Arturo Noguerol
Arturo Noguerol Buján, nado en Ourense o 6 de maio de 1892 e asasinado en Serantes (Ferrol) o 12 de setembro de 1936, foi un avogado e intelectual galeguista.
Arturo Noguerol, retrato en '"Vida Gallega" (1923) | |
Nome orixinal | Arturo Noguerol Buján |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 6 de maio de 1892 Ourense, España |
Morte | 12 de setembro de 1936 (44 anos) Serantes, España |
Causa da morte | paseo, execución por arma de fogo |
Educación | Universidade de Salamanca - dereito (–1915) |
Actividade | |
Ocupación | avogado, escritor |
Empregador | Irmandades da Fala Grupo Nós |
Xénero artístico | Ensaio |
Descrito pola fonte | Diccionario bio-bibliográfico de escritores (1951-1954) Diccionario de escritores en lingua galega |
Traxectoria
editarNaceu en Ourense, onde estudou o bacharelato con Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Manuel Martínez Risco. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Salamanca entre os anos 1910 e 1915. En 1915 abriu o seu despacho no nº 10 da rúa Padre Feixóo, onde estivo logo a administración e a xerencia da revista Nós.
Amigo tamén de Vicente Risco, con quen coincidiu no cenáculo ourensán, participou na publicación La Centuria, da que foron xerentes, e que foi de vital importancia para a expresión dunha xeración de intelectuais ourensáns antes da súa conversión ao galeguismo das Irmandades da Fala, da man de Antón Losada Diéguez, e que posteriormente sería a Xeración Nós.
O seu artigo "La patria", publicado en La Centuria, foi un dos primeiros testemuños que se emitiu a prol do galeguismo e serviu de punto de partida para constituír a Irmandá Rexionalista d'Ourense en 1918. Publicou once artigos na revista Nós, catro artigos en La Centuria, dous n'O Tio Marcos d´a Portela, outros seis na revista A Nosa Terra, dous en La Billarda e dous en La Zarpa. O 15 de setembro de 1930 publicou o seu derradeiro artigo no nº 81 de Nós, titulado “Notas políticas”. A partir de entón retirouse da vida política e literaria.
Foi secretario de administración local e exerceu no Pereiro de Aguiar, Avión, Rianxo e Serantes. Durante a revolución de 1934, cando era secretario do concello de Serantes, foi detido por posesión de arma de fogo, mais foi exonerado. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido polos sublevados por propagar noticias tendenciosas, e encadeado na prisión da Escollera de Ferrol. Foi procesado, e logo de comprobar a súa inocencia, o xuíz militar ordenou a súa liberación. Foi novamente detido por elementos paramilitares. Na tarde do 11 de setembro de 1936 introduciron a Noguerol con outras doce persoas nun autobús e na noite seguinte executáronos no cemiterio parroquial de Serantes na estrada da Coruña a Ferrol, onde foron soterrados.
Obra
editar* Parolas sobre a propiedá, 1918 (publicado en La Región).
Vida persoal
editarCasou con Eloísa Martínez Carballo o 21 de xaneiro de 1924. Tiveron dous fillos nados en Ourense: Eloísa e Pedro Arturo.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arturo Noguerol |
Bibliografía
editar- "Noguerol Buján, Arturo". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 22.
- "Noguerol Buján, Arturo". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 478.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 295. ISBN 84-7492-465-0.
- Román Alonso, Jesús-Fernando (2003). Arturo Noguerol Buján. Xornalista, arbitrista e financeiro do galeguismo. Ir Indo. ISBN 84-7680-500-4.
- Román Alonso, Jesús-Fernando (2011). Ética e estética de Arturo Noguerol Buján. Auria. ISBN 84-615-6172-4.
- Soutelo, R. (2007). "O compromiso social de Arturo Noguerol Buján". Minius (UVIgo) (XV): 281–287. ISSN 1131-5989.