Baleeiro
Un baleeiro é un tipo de barco utilizado para caza (ou pesca) de baleas.[1] O termo designa tamén o cazador ou pescador de baleas.[1]
Porén, a persoa encargada de manexar o arpón, é dicir, de arpoar [2] á balea (ou outro gran cetáceo) chámase arpoador.[3]
Evolución
editarAntigamente os baleeiros dispoñían dun ou varios botes baleeiros, que largaban para aproximárense tanto como podían á balea ou ao cachalote e nos que embarcaban, canda os mariñeiros que vogaban e o patrón, o arpoador, que lanzaba o arpón, unido a un groso cabo, para tratar de cravalo no animal; despois, volvían ao baleeiro, e os mariñeiros turraban do cabo (ou dos cabos) para achegar o cetáceo ao costado do barco principal.[4]
Os baleeiros modernos, na súa maioría, están equipados para a captura (utilizando arpóns que disparan mediante canóns) e con instalacións para o tratamento da carne e da graxa (aceite de balea) do animal, é dicir, que son buques factoría.
A principal característica dos baleeiros modernos é a de ter a popa rebaixada e a proa elevada, onde está situado o canón que lanza o arpón.
Na literatura
editarNa novela Moby Dick de Herman Melville, o narrador embarca no Pequod, baleeiro do século XIX.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 baleeiro Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ arpoar Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ arpoador Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ Dominique Le Brun (2013): Baleiniers. Témoignages 1820–1880. Éditions Omnibus. ISBN 978-2-258-09869-5. Resumo
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baleeiro |
Bibliografía
editar- Budker, Paul (1957): Baleines et baleiniers. París: Horizons de France.