Abrir o menú principal

Faravahar (ou Ferohar), un dos principais símbolos do zoroastrismo, suponse que é a representación dun Fravashi (espírito gardián).

O zoroastrismo é unha relixión e unha filosofía baseada nas ensinanzas do profeta Zoroastro (tamén coñecido coma Zaratustra, na lingua avéstica) e antigamente atopábase entre as maiores relixións do mundo.[1] Foi fundada probablemente pouco antes do século VI a.C. en Persia (Irán).[2] O termo Zoroastrismo úsase coma sinónimo de Mazdeísmo (a adoración de Ahura Mazda, exaltado por Zoroastro coma a suprema divindade).

A estimación do número de zoroastrianos en todo o mundo varía desde 145.000 a 2,6 millóns de persoas.[3][4]

O zoroastrismo substituíu o politeísmo indoeuropeo por un culto monoteísta, fundamentado na sabedoría moral: a entidade creadora suprema (Ahura Mazda ou Ormazd) procrea o espírito do ben ou principio da verdade (Spenta Mainyu) e o espírito do mal ou principio da mentira (Angra Mainyu ou Ahriman). Os dous teñen os seus correspondentes seguidores, a miúdo divindades anteriores lixeiramente transformadas. Loitan eternamente polo dominio do mundo e sobre todo para convencer o ser humano, o único con liberdade para elixir, para que siga un camiño ou o outro. Este combate acabarase a finais dos tempos co triunfo do ben e unha purificación xeral polo lume.

O zoroastrismo mantivo restos da antiga relixión iraniana, por exemplo o papel central do lume[5] e a luz. Posteriormente, vaise converter nunha relixión ritualista, en que se engadiron elementos xudaicos e budistas, e a súa esencia monoteísta foise diluíndo até converterse nunha concepción case absolutamente dualista.

O Avesta é o conxunto de libros sacros desta relixión,[6] aínda que só se conserva unha parte moi fragmentaria.

TerminoloxíaEditar

O termo zoroastrismo é unha construción moderna que, segundo o dicionario Oxford, apareceu en primeiro lugar en 1874 na obra Principios de filoloxía comparada de Archibald Sayce, tal como consta no Oxford English Dictionary.[7] En Occidente, a primeira referencia a Zoroastro que se conserva é atribuída a Thomas Browne (1605-1682), que brevemente se refire a el no seu libro de 1643 Religio Medici.[8] Doutra banda, a imaxe de Zoroastro está presente no cadro A Escola de Atenas de Rafael para Giorgio Vasari en 1550, de forma que o coñecemento da súa filosofía filtrárase evidentemente no Renacemento italiano.

O termo mazdeismo é unha construción do século XIX, tomando Mazda- do nome Ahura Mazda e engadindo o sufixo -ismo para suxerir un sistema de crenzas. O nome zoroastrista para a relixión é mazdayasna, unha expresión avéstica que combina o último elemento do nome Ahura Mazda e a palabra yasna, que quere dicir 'devoción, crenza'.

FilosofíaEditar

No zoroastrismo, o creador Ahura Mazda é todo bondade, e ningún mal provén del. Polo tanto, no zoroastrismo o ben e o mal proveñen de distintas fontes, co mal (druj) intentando destruír a creación de Mazda (asha), e o ben intentando mantela. Mazda non é inmanente ao mundo, e a súa creación represéntase polos Amesha Spentas e o fogar doutros Yazatas, mediante os cales os traballos de Deus son evidentes á humanidade, e a través dos cales a adoración de Mazda se dirixe en último termo. Os textos máis importantes da relixión son os Avesta, dos cales se perdeu unha porción significativa; case só sobreviviron as liturxias. As porcións perdidas coñécense só a través de referencias e breves citas en traballos posteriores, principalmente entre os séculos IX e XI.

Dalgún xeito, serviu como relixión nacional (antes do século III) ou relixión de Estado (entre os séculos III e VII) dunha parte significativa do pobo iranio. Comezou a decrecer logo da invasión do Imperio Aqueménida por Alexandre Magno, despois da cal se desintegrou[9] e foi logo marxinada gradualmente polo islam a partir do século VII coa invasión musulmá de Persia e o declive do Imperio Sasánida.[10] O poder político das dinastías iranias preislámicas legáronlle ao zoroastrismo un grande prestixio na antigüidade, e algunhas das súas doutrinas principais foron adoptadas por outros sistemas relixiosos. Non ten grandes divisións teolóxicas (o único cisma significativo baséase en diferenzas no calendario), pero non é uniforme. As influencias modernas tiveron un impacto importante nas crenzas individuais e locais, nas prácticas, nos valores e no vocabulario, complementando ás veces a tradición e enriquecéndoa, mais ás veces tamén desprazando a tradición por completo.

Características distintivasEditar

Crenzas básicasEditar

Así di o credo zoroastriano coñecido como Fravarane (Yasna 12. I, contido no Avesta)[11]:

"Aborrezo ser o adorador dos Devas; confésome adorador de Mazdah, como seguidor de Zaratustra, inimigo dos Devas, testemuña do Señor, alabador dos benfeitores inmortais. Ao Sabio Señor prometo todo ben, todo o mellor que existe; a el, o Bo, o Benévolo, o Xusto, o Magnífico, o Farturento, de quen se orixina a vaca, de quen vén a lei, as luces celestiais, coas cales se xonguen os gozos da felicidade. Escollo para min a santa e a boa docilidade; ela debe pertencerme. Arrenego do furto e da rapina do gando, do saqueo e da devastación das aldeas dos adoradores de Mazdah. Concedo libre entrada e permanencia aos moradores da miña casa, o mesmo que aos animais domésticos cos que habito sobre a terra. Prometo aos homes xustiza coa debida reverencia: de agora en diante non saquearei, ni devastarei as aldeas dos mazdeos, nin condescenderei co amor ao corpo e á vida. Confiésome mazdeo, discípulo de Zaratustra con voto e confesión. Prometo pensar ben, falar ben e obrar ben".

O zoroastrismo baséase na existencia de Ahura Mazda, un deus universal e transcendente. Dise del que é o único creador non creado a quen toda adoración se dirixe en último termo.[12] A creación de Ahura Mazda evidénciase como asha; a verdade e a orde son a antítese do caos, que é evidente como druj, falsidade e desorde. Os conflitos resultantes implican a todo o universo, incluíndo a humanidade, que ten un rol activo que xogar no conflito.[12]

A relixión establece que a participación activa na vida a través de bos pensamentos, boas palabras e boas accións, é precisa para asegurarse a felicidade e manter o caos á parte. Esta participación activa é un elemento central no concepto de Zoroastro do libre albedrío e o zoroastrismo rexeita calquera forma de monacato. Ahura Mazda rematará por prevalecer sobre o mal, Angra Mainyu ou Ahriman, momento no cal o universo sufrirá unha renovación cósmica e o tempo rematará. Na renovación final, toda a creación (mesmo as almas dos mortos que foron inicialmente castigadas á "escuridade") reuniranse en Ahura Mazda, volvendo á vida na forma inmortal. Ao final dos tempos, unha figura salvadora (un Saoshyant) traerá a renovación final ao mundo (frasho.kereti), na cal os mortos revivirán.[12]

Na tradición zoroastriana, o mal é representado por Angra Mainyu (tamén chamado "Ahriman"), o "Principio Destrutivo", mentres que o ben se representa mediante o Spenta Mainyu de Ahura Mazda, o instrumento ou "principio xeneroso" do acto da creación. É mediante Spenta Mainyu que o Ahura Mazda transcendental é inmanente á humanidade, e mediante o cal o Creador interactúa co mundo. De acordo coa cosmoloxía zoroastriana, na articulación da fórmula Ahuna Vairya, Ahura Mazda fixo o seu último triunfo evidente a Angra Mainyu. Coma expresións e aspectos da Creación, Ahura Mazda emanou os Amesha Spentas ("inmortais xenerosos"), sendo a hipóstase e a representación de cadanseu aspecto desa Creación. Estes Amesha Spenta son asistidos por un grupo de principios menores, os Yazatas, e cada un é "merecedor de adoración" e cada un de novo a hipóstase de cadanseu aspecto moral ou físico da creación.

Outras característicasEditar

No zoroastrismo, a auga (apo, aban) e o lume (atar, adar) son axentes do ritual de purificación, e as cerimonias de purificación asociadas a estes elementos son consideradas as bases dunha vida ritual.

Na cosmogonía de Zoroastro, a auga e o lume son, respectivamente, o segundo e último elementos primordiais que foron creados, e a escritura considera que o lume ten a súa orixe nas augas. Tanto a auga como o lume son considerados elementos sustentadores da vida, e a auga e o lume están representados dentro do recinto dun templo do lume. Os zoroastristas normalmente rezan en presenza dalgún tipo de lume (que pode considerarse evidente en calquera fonte de luz), e o rito culminante do principal acto de adoración constitúe un "fortalecemento das augas". O lume considérase un medio polo cal se gaña a visión espiritual e a sabedoría, e a auga é considerada como a fonte da sabedoría.

Mentres que os parsis na India tradicionalmente opuxéronse ao proselitismo, probablemente por razóns históricas, e mesmo o consideraron un delito polo cal o culpable podería enfrontarse á expulsión,[13] os zoroastristas de Irán nunca se opuxeron á conversión, e a práctica foi aprobada polo Consello de Mobeds de Teherán. Mentres que as autoridades iranianas non permiten facer proselitismo dentro de Irán, os zoroastristas iranianos no exilio fomentaron activamente as actividades misioneiras, coa Asemblea Zaratustriana dos Ánxeles e o Centro Internacional de Zoroastro en París como centros destacados. Como noutras moitas relixións, aléntase ós zoroastristas a casar con outros da mesma fe, pero isto non é un requisito obrigatorio.

Na tradición zoroástrica, a vida é un estado temporal en que se espera que un mortal participe activamente na continua batalla entre a verdade e a falsidade. Antes de nacer, a urvan ('alma') dun individuo aínda está unida co seu fravashi ('espírito gardián'), e existiron dende que Mazda creou o universo. Durante a vida, o fravashi actúa como un gardián e protector. No cuarto día despois da morte, a alma reúnese co seu fravashi, en que se recollen as experiencias da vida no mundo material para a batalla continua no mundo espiritual. Na súa maior parte, o zoroastrismo non ten unha noción de reencarnación, polo menos non ata que chegue a renovación final do mundo. Os seguidores de Ilm-i-Kshnoom na India creen na reencarnación e na práctica do vexetarianismo, dous principios descoñecidos polo zoroastrismo ortodoxo.[14]

Nas escrituras e a tradición zoroástrica, un cadáver é un hóspede pola putrefacción e a decadencia, por exemplo, de druj. Por tanto, a escritura ordena a eliminación segura dos mortos, de forma que un cadáver non contamine a boa creación. Estes preceptos son a base doutrinal da práctica tradicional da rápida desaparición da exposición ritual, identifícase máis comunmente coas chamadas torres do Silencio para as cales non hai termo técnico estándar, xa sexa nas escrituras ou na tradición. A exposición ritual só é practicada polas comunidades zoroastrianas do subcontinente indio, onde non é ilegal, pero que se buscan métodos alternativos de eliminación despois do envelenamento por diclofenaco que levou á virtual extinción das aves preeiras. Outras comunidades zoroastrianas ou ben queiman os seus mortos, ou ben os enterran en fosas que están cubertas con morteiro de cal.

Desenvolvemento históricoEditar

OrixesEditar

O zoroastrismo xurdiu dun sistema relixioso prehistórico común indoiraniano, que data de principios do segundo milenio aC.[15] Segundo a tradición zoroástrica, Zoroastro foi un reformador que exaltou a deidade da sabedoría, Ahura Mazda, á condición de ser supremo e creador, mentres que degradou outras deidades e rexeitou certos rituais.

AntigüidadeEditar

O rei Darío I (cara ao 500 aC) foi probablemente o primeiro en adoptar o ensino de Zoroastro como relixión oficial. Baixo os seus descendentes o zoroastrismo mesturouse coas antigas crenzas politeístas, como o reflicten os textos sacros incluídos naquela época denominados Yasht. Estes textos son loanzas dirixidas a deidades menores.

Durante o reinado de Artaxerxes II (sobre o 400 aC), construíronse os primeiros templos onde se veneraba a Ahura Mazda, Mitra e Anahita.

Baixo os imperios de orixe grego e parno (os seléucidas e os arsácidos), o zoroastrismo mantívose xunto a novos cultos estranxeiros. Durante este período, botáronse a perder unha boa parte dos textos que compuñan o Avesta, perdéndose para sempre.

Co Imperio sasánida (226-651), o zoroastrismo foi de novo a relixión oficial do estado. Durante esta época, codificouse o que restaba do Avesta e o ensino orixinal recibiu certos cambios fundamentais. O principal foi a transformación de Ahura Mazda, que pasou de ser un principio creador abstracto e universal á divindade benéfica contraposta a Ahriman, a forza maléfica.

O sacerdocio estruturouse, cun mobadhan mobadh ('xefe supremo') á fronte, os mobadh ('xefes de distrito') como xefes territoriais e os moghan ('magos') como baixo clero. O mobadha mobadh era o principal dirixente espiritual e a segunda personalidade do imperio despois do rei, ao cal tiña o dereito de coroar. O Avesta era a súa guía escrita e Ardashir I escribiu unha edición completa para substituír a reducida que fixera o rei Vologases I de Partia (51-77). Sapor I reuniu sobre o 325 un concilio para fixar os canons. Moita información sobre a organización da relixión atópase na carta de Tansar ao rei de Tabaristán, que está datada sobre o 560 con Cosroes I. Un dos máximos expoñentes da filosofía zoroástrica foi Adurbad.[16]

Coa chegada do islam, o zoroastrismo desapareceu case de todo. Algúns dos seus practicantes, denominados hoxe en día parsis, fuxiron cara ao subcontinente indio, levándose os fragmentos restantes dos textos sacros. Sobre o 2006, os practicantes do zoroastrismo eran uns 155.000.

CrenzasEditar

CreaciónEditar

O zoroastrismo recoñece a Ahura Mazda como o único creador de todo, e é o principio e o fin, o que non pode ser visto, o eterno, o puro e a única verdade. A creación de Ahura Mazda é a antítese do caos. Todo o universo, incluída a humanidade, están implicados neste conflito entre a orde e o caos.

Na tradición zoroastrista, o mal é representado por Angra Mainyu (o principio destrutivo). Doutra banda, existe o concepto de lei eterna (Daena), é dicir, a orde correcta do universo, o que ten que seguir a humanidade.

Para garantir a felicidade e para manter baixo control o caos, é necesaria a participación activa na vida mediante bos pensamentos, boas palabras e boas obras. Esta participación activa é un elemento central no concepto de zoroastrista do libre albedrío, e rexéitanse todas as formas de vida monástica.

EscatoloxíaEditar

O conflito resultante entre o ben e o mal involucra a todo o universo, incluíndo a humanidade, que ten un papel activo no conflito.

En última instancia, Ahura Mazda prevalecerá sobre o mal (Angra Mainyu/Ahriman), sometendo o universo a unha renovación cósmica e, nesta última renovación, toda a creación, incluso as almas dos mortos que foron desterradas á escuridade, unirase a Ahura Mazda. Ao final dos tempos, un salvador chamado Saoshyant fará unha renovación do mundo, e os mortos resucitarán.

A continuación, terá lugar unha última purga do mal da Terra (cunha onda de metal fundido) e unha purgación da maldade dos ceos (cunha batalla cósmica das forzas espirituais). Ao final triunfará o ben, e cada persoa transformarase nun corpo e unha alma espiritualizada. Aqueles que morreron como adultos transformaranse en adultos sans de corenta anos de idade, e os que morreron novos serán permanentemente novos, cuns quince anos. Nestes novos corpos espirituais, os seres humanos vivirán sen alimentos, sen fame nin sede, e sen armas (ou a posibilidade de lesións). A substancia material dos organismos será tan lixeira que non poderá emitir ningunha sombra. Toda a humanidade falará unha soa lingua e pertencerá a unha soa nación sen fronteiras. Todo o mundo será inmortal (Amereât) e compartirá un só propósito e obxectivo: unirse coa divindade para unha perpetua exaltación da gloria de Deus.

Principios humanosEditar

  • A igualdade entre todos, sen importar o xénero, a etnia ou a relixión.
  • O respecto de todas as formas de vida.
  • O ecoloxismo.
  • O traballo duro e a caridade.
  • A fidelidade e a lealdade cara á familia, a comunidade e o país.

ImaxesEditar

As culturas antigas adoitan adorar imaxes; pero non é este o caso do zoroastrismo, que precisamente é unha das primeiras relixións en deixar fóra toda forma de idolatría. O zoroastrismo, igual que o seu sucesor, o islam, non tivo ídolos, a diferenza das outras relixións indoeuropeas e da relixión da Grecia antiga. Por esta razón, na Persia desta época non hai escultura sacra. As poucas representacións existentes de Ahura Mazda nunca foron consideradas como ídolos, senón como símbolos. Nunca se confundiu a imaxe coa substancia.

LumeEditar

A enerxía do creador é representada no zoroastrismo polo lume e o sol, que son duradeiros, radiantes, puros e fornecedores da vida. Os fieis rezan normalmente ante algunha forma de lume ou fonte de luz.

Proselitismo e conversiónEditar

Os practicantes persas non permiten a conversión das persoas alleas á relixión. Nos últimos anos, porén, os fieis de Irán e Occidente si que son partidarios da conversión, a pesar da opinión do clero oficial de Bombai.

Morte e funeraisEditar

Os ritos funerarios están máis preocupados pola alma que polo corpo: cren que ao cuarto día despois da morte a alma abandona definitivamente o corpo e que este queda como unha coiraza baleira. Tradicionalmente, os defuntos eran aloxados na azotea dunhas torres pechadas, chamadas torres do silencio. Os voitres e as inclemencias do tempo limpaban os ósos.

O ser humano ten que seguir na súa vida os principios do ben, que se caracteriza pola piedade e a orde. Cando morra, será xulgado segundo as súas accións e vivirá nun paraíso ou nun inferno até a gran loita final.

Relación con outras relixións e culturasEditar

O zoroastrismo posúe unha importancia única na historia das relixións por causa das súas ligazóns coas tradicións occidental abrahámica e oriental dhármica.

Sábse que as ensinanzas de Zoroastro deixaron pegadas no xudaísmo. Estas aprécianse na anxeloloxía, a crenza nun estado futuro de premios e castigos, a inmortalidade da alma e o xuízo final. Todo iso forma parte fundamental do esquema zoroastriano. Adicionalmente, a figura de Satanás, orixinariamente servente de Deus, asignado a el como o seu fiscal, veu asemellarse á de Ahriman, o inimigo de Ahura Mazda (Deus), cada vez máis. Tamén, a figura do Mesías, que inicialmente era un rei futuro de Israel que salvaría o seu pobo da opresión, evolucionou, en Isaías, por exemplo, nun salvador universal moi semellante ao Saoshyant persa (iraniano). Outros puntos de comparación entre Persia e Israel inclúen a doutrina dos milenios, o Último Xuízo, o libro celestial no que se inscriben as accións humanas, a Resurrección, a transformación final da terra, o Paraíso na terra ou no Ceo, o Inferno etc.

Algúns estudosos (Boyce, 1987; Black and Rowley, 1987; Duchesne-Guillemin, 1988) cren que un bo número de elementos da escatoloxía, soterioloxía, anxeloloxía e demonoloxía do xudaísmo -unha influencia clave no cristianismo-, ten a súa orixe no zoroastrismo, e foi transferida ao xudaísmo durante a catividade babilónica e a era persa. Con todo, existen diferenzas nos sistemas de crenzas.

Segundo Mary Boyce, «o zoroastrismo é a máis antiga de todas as relixións de credo reveladas, e tivo probablemente máis influencia, directa ou indirectamente, que calquera outro culto individual» (Boyce, 1979, páx. 1). O zoroastrismo propúxose como a fonte dos aspectos pos-Torá máis importantes do pensamento relixioso xudeu, que emerxeu durante a catividade babilónica.

Nos actos relixiosos e colección dos textos sagrados do Zoroastrismo emprégase o dialecto gatha ou lingua avéstica.

Similitudes coas relixións abrahámicasEditar

Algúns estudiosos, como James George Frazer ou James Joyce,[17] cren que un bo número de elementos da escatoloxía, soterioloxía, anxoloxía e demonoloxía do xudaísmo e do cristianismo teñen a súa orixe no zoroastrismo, que sería transferido ao pobo xudeu durante a catividade babilónica na era Persa. O islam tamén parece integrar e adaptar as ideas principais.

Algunhas destas similitudes son:

  • A crenza nun Deus supremo eterno.
  • O dualismo entre o ben e o mal.
  • A existencia de anxos, arcanxos e toda a demonoloxía.
  • A personificación do mal na serpe e a obscuridade.
  • A personificación do ben como o deus poderoso e a luz.
  • A existencia dun xuízo final para todos os humanos.
  • O triunfo do ben sobre o mal ao final dos tempos, coa chegada dun salvador último que levará a cabo a "obra da xustiza".[18]

DemografíaEditar

 
Cerimonia Navjote Parsi (ritos de admisión dentro da fe zoroastriana).

En 2004, o número de zoroastrianos en todo o mundo estaba estimado entre 145.000 e 210.000.[19] O censo da India de 2001 indicaba que había 69.601 zoroastrianos parsis. En Paquistán son uns 5.000, a maioría viven en Karachi; estes aumentaron de número nos últimos anos, pola chegada de refuxiados desde Irán. Norteamérica é o fogar duns 18.000-25.000 zoroastrianos, tanto de ascendencia do sur de Asia como de Irán. Outros 3.500 viven en Australia (principalmente en Sydney). Os datos dos zoroastrianos de Irán variaron amplamente; o último censo (1974) antes da Revolución de 1979 indicaba que había uns 21.400 zoroastrianos.

Uns 10.000 practicantes permanecen nas rexións da Asia Central que foron consideradas o núcleo duro do zoroastrismo, por exemplo, en Bactriana, ao norte de Afganistán, Sogdiana, Margiana, e noutras áreas próximas á patria de Zoroastro.

No censo indio de 2001, os parsis eran 69.601, cousa que representa aproximadamente o 0,006% da poboación total da India, cunha concentración nas proximidades da cidade de Mumbai. Debido á baixa taxa de natalidade e unha alta taxa de emigración, as tendencias demográficas indican que en 2020 os parsis serán só ao redor de 23.000 ou o 0,002% da poboación total da India. Os parsis, entón, deixarán de ser denominados unha comunidade e serán etiquetaxes como unha "tribo". Cara a 2008, o cociente de nacementos-mortes era de 1:5; 200 nacementos por ano por cada 1.000 mortes.[20]

En Irán, a emigración e as baixas taxas de natalidade e matrimonio están igualmente levando a unha diminución da poboación de zoroastrianos, que actualmente se estima en menos de 20.000.[21]

NotasEditar

  1. http://www.bestirantravel.com/culture/zoroastrian.html
  2. Lockard, Craig A. (2007). "Societies, Networks, and Transitions: A Global History: To 1500" (en inglés). Cengage Learning. p. 150. ISBN 0618386122. 
  3. adherents.com (ed.). "Principals religions mundials ordenades pel nombre de practicants" (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2013. 
  4. Goodstein, Laurie (6 de setembro de 2006). "Zoroastrians Keep the Faith, and Keep Dwindling - NYTimes.com". The New York Times (Nova York: NYTC). ISSN 0362-4331. Consultado o 17 de setembro de 2012. 
  5. Hartz, Paula (2009). Zoroastrianism (en inglés). Infobase Publishing. pp. p.102. ISBN 1438117809. 
  6. Palsetia, Jesse S. (2001). The Parsis of India: preservation of identity in Bombai city (en inglés). Brill. p. 162. ISBN 9004121145. 
  7. Oxford English Dictionary
  8. Browne, T. (1643) "Religio Medici"
  9. Hoschander, Jacob. "The Book of Esther in the Light of History: Chapter IV", The Jewish Quarterly Review, New Series, Vol. 10, No. 1 (Jul., 1919), pp. 87-88
  10. Hourani, p. 87.
  11. A partir da versión expañola de Carlos Cid e Manuel Riu, Historia de las religiones. Editorial Ramón Sopena, S.A. Barcelona. 1965. p. 265.
  12. 12,0 12,1 12,2 "Zoroastrianism: Holy text, beliefs and practices". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2010. Consultado o 10 de xaneiro de 2011. 
  13. Khan, Roni K (1996). http://tenets.parsizoroastrianism.com/. Consultado o 8/10/2009.  Falta o |title= (Axuda)
  14. Boyce 2007, p. 205.
  15. Foltz 2004, pp. 4-16
  16. Zoroastrianism: The Zoroastrian Way Of Seeking Solace Arquivado 09 de novembro de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)
  17. (Joyce, 1987; Black and Rowley, 1987; Duchesne-Guillemin, 1988)
  18. Entrada mazdaismo na GEC
  19. Goodstein, Laurie (6 de setembro de 2008). "Zoroastrians Keep the Faith, and Keep Dwindling". The New York Times. Consultado o 3 de outubro de 2009. 
  20. "Doomed by faith". Guardian. 28 de xuño de 2008. Consultado o 28 de xuño de 2008.  (en inglés)
  21. Richard Foltz, "Zoroastrians in Iran: What Future in the Homeland?" Middle East Journal 65/1 (2011): 73-84.

Véxase taménEditar

BibliografiaEditar

  • Khan, Roni K (1996). The Tenets of Zoroastrianism. 
  • Black, Matthew; Rowley, H. H., eds. (1982). Peake's Commentary on the Bible. Nova York: Nelson. ISBN 0-415-05147-9. 
  • Boyce, Mary (1984). Textual sources for the study of Zoroastrianism. Manchester: Manchester UP. ISBN 0-226-06930-3. 
  • Boyce, Mary (1987). Zoroastrianism: A Shadowy but Powerful Presence in the Judaeo-Christian World. Londres: William's Trust. 
  • Boyce, Mary (1979). Zoroastrians: Their Religious Beliefs and Practices. Londres: Routledge. ISBN 0-415-23903-6.  (note to catalogue searchers: the spine of this edition misprints the title "Zoroastrians" as "Zoroastians", and this may lead to catalogue errors)
  • Boyce, Mary (1975). The History of Zoroastrianism 1. Leiden: Brill. ISBN 90-04-10474-7. (repr. 1996). 
  • Boyce, Mary (1982). The History of Zoroastrianism 2. Leiden: Brill. ISBN 90-04-06506-7. (repr. 1997). 
  • Boyce, Mary (2007). Zoroastrians: Their Religious Beliefs and Practices. Londres: Routledge. ISBN 978-0-415-23903-5. * Boyce, Mary (1983). "Ahura Mazdā". Encyclopaedia Iranica 1. Nova York: Routledge & Kegan Paul.  pages 684–687
  • Bulliet, Richard W. (1979). Conversion to Islam in the Medieval Period: An Essay in Quantitative History. Cambridge: Harvard UP. ISBN 0-674-17035-0. 
  • Carroll, Warren H. (1985). Founding Of Christendom: History Of Christendom 1. Urbana: Illinois UP. ISBN 0-931888-21-2. (repr. 2004). 
  • Clark, Peter (1998). Zoroastrianism. An Introduction to an Ancient Faith. Brighton: Sussex Academic Press. ISBN 1-898723-78-8. 
  • Dhalla, Maneckji Nusservanji (1938). History of Zoroastrianism. Nova York: OUP. 
  • Duchesne-Guillemin, Jacques (1988). "Zoroastrianism". Encyclopedia Americana 29. Danbury: Grolier.  pages 813–815
  • Duchesne-Guillemin, Jacques (2006). "Zoroastrianism: Relation to other religions". Encyclopædia Britannica (en liña ed.). Consultado o 2006-05-31. 
  • Eliade, Mircea; Couliano, Ioan P. (1991). The Eliade Guide to World Religions. Nova York: Harper Collins. 
  • Foltz, Richard (2004). Spirituality in the Land of the Noble: How Iran Shaped the World's Religions. Oxford: Oneworld publications. ISBN 1-85168-336-4. 
  • Kellens, Jean. "Avesta". Encyclopaedia Iranica 3. Nova York: Routledge and Kegan Paul.  pages 35–44.
  • King, Charles William (1887). Gnostics and their Remains Ancient and Mediaeval (1998 ed.). Londres: Bell & Daldy. ISBN 0-7661-0381-1. 
  • Melton, J. Gordon (1996). Encyclopedia of American Religions. Detroit: Gale Research. 
  • Malandra, William W. (1983). An Introduction to Ancient Iranian Religion. Readings from the Avesta and Achaemenid Inscriptions. Minneapolis: U. Minnesota Press. ISBN 0-8166-1114-9. 
  • Malandra, William W. (2005). "Zoroastrianism: Historical Review". Encyclopaedia Iranica. Nova York: iranicaonline.org. 
  • Moulton, James Hope (1917). The Treasure of the Magi: A Study of Modern Zoroastrianism. Londres: OUP. 1-564-59612-5 (repr. 1997). 
  • Russell, James R. (1987). Zoroastrianism in Armenia (Harvard Iranian Series). Oxford: Harvard University Press. ISBN 0-674-96850-6. 
  • Simpson, John A.; Weiner, Edmund S., eds. (1989). "Zoroastrianism". Oxford English Dictionary (2a ed. ed.). Londres: Oxford UP. ISBN 0-19-861186-2. 
  • Stolze, Franz (1882). Die Achaemenidischen und Sasanidischen Denkmäler und Inschriften von Persepolis, Istakhr, Pasargadae, Shâpûr. Berlín: A. Asher. 
  • Zaehner, Robert Charles (1961). The Dawn and Twilight of Zoroastrianism. Londres: Phoenix Press. ISBN 1-84212-165-0. 
  • Verlag, Chronik (2008). The Chronicle of World History. United States: Konecky and Konecky. 
  • Robinson, B.A. (2010-03-01). Zoroastrianism: Holy text, beliefs and practices. Consultado o 2010-03-01. 
  • Saga of the Aryans, Historical novel on ancient Iranian migrations by Porus Homi Havewala, Published Mumbai, India (2005, 2010).

Ligazóns externasEditar