Abrir o menú principal

Coordenadas: 43°29′03″N 8°14′27″O / 43.4842286, -8.2407709

Ó fondo "O chalé de Canido" obra de Rodolfo Ucha e no muro varias Meninas.

Canido é un barrio con identidade de seu, situado na parte alta da cidade de Ferrol .

EtimoloxíaEditar

Existen dúas interpretacións do topónimo: unha das teses compartida por Augusto Pérez Alberti e Guillermo Llorca propón que o nome nace a mediados do século XV, sobre a base dos casais de labranza de Ínsua e Anido; a outra teoría, defendida pola meirande parte dos lingüistas entre os que destaca Fernando Cabeza Quiles, sostén que o topónimo estaría relacionado coa abundancia no terreo de canas silvestres.[1]

HistoriaEditar

Ten a súa orixe nunha pequena aldea situada na parte máis alta do terreo que hoxe ocupa a cidade, e dende a que se domina a enseada da Malata. Canido foise constituíndo por casas situadas ó longo dun antigo camiño que subía dende a capela de San Roque ata o cumio do monte. O núcleo de poboación estaba constituído por grupos de pequenas casas, a meirande parte dun só andar, rodeadas de terras de labranza, traballadas polos seus donos. Era unha aldea que non se atopaba dentro da cidade, pero si no interior do recinto amurallado. Canido contaba na época cunha das tres portas terrestres de entrada á cidade (as outras eran a de Caranza e a "Porta Nova" de posterior creación).

A construción de grandes bloques de vivendas de entre oito e doce pisos, xeralmente promovidos por cooperativas, cambiaron o aspecto con respecto ás súas orixes, aínda que se conservan zonas con vivendas antigas dunha ou dúas plantas, parte delas moi deterioradas. Durante moitos anos houbo en Canido unha importante empresa, a FENYA, que se adicaba á fabricación de aparellos eléctricos para barcos e que estaba rodeada de altos muros. Hai anos, a empresa cambiou de emprazamento e rematou por desaparecer. A demolición daqueles muros posibilitou a urbanización desa zona, construíndose novos bloques de vivendas que conforman unha pequena praza.

A prolongación das rúas transversais do barrio da Magdalena que enlazan con Canido, propiciaron unha zona de maior edificación, construíndose novos edificios con varios andares, que nalgúns casos procuraron harmonizar co urbanismo existente na Magdalena, no que os balcóns e as galerías son unha das súas principais características. Hoxe en día consérvase unha pequena parte da muralla que antes rodeaba Ferrol. Concretamente hai un baluarte, coñecido como "O baluarte de Canido" ou "O baluarte de San Carlos".

Lugares destacadosEditar

  • O baluarte de San Carlos
  • A capela de San Rosendo: neoclásica, levantada entre o ano 1805 e 1806 para o cemiterio municipal construído no ano 1775, hoxe desaparecido.
  • O chalet de Canido ou de Don Juan: un edificio proxectado por Ucha Piñeiro que representa o seu paso do Modernismo ó Neoclasicismo. Enmárcase dentro da categoría coñecida como Casa de Indianos.
  • O corral de Chapón
  • O lavadoiro de Ínsua
  • A praza da Tafona: localización orixinal do Cristo da Tafona, peza do século XV, declarada BIC que se atopa no Centro Cultural Torrente Ballester.
  • A praza do Cruceiro
  • A casa do Patín

As Meninas de CanidoEditar

No ano 2008 por iniciativa dun artista do barrio, Eduardo Hermida, pintáronse nos muros das casas, interpretacións persoais de distintos artistas do famoso cadro de Diego Velázquez, As Meninas. Esta acción realizouse como acto reivindicativo en denuncia polo estado de abandono, poñendo especial atención nas paredes das casas máis deterioradas.

A idea repítese dende entón cada primeiro fin de semana de setembro e conta con varios artistas internacionais invitados. O proxecto supuxo unha revitalización do barrio e a incorporación dun novo elemento de interese para o turismo de Ferrolterra.[2]

FestasEditar

O primeiro domingo de maio celébranse a Festa dos maios, no marco das festas parroquiais da Cruz de Maio.

Por outro lado, As meninas de Canido é un festival que se celebra a primeira fin de semana de setembro no que ademais de ter a oportunidade de ver como traballan os artistas convidados, pódese gozar de gran variedade de concertos e actuacións.

AsociacionismoEditar

Hai dúas asociación veciñais: a Asociación Sociocultural Muíño do Vento e a Asociación de Veciños de Canido.

NotasEditar

  1. do IES Canido, Alumnado de 1º da ESO (2014). Toponimia de Canido. Muíño do Vento. 
  2. "As Meninas de Canido". blog.turismo.gal. Consultado o 22/05/2019. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar