As Agapanthoideae son unha subfamilia de plantas monocotiledóneas pertencentes á familia das Amaryllidaceae, dentro da orde Asparagales, e que non inclúe máis que un só xénero, Agapanthus L'Hér. Son plantas herbáceas, rizomatosas, bastante robustas, nativas de Suráfrica, que poden ser facilmente recoñecidas polas súas follas acintadas, planas e bastante carnosas; pola súainflorescencia en umbela na extremidade dun longo escapo e polas súas flores xeralmente grandes con ovario súpero.

Agapanthoideae

Agapanthus
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Angiospermae
Clase: Monocotyledoneae
Orde: Asparagales
Familia: Amaryllidaceae
Subfamilia: Agapanthoideae
Endl.
Xénero: Agapanthus
L'Hér.
Distribución de Agapanthus.
Distribución de Agapanthus.

Distribución de Agapanthus.
Especies

Ver texto

Nas clasificacións tradicionais das anxiospermas, Agapanthus dispúñase dentro dunha ampla circunscrición das liliáceas e actualmente algúns botánicos continúan tratándoo dese modo.[1] No entanto, as análises filoxenéticas baseadas no ADN e varios caracteres morfolóxicos indican que esta familia está separada non só da circunscrición actual das liliáceas, senón tamén doutras dúas familias estreitamente relacionadas: as aliáceas e as amarilidáceas. Por esa razón, foi recoñecida por sistemas de clasificación modernos, tales como o sistema de clasificación APG II do 2003, como unha familia separada ou como unha subfamilia dentro de Alliaceae sensu lato.[2] Na publicación de 2009, o sistema APG III reconfirmou o criterio de considerar as agapantáceas como unha subfamilia, Agapanthoideae, dentro da familia das amarilidáceas.[3][4]

Etimoloxía e nomes comúns editar

O nome Agapanthus procede das palabras gregas agape, amor e anthos, flor e, polo tanto, significa "flor do amor". En países de fala inglesa é coñecida como "African Lily" ou "Blue Lily", en afrikaans é "bloulelie" ou "agapant", en xosa é denominada "isicakathi" e en zulú, "ubani". En castelán recibe varios nomes, tales como "lirio africano", "flor do amor", "tuberosa azul", aínda que o máis popular é "agapanto". En Costa Rica denomínase "agapanto" á especie ornamental Agapanthus africanus.[5]

Descrición editar

Son plantas herbáceas, perennes, provistas de curtos rizomas e con follas arrosetadas, linear-oblongas, planas.

As flores son actinomorfas e hermafroditas, grandes, azuis ou brancas. O perigonio é infundibuliforme, composto por 6 tépalos soldados. O androceo está composto por 6 estames inclusos con filamentos filiformes e anteras oblongas. O ovario é súpero, trilocular, cos lóculos pluriovulados.

O froito é unha cápsula. As flores áchanse dispostas en inflorescencias que son umbelas, situadas na extremidade dun escapo áfilo, máis longo que as follas. As inflorescencias áchanse protexidas por brácteas unidas entre si ao longo dun dos seus lados.

O número cromosómico básico é x= 15, no entanto informáronse tamén x= 14 e x=16. Os cromosomas teñen unha lonxitude de 4 a 9 µm.

 
Inflorescencia protexida por espata.
 
Inflorescencia.
 
Agapanthus, detalle dunha flor.
 
Agapanthus inapertus, inflorescencias.
 
Follas de Agapanthus.
 
Agapanthus, vista xeral.
 
Froitos de Agapanthus.

Con respecto á fitoquímica, todas as especies de Agapanthus producen fitoecdiesteroides, compostos que están relacionados coa defensa das plantas fronte ao ataque de insectos que se alimentan das súas follas.[6][7] Ademais, comprobouse que os extractos das especies deste xénero exhiben propiedades antifúngicas cunha acción moi efectiva contra patóxenos das plantas.[8]

Determináronse as estruturas químicas de dúas das principais antocianinas das flores azuis de Agapanthus, as cales representan os únicos exemplos coñecidos de pigmentos nos que o grupo acil aromático e o flavonoide están unidos covalentemente á antocianina.[9]

Ecoloxía editar

Agapanthus é un xénero oriúndo de Suráfrica. As especies perennifolias proveñen das rexións con choivas invernais da Provincia Occidental do Cabo e da Provincia Oriental do Cabo, substitúen anualmente algunhas follas con novas follas que crecen no ápice do talo. As especies de folla caduca proveñen das rexións de choivas estivais da Provincia Oriental do Cabo, KwaZulu-Natal, Lesoto, Estado Libre de Orange, Mpumalanga, Limpopo, Eswatini, Lesoto e Mozambique. Estas especies crecen rápido na primavera cando comezan as choivas e logo perden completamente as follas e permanecen en repouso durante o inverno.

Todas as especies do xénero distribúense en rexións con precipitacións medias anuais superiores aos 500 mm e desde o nivel do mar até os 2.000 msnm.

Taxonomía editar

O xénero Agapanthus foi establecido por L'Heritier en 1788. Desde a súa creación, a inclusión do xénero nunha determinada familia foi materia de debate. Durante décadas Agapanthus foi disposto na familia Liliaceae, por exemplo, no Sistema de Cronquist (1981).[10] Logo foi trasladado á familia Amaryllidaceae e máis tarde novamente trasladado, á familia Alliaceae.

O Grupo para a Clasificación Filoxenética das Anxiospermas na súa publicación de 1998 aceptou a Agapanthaceae, Alliaceae e Amaryllidaceae como tres familias independentes dentro de orde Asparagales.[11] No traballo de 2003 (APG II) o recoñecemento de Agapanthaceae era opcional, xa que podían tamén ser incluídas dentro da familia Alliaceae sensu lato.[12] As alióideas están estreitamente emparentadas coas amarilidóideas e coas agapantóideas. De feito, os tres grupos son herbas bulbosas con inflorescencias terminais umbeladas, que teñen por baixo brácteas espatáceas e nacen nun conspicuo escapo, todas estas características probablemente son sinapomórficas. No entanto, Agapanthaceae non presenta o cheiro a allo característico de Alliaceae e as análises de ADN demostran que son máis próximas a Amaryllidaceae. Sepárase desta última familia, con todo, polo tipo de ovario, a presenza de saponinas e a ausencia de alcaloides típicos das amarilidáceas. Na publicación de 2009, o sistema APG III reconfirmou o criterio de considerar ás tres familias como parte dunha gran circunscrición de Alliaceae, relegando ás agapantáceas á categoría de subfamilia.[3] No entanto, no canto de conservarse o nome Alliaceae, que ten preeminencia, aceptouse a proposta do taxónomo e especialista en plantas bulbosas Alan W. Meerow de utilizar para este grupo o nome Amaryllidaceae.[13]

As especies de Agapanthus editar

Agapanthus é un xénero moi variable, a pesar de que todas as especies teñen unha aparencia similar, con grosos rizomas, follas en forma de longas tiras ou bandas e inflorescencias en umbelas no extremo dun escapo máis alto que as follas. Os botánicos sempre atoparon dificultades para clasificar as especies deste xénero. En 1965, Frances Leighton presentou unha revisión de Agapanthus, na que recoñecía 10 especies en total. Catro delas perennifolias (A. africanus, A. comptonii, A. praecox e A. walshii) e seis deciduas ou de folla caduca (A. campanulatus, A. caulescens, A. coddii, A. dyeri, A. inapertus e A. nutans).

Actualmente, mediante caracteres como o contido de ADN nuclear, cor e vitalidade do pole e estudos morfolóxicos, considérase que A. comptonii é idéntico a A. praecox subsp. minimus, que A. walshii é unha subespecie de A. africanus, que A. dyeri é un sinónimo de A. inapertus subsp. intermedius e que A. nutans é idéntico a A. caulescens. Como resultado de todos estes estudos, moitas especies reduciron a sinonimia e outras categorizáronse como subespecies, polo que hoxe considérase que hai só dúas especies perennifolias (A. africanus e A. praecox) e catro especies caducifolias (A. campanulatus, A. caulescens, A. coddii e A. inapertus), o que fai un total de 6 especies, moitas das cales presentan unha ou máis subespecies.

  • Agapanthus africanus (L.) Hoffmanns., Verz. Pfl.-Kult.: 35 (1824). Suroeste da Provincia Occidental do Cabo.
    • Agapanthus africanus ssp. africanus.
    • Agapanthus africanus subsp. walshii (Leighton) Zonn. & Duncan (sin.: Agapanthus walshii L.Bolus, Ann. Bolus Herb. 3: 14 (1920)). Suroeste da Provincia Occidental do Cabo.
  • Agapanthus campanulatus F.M.Leight., S. African Gard. 24: 71 (1934). República de Suráfrica.
    • Agapanthus campanulatus subsp. campanulatus. E. Prov. Cabo. a KwaZulu-Natal.
    • Agapanthus campanulatus subsp. patens (F.M.Leight.) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 33 (1965). Gauteng a Provincia Oriental do Cabo (sin.: Agapanthus patens F.M.Leight.)
  • Agapanthus caulescens Spreng., Gartenflora 1901: 21 (1901). Suráfrica.
    • Agapanthus caulescens subsp. angustifolius F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 36 (1965). Mpumalanga a Eswatini.
    • Agapanthus caulescens subsp. caulescens. Mpumalanga a Provincia Oriental do Cabo.
    • Agapanthus caulescens subsp. gracilis (F.M.Leight.) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 31 (1965). Mpumalanga a KwaZulu-Natal. (sin.: Agapanthus gracilis F.M.Leight.)
  • Agapanthus inapertus Beauverd, Bull. Soc. Bot. Genève 2: 179 (1912). Suroeste de Mozambique a Suráfrica.
    • Agapanthus inapertus subsp. hollandii (F.M.Leight.) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 42 (1965). Mpumalanga. (sin.: Agapanthus hollandii F.M.Leight.)
    • Agapanthus inapertus subsp. inapertus. Provincia Setentrional do Cabo.
    • Agapanthus inapertus subsp. intermedius F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 42 (1965). Suroeste de Mozambique a Eswatini.
    • Agapanthus inapertus subsp. parviflorus F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 42 (1965). Mpumalanga (Lydenburg).
    • Agapanthus inapertus subsp. pendulus (L.Bolus) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 42 (1965). Mpumalanga. (sen.: Agapanthus pendulus L.Bolus)
  • Agapanthus praecox Willd., Enum. Pl.: 353 (1809). Provincia Occidental do Cabo a KwaZulu-Natal.
    • Agapanthus praecox subsp. minimus (Lindl.) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 22 (1965). Provincia Occidental do Cabo. (sin.: Agapanthus umbellatus var. minimus Lindl.)
    • Agapanthus praecox subsp. orientalis (F.M.Leight.) F.M.Leight., J. S. African Bot., Suppl. 4: 21 (1965). Provincia Oriental do Cabo a KwaZulu-Natal. Amplamente cultivada como ornamental. (sin.: Agapanthus orientalis F.M.Leight.)
    • Agapanthus praecox subsp. praecox. Provincia Oriental do Cabo a KwaZulu-Natal.

Importancia económica e cultural editar

As especies e cultivares de agapanto utilízanse como plantas ornamentais en parques e xardíns. Son especies sumamente adaptables, rústicas e de fácil cultivo, razón pola que son moi utilizadas en parques e xardíns de baixo mantemento. A época de floración é fins de primavera e verán. Aínda que toleran calquera tipo de chan, lógranse excelentes exemplares usando un chan profundo e fértil. Poden prosperar ben tanto a pleno sol como a media sombra. Requiren unha abundante rega na primavera e verán, máis espazado durante o inverno. Multiplícanse por sementes ou por división das matas no outono.[14][15]

Notas editar

  1. "Liliaceae". Flora of North America (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2008. 
  2. APG II (2003). "An Update of the Angiosperm Phylogeny Group Classification for the orders and families of flowering plants: APG II.". Botanical Journal of the Linnean Society (pdf) (141): 399–436. 
  3. 3,0 3,1 THE ANGIOSPERM PHYLOGENY GROUP (Birgitta Bremer, Kåre Bremer, Mark W. Chase, Michael F. Fay, James L. Reveal, Douglas E. Soltis, Pamela S. Soltis, Peter F. Stevens, Arne A. Anderberg, Michael J. Moore, Richard G. Olmstead, Paula J. Rudall, Kenneth J. Sytsma, David C. Tank, Kenneth Wurdack, Jenny Q.-Y. Xiang & Sue Zmarzty). 2009. An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG III. Botanical Journal of the Linnean Society 161, 105–121.
  4. Stevens, P. F. (2001 en adelante). "Angiosperm Phylogeny Website (Versión 9, xuño de 2008, e actualizado dende entón)" (en inglés). Consultado o 12 de xaneiro de 2009. 
  5. Malaret, Augusto (1970). Lexicón de Fauna y Flora (en español). Madrid: Comisión Permanente de la Asociación de Academias de la Lengua Española. pp. vii + 569. 
  6. "Phytoecdysteroids in the Genus Agapanthus (Alliaceae)". doi:10.1016/S0305-1978(97)00056-2. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 03 de xuño de 2021. 
  7. Plant natural products as insect steroid receptor agonists and antagonists. doi:10.1002/(SICI)1096-9063(199903)55:3<331::AID-PS889>3.0.CO;2-1. 
  8. "Antifungal properties of Agapanthus africanus L. Extracts against plant pathogens". doi:10.1016/j.cropro.2007.12.007. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 03 de xuño de 2021. 
  9. "Covalently linked anthocyanin-flavonol pigments from blue Agapanthus flowers". doi:10.1016/S0031-9422(99)00572-5. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 03 de xuño de 2021. 
  10. Cronquist, A. (1981). An integrated system of classification of flowering plants. Nova York: Columbia University Press. 
  11. Angiosperm Phylogeny Group. (1998). "An ordinal classification for the families of flowering plants.". Ann. Misouri Bot. Gard. 85: 531–553. 
  12. APG II. 2003. An Update of the Angiosperm Phylogeny Group Classification for the orders and families of flowering plants: APG II. Botanical Journal of the Linnean Society. 141, 399-436
  13. Meerow, A.W., Reveal, J.L., Snijman, D.A., Dutilh, J.H. Superconservation proposal to conserve Amaryllidaceae (1805) over Alliaceae (1797). Taxon 56: 1299-1300. 2007
  14. Rosella Rossi. 1990. Guía de Bulbos. Grijalbo. Barcelona.
  15. Hessayon, D.G. The Bulb Expert. Transworld Publishers Ltd. Londres, 1999

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dimitri, M. Enciclopedia Argentina de Agricultura y Jardinería, Editorial ACME, Buenos Aires, 1986.
  • Zonneveld, B.J.M. & Duncan, G.D. 2003. Taxonomic implications of genome size and pollen colour and vitality for species of Agapanthus L'Heritier (Agapanthaceae). Plant Systematics and Evolution 241: 115-123.
  • Wim Snoeijer, Agapanthus: a Revision of the genus. Royal Boskoop Horticultural Society, Koninklijke Vereniging voor Boskoopse Culturen. Timber Press, 2004, ISBN 0-88192-631-0 372 páxinas.

Ligazóns externas editar