Abrir o menú principal

Batalla dos montes Nervasos

A batalla dos montes Nervasos foi un enfrontamento militar ocorrido no ano 419 entre os suevos, dirixidos polo seu rei Hermerico e auxiliados polos romanos do comes Hispanorum Asterio, e os vándalos, liderados polo seu propio rei Gunderico e auxiliados polos alanos, no contexto das invasións xermánicas na península ibérica. O encontro, que tivo lugar na actual provincia de León (España), saldouse cunha vitoria sueva.

Batalla dos montes Nervasos
Parte de Guerras xermánicas
Reino suevo.svg
O reino suevo durante a súa máxima expansión (século VI). As súas posesións están sinaladas en verde, as zonas de influencia en vermello, e en amarelo os límites das provincias romanas.
Data 409
Lugar Montes Nervasos (actual provincia de León
Resultado Vitoria sueva e romana.
Belixerantes
Reino suevo
Imperio Romano
Vándalos
Alanos
Líderes
Hermerico
Asterio
Gunderico

AntecedentesEditar

Entre os anos 409 e 411, os pobos xermánicos dos vándalos e suevos, así como os iranios alanos, penetraron na península Ibérica a través dos Pireneos occidentais, despois de someter a Galia romana a un réxime de saqueo e pillaxe durante tres anos.[1][2] Os romanos non poden dar unha resposta eficaz debido ás sublevacións locais de Xeroncio e Máximo, e con isto ábrese o período das invasións xermánicas na península ibérica.[3] Os pobos pactaron entre si, e a sortes, a repartición dos territorios de Hispania: atravesando sen deterse a Tarraconense, que permanece na súa maior parte en mans romanas, os vándalos silingos aséntanse na provincia romana da Bética, os alanos en Lusitania e a Carthaginense, mentres que suevos e vándalos asdingos chegan a un acordo sobre a Gallaecia. Os suevos quedarían cos conventos Lucense (con capital en Lucus Augusti, Lugo) e Bracarense (con capital en Bracara Augusta, Braga), e os asdingos o Convento Asturicense (con capital en Asturica Augusta, Astorga).

 
Hispania en 409-429.

En 416, Walia, rei dos visigodos de Tolosa, entra na Península como aliado dos romanos para combater os invasores bárbaros. Estes prefiren non unirse para enfrontarse á ameaza común, e contra o ano 418 aniquilou case por completo ós silingos e dispersou ós alanos logo de matar ó seu monarca Atax, que se refuxian entre os asdingos (motivo polo que en diante os reis vándalos nomeásense «reis dos vándalos e os alanos»).[1][2]

O rei suevo Hermerico, pola súa banda, consegue asinar un tratado co emperador Honorio para que conceda á súa tribo o estado legal de foederati (do que gozan tamén os visigodos), polo que os galaicorromanos deben cederlles terras. Estabelécense gornicións nas cidades e Braga empeza a ser considerada o centro de poder. O desagrado dos galaicorromanos por ter que dar parte das súas terras ós suevos mostrarase no futuro como fonte de conflitos entre nativos e colonos, dándose varios tratados de paz incumpridos e o envío dunha embaixada indíxena ó xeneral Aecio na Galia, encabezada polo bispo Hidacio, que non conseguirá os seus propósitos.[3]

En alianza cos romanos, Hermerico deixaríase levar polos desexos expansionistas do seu reino e entra en conflito cos seus veciños vándalos, os máis achegados.[4]

A batallaEditar

Os detalles do enfrontamento entre os dous pobos non están claros, pero podemos deducir que foron os suevos os que levaron a iniciativa ó romper as hostilidades, xa que os montes Nervasos (chamados así ou ben polo antigo pobo galaico dos narbasos ou polo xeneral romano Erbasio), a pesar da súa localización incerta, puideron estar situados na comarca leonesa do Bierzo, entón o Convento Asturicense, que en virtude do pacto de 409–411 pertencía ós vándalos asdingos de Gunderico.[5]

A interpretación tradicional da batalla explica que durante a invasión do territorio inimigo, Hermerico e o seu exército son acurralados nos montes Nervasos polas tropas de Gunderico, e só a intervención romana salva ós suevos dunha grave derrota.[1][2] É o comes Hispanorum Asterio quen á fronte dun poderoso exército romano levanta o asedio das posicións suevas e obriga ó exército vándalo a retirarse. Non acabará aquí a campaña romana, pois Asterio acosará ós vándalos até obrigarlles a replegarse no sur, cara a Bracara Augusta onde espera o seu vicarius Maurocelo, que comandaba outro exército para a ocasión, para interceptar aos asdingos e derrotalos.

Esta explicación dos acontecementos deriva do parágrafo XXV da crónica de Hidacio:

Iníciase a guerra entre Gunderico, rei dos vándalos, e Hermerico, rei dos suevos. No entanto, estes son cercados polos vándalos, nos montes Nervasos.[6]

Porén, o autor contradise no parágrafo XXVI, onde afirma seren os vándalos os que se achaban baixo cerco do suevos ("suevorum obsidione"):

O suevos, despois dos suevos levantaren o cerco a pedido de Asterio, conde de Hispania, abandonaron a Gallaecia e pasaron á Bética.[7]

Algúns autores inclínanse a consideran como correcto o segundo dos parágrafos por semellar improbábel que o imperio romano rescatase a un grupo de bárbaros para entregarlles posteriormente unha das súas provincias.[8]

 
Peite de óso da época sueva, probable intercambio comercial. Pertencente á cultura de Cherniajov, foi achado en Castro Bergidum.

ConsecuenciasEditar

Forzado pola derrota, o rei Gunderico guiará ó seu pobo a buscar o asentamento na Bética. Entre 421 e 422 derrotan ó exército imperial de Flavio Castino enviado contra eles para recuperar o perdido, e constrúen unha gran frota coa que logran o predominio naval da rexión e conquistar boa parte do sueste de Hispania, chegando a saquear cidades como Hispalis (Sevilla) e Carthago Nova (Cartaxena), entre outras localidades.[1]

En 428 morre Gunderico e sucédeo no trono o seu medio irmán Xenserico, que decide que o novo fogar dos vándalos está no norte de África, no que as disputas internas impedirán a resistencia romana.[3] Pero mentres Xenserico se atopa ocupado cos preparativos que farán que 80.000 persoas, 15.000 delas guerreiros, crucen o estreito de Xibraltar, as bandas suevas de Heremigario atácano pola retagarda tras saquear a Lusitania.[2] Os incursores serán derrotados preto de Mérida e o seu líder afoga no Guadiana mentres tentaba fuxir. O ano seguinte, os vándalos desembarcan en Ceuta, dende onde en poucos anos se farán con toda a África occidental romana para ser despois varridos derrotados Belisario, xeneral de Xustiniano I.

Respecto dos suevos, permanecerían en Gallaecia até a conquista visigoda de Leovixildo do seu reino no ano 585, compartindo a mesma sorte que os seus inimigos vándalos.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Invasión de los bárbaros y dominación de los visigodos" (html). Nubeluz.es. Consultado o 11 de agosto de 2010. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cossue (28 de novembro de 2005). "Breve historia del reino suevo de Gallaecia (1)". Celtiberia.net. Consultado o 11 de agosto de 2010. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Los años 408 a 433" (pdf). InterClassica. 3 de marzo de 2007. Consultado o 11 de agosto de 2010. 
  4. Arce, páx. 111
  5. "Ayuntamiento de Villamanín: Arbas del Puerto" (html). Concello de Villamanín. Consultado o 11 de agosto de 2010. Arbas deriva, segundo coinciden os máis informados autores, do seu enclave nos 'Montes Erbasos', quen, á súa vez, o tomaría dun xeneral romano de nome Erbasio 
  6. de Chaves, Hidacio. Hydatii Episcopi Chronicon. p. XXV. Inter Gundericum Vandalorum, et Hermericum Suevorum reges certamine orto, Suevi in Nervasi [Ms., Nerbasis] montibus obsidentur a Wandalis. 
  7. de Chaves, Hidacio. Hydatii Episcopi Chronicon. p. XXVI. Wandali Suevorum obsidione dimissa, instante Asterio Hispaniarum comite, sub vicario Maurocello, aliquantis Bracarae in exitu suo occisis, relicta Gallaecia ad Baeticam transierunt. 
  8. Lago Villaverde, Alberte; Egea Lapina, Henrique (2019). 40 datas que fizeram a história da Galiza. Através editora. p. 48. ISBN 978-84-16545-32-2. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Arce, Javier (2007). Bárbaros y romanos en Hispania. Marcial Pons Historia. ISBN 84-96467-57-0.