A ópera dos tres reás
A ópera dos tres reás ou A ópera de a patacón, é unha peza de teatro escrita en lingua alemá por Bertolt Brecht co título de Die Dreigroschenoper, con música de Kurt Weill e colaboración de Elisabeth Hauptmann na tradución e na fixación do texto definitivo[1]. É unha versión actualizada dunha ópera inglesa do século XVIII, The Beggar's Opera. Contén unha feroz crítica social, expresada por medio dunha música composta para unha orquestina de cabaré e cantada por actores que non son cantantes profesionais.
A ópera dos tres reás | |
---|---|
Autor/a | Bertolt Brecht e Elisabeth Hauptmann |
Orixe | Alemaña |
Lingua | lingua alemá |
Xénero(s) | Comedia |
Data de pub. | 1931 e 1928 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A "peza con música nun prólogo e oito imaxes" foi estreada no Theater am Schiffbauerdamm de Berlín o 31 de agosto de 1928, e foi a obra de máis sona en Alemaña até a toma de poder do partido nazi o 30 de xaneiro de 1933. Algunhas das súas cancións acadaron grande éxito, como a "Moritat" de Mackie Messer.
A palabra alemá "Groschen" do título describe unha variedade de moedas de pouco valor, polo que o termo foi traducido ás diversas linguas segundo o ámbito cultural como penny, centavo, cuarto, peseta, vintém ou perra gorda, amais de real e patacón na adaptación galega.
Trama
editarA obra está ambientada no Londres de mediados do século XIX, durante a coroación da raíña Vitoria. A acción dura 45 horas, a maior parte de noite, e desenvólvese en espazos interiores agás o prólogo e a escena final.
O prólogo transcorre no mercado do Soho. Unha canción loa as actividades delitivas do canalla Mackie Messer (Mackie da Faca), o capitán dos bandidos.
No acto I aparece Jonathan Jeremías Peachum, o amo dunha empresa que dá licenzas aos mendigos para pediren esmola a cambio dunha parte dos beneficios. A empresa funciona como unha mafia, pois ofrece protección, pero castiga aos que traballan pola súa conta. Peachum está inquedo porque é tarde e a súa filla Polly aínda non chegou a casa. Esa noite, Polly está a casar con Mackie nun cortello, que a súa corte de bandidos decorou para a ocasión con mercadoría roubada. Un dos invitados á voda é o capitán da policía Brown, vello amigo e camarada de Mackie na guerra. Polly explica aos seus pais que casou con Mackie, pero o pai procura o modo de levar ao xenro á cadea.
No acto II Peachum mete presión a Brown para que arreste a Mackie. Avisado por Polly, Mackie decide marchar da cidade, confiando á súa muller a dirección da cuadrilla de maleantes. Porén, antes de marchar vai a un bordel do Soho rexentado pola súa amiga Jenny. A nai de Polly suborna a Jenny, que delata a Mackie á policía, e o capitán Brown vese obrigado a arrestar ao seu amigo. Lucy, a filla de Brown, vai á prisión e dille a Mackie que lle prometera casaren, e ao pouco chega Polly, comezando a discutir e pelexar as dúas rapazas. Lucy axuda a Mackie a escapar.
No acto III prepáranse as festas da coroación. Peachum advirte a Brown de que os mendigos farán unha gran revolta se Mackie non volve a cadea. Traizoado de novo por Jenny, Mackie acaba condenado á morte na forca. A xente vai en masa a presenciar a coroación, agás os bandidos da cuadrilla de Mackie e a súa esposa Polly. No último momento, cando xa ten a soga no pescozo, chega un mensaxeiro do rei que lle anuncia o indulto, amais dun título nobiliario e unha pensión vitalicia.
Personaxes
editar- Macheath (Mackie da Faca)
- Jonathan Jeremiah Peachum (propietario da empresa "Bettlers Freund")
- Celia Peachum, a súa muller
- Polly Peachum, a súa filla
- "Tiger" Brown, xefe da policía
- Lucy Brown, a súa filla
- Jenny
- Filch (un dos mendigos de Peachums)
- Maleantes: Serrucho, Walter Funeral, Dedotorto, Patacón
- Policías: Smith
- Putas: Betty, Dolly, Molly, A Vella
- Mendigo condecorado, alegre tolleito, toliña das bolsas, trobeiro cego
Estilo
editarBertolt Brecht denunciou o carácter imperativo das obras de teatro románticas, baseadas no principio de que o público se debe identificar co heroe tráxico e na catarse acepta o destino. Pero para o marxismo, o destino non existe, a sociedade está suxeita a unhas condicións económicas que poden e deben cambiarse. No novo teatro, o público debe distanciarse da acción e pensar por si mesmo, gañando conciencia de clase.
N' a ópera dos tres reás acádase este distanciamento ao adoptaren os personaxes marxinais, de forma irónica e por beneficio propio, certas convencións sociais, subliñadas por medio de convencións musicais: Mackie celebra unha voda suntuosa nun cortello, e despois canta un dueto de amor. Weill crea un estilo musical sumamente vulgar, con influencias do jazz e un dominio da melodía monótona e dos ritmos intensos.
Adaptacións
editarA obra foi traducida a 18 linguas, e adaptada ao cinema por Georg Wilhelm Pabst en 1931.
Foi adaptada por Roberto Vidal Bolaño para Teatro do Aquí co título de A ópera de a patacón, sendo estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 14 de xullo de 1994. No elenco estaban Rubén Ruibal, Ursía Gago, Xoán Carlos Mejuto e Anabell Gago.
En 2011 foi levada aos escenarios polo Centro Dramático Galego co título de A ópera dos tres reás, adaptada por Pepe Sendón, con dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Diego García Rodríguez. O elenco estaba formado por César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Fran Pérez, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, Luís Tosar e Sergio Zearreta. Na orquestra estaban Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez Rial, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich. Esta versión modificaba a ambientación. En vez de Londres na coroación da raíña, era unha cidade imaxinaria que recibía a visita do Papa da Igrexa Católica[2].
Notas
editar- ↑ Hinton, Stephen Matters of intellectual property': the sources and genesis of Die Dreigroschenoper en Hinton, Stephen (1990) Kurt Weill: The Threepenny Opera Cambridge: Cambridge University Press
- ↑ "Fin de xira en Narón". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 09 de marzo de 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A ópera dos tres reás |