Álvaro de Mendaña

explorador español

Álvaro de Mendaña y Neira, nado en Congosto (no Bierzo) contra 1542 e finado nas illas Santa Cruz o 8 de outubro de 1595, foi un explorador español do océano Pacífico.

Modelo:BiografíaÁlvaro de Mendaña

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1 de outubro de 1542 Editar o valor en Wikidata
Congosto, España Editar o valor en Wikidata
Morte18 de outubro de 1595 Editar o valor en Wikidata (53 anos)
Nendo, Illas Salomón Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaOcéano Pacífico Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónexplorador, mariño, Navegante Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeIsabel de Barreto Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Orixes e primeira viaxe

editar

De familia fidalga, era fillo de Fernán Rodríguez de Mendaña e Isabel de Neira, tamén bercianos. En 1563 embarcou para o Perú, co nome de Álvaro Rodríguez de Mendaña, no séquito de quen ía ser o presidente da Real Audiencia de Lima, Lope García de Castro, tío seu, xunto con outros berciáns.

Os españois coñeceron polos incas a lenda de que ao oeste se atopaban unhas illas cheas de ouro. Inmediatamente comparáronse estas illas coa Terra de Ofir onde se atopaban as minas de ouro do rei Salomón. Como o cargo de vicerrei do Perú estaba vacante, o presidente da Audiencia e vicerrei en funcións, Lope García de Castro, encargoulle a dirección dunha expedición ao seu sobriño contra as aspiracións do navegante pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa (1532-1592), que reivindicara o liderado da viaxe.

O 19 de novembro de 1567 partiu Mendaña do porto do Callao (Perú), ao mando dunha expedición, na que tamén figuraba Sarmiento de Gamboa. As naves da expedición eran «Los Reyes» e «Todos los Santos», de 300 e 200 toneladas respectivamente. Os capitáns eran Pedro Sarmiento de Gamboa e Pedro de Ortega, e o piloto maior Hernán Gallego. A tripulación compúñase duns 150 homes, incluídos mariñeiros, soldados, catro frades franciscanos e unha vintena de escravos. O obxectivo da expedición era buscar a suposta Terra Austral, explorar os seus recursos e estudar as posibilidades de colonización.

Logo de pasar por diante da illa de Jesús (hoxe Nui), no arquipélago de Tuvalu, o 15 de xaneiro de 1568, e de bordear os baixos da Candeloria o 1 de febreiro (hoxe chamado atol de Ontong Java, chegou sen escalas á illa de Santa Isabel, que nunca antes fora aportada por occidentais, o 7 de febreiro. Durante seis meses exploraron o arquipélago, que denominaron illas Salomón, e permaneceron algún tempo na illa de Santa Isabel, Guadalcanal e San Cristóbal (actual Makira), ademais de visitar unha vintena de illas menores: a illa de Ramos (Malaita), San Jorge (ao sur de Isabel), as illas Florecida, Galera, Buenavista, San Dimas, e Guadalupe (grupo de illas Florida), Sesarga (actual illa de Savo), illas San Nicolás, San Jerónimo e Arrecifes (grupo Nova Xeorxia), San Marcos (Choiseul), Treguada (Ulawa), Tres Marías (Olu Malua), San Juan (Uki Nin Masi), San Urbano (Rennell), Santa Catalina, Santa Ana. Para todo este conxunto de illas Mendaña posteriormente obtería da coroa española o nomeamento de adiantado e gobernador. Aínda que non atoparon ouro, o nome de illas Salomón xa fixera fortuna. A viaxe de volta (1568) fixérona seguindo a rota que empregaba o galeón de Manila ata Acapulco, pero aportaron, tamén por primeira vez para occidentais, na que chamaron illa de San Francisco (actual illa Wake). A expedición volveu, con fortes discrepancias entre Mendaña e Sarmiento, o 22 de xullo de 1569 ao porto do Callao.

Segunda viaxe

editar

Casou en Lima en 1585[1] ou 1586[2] coa probablemente galega Isabel Barreto, quen vivía no Perú. Durante vinte e cinco anos Mendaña intentou facer unha segunda viaxe para colonizar as illas Salomón. Aínda que tiña a aprobación do rei Filipe II, atopara o rexeitamento das autoridades coloniais, descontentas cos resultados da primeira viaxe, e opostos ao seu tío, xa falecido. Foi o novo vicerrei, García Hurtado de Mendoza, marqués de Cañete, quen patrocinou a nova expedición grazas á influencia da muller de Mendaña, que precisamente chegara ao Perú no séquito do novo vicerrei.

Canda Isabel de Barreto, organizou unha expedición privada (ela sufragou as dúas naves principais), con intención de tomar posesión das Salomón. O obxectivo era establecer unha colonia nas illas Salomón impedindo que os piratas ingleses atopasen un refuxio no Pacífico desde onde puidesen atacar as Filipinas ou a costa americana.

Embarcáronse 368 persoas entre homes e mulleres libres e escravos dispostos a fundar unha colonia. Tamén ían na expedición tres irmáns de Isabel de Barreto, e o piloto maior era o portugués Pedro Fernandes de Queirós. Os catro barcos eran:

  • San Gerónimo, nave capitá, galeón de 200 a 300 toneladas. Propietaria: Isabel de Barreto[2]. Capitán e piloto maior: Pedro Fernandes de Queirós.
  • Santa Isabel, nave almirante, galeón de 200 a 300 toneladas. Propietaria: Isabel de Barreto. Capitán: Lope de Vega. Desaparece o 7 de setembro de 1595.
  • San Felipe, galeota de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Felipe Curzo. Desaparece o 10 de decembro de 1595.
  • Santa Catalina, fragata de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Alonso de Leyra. Desaparece o 19 de decembro de 1595.

A expedición partiu do porto do Callao e, logo de facer escala no porto tamén peruano de Paita, atopou as illas Marquesas e bautizáronas así en honra do vicerrei, o marqués de Cañete. Durante dez días exploraron as illas do sur do arquipélago. De novo de camiño cara ao oeste pasaron por diante dunha das illas Cook e dunha das Tuvalu ata que chegaron ás illas Santa Cruz, arquipélago do sur das illas Salomón. Ao pasar xunto ao Tinakula, un volcán que se atopaba en actividade na illa de Nendö, perderon a Santa Isabel, a nave almiranta, nunha treboada.

Fundaron unha colonia na illa de Santa Cruz onde Álvaro de Mendaña enferma de malaria e perde o control da situación. Os soldados cometen crimes e excesos cos indíxenas e prodúcese un intento de rebelión. O 18 de outubro de 1595 morre Mendaña e faise cargo da expedición Isabel de Barreto. Despois de varios meses só chegaría ao porto de Manila a San Gerónimo, guiada por Pedro Fernandes de Queirós e con Isabel de Barreto como capitá.

Ruta da viaxe
editar
  1. DE LA RIVA, NATALIA G., La conquista de los mares del sur Arquivado 03 de agosto de 2010 en Wayback Machine., Peatom, 2008.
  2. 2,0 2,1 MOYA ESPINOZA, R. Piura en el Virreynato Arquivado 03 de febreiro de 2016 en Wayback Machine., cap.5

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Landín Carrasco, Amancio, El caballero de Galicia, navegante y descubridor, Pedro Sarmiento de Gamboa, in Boletín de la Universidad de Santiago, 1949, 53-54