Moncho Reboiras

dirixente político galego
(Redirección desde «Xosé Ramón Reboiras Noia»)

Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, nado en Imo, concello de Dodro, o 19 de xaneiro de 1950 e finado en Ferrol o 12 de agosto de 1975, foi un dirixente político da UPG.[1]

Xosé Ramón Reboiras Noia
Moncho Reboiras
Graffiti cun retrato de Moncho Reboiras en Ferrol.


Datos persoais
Nacemento 19 de xaneiro de 1950 Imo (Dodro)
Falecemento 12 de agosto de 1975 Ferrol
Partido Unión do Povo Galego
Profesión Enxeñeiro e político

Na rede
http://www.fesga.org/

Traxectoria editar

Mocidade editar

Naceu na aldea de Imo, no concello de Dodro, nunha familia que máis tarde se mudaría á cidade de Vigo. Tras recibir educación básica na súa aldea, Reboiras fixo o bacharelato en Teis namentres axudaba no bar Noia que a súa familia rexentaba. Durante un breve período de tempo traballou na construción e comezou a achegarse ao nacionalismo galego.

Matriculouse na Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Vigo. Reboiras desempeñou un papel activo nas reivindicacións dos estudantes naqueles anos. Foi un dos fundadores da revista Des...tornillo e formou parte do grupo cultural O Castro. En 1969 ingresou como militante na UPG.

Militancia política editar

Rematada a carreira, a Escola concedeulle unha bolsa para facer un traballo de especialización nos estaleiros Barreras. Por esta altura, en 1972, tivo lugar a folga de setembro onde Reboiras acada un papel importante como organizador.

Perdida a bolsa de estudos por esta razón,[Cómpre referencia] dedicouse á loita política. Traballou no Grupo de Empresas Álvarez en Vigo, pero tivo que deixalo por razóns de saúde.[Cómpre referencia] Mudouse entón para Ferrol, onde traballou en Astano e, posteriormente, na Coruña, onde entrou como obreiro no complexo fabril de Intelsa. Reboiras procedeu por este tempo, en nome da UPG, á organización da Fronte Cultural Galega.

Nos anos 1973 e 1974 foi un dos organizadores dos grupos sindicais. Promoveu o boicot ás eleccións do Sindicato Vertical en 1974, campaña que serviu tamén para o lanzamento do SOG (Sindicato Obreiro Galego) que, coa UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia) xa constituída, conformou en pouco tempo a Intersindical galega, predecesora da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Por outra banda, foi un dos líderes do grupo sindicalista da Coruña, que editaba a revista Xerme.

Reboiras foi tamén, como membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, un dos marcadores das directrices nese partido de inspiración marxista-leninista.

Uso da violencia editar

 
Mural da organización Briga en lembranza de Moncho Reboiras en Ferrol.

Participou, dentro da liña política definida pola UPG, nun grupo dedicado a dotar o partido de infraestruturas loxísticas,[Cómpre referencia] que incluía unha fronte armada que loitase contra a ditadura. Creouse un comando composto por un reducido número de persoas do que se fixo cargo Reboiras o 23 de febreiro de 1974. O escaso armamento do que dispuñan procedía do grupo portugués LUAR e adestraban no sur da provincia de Pontevedra. A primeira acción foi un atraco a un banco en Escairón.[Cómpre referencia]

Morte editar

Tras ser identificado pola Garda Civil, permaneceu oculto por un tempo. O 11 de agosto de 1975 a Brigada Político Social (BPS) estableceu un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da BPS xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba organizando un próximo ataque armado con dous militantes máis, Elvira Souto e Xan Carballo, que lograron fuxir. Ao cabo de dúas horas a policía deu alcance a Reboiras no portal do número 27 da rúa da Terra (onde se lle fai todos os anos unha homenaxe), e disparáronlle varios tiros, un deles na caluga, segundo información médica[Cómpre referencia]. A partir dese momento desatouse un amplo operativo en toda Galiza que rematou coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal dun gran número de membros da UPG.[2]

Está soterrado no cemiterio parroquial de San Xoán de Laíño, no concello de Dodro.

Recoñecemento editar

O concello de Culleredo adicoulle unha rúa no ano 2012.[3]

Alberte Mera dirixiu en 2019 a longametraxe documental Reboiras: Acción e Corazón (2020), que retrata a súa vida.[4][5][6]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Cabana, Darío Xohán (Abril, maio, xuño 2021). "Xosé Ramón Reboiras Noia. Memoria e reflexión". Grial LIX (230): 45–52. ISSN 0017-4181. 
  2. "Homenaxe a Moncho Reboiras". UPG. Archived from the original on 07-03-2006. Consultado o 24-05-2006. 
  3. Aberta a rúa Moncho Reboiras no centro do Burgo, cun centenar de aparcamentos
  4. "O vigués Alberte Mera inicia a rodaxe da primeira longa sobre Moncho Reboiras". amovida.gal. 13-08-2019. Consultado o 07-08-2020. 
  5. "A rodaxe do documental 'Reboiras. Acción e corazón' chega á súa fin". Nós Diario. 27-10-2019. Consultado o 07-08-2020. 
  6. "Moncho Reboiras chega en agosto ao cinema". Nós Diario. 25-07-2020. Consultado o 07-08-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar