Adro Vello
A necrópole de Adro Vello é un sitio arqueolóxico localizado na costa norte da península do Grove, a carón da praia do Carreiro, que acolle restos dunha vila romana, con elementos que evidencian a práctica da salga de peixe, dunha igrexa de orixe visigótica e dunha necrópole de inhumación que se prolongaron entre os séculos VI e XVIII. Toda a construción está bordeada cara ó mar por unha serie de muros superpostos que intentaron protexer as construcións dos embates do mar.
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | San Vicente do Grove, España | |||
| ||||
O nome da necrópole, Adro Vello, fai alusión á devandita igrexa. Xa no século XVIII tivo que ser trasladada cara ó interior, ó lugar no que hoxe se levanta a actual igrexa de San Vicente do Grove, traslado que explica que a necrópole quedase abandonada nese tempo para ser cuberta pola area e desaparecer da memoria popular, ata o seu descubrimento na segunda metade do século XX.
Xeografía
editarComo xa se dixo, o xacemento está situado na costa norte da península do Grove, fronte á praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Grove. Está levantado sobre unha plataforma litoral estreita que se abre, ó norte, á praia, e limita ó sur por un destacado outeiro rochoso, ó oeste pola Punta do Castriño e ó leste pola Punta Barcela e illas Barceliñas; inmediatamente ó leste do xacemento baixa un pequeno rego -hoxe estacional- que desemboca na mesma praia e que formaba un esteiro onde os habitantes do asentamento podían atracar e onde, probablemente, houbo salinas (imprescindibles para a actividade produtiva de salgado de peixe)[1]. A fronte costeira está protexida por unha serie de rochas que asoman sobre a superficie do mar e que proporcionan certa protección ante a ondada. En conxunto, constitúe unha localización prototípica doutros asentamentos romanos costeiros: costa baixa, unha pequena enseada protexida por puntas mariñas e un curso fluvial inmediato que proporciona auga doce.
A zona utilizada como vila romana e posterior necrópole conforma unha elevación areosa duns 170 m de lonxitude e 19-20 m de anchura.
Historia
editarOs restos máis antigos de ocupación humana deste lugar corresponden a un molde de arxila para fundir machados de bronce[2], que indican que o contorno xa fora habitado na Idade de Bronce.
As primeiras edificacións pódense datar nos séculos III e IV d.C. A igrexa dátase no século VII. E a necrópole foi utilizada reiteradamente desde o século V-VII ata o XVIII. Tamén forma parte do complexo unha torre medieval, posterior ó século XII, e algunhas estruturas defensivas.
Foi a partir da construción dunha estrada de acceso a unha urbanización proxectada ó oeste do lugar (e que nunca chegou a levantarse) cando se detectou a presenza de muros e ósos humanos, descubrimento que motivou as primeiras escavacións. O caso foi que a estrada atravesa o xacemento e baixo ela, así como baixo unha vivenda levantada ó outro lado da estrada, quedou soterrada unha superficie que se estima na metade da área ocupada polas construcións.
"Hai uns vinte anos [o texto está escrito en 1963], cando finalizaban as obras de construción da actual estrada, atopáronse na praia do Carreiro, en San Vicente do Grove, varios sepulcros de pedra antropomorfos con grandes ósos dentro. Así mesmo, non lonxe deste lugar foi descuberta nos últimos meses do ano 1959 unha necrópole interesante, acaso paleocristiá e restos da baixa romanidade. Tanto esta necrópole como os sepulcros anteriores áchanse moi próximos ó lugar onde estaba a anterior igrexa de San Vicente do Grove"
As escavacións comezaron nos anos 70 do pasado século, se ben con longas interrupcións ata finais dos anos 80. Segundo explicaba ó profesor Carro Otero, as primeiras prospeccións se realizaron cando, en 1968, os temporais puxeron ó descuberto tellas e ósos humanos na praia do Carreiro. Foron estes achados ocasionais os que espertaron o interese dos expertos.
En 1971 realizáronse as primeiras prospeccións (xa veremos como xa na segunda campaña, en 1972, se descubriu a ara dedicada ó deus Deverius). Cara 1990 retomáronse as escavacións, que se sucedieron regularmente ata ben entrados os anos noventa, cando volveron a suspenderse. Xa durante o século XXI se realizaron novas prospeccións, pero sen continuidade e dirixidas a investigar aspectos concretos, como a delimitación exacta do xacemento (en 2002) ou a composición dos restos de peixes conservados no fondo das cubas de salgado (en 2017, cando un equipo da Universidade de Vigo realizou investigacións no lugar para estudar a orixe da industria pesqueira galega e, en concreto, os establecementos de salgado romanos en Galicia[4]).
Aínda que nos primeiros momentos participaron na escavación personaxes do nivel de Fermín Bouza-Brey ou o profesor José Manuel Vázquez Varela, o groso da investigación correspondeu ó antropólogo Xosé Carro Otero (1942-2021).
Estrutura
editarAdro Vello foi modificado e ampliado ó longo dos séculos nos que foi habitado ininterrompidamente, desde a actividade pesqueira en época romana ata a súa función relixiosa e funeraria desde a época tardo-antiga ata ben entrado o século XVIII. Segundo as escavacións realizadas ata hoxe pode afirmarse que está constituído por cinco áreas:
- Unha vila romana (séculos III a V)
- Unha fábrica de salga (séculos I a III)
- A necrópole (séculos V-VII a XVIII)
- Unha igrexa (séculos VII e XII)
- Unha estrutura que puido ser unha torre defensiva ou un campanario
A vila romana
editarUnha vila romana, villa a mare[5] como as que houbo en numerosos puntos da costa galega[6], datada entre os séculos III e V, e documentada pola presenza de muros, canalizacións de pedra, cuncheiros[7], pavimentos e mesmo restos de estuco pintado. Os muros perimetrais están formados por grandes perpiaños almofadados, típicos da arquitectura romana.
Ó longo das sucesivas campañas recuperáronse numerosos restos de cerámica de tipo castrexo e romana e unha doa de ámbar, o que indica a existencia dun comercio exterior.
As estruturas romanas foron devastadas por un incendio a mediados do século IV, e o espazo pasou a utilizarse como cemiterio[8].
A fábrica de salga
editarA fábrica de salgadura de peixe puido estar activa xa entre os séculos I e III. A primeira pía para o salgado de peixe foi descuberta na campaña de 1988, e nela aínda se conservaba unha capa no fondo duns 20 cm de espesor de escamas e espiñas de peixe[9]. Posteriormente descubríronse tres pías máis, o que supón un volume de produción moi superior ás necesidades de autoconsumo, dato que acredita a existencia dunha produción industrializada e un comercio do que se descoñece a amplitude. Foron as primeiras estruturas deste tipo atopadas en Galicia[10].
As pías, cuadrangulares e cunhas paredes duns 30 cm de grosor, estaban coidadosamente revocadas cunha mestura de cal e grava, maiormente de cuarzo. Deste xeito asegurábase a impermeabilización das paredes e o lavado e limpeza do depósito, algo ó que contribuía o feito de ter as esquinas redondeadas.
A pouco máis de 300 metros ó leste do xacemento atópase a praia do Barreiriño. Cabe a posibilidade de que o nome indique un lugar de extracción de arxila para a fabricación das ánforas necesarias para o transporte de peixe salgado ou salsa.
A necrópole
editarA necrópole, quizais o elemento máis característico de Adro Vello, estivo en funcionamento desde os séculos V-VII ata o século XVIII. Resulta imposible calcular o número de persoas inhumadas alí, pero xa se levan recuperados máis de 3000 esqueletos e ben pode chegar ós 4000 enterramentos. Os enterramentos dispóñense en ata dez capas de diferente cronoloxía e son de características e rangos moi diferentes, desde tumbas moi simples -a maioría-, directamente nun burato escavado na terra, ata sarcófagos labrados en bloques monolíticos de pedra, pasando por tumbas rodeadas por pedras en paréntese verticais, ou ladrillos ou tégulas, ou cubertas por lápidas, unha delas con inscricións gremiais referidas posiblemente a un canteiro.
Non resulta infrecuente que as sepulturas estean reaproveitadas para sucesivos enterramentos, e hai constancia de casos nos que unha mesma tumba acolle ata tres corpos. Tamén se observan acumulacións de ósos procedentes de amoreamentos de restos cando se debía liberar un espazo para un novo cadáver.
A igrexa
editarA igrexa considérase obra visigótica, do século VII. Está documentada historicamente desde finais do século IX, concretamente desde o 899, cando o rei Afonso III (848-910) confirma unha doazón previa, ratificada pouco despois por Ordoño II (871-924):
de Arauca mediatatem de ea cum sua ecclesia et suis salinis, sanctam Eulaliam de Alobre, que nuncupant Arenalonga et Sanctum Christoforum cum bonis suis, sanctum Uincencium de Ogobre cum suis terciis et cum hominibus
Da igrexa, que probablemente non sexa a orixinal senón unha reconstrución do século XII, só se conservan os alicerces, en fileiras de perpiaños que delimitan a nave, coa cabeceira orientada ó leste, a porta rebaixada ó oeste, e un anexo no lado sur. Na ábsida, rectangular, atopouse unha zona con pavimento de morteiro, primeiro, e outra con pavimento de ladrillos, despois. No século XVIII houbo de ser trasladada por cousa dos sucesivos ataques piratas e das condicións inherentes á súa situación tan inmediata ó mar do norte. A nova igrexa, situada máis no interior da península do Grove e a maior altura, foi construída a uns 500 m ó sueste, aproveitando as pedras da vella igrexa.
Conócese que el mar de La Lanzada se avanzó, pues la iglesia de San Vicente do Grove está a la orilla del mar bravo, cerca del promontorio[13] y allí no ay casas. Por lo mismo el año de [1]745 se fabricó muy tierra adentro la casa del cura; y en este año de [1]755 se piensa trasladar al mismo sitio la iglesia parroquial. Es pequeña, a lo antiguo. Tiene atrio alrededor y en él vio[14], dos cosas singulares y que piden especial atención. La primera es una losa como de sepulcro, que está en el suelo del atrio, su largo de poniente a oriente. En la cabecera de la parte del poniente hay en el medio una cruz y debajo un solo renglón de letras muy claras y sin puntos... La segunda es que allí en el muro del atrio está incluso un grande sepulcro entero de piedra con caxa y tapa y está haciendo loma (con un signo) lo mismo que hay en el sepulcro de Santa Tramunda, en el sepulcro de San Martiño de Poyo y en el que en el año [1]741 se descubrió en Tomeza de la era de [1]622".
Tal como quedou recollido no Libro de Fábrica de San Vicente (iniciado en 1688 polo párroco Pedro Mareque), a obra da nova igrexa contratouse en 1770 cos canteiros Serrapio, veciños de Santiago de Loureiro (Cerdedo-Cotobade). O 3 de febreiro de 1771 trazáronse os cimentos e o 1º de maio do mesmo ano bendecíase a capela maior e celebrábase a primeira misa, se ben as obras non remataron ata o 20 de outubro[17].
Durante as escavacións, descubriuse en 1972 nunha das paredes da igrexa[18] unha ara romana, incompleta. A peza formaba parte, como material construtivo reutilizado, do muro norte da igrexa e mostra sinais evidentes de haber sido recortada para adaptala ó muro. Nunca se atoparon os fragmentos que completarían a peza e o profesor Carro supón que probablemente falten dúas ou mesmo tres liñas de texto.
A ara -a parte recuperada- mide 49 cm de alto, uns 25 cm de ancho e 21 cm de espesor máximo. Na cabeza distínguense tres vans rematados en arco de medio punto, que se relacionan coas Portas do Hades, o inframundo grego, e que tamén se observan noutras aras romanas atopadas en Galicia. No campo epigráfico pode lerse unha inscrición que di: DEO D / EVER, e que se interpreta como unha invocación a Devero, Deveros ou Deverius, unha suposta divindade indíxena mariña, quizais relacionada con Neptuno.
A torre defensiva
editarUnha torre defensiva altomedieval, posterior ó século XII, protexida por unha cerca da mesma época. Este conxunto defensivo tería unha función similar á doutras torres na costa galega na defensa contra os ataques normandos e piratas na Alta e na Baixa Idade Media.
Esta finalidade foi a proposta polo profesor Carro e tradicionalmente aceptada, pero existe unha segunda posibilidade: que se trate dun campanario exento da vella igrexa, pois a súa situación restaríalle funcionalidade como torre de defensa. Esta explicación tamén xustificaría o microtipónimo O Sineiro que designa o outeiro inmediatamente ó sur do xacemento.[19]
A moeda da traslatio
editarNa campaña de 1985 atopouse na cara norte do muro perimetral da vila romana, unha moeda (un medio diñeiro de vellón) cuñada na ceca de Santiago de Compostela, que constitúe un exemplar único ata o momento. A moeda é dunha aliaxe de prata e cobre, mide 13,1 mm de diámetro (en sentido horizontal, pero 13,5 mm en sentido vertical) e ten 0,28 g de peso. Exponse desde o seu descubrimento no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.
No anverso figura un león pasante á dereita, rodeado dunha inscrición: FERDINANDUS REX. Corresponde ó rei Fernando II, rei de León e Galicia entre 1157 e 1188, o que permite situar a moeda cronoloxicamente.
No reverso figura a que pode ser a representación máis antiga da Traslatio, a chegada dos restos do apóstolo Santiago a Compostela[20]. Pode verse a imaxe dunha barca que ocupa case toda a superficie da moeda (11,1 mm de proa a popa e 6,2 mm de cuberta a quilla[21]). Sobre a cuberta estaría o corpo do Apóstolo, do que se ve a cabeza na zona de proa, e as cabezas ou bustos doutros dous personaxes na zona de popa, que serían os seus discípulos Teodoro e Atanasio. Na zona superior da moeda lese unha inscrición S(ancti) IA / COBI (San Xacobe) dividida polo varal da vela, rematado nunha cruz.
O Códice Calixtino fala da translación do corpo do Apóstolo en varias ocasións, pero só a describe no Libro III, capítiulo I (e moi someramente no capítulo II). En ningún momento describe o tipo de barca no que veu desde Xerusalén ata Galicia, unicamente di que:
"Os seus discípulos, apoderándose furtivamente do corpo do mestre, con gran traballo e extraordinaria rapidez, lévano á praia, onde atopan unha nave preparada para eles. Subíndose a ela, lánzanse ao mar aberto, e en sete días chegan ao porto de Iria, que está en Galicia, e a remo alcanzan a desexada terra".Códice Calixtino, Libro III, capítulo I (px. 440)
O corpo do santo apóstolo Santiago, por temor aos xudeus, foi recollido de noite polos seus discípulos e, grazas á compañía dun anxo do Señor, chegaron a Iafa, á beira do mar. E como alí dubidasen entre eles acerca do que debían facer, velaquí que de súpeto apareceu, por vontade de Deus, unha nave preparada. E con grande alegría soben a ela levando ao discípulo do noso Redentor e, izadas as velas e con ventos favorables, navegaron con gran tranquilidade sobre as ondas do mar, loando a clemencia do noso Salvador, chegaron ao porto de Iria".Códice Calixtino, Libro III, capítulo II (px. 445)
Pero a tradición popular di que o corpo do Apóstolo foi trasladado ata Galicia nunha barca de pedra, ou ben sobre un pedrón sen barca (do que se di que un fragmento quedou en Iafa) ou ben sobre un pedrón transportado nunha barca[22]. Existen diversas teorías que buscan explicar este feito, desde que se trataba dunha barca na que se transportaba pedra ata que se trate dunha evolución da lenda que di que, ó chegar a Padrón, os discípulos depositaron o corpo sobre unha pedra e esta rebrandeceuse, como se fose de cera, para amoldarse á forma do corpo, que quedou así baleirado nesa pedra[23].
En todo caso, na moeda represéntase como unha barca construída con taboleiros de madeira, con cadanseu mascarón na proa e na popa, do mesmo xeito que os barcos de carga da época[24]. No tímpano de Santiago de Cereixo (Vimianzo) represéntase dunha forma similar.
Ata agora realizáronse algunhas réplicas da moeda, como a producida pola fundación Ruta Xacobea, que promove a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla[25]. O concello do Grove utiliza un cuño con este motivo para selar as credenciais dos peregrinos que fan esta ruta. Igualmente, a Deputación de Pontevedra subvencionou a creación dunha réplica en granito, a grande escala (120 cm de diámetro), realizada pola Escola de Cantería da Deputación e que se inaugurou o 21 de xullo de 2017[26].
Musealización do xacemento
editarDesde as primeiras datas do descubrimento e trala recollida dos primeiros achados, os responsables técnicos das escavacións e os responsables políticos do concello, da Deputación e Xunta propuxeron e prometeron valorizar o xacemento mediante a musealización in situ dos restos, unha vella aspiración do profesor Carro que insistiu nela en canto tiña ocasión e ante calquera que quixera escoitalo. O principal problema para levar adiante este proxecto consiste na necesidade de levantar a estrada provincial EP-9106 que atravesa a área a protexer: a única solución para continuar as escavacións consiste na desviación da estrada e na expropiación dunha vivenda particular na marxe sur da devandita estrada, tamén construída na área de interese arquelóxica. Como dificultade inmediata para conseguir este obxectivo estaría a confrontación de competencias entre as diferentes administracións, de distinta cor política (concello, Costas do Estado[27], Patrimonio, Deputación). Por suposto, tampouco axuda a necesidade de achegar o orzamento que sería preciso.
A pesar do aparente acordo entre tódolos órganos interesados e o recoñecemento unánime do seu valor histórico e arqueolóxico[28], o feito é que despois de case 40 anos desde o comezo das escavacións, en 2022 non só non existe tal museo senón que tampouco se coñece que se estea estudando.
As propias escavacións e os restos que ían descubrindo tamén sufriron as consecuencias destes problemas debidos, en boa parte, á exposición á intemperie das estruturas e restos exhumados. As campañas fóronse realizando máis ou menos regularmente desde o ano 1985 ata o ano 1991, en que foron interrompidas ó alcanzar a estrada. Desde entón realizouse algunha campaña máis, de xeito esporádico e sen continuidade, quedando a superficie escavada a monte, e mesmo non houbo constancia en algo tan simple como o mantemento do peche que a circundaba: houbo temporais que botaron abaixo os pés inmediatos á praia e a ondada chegou a erosionar a duna e esparexer ósos pola praia[29]. A prensa local falou en ocasións de expolio e roubo dos restos que quedaban á vista, pero non houbo constancia de tales feitos. Cómpre indicar que cando se construíu a estrada sobre o xacemento, a area que foi desprazada para a súa cimentación foi botada sobre a duna da praia, e esa area contiña numerosos ósos; posteriormente, os arqueólogos non os tiveron en consideración ó estar completamente descontextualizados.
Esta situación deu lugar a unha situación de abandono que deu pé a numerosas denuncias e acusacións cruzadas de desinterese e de incumprimento de responsabilidades[30][31]. As devanditas denuncias ocuparon as páxinas da prensa e formaron parte da orde do día de diferentes debates no concello, na deputación e mesmo no Parlamento de Galicia. O propio Concello -nese momento do PP- autorizou a colocación de contedores de lixo acaroados ó peche da escavación ou habilitar como aparcadoiro as zonas inmediatas ó xacemento, onde se sabía con seguridade que había restos aínda non escavados; mesmo, persoal do Concello cavou unha gabia ó todo o longo do peche, e pegada a este, para habilitar unha condución de auga para as duchas da praia.
Xunto ás numerosas denuncias non faltaron innumerables reunións, acordos e comisións, das que xurdiron continuas declaracións e promesas de, por fin, solucionar os diferentes problemas burocráticos, pero tampouco callaron en feitos e todas foron sistematicamente incumpridas. Así, por exemplo, segundo o alcalde do Grove "As escavacións de Adro Vello, no Grove, estarán en condicións de ser expostas ó público en 1993, trala confirmación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio dunha partida de 20 millóns de pesetas. Con ela procederase ó peche e valado do recinto e á expropiación de terreos que inclúen un chalé próximo e o desvío da estrada"[32].
Non se sabe que se fixo con esa partida de 20 millóns de pesetas, nin tampouco co orzamento de 150.000 euros que a Deputación en 2003 anunciou que se habilitarían para a compra da vivenda inmediata ó xacemento e os terreos que foran precisos para a necesaria ampliación[33]. Outro exemplo foi o anuncio da Consellería da Cultura, en 2001, de proceder a construír unha cuberta provisional sobre o xacemento ese mesmo ano, que se substituiría por unha cuberta definitiva no 2002[34]. Vinte anos despois, nada disto se fixo[35].
Adiantando acontecementos e unha vez coñecido o paso transcendental de iniciar o expediente para declarar BIC Adro Vello, xa se levantaron voces que reclaman a devolución a este futuro museo local, xa algo máis próximo, daquelas pezas que se foron descubrindo ó longo dos anos e que hoxe forman parte de museos e institucións de Pontevedra e Santiago e mesmo mans privadas[36]:
Ademais dos achados que se incorporen coas novas escavacións, terase que devolver a Adro Vello o material espoliado, espallado por diversos museos e ciscado por lugares privados. A moeda de Adro Vello debe volver, así como a pedra votiva do deus Devero e os sartegos... A deslocalización é unha característica do espolio do Patrimonio, porque ao subtraer un ben do seu lugar orixinario pérdese parte do valor cultural do xacemento e do obxecto, incluso aínda que estea noutro museoAvelino Ochoa: "Do espolio e da descontextualización", en La Voz de Galicia 30.01.2022
Declaración de BIC de Adro Vello
editarEn febreiro de 2022 publicouse a apertura do expediente de declaración de Adro Vello, baixo a denominación oficial de "Zona arqueolóxica de Adro Vello", como Ben de Interese Cultural (BIC)[37]. A declaración como BIC do xacemento era unha vella aspiración e viña sendo prometida desde, como mínimo, o ano 2011[38] e foi acollida con alegría e esperanza por tódolos actores políticos, en contraste coa resposta escéptica do alcalde do Grove José Antonio Cacabelos, socialista, que declarou que "Adro Vello no necesita declaraciones, necesita fondos", sen os que "o mellor vai ser botarlle un camión de area por riba e tapalo"[39], ignorando así o valor obxectivo da propia declaración e a capacidade xeradora de recursos que representa.
A declaración da Dirección de Patrimonio fundaméntase "no seu interese científico, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma"[40], contemplando tamén o potencial que representa toda a ampla zona aínda sen escavar. Destaca a longa secuencia de ocupación, ininterrompida, que vai desde a época romana ata o século XVIII, "o que o converte nunhas das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular pola potencialidade da información que pode achegar"[41].
Pero non só comprende a área ocupada como vila romana e necrópole, senón que a zona protexida dentro da Zona arqueolóxica de Adro Vello inclúe un amplo espazo denominado "Contorno de protección", no que se levantan outras estruturas arquitectónicas modernas (actual igrexa de San Vicente[42], casa reitoral, hórreo e dous cruceiros), etnográficas (catro fábricas de salgadura contemporáneas) e o Castro do Castriño (habitado xa na Idade de Ferro ou de Bronce, situado a uns 500 m cara ao oeste e do que ás penas quedan restos, pero que deixou a pegada na microtoponimia: O Castriño ou Os Castriños). Inclúe así mesmo a franxa de 200 m que rodea estas estruturas protexidas.
A ampliación do xacemento cara ao sur (baixo a estrada e as leiras situadas na beira sur da estrada) xustifícase polas catas realizadas para delimitar a área con restos arqueolóxicos, como resultaba evidente con só observar as fotografías aéreas. Cara ao norte, o contorno de protección comprende unha franxa de mar e algunhas das rochas localizadas nos primeiros metros de costa.
O expediente de declaración como BIC tiña un prazo de resolución máximo de dous anos, durante os que xa quedaban prohibidas tódalas licenzas de obra, construción, demolición e parcelación, e anuladas as xa concedidas ata entón. A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia establece que, en todo caso, o réxime de protección aplícase de forma inmediata tras a publicación da Resolución[43]. Finalmente o 26 de xaneiro de 2023 publícase no DOG a declaración de Adro Vello e a zona arqueolóxica circundante como Ben de Interese Cultural[44].
Galería de imaxes
editar-
Vista do estado de abandono no que se atopaba o xacemento en maio de 2022
-
Á dereita, o muro perimetral, de fábrica romana
-
Planta da igrexa vella
-
Réplica da moeda da Traslatio no adro da igrexa de San Vicente
-
Placa colocada no pedestal
-
Portada da igrexa de Santiago de Cereixo (Vimianzo), coa representación da Traslatio no tímpano
-
Algúns dos sarcófagos descubertos
-
Cartel indicador do Castriño
-
Outro dos cruceiros protexidos, fronte á igrexa parroquial
-
Piorno da casa reitoral de San Vicente, outra das arquitecturas protexidas
-
Situación de Adro Vello na península do Grove. En negro, a área escavada; en verde, a zona arqueolóxica protexida como BIC, incluíndo o contorno de protección
Notas
editar- ↑ "Este rego nace na chamada Fonte do Santo, fonte de sona milagreira situada a metade de camiño entre o xacemento e a actual igrexa de San Vicente. A construción da estrada, nos anos cincuenta do século XX, cortou a entrada e saída do mar e provocou a colmatación das estruturas. Todo este espazo está comprendido na área non explorada" (Ochoa Gondar 2021, pp. 39-47).
- ↑ Citado por Luís Monteagudo e José Caamaño Bournacell: "...materiais arqueolóxicos que, na súa maioría, se custodian no admirable museo pontevedrés: ... c) Idade de Bronce: un molde para fundir machados de bronce, atopado ou sinalado por L. Monteagudo" (Caamaño 1964, p. 22)
- ↑ Caamaño 1964, p. 24-25.
- ↑ "Un equipo de la Universidad de Vigo inicia una nueva intervención en Adro Vello", en La Voz de Galicia 20.06.2017.
- ↑ Denominación dunha tipoloxía particular das villae costeiras que non só están construídas na propia liña de costa, senón que a súa arquitectura e actividade están directamente relacionadas co mar e cunha produtividade mariña intensiva.
- ↑ Villae costeiras dedicadas á explotación de recursos mariños: pesca, salga, salinas, etc.
- ↑ Descuberto en 2002.
- ↑ "Las excavaciones de Adro Vello, en 'punto muerto' por razones de tipo administrativo", en Faro de Vigo 5.08.1993; "Adro Vello, o buque insignia da arqueoloxía galega", en La Voz de Galicia 10.11.2002.
- ↑ O estudo destes restos permitiu analizar as especies capturadas neste tempo e utilizadas para elaborar salgado ou salsas.
- ↑ "Adro Vello, o buque insignia da arqueoloxía galega", en La Voz de Galicia 10.11.2002.
- ↑ Ochoa Gondar 2021, p. 36 e 53.
- ↑ (Confirmamosvos) [...] de Arauca (=Arousa) a metade desa coa súa igrexa e as súas salinas, Santa Olalla de Alobre, que chaman Arealonga e San Cristovo cos seus bens, San Vicenzo de Ogrobe coas súas terzas e con homes[...]
- ↑ Refísese ó que podería ser o Orobio de Ptolomeo.
- ↑ O frade Domingo Cid, a quen Sarmiento encargara investigar os sepulcros do Castro da Lanzada.
- ↑ En realidade, a igrexa non foi trasladada ata 1771.
- ↑ Caamaño 1964, p. 70.
- ↑ Caamaño 1964, p. 140-141.
- ↑ "El dios Devero, arcaico Neptuno de Galicia, descubierto en una piedra votiva en San Vicente de O Grove", en La Voz de Galicia 9.10.1983.
- ↑ Ochoa Gondar 2021, p. 46.
- ↑ Esta prioridade histórica discútea co tímpano da igrexa románica, tamén do século XII, de Santiago de Cereixo, en Vimianzo.
- ↑ Medidas tomadas da reprodución da moeda publicada en Ochoa Gondar 2021, p. 60.
- ↑ O Códice Calixtino menciona tamén a crenza de que foi transportado polos anxos polo aire, sen intervención humana, ou mesmo que foi trasladado nunha barquiña de vidro, pero o propio Códice xulga estas crenzas como pura lenda, cualificándoas de "soños, fábulas, delirios", sobre os que dita anatema (Códice Calixtino, Libro I, capítulo XVII, pp. 239-240).
- ↑ A Barca, Xacopedia
- ↑ Existe un selo da cidade de París, de 1200, que contén unha barca coa mesma traza que esta da moeda.
- ↑ "Ruta Xacobea reproduce la moneda de la Traslatio hallada en Adro Vello", en La Voz de Galicia 11.09.2013.
- ↑ "La historia del Apóstol plasmada en una moneda", en La Voz de Galicia 19.07.2017.
- ↑ Pola súa situación a carón do mar, o organismo titular e responsable do xacemento é Costas do Estado, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
- ↑ Houbo una expresión que acadou moito éxito e se utilizaba repetidamente na prensa e nas declaracións dos responsables políticos: o recoñecemento de Adro Vello como "buque insignia da arqueoloxía galega" (La Voz de Galicia 10.11.2002).
- ↑ Así aconteceu nos anos 2006, 2016 ou 2021. "La lluvia deja al descubierto un rastro de huesos e O Carreiro", en La Voz de Galicia 12.12.2006; "Investigan la aparición de una mandíbula humana junto a Adro Vello", en La Voz de Galicia 10.03.2016; "O carreiro, la playa de los huesos", en La Voz de Galicia 11.03.2016.
- ↑ Xurxo Salgado (17.07.2016). "Adro Vello, un exemplo do abandono do patrimonio galego". Historia de Galicia.
- ↑ "Adro Vello, el abandono de un yacimiento durante treinta años", en La Voz de Galicia 25.01.2022.
- ↑ "Nuevas expropiaciones ampliarán las excavaciones de Adro Vello", en La Voz de Galicia 6.08.1992. En castelán no orixinal.
- ↑ "La Diputación inicia el proceso para construir el museo de Adro Vello", en La Voz de Galicia 31.05.2003.
- ↑ "La Xunta prevé instalar este año una cubierta provisional sobre Adro Vello", en La Voz de Galicia, 11.02.2001.
- ↑ "Adro Vello, cuando el patrimonio y las soluciones prometidas se los lleva el viento", en La Voz de Galicia 12.12.2021.
- ↑ Nesta reclamación inclúense outros elementos "desaparecidos", como por exemplo unha pía bautismal que foi cedida polo párroco na década de 1960 ós propietarios dunha fábrica de salgado da mesma zona, onde se conserva hoxe (Ochoa Gondar 2021, p. 130).
- ↑ Resolución do 20 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Adro Vello, na parroquia de San Vicente do Grove, no termo municipal do Grove (DOG nº 26, de 8.02.2022).
- ↑ "La Xunta anuncia que Adro Vello será Ben de Interese Cultural", en La Voz de Galicia 27.02.2011.
- ↑ La Voz de Galicia, 25.01.2022.
- ↑ Preámbulo da Declaración.
- ↑ Anexo I, punto 6, da Declaración.
- ↑ Téñase presente que a orixe desta igrexa está na igrexa vella que centraliza o xacemento e, polo tanto, forma parte da historia de Adro Vello.
- ↑ De acordo co artigo 17.5 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia (DOG nº 92, de 16 de maio de 2016).
- ↑ Decreto 231/2022, do 29 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Adro Vello, na parroquia de San Vicente do Grove, no termo municipal do Grove (DOG nº 18, de 26.01.2023) texto.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Información recollida dos paneis informativos situados ó pé do xacemento e na exposición sobre o mesmo realizada no Grove co gallo da Festa do Marisco de 2016.
- Prensa diaria (de 1983 a 2022)
- Anónimo (2013): Códice Calixtino. O Liber Sancti Iacobi en galego. Tradución e notas de Xosé López Díaz. S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Santiago de Compostela.
- Caamaño Bournacell, José (1964). "El Grove, su historia". El Museo de Pontevedra (XVIII).
- Carro Otero, José; Millán González-Pardo, Isidoro (1976). "Ara con nuevo teónimo indígena en San Vicente de O Grove". El Museo de Pontevedra (XXX): 179–194.
- Carro Otero, José, e outros (1989): El yacimiento antropo-arqueológico de 'Adro Vello', en San Vicente de O Grove (Pontevedra-España), O Grove.
- García Martínez, Manuel Carlos: Gran Enciclopedia Galega Lugo 2003, tomo 1, s.v. Adro Vello, Necrópole de.
- Ochoa Gondar, Xosé Avelino, e outros (2021): Da gran historia da igrexa de San Vicente dos Groves, Parroquia de San Vicente [compilación de 15 artigos publicados entre 2019 e 2022].
Ligazóns externas
editar- Páxina web do Grove Arquivado 25 de novembro de 2012 en Wayback Machine.
- Galicia Máxica