Eubalaena

xénero de mamíferos
(Redirección desde «Balea franca»)

Eubalaena
Baleas francas

Eubalaena australis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenidae
Xénero: Eubalaena
Gray, 1864
Especies
Véxase o texto
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Halibalaena Gray, 1873
  • Hunterius Gray, 1866

Eubalaena é un xénero de cetáceos misticetos da familia dos balénidos que comprende tres especies que son coñecidas comunmente como baleas francas debido a que nadan lentamente e flotan despois de mortas, polo que os baleeiros as consideraban as máis fáciles ou "francas" de cazar e de transportar ás factorías onde se despezaban.

Características editar

As baleas francas teñen unha cabeza roma con enormes fileiras de barbas moi longas, que forman como unha especie de láminas; cando a boca está pechada, as barbas permanecen cubertas por uns labios inferiores de gran tamaño. O corpo é groso, ancho e repoludo, de cor azul escuro, con manchas brancas na parte ventral. Carecen de aleta dorsal, a caudal é ancha, cunha fendedura clara no medio, e as pectorais algo máis longas e largas que as da outra especie da familia, a balea de Groenlandia (Balaena mysticetus). Presentan unhas calosidades por riba dos ollos, ao redor dos espiráculos, no mento, os labios inferiores e na mandíbula superior. Aliméntanse de plancto (krill e outros pequenos invertebrados). Teñen unha cría cada tres ou catro anos. Os adultos alcanzan lonxitudes de entre os 11 e os 18 m, e os baleatos, ao naceren, miden de 4,5 a 6 m.[2]

Distribución editar

Eubalaena glacialis habita no Atlántico norte, onde existen dúas subpoboacións, a máis numerosa nas costas do oeste, con ao redor de 400 exemplares, que se estenden desde a illa de Terra Nova e as costas da península do Labrador (Canadá), até as de Xeorxia e a Florida (Estados Unidos; as súas zonas de alimentación está no norte desta área, na parte baixa da baía de Fundy, preto da illa Grand Manan, Nova Escocia (Canadá) e a baía de cabo Cod (Massachusetts), mentres que as zonas de reprodución están máis ao sur, observándose recentemente grupos de cría na Florida.[2]

A subpoboación do Atlántico oriental é moito menor. Antano estendíase desde as costas de Islandia e Noruega até as do mar Cantábrico (incluídas as galegas), pasando polas de Irlanda, as occidentais da Gran Bretaña, as francesas desde a Bretaña até o golfo de Biscaia,[2] chegando nas súas migracións até os arquipélagos dos Azores, Madeira e as Canarias.[3]

Os escasos individuos de Eubalaena japonica habitan no Pacífico norte, reproducíndose durante o verán no mar de Okhotsk, ao sueste do mar de Bering, as illas Aleutianas e no norte do golfo de Alasca. Durante o inverno migran cara ao sur (ou, polo menos, migraban antano), até o mar do Xapón, o estreito de Taiwán e as illas Bonin (Xapón), no oeste, e até a Baixa California Sur (México), no leste.[4] Observáronse individuos divagantes nas illas Hawai.[5][6]

A baleas francas austrais (Eubalaena australis) son circumpolares, rexistrándose a súa presenza polo menos entre os 20º S e os 55º S. Reprodúcense en inverno nas costas do subcontinente suramericano, principalmente nas da Arxentina e do Brasil, aínda que tamén algúns individuos o fan nas de Chile o Perú, e nas da illa de Tristan da Cunha, sur de África, principalmente nas da República Surafricana, chegando até Mozambique e as costas occidentais de Madagascar, e o sur de Australia, Tasmania e Nova Zelandia, migrando en verán cara ás augas frías da Antártida,[2][7] No verán migran cara ás augas frías da Antártida, onde se encontran principalmente entre as latitudes 40º S e 50º S.[7], aínda que tamén se puideron ver, especialmente nos últimos anos, na Antártida, tan ao sur como nos 65° S,[8] e nos arredores de Xeorxia do Sur.[9]

 
Mapa da distribución das especies do xénero Eubalaena.
En verde: E. glacialis; en azul: E. japonica; en amarelo: E. australis.

Comportamento editar

As baleas francas nadan lentamente, pero son capaces de facer sorprendentes acrobacias. Poden observarse ondulando as aletas pectorais sobre a superficie, saltando, golpeando a auga coas aletas pectorais e movendo a caudal. Nadan cerca das costas coa boca aberta, mostrando as barbas. Son curiosas e ás veces xogan con obxectos flotantes. Os membros de grupos pequenos poden saír á superficie por quendas, só un cada vez. Adoitan facer vocalizacións nas zona de cría, sobre todo de noite.[2]

Taxonomía editar

Xénero Especie Nome vulgar Imaxe
Eubalaena Eubalaena australis Balea franca austral
Eubalaena glacialis Balea vasca ou balea franca glacial
 
Eubalaena japonica Balea franca do Pacífico
 

Filoxenia editar

Cladograma da familia dos balénidos:

Balaenidae
  Eubalaena

 E. glacialis  

 E. japonica  

 E. australis  

 Balaena

 B. mysticetus  

Notas editar

  1. Eubalaena Gray, 1864 en ITIS.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Carwardine, M. (1985), pp. 38-47.
  3. Eubalaena glacialis en UICN.
  4. Eubaleaenma japonica en UICN.
  5. Herman, L. M., Baker, C. S., Forestell, P. H. and Antinoja, R. C. (1980): "Right whale Balaena glacialis sightings near Hawaii: a clue to the wintering grounds?" Marine Ecology Progress Series 2: 271-275.
  6. Rowntree, V., Darling, J., Silber, G. and Ferrari, M. (1980): "Rare sighting of a right whale (Eubalaena glacialis) in Hawaii. Canadian Journal of Zoology 58: 309-312.
  7. 7,0 7,1 Eubalaena australis na UICN.
  8. Bannister, J. L., Pastene, L. A. and Burnell, L. A. (1999): "First record of movement of a southern right whale (Eubalaena australis) between warm water breeding grounds and the Antarctic Ocean, south of 60 degrees South. Marine Mammal Science 15 (4): 1337-1342.
  9. Rowntree, V. J., Payne, R. S. and Schell, D. S. (2001): "Changing patterns of habitat use by southern right whales (Eubalaena australis) on their nursery ground at Peninsula Valdes, Argentina, and in their long-range movements". Journal of Cetacean Research and Management 2: 133-144.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Perrin, William F., Bernd Wursig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego, California: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar