ano de condena.

Debido ao crecente número de territorios e presos, creáronse os primeiros sete campos de concentración de Cedeira, Rianxo, no colexio xesuíta da Pasaxe (Camposancos, A Guarda), Ferrol e Muros coa toma de Santander contra agosto de 1937 e Arnao[1] (preto de Ribadeo) e Santa María de Oia coa toma de Xixón. En xullo de 1938 só quedarían os tres primeiros ata a toma de Cataluña en 1939, cando se reabriría o último e se crearían os da Coruña, Betanzos, Padrón e A Pobra do Caramiñal. Daquela existía tamén polo menos o de San Clodio en Leiro, na provincia de Ourense.

Procesamento

editar

O proceso dos prisioneiros desenvólvese do seguinte xeito:

  • Xuntanza nos campos de agrupación achegados aos lugares de detención
  • Nos campos de clasificación peneirábanse consonte as responsabilidades asignadas:
    • A: afecto á República (Ad: afecto dubidoso);
    • B: desafecto sen responsabilidades penais probadas;
    • C: mandos do exército republicano, responsables políticos e sindicais;
    • D: criminais;

Cruzado con isto está unha clasificación en función da responsabilidade e a sospeita que recaía sobre o individuo: os non culpables en idade militar recrutábanse e os demais liberábanse. Os culpables paseábanse ou enviábanse a un Consello de Guerra. Os sospeitosos axuntábanse nun campo de traballo mentres non se dirimían os seus antecedentes e pasaban a algún dos dous primeiros grupos.

Os presos procedentes de Asturias podían provir dunha fuxida marítima ou dos territorios conquistado:

Reclusión

editar

A función penitenciaria de prisións, destacamentos, campos de concentración ou batallóns de traballo foi a vinga, aniquilación e exterminio e non a retención ou xuízo. A inhabitabilidade dos edificios, a sobreconcentración, a hixiene ou sanidade precaria, a alimentación deficiente ou a violencia dispararon a morbilidade e mortalidade ata 200 000 persoas nas prisións galegas.

Esta degradación física completábase cunha destrución psicolóxica: humillar, anular, cousificar e amedrentar o opositor ata un asoballamento absoluto. Unha vez eliminados os irrecuperables, a filosofía era un sometemento á ideoloxía vencedora. Para conseguilo desterrábaselle ao preso a idea de provisionalidade con condenas moi elevadas para que interiorizase a culpabilidade e conseguinte expiación mediante a absorción do adoutrinamento. Isto non é máis ca unha reprodución do que se vai implantar a grande escala na sociedade: rescate moral por parte da Igrexa, rescate social por parte do Estado e rescate ideolóxico por parte da propaganda. A reclusión penitenciaria ten funcións de redención e expiación de culpas individuais e colectivas inspirado pola participación da Igrexa nacional no sistema, e consideraba aos presos coma enfermos que había que "sandar", "purificar" e "ter en corentena" para non "contaxiar" ao resto da sociedade (o psicólogo Vallejo-Nájera chegaría a afirmar que "o marxismo e a revolución precisan dun tratamento médico, non político").

  1. "El campo de concentración de Arnao, el paraíso que fue un infierno". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-11-21. Consultado o 2018-11-29. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar