Can (moeda)

Can era a denominación coloquial da moeda española de 10 céntimos de peseta, de cobre, cuñada a nome do Goberno Provisional con data de 1870 e posteriormente a nome de Afonso XII entre 1877 e 1879.[1][2][3]

Reverso dun can ou patacón de 1870
Anverso dun can ou patacón de 1870

Estas moedas foron moi populares, xa que estenderon a súa circulación ata os primeiros anos despois da Guerra civil (1936-1939) e foron desmonetizadas o 29 de outubro de 1941.[4] Ao teren o mesmo valor, o termo “can” aplicóuselles tamén ás pezas de 10 céntimos de aluminio e de menor tamaño cuñadas nas décadas de 1940 e 1950, durante a ditadura de Francisco Franco.[5]

Orixe do nome e sinonimiaEditar

A denominación de “can” parece provir do león heráldico, rapante e sostendo un escudo, que se reproduce nos reversos das moedas do Goberno Provisional, que foi identificado pola poboación (seguramente con ánimo satírico) como un can. Do mesmo xeito, as moedas con valor de 5 céntimos, con idéntico deseño e inferior diámetro, recibiron a denominación popular de “cadela”. Estas denominacións correspóndense coas do castelán perra gorda e perra chica para estas mesmas moedas.[6][7]

Simultaneamente xurdiron outros nomes que tamén chegaron a ser significativos na cultura popular, como o de patacón, pataco, can grande e mota ou mota grande, para a mesma moeda de 10 céntimos, e “pataca”, “mota” ou “mota pequena” para a de 5 céntimos.[8][9][10]

DescriciónEditar

 
Can ou patacón de 1879 a nome de Afonso XII

As primeiras moedas de 10 céntimos coa denominación popular de “cans” estaban cuñadas en cobre (95 % de cobre, 4 % de estaño e 1 % de cinc) e tiñan un diámetro de 30 milímetros e un peso de 10 gramos. Nos seus anversos aparecía unha representación alegórica de Hispania sedente sobre os Pireneos e ollando á dereita, cunha póla de oliveira, xunto co peso da moeda e a data de cuñaxe. Os seus reversos exhibían o mencionado león, rodeado por lendas alusivas ao valor facial e, novamente, ao peso da moeda. As siglas OM correspóndense coa empresa francesa Oeschger, Mesdach & Cia., á que o Goberno contratou a emisión urxente de moedas para abastecer o país da nova moeda de cobre, logo da convocatoria dun concurso mediante o decreto do 7 de marzo de 1870.[11]

 
Can ou patacón de níquel de 1945

Con datas de 1877, 1878 e 1879, Afonso XII fixo novas emisións de “cans” e “cadelas” con idénticos pesos e dimensións. Nos seus anversos aparecía o busto do rei rodeado pola lenda "ALFONSO XII POR LA GRACIA DE DIOS" e a data de emisión. Nos seus reversos, o escudo de España, o valor facial e a lenda "REY CONSTL. DE ESPAÑA".

 
O derradeiro can ou mota de 1959 a nome de Francisco Franco

As derradeiras moedas de 10 céntimos de peseta foron cuñadas en aluminio, inicialmente entre 1940 e 1953, cun módulo de 23 milímetros, un peso de 2 gramos e amosando a figura dun xinete ibérico nos seus anversos, e finalmente en 1959 cun módulo inferior, de 17 milímetros, e un peso de 0,75 gramos.[12]

Repercusión na cultura popularEditar

O can como denominación desta moeda, así como as súas formas alternativas (mota, patacón, etc.) deixaron na cultura popular diversas expresións que moitas décadas despois da súa desaparición aínda se utilizan na fala común, como “non ter un can”, “estar sen un patacón”, “non valer unha mota” ou “non dar un patacón por alguén”, que coexisten con outras tamén baseadas en moedas desaparecidas, como “estar sen branca”.

Do mesmo xeito, estas palabras quedaron fixadas en refráns como “o colmo dun can é non ter cadela” ou “quen nace para chica non chega a mota”.[13]

Álvaro das Casas recolle a copla: Dame un bico, Mariquiña, / que che hei de dar un pataco. / Non quero bicos dos homes / que me cheiran a tabaco’'.[14]

Eladio Rodríguez, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, recolle a locución “a can pequeno”, co significado de: lo que se vende a cinco céntimos de peseta, y también de lo que tiene escaso valor. Na mesma obra recóllese tamén o refrán: "¡Non teño nin cadela!: dío quen non ten un pataco".[15]

Por outra banda, a obra dramática Die Dreigroschenoper, escrita en alemán por Bertolt Brecht, foi traducida ao galego cos nomes de "A ópera de a patacón" ou "A ópera dos tres reás", adaptando a palabra alemá groschen que aparece no título, relativa unha variedade de moedas centroeuropeas de escaso valor.[16] E tamén Xosé Vázquez Pintor titulou Teatro do patacón. Os pés do vento unha das súas obras de teatro infantil.[17]

NotasEditar

  1. Entrada “can” no DRAG e no Portal das Palabras.
  2. Pita Fernández, Ricardo Luís. “Denominacións de moedas: can/cadela”. En Numismática Galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999 [ISBN 84-605-9958-2]
  3. A primeira vez que aparece recollida esta entrada nunha obra lexicográfica é no Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González. Tomo I. Galaxia. Vigo, 1958.
  4. Vico del Monte, A.; De Francisco Olmos, J. Introducción a la Numismática. Madrid. Paraninfo, 2016. Páxina 136. [ISBN 978-84-283-3864-6] “...También tuvieron una larga vida, ya que se retiraron de la circulación nada menos que por orden de 29 de octubre de 1941 (en castelán)
  5. La historia de la peseta”. En Historiadelasmonedas.wordpress.com: Las monedas de 10 y 5 céntimos pronto recibieron la denominación popular de perra gorda y perra chica debido a que el grabador de la Casa de la Moneda, Luis Plañiol, dibujó para el reverso un león que representaba alegóricamente el Imperio Español, pero éste se encontraba ya casi extinguido y el pueblo hablaba despectivamente de la figura diciendo que más que un león parecía una perra. Por extensión, continuaron denominándose así las monedas de aluminio de igual valor acuñadas durante la dictadura de Franco (en castelán)
  6. Aledón, José María. Historia de la peseta. Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, 2001 [ISBN 84-922658-1-7] (en castelán)
  7. Pascual, Guillermo Suazo. Abecedario de dichos y frases hechas : explicación detallada de su origen. Madrid. Edaf, 1999. Páxina 155 [ISBN 84-414-0505-0]: El pueblo pronto comenzó a llamarlas 'perras' porque la imagen de león estaba tan mal lograda que más que un león recordaba a un perro (en castelán)
  8. Entrada “patacón” no DRAG. Real Academia Galega.
  9. Resultado das procuras “mota”, “can”, “pataco” e “patacón” no Dicionario de Dicionarios. Corpus lexicográfico da lingua galega. Instituto da Lingua Galega. 
  10. Artigo sobre o “patacón” no Portal das Palabras.
  11. Vico del Monte, A.; De Francisco Olmos, J. Introducción a la Numismática. Madrid. Paraninfo, 2016. Páxina 136. [ISBN 978-84-283-3864-6]. Páxina 136: ... La moneda de bronce había sido subcontratada por el Gobierno de Isabel II a la compañía francesa Oeschger, Mesdach & Cia. En nuevo Gobierno, por decreto de 7 de marzo de 1870, ordenó convocar un concurso para que se fabricaran con urgencia 32 millones de pesetas en moneda de bronce. Fue la compañía antes citada la que consiguió el contrato (en castelán)
  12. Numismática española. Catálogo de monedas. En Catálogo demonedas.es (en castelán)
  13. Pita Fernández, Ricardo Luís. “A moeda e o diñeiro no refraneiro galego”. En Numismática Galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999 [ISBN 84-605-9958-2]
  14. CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95. 15 de novembro de 1931. Edición facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008.
  15. Rodríguez González, Eladio. Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo I. Galaxia. Vigo, 1958,
  16. Vidal Bolaño, Roberto. A ópera de a patacón: versión libre para charanga e comediantes pouco ou nada subsidiados. Xerais, 1998 [ISBN 84-8302-277-X]
  17. Vázquez Pintor, Xosé. Teatro do patacón. Os pés do vento. Ed. fervenza. A Estrada, 2008 [ISBN 978-84-96368-68-2]

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar