Zënzar

banda galega de punk rock

Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama (Cerceda), e formada durante o outono do ano 1987.

Zënzar
OrixeMeirama, Cerceda, Galiza
Período1987 - presente
Xénero(s)punk rock
MembrosXosé Bocixa
Mario Grela
Paco Cerdeira
Manolo García
Laura Romero
Antigos membrosManuel Silveira
Tabe
Na rede
zenzar.info
Musicbrainz: 3c22c951-ccb6-4331-b601-115f106f31af Songkick: 5591578 Discogs: 4546406 Editar o valor em Wikidata

Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego, polo que son alcumados a miúdo como "os padriños do rock galego".[1][2][3] O vocalista do grupo é o polifacético Xosé Bocixa.

Historia editar

Inicios (1987-1996) editar

O grupo formouse no outono de 1987 co nome de Mördor. O seu primeiro concerto foi no Nadal de 1988 no pub Non sei da Silva, sendo un sexteto. Mantiveron esa formación ata o ano 1991 cando saíron da banda o teclista Manuel Jesús e o guitarrista Luis. Destes primeiros anos destaca unha gravación en Meirama de 1990, a única que teñen como sexteto, e onde están as súas primeiras cancións e algunhas versións de bandas como Ilegales ou Nacha Pop.

A finais de 1992 gravaron a súa primeira maqueta, Contos e lendas de terra adentro, con cinco temas. En 1993 dúas das súas canción apareceron no disco recompilatorio Rock na Costa da Morte, xunto con outras cinco bandas. A mediados de 1993, tras coincidir en Malpica cunha banda cántabra que se chamaba igual, mudaron o nome para "Zënzar".[4]

En 1995 apareceu a súa segunda maqueta, Fascinados polo prohibido, oito cancións coas que definiron máis o son que os faría logo coñecidos. Nesa época realizaron concertos ao lado de bandas xa consolidadas no panorama do rock estatal, como Extremoduro, Platero y tú, Boikot, Manolo Kabezabolo ou Barón Rojo.

Primeiros discos (1997-2009) editar

No ano 1997, a banda editou o seu primeiro álbum, Disparados ó futuro, con 12 temas gravados nos estudios Fussión de Vigo. Despois da saída do disco realizaron unha xira de presentación do mesmo que os levou a facer concertos durante dous anos, entre elas as actuacións nas primeiras edicións dos festivais Alen Galicia na Illa de Arousa, e Santi Rock en Santiago de Compostela. Ese ano tamén apareceron dous temas seus nos recompilatorios Bambán Vol. II e Oito anos de sequestros.

Durante a xira incorporouse a Zënzar o guitarrista Mario Grela. Despois dunha etapa de menor actividade, na primavera do 2001 apareceu o seu segundo álbum, baixo o título Todo vai ben, con 13 temas, todos eles en galego. Dous dos temas incluíron as colaboracións do gaiteiro dos Papaqueixos, Xan, e de Rómulo Sanjurjo, acordeonista dos Diplomáticos de Monte Alto. Após o lanzamento a banda embarcouse nunha xira de presentación duns 40 concertos por Galicia. Rematada a xira no ano 2002, a banda entrou no estudio Bonham da Coruña para gravar oito temas dun novo disco, Rockanrol, que saíu á venda en xuño dese ano.

Despois do lanzamento a banda entrou nun período de menor actividade, pero deron o seu primeiro concerto en Madrid e realizaron dúas actuacións logo do afundimento do Prestige en Malpica de Bergantiños e Cerceda.

A finais do ano 2004 comezaron a traballar no que sería o seu seguinte álbum, pero pouco despois o guitarrista Manuel Silveira abandonou a banda. No 2006 entraron no estudio de Xabier Abreu en Nigrán para gravaren Sigue... e dalle. O disco, que inclúe un DVD, foi presentado o 30 de xuño dese ano na sala Nunca Máis de Ordes. Ese mesmo ano incorporouse Paco Cerdeira como segunda guitarra, despois de colaborar na gravación do álbum. A "Tribu" foi o seguinte traballo, no que colaboraron voces coma a de María Xosé Silvar (Sés), Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Martin (Machina), Gende Beat ou Xurxo Souto. Tamén músicos convidados que pasan a acompañalos nalgúns concertos de presentación deste traballo. O disco incluía un tema cantado en barallete, "Caneando ruainas".[5]

Década de 2010 editar

No 2011 editouse un DVD titulado Zënzar ao Vivo, coa actuación no Festival de rock de Cerceda do ano 2009, que conta con 15 temas nos que aparecen todas as colaboracións antes mencionadas. No 2012 editouse Vaise armar. Nese ano participaron en festivais como o Derrame Rock, Brincadeira ou Festigal.

En febreiro de 2013 publicouse o disco-homenaxe Vai polos padriños, con 19 temas re-interpretados por 18 grupos galegos como Ruxe Ruxe, Dios ke te crew, Machina, Os tres trebóns, Invivo, Som do Galpom, Raiba, K-Raxe ou A compañía do ruído.[6] En maio de 2015, no Mesón do Vento, presentaron o seu novo disco de estudio, titulado Camiñando entre serpes.[7] Foi gravado no estudio Escola da Rúa en Carballo e contou coa colaboración, entre outros, de Ruxe Ruxe, cos que ademais iniciaron unha xira conxunta.[8]

En novembro de 2016, un cancro acabou coa vida de Tabe, o baixista do grupo, que xa fora substituído dende uns meses atrás por Laura Romero, debido á enfermidade.[9][10] O grupo dedicoulle a canción "Samurai" do seu seguinte disco, Benvidas ó futuro, que saíu á luz a finais de 2020.[11]

Discografía editar

Recompilacións editar

  • Rock na Costa da Morte (1993), cos temas "No teu rostro" e "O home bala".
  • Bambán Vol. II (1997), co tema "Podes ser ti".
  • Oito anos de sequestros' (1997), cun tema.
  • Mixtura (2002), cos temas "Falo en nome da terra" e "Crus de marijuana".
  • Con dignidade (2003), co tema "Marea negra".
  • Música pola liberdade dos pobos 2 (2006). Achegan un tema.
  • A Per Loca (2006), co tema "O Padriño".
  • 120 capadores (2007), co tema "Non chas quero".
  • Vai polos padriños CD homenaxe aos 25 anos de Zënzar (2013).

Notas editar

  1. "“No fondo, somos ninguén os que protestamos: só unha minoría. O capitalismo segue e o medo tamén”". Praza.gal. 17 de maio de 2015. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  2. "Concerto e charla con Zënzar para o estudantado". 1 de marzo de 2019. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  3. "Zënzar, Os John Deeres e Desequilibrio Mental actúan no décimo Novo Cruceiro Rock". 19 de xuño de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  4. "«Nunca tratamos de ser uns superventas, e menos agora»". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de novembro de 2005. Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  5. "Cerceda, capital do rock". Vieiros.com. 30 de abril de 2009. Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  6. "Vai polos Padriños!! Homenaxe (sorpresa) aos Zënzar". Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  7. "Festa rachada para presentar o novo disco de Zënzar". 5 de maio de 2015. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2019. Consultado o 8 de novembro de 2019.  Arquivado 08 de novembro de 2019 en Wayback Machine.
  8. "Zënzar & Ruxe Ruxe, potencia galega nunha xira entre aliadosda vella escola". La Voz de Galicia. 11 de decembro de 2015. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  9. "Falece 'Tabe', baixista de Zënzar". Sermos Galiza. 2 de novembro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2019. Consultado o 8 de novembro de 2019.  Arquivado 08 de novembro de 2019 en Wayback Machine.
  10. "Morre Tabe, baixista de Zënzar". Galicia Confidencial. 2 de novembro de 2016. Consultado o 8 de novembro de 2019. 
  11. Crespo, Carlos (13 de decembro de 2020). "Xosé Bocixa, vocalista de Zënzar: «Hai que seguir pensando e, polo tanto, molestando»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de xaneiro de 2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar